The Melvins
| The Melvins | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||
The Melvins é unha banda de sludge metal estadounidense, formada en 1983 en Aberdeen, Washington. Trátase dunha das bandas máis influentes do movemento grunge de Seattle, do que son considerados os "padriños", e tamén foi clave no desenvolvemento do sludge metal. Normalmente sempre foron un trío, pero nos últimos anos actúan como cuarteto con dous baterías. Dende o ano 1984 o cantante e guitarrista Buzz Osborne e o batería Dale Crover veñen sendo os únicos membros permanentes do grupo.
A banda chamouse así por un supervisor dun supermercado Thriftway en Montesano onde Osborne traballaba como dependente. "Melvin" era desprezado polos outros empregados, e os membros do grupo considerárono un nome apropiadamente ridículo.[1]
Orixinalmente formouse como unha banda de hardcore punk, cunha música influenciada pola mestura de punk e metal do álbum My War de Black Flag e por outros grupos como Swans e Flipper; porén, o seu enfoque peculiar, o seu estraño sentido do humor e a súa experimentación fan dos Melvins un grupo difícil de categorizar.
Biografía
[editar | editar a fonte]Os comezos da banda
[editar | editar a fonte]Melvins formárona a principios de 1983 by Buzz Osborne (guitarra, voces), Matt Lukin (baixo) e Mike Dillard (batería), que estudaban no instituto Montesano Jr./Sr. en Montesano, Washington.[2] A banda comezou tocando versións de Jimi Hendrix e The Who, e tamén un hardcore punk acelerado. Cando Dillard deixou o grupo, Dale Crover substituíuno, pasando a banda a ensaiar nunha habitación na casa dos seus pais en Aberdeen, Washington. Pouco despois comezaron a tocar cancións máis lentas e pesadas, algo que case ninguén facía nesa época.
En 1985 fundouse o selo C/Z Records para documentar a escena musical de Washington. A discográfica publicou Deep Six, un recompilatorio que contiña catro temas dos Melvins.[3]
Primeiros traballos
[editar | editar a fonte]En 1986 gravaron a súa estrea con C/Z Records, o EP Six Songs (posteriormente aparecerían outras edicións cos títulos 8 Songs, 10 Songs, e 26 Songs).Nesa época a formación da banda era Buzz Osborne na guitarra e voces, Matt Lukin no baixo e Dale Crover na batería. O disco gravouse en directo en dúas pistas no Ironwood Studio de Seattle o 8 de febreiro de 1986, cunha produción extremadamente precaria e a un custo baixísimo.
No ano seguinte, a través da discográfica Alchemy Records, foi lanzado o que hoxe é considerado como o álbum de estrea da banda, Gluey Porch Treatments, coa mesma formación. O disco tivo unha produción un pouco máis coidada e tivo boa recepción na costa oeste estadounidense. O disco sería lazado posteriormente en CD por Boner Records unido ao seu segundo álbum, Ozma, e en 1999 foi reeditado por Ipecac Recordings acompañado por un feixe de demos.[4]
En xaneiro de 1988 Crover tocou a batería con Nirvana (co nome de "Ted Ed Fred") na gravación dunha demo de 10 temas que despois se convertería no álbum de estrea Bleach. Posteriormente Osbourne presentaría a Dave Grohl a Kurt Cobain e Krist Novoselic.[5]
En 1989, Matt Lukin deixou a banda para formar Mudhoney e Melvins restableceuse en San Francisco para gravar o seu seguinte disco. Ozma foi lanzado naquel ano e foi un dos mellores discos da escena underground aparecidos en 1989, cando a escena de Seattle comezaba a chamar a atención en Europa. O son seguía a tendencia do disco anterior, con moito peso. Para o lugar de Matt Lukin, a banda contou coa baixista Lori "Lorax" Black (filla da actriz Shirley Temple).
Bullhead, lanzado en 1991 non cambiaba moito respecto aos anteriores traballos, mais consolidaba o son de The Melvins. No mesmo ano saíu o EP Eggnogg, que mantiña a calidade dos seus primeiros discos, pero pasou bastante desapercibido. A finais daquel ano Nirvana chegaba ao estrelado co álbum Nevermind, que abriría as portas para varias bandas de Seattle. Mentres tanto todos os discípulos dos Melvins conseguían o éxito xuntando peso e melodía, as cancións dos Melvins non posuían o formato pop, pasando á marxe de calquera posibilidade de alcanzar o éxito comercial.
En 1992, Lori saíu da banda e comezou unha etapa de cambio continuo de baixistas. Primeiro foi Tom Flyn, que logo deixou a banda para a entrada de Joe Preston. Naquel ano, The Melvins innovou co álbum Lysol, un traballo conceptual de só un tema cunha duración de 31 minutos. Foi o último disco da banda pola Boner Records, que aínda en 1992 lanzou os EP's Dale Crover, King Buzzo e Joe Preston. Eses tres EP's foron inspirados (ata nas portadas) nos álbums en solitario dos integrantes de Kiss.
Contrato cunha grande
[editar | editar a fonte]Grazas á influencia de Kurt Cobain, The Melvins asinou un contrato coa discográfica Atlantic, e o mesmo Cobain tocou a guitarra e coproduciu coa banda o álbum Houdini, lanzado en 1993. O son da banda seguía sendo moi parecido á dos anteriores traballos a pesar de estar agora nunha grande discográfica.
Nese tempo, descontentos co baixista Joe Preston, a banda chama a Lori Black para as gravacións de Houdini, e despois Mark Deutrom convértese no baixista de The Melvins.
Houdini foi recoñecido como un dos mellores álbums da súa carreira e foi o disco da banda que máis vendeu ata ese momento, a pesar de que The Melvins non tiña un grande público.
Despois dunha participación discreta no festival alternativo Lollapalooza, The Melvins volta en 1994 co álbum Prick, cun son bastante experimental. O disco foi lanzado pola discográfica independente Amphetamine Reptile, aínda que a banda continuaba tendo o contrato coa Atlantic.
En 1996 lanzouse o seu segundo traballo a través da Atlantic, titulado Stoner Witch. Este é mellor recibido polos fans e pola crítica que Prick, que consideraron ao disco como o máis maduro ata ese intre. Nese ano The Melvins actúa como abreconcertos na xira de Kiss, que inicialmente contara cos Stone Temple Pilots.
Pero as vendas de discos nunca foron grandes para a banda, e coa perda de popularidade do rock alternativo, o álbum Stag, editado en 1996, foi o seu último disco cunha grande discográfica. Stag foi un dos álbums máis variados da banda, usando no mesmo cítara, trompetas, teclados e sintetizadores.
De volta ás independentes
[editar | editar a fonte]The Melvins asinou un contrato co selo independente Amphetamine Reptile e lanzou Honky en 1997. Este foi o último álbum da banda co baixista Mark Deutrom, que foi substituído por Kevin Rutmanis.
Durante todos os meses de 1998 The Melvins lanzou unha serie de sinxelos, reunidos a finais do ano nun álbum dobre. Aínda en 1998 a banda participa do festival Ozzfest e asina un contrato coa Ipecac Records, discográfica de Mike Patton, compañeiro de Buzz en Fantômas.
A intención da banda cando asinou coa Ipecac era o lanzamento dunha triloxía de álbums a partir de 1999 con só meses de diferenza entre eles. O primeiro foi The Maggot co son máis tradicional de The Melvins. O seguinte, The Bootlicker é máis variado, lembrando ao álbum Stag. The Crybaby, editado no 2000, foi derradeiro disco da triloxía, tamén cun son variado e contando con varios convidados como integrantes das bandas Tool e Jesus Lizard e mesmo do propio Mike Patton. En The Crybaby atópase unha versión bastante fiel de "Smells Like Teen Spirit" de Nirvana. Aínda nese ano, o seu álbum Gluey Porch Treatments, descatalogado dende había anos, é reeditado nunha edición especial con varias cancións inéditas.
En 2001 lanzouse o álbum Electroretard pola discográfica Man's Ruin. Electroretard pode ser considerado como un recompilatorio, xa que contén cancións antigas da banda regravadas, á parte dalgunhas versións. No disco a banda experimenta bastante con compoñentes electrónicas nas cancións.
Os dous seguintes lanzamentos da banda son en directo. O primeiro deles, The Colossus of Destiny, é máis ben unha rareza tipica de The Melvins: un único tema de 59 minutos de barullo sen melodía. O segundo, Millennium Masterwork, de 2002, reúne a The Melvins e a Fantômas no mesmo disco. O concerto que deu orixe ao disco foi unha presentación das dúas bandas xuntas no escenario para celebrar os cinco anos da Ipecac.
Unha semana despois de Millennium Masterwork editouse un novo álbum de estudio de The Melvins. Hostile Ambient Takeover tiña un son máis tradicional, deixando de lado a experimentación de discos anteriores.
No ano seguinte a Ipecac rescata outra peza do catálogo da banda. Ten Songs, o primeiro álbum da banda gaña unha nova presentación e 16 temas inéditos, sendo rebautizado como 26 Songs.
20 aniversario
[editar | editar a fonte]En 2004 The Melvins cumpriu 20 anos de carreira. Para celebrar o aniversario lanzouse o libro Neither Here Nor There, con 224 páxinas de historias e fotos da banda. O libro estaba acompañado por un CD recompilatorio de 18 temas de practicamente todos os seus discos.
Nese ano a banda colaborou co artista Lustmord para o álbum Pigs of the Roman Empire, e co vocalista de Dead Kennedys Jello Biafra para Never Breathe What You Can't See e Sieg Howdy!, editados nos anos 2004 e 2005 respectivamente. Never Breathe What You Can't See estivo promovido por unha pequena xira con Jello Biafra e Adam Jones de Tool. Planeouse unha xira europea pero foi cancelada no mes de outubro do 2004 debido a problemas con Rutmanis. Melvins rematou o ano facendo un feixe de concertos con David Scott Stone promovendo o traballo do director de cine Cameron Jamie en Europa e nos Estados Unidos.
Cando lle preguntaron a Osborne e a Crover sobre Rutmanis e a cancelación da xira contestaron que este "desaparecera". Os seareiros temían que Rutmanis deixara a banda ao igual que outros baixistas antes que el, pero Rutmanis volvería por unha tempada a principios do 2005. No mes de xuño dese ano deixou a banda oficialmente debido a un problema co abuso de drogas. Cando Melvins saíu de xira en outubro e novembro con Jello Biafra, David Scott Stone ocupou o seu lugar no baixo.
A principios do 2006 Crover confirmou que os membros da banda Big Business uniríanse aos Melvins. As bandas fusionadas xiraron polos Estados Unidos no outono dese ano promovendo o álbum (A) Senile Animal, último traballo de Melvins.[6] O grupo tamén xirou brevemente polo Reino Unido a mediados do mes de decembro. A banda tocou dous novos temas durante a xira do 2007, "Suicide in Progress" e "Billy Fish", que aparecerían no seu seguinte álbum, Nude With Boots, editado en xullo do 2008.
Os días 16 e 17 de xuño do 2008, a formación orixinal da banda (de 1983) fixo dous concertos no Great American Music Hall en San Francisco, celebrando o 50 aniversario de Jello Biafra. Neles tocaron cancións de The Mangled Demos, unha colección de material dos primeiros anos da banda editado por Alternative Tentacles no 2005.
No 2008 a banda tamén colaboro co grupo italiano Zu nunha canción. No mes de xullo apareceu Nude With Boots, sendo parte das sesións de gravación documentadas por Toshi Kasai nun blog xaponés. En decembro, xunto con Mike Patton, Melvins comisionou unha edición do festival All Tomorrow's Parties Nightmare Before Christmas.
O CD de remesturas Chicken Switch, do que se viña falando dende o 2003, foi editado o 29 de setembro]] do 2009 a través do selo Ipecac Recordings. A diferenza que nos discos de remesturas normais onde o "remesturador" traballa cun único tema, para Chicken Switch traballaron cun álbum enteiro para crear a súa pista.
Melvins uniuse ao supergrupo de Nova Orleáns Down and Weedeater para facer unha xira por Norteamérica no verán e no outono do 2009. A banda editou o seu seguinte traballo, titulado The Bride Screamed Murder, o 1 de xuño do 2010.[7]
Melvins Lite, reunión con Mike Dillard e máis álbums
[editar | editar a fonte]Melvins comezou o 2011 cunha serie de concertos únicos. Catro dos concertos foron cada venres en Spaceland, California. O 7 de xaneiro, a formación actual tocou Colossus of Destiny, Lysol e Eggnog. O 14 de xaneiro Melvins interpretaron un repertorio de 1983 e a banda tocou posteriormente Houdini. O 21 de xaneiro, Melvins tocou con dous membros, e despois a formación actual tocou Bullhead. O 28 de xaneiro a banda realizou un concerto normal e despois interpretou Stoner Witch.[8]
A principios de 2011 a banda estivo de xira primeiro en Christchurch, Nova Zelandia, durante o terremoto de febreiro de 2011, e despois en Tokyo, Xapón, durante o terremoto e tsunami de Sendai que afectaron o país en marzo.[9] Melvins foi abreconcertos de Slayer no festival "I'll Be Your Mirror" de All Tomorrow's Parties no Alexandra Palace de Londres en maio de 2012.[10] Melvins creou unha formación chamada Melvins Lite (Buzz, Dale e Trevor Dunn)[11] que estivo de xira durante parte de 2011. Esta formación lanzou un álbum, Freak Puke, en xuño de 2012 a través de Ipecac Recordings.[12] A formación principal de catro membros tamén seguiu activa e lanzou un EP dixital, The Bulls & the Bees, en marzo a través de Scion a/v.
En 2012, Melvins Lite completou unha xira récord,[13] actuando todas as noites durante 51 días seguidos, unha vez en cada un dos 50 Estados Unidos e unha vez no Distrito de Columbia. A xira comezou o 5 de setembro en Anchorage, Alasca, e rematou en Honolulu, Hawai, o 25 de outubro de 2012.[14]
Everybody Loves Sausages, un álbum de versións de cancións interpretadas con convidados especiais, foi lanzado por Ipecac Recordings o 30 de abril de 2013.[15]
En 2013, Melvins celebrou os seus 30 anos como banda cunha extensa xira de verán coa colaboración de Honky, Die Kreuzen e Negative Approach. Os pioneiros do grunge Mudhoney tamén se uniron á banda para dous concertos na xira do 30 aniversario.[16] Rutmanis reconciliouse cos seus antigos compañeiros de grupo, aparecendo no álbum de 2013 Everybody Loves Sausages e nun sinxelo de 7" de 2014.
Melvins participou na serie flexi de 2013 de Joyful Noise Recordings.[17] O 5 de agosto de 2013 Melvins anunciou un novo álbum, Tres Cabrones, que incluía a formación "Melvins 1983", con Osborne e Crover xunto co batería orixinal da banda, Mike Dillard. Crover substituíu a Dillard en 1984 e toca o baixo no álbum. Tres Cabrones foi lanzado o 5 de novembro de 2013 polo selo Ipecac.
Jeff Pinkus axudou á banda en 2013 como baixista de xira, substituíndo a Jared Warren, que estaba de baixa por paternidade. Despois, Pinkus uniuse aos Melvins a tempo completo para comezar unha colaboración con Paul Leary, compañeiro seu e guitarrista en Butthole Surfers. O álbum colaborativo Hold It In foi lanzado en outubro de 2014. A formación para este álbum estaba formada por Osborne e Crover, xunto con Paul Leary e Jeff Pinkus de Butthole Surfers.[18]
Unha colaboración con Mike Kunka de godheadSilo, Three Men and a Baby, foi lanzada en abril de 2016 a través de Sub Pop.[19] O álbum, comezado en 1999 e arquivado, foi rematado recentemente.[20] Outro álbum, Basses Loaded, foi publicado en xuño de 2016,[21] que conta cun elenco rotatorio de baixistas, incluíndo aos habituais Dale Crover, Jared Warren, Jeff Pinkus e Trevor Dunn, así como Steven McDonald (de Redd Kross) e Krist Novoselic (de Nirvana).[22]
En xullo de 2017 a banda lanzou o álbum dobre A Walk with Love & Death. Un dos discos, Love, é unha banda sonora de 14 cancións para unha curtametraxe do mesmo nome de Jesse Nieminen. O outro disco, Death, está composto por cancións normais de Melvins.[23]
A banda lanzou Pinkus Abortion Technician en abril de 2018.[24] O álbum inclúe dous baixistas, o baixista habitual de Melvins, Steven McDonald, e Jeff Pinkus, de Butthole Surfers. O título do álbum parécese ao álbum de Butthole Surfers Locust Abortion Technician, e o álbum inclúe unha versión do tema de Butthole Surfers "Graveyard".
Presente
[editar | editar a fonte]O vixésimo cuarto álbum de estudio de Melvins, Working with God, foi lanzado o 26 de febreiro de 2021 e, unha vez máis, inclúe a formación de 1983 con Osborne, Crover e Dillard reunidos.[25][26]
O 21 de xullo de 2021 anunciouse que Melvins lanzaría un álbum dobre acústico de 36 cancións titulado Five Legged Dog a finais de ano, con versións acústicas de cancións que abarcan a súa carreira. O disco publicaríase en outubro dese ano.[27] Tamén en 2021 a banda participou nunha entrevista especial polo 25 aniversario da revista TapeOp.[28]
O 21 de agosto de 2022 Melvins lanzou por sorpresa o seu 26º álbum de estudio, titulado Bad Mood Rising. O disco non fora anunciado con antelación e non houbo sinxelos, simplemente apareceu en vinilo. O álbum chegou aos servizos de streaming o 30 de setembro.[29]
En agosto de 2023 anunciouse que o antigo segundo batería Coady Willis volvería á banda para a súa xira polos Estados Unidos de 2023, substituíndo a Crover que tiña que someterse a unha cirurxía de columna vertebral.[30]
Melvins anunciou o seu 27º álbum titulado Tarantula Heart, o 6 de febreiro de 2024, cunha data de lanzamento para o 19 de abril. O sinxelo principal, "Working the Ditch", foi lanzado ese mesmo día. O segundo sinxelo, "Allergic to Food", foi lanzado o 20 de marzo.[31]
En novembro de 2024 a banda anunciou unha xira polos Estados Unidos na primavera de 2025 como cabeza de cartel con Napalm Death, como sucesora da súa xira Savage Imperial Death March de 2016. Esta tamén sería a súa primeira xira dende 2016 na que participarían Dale Crover e Coady Willis na batería, xa que Crover tivera que cancelar a xira anterior debido á súa cirurxía de columna. Entre os artistas de apoio inclúense o proxecto paralelo do baixista de Napalm Death, Shane Embury, Dark Sky Burial, en todas as datas, así como a colaboración de Weedeater, Titan To Tachyons e Hard-Ons en datas seleccionadas.[32] Ambas as bandas tamén anunciaron un álbum colaborativo tamén titulado Savage Imperial Death March, que se lanzou o 16 de febreiro de 2025 para coincidir coa xira.[33]
O 17 de febreiro de 2025 Melvins lanzou un sinxelo titulado "Victory of the Pyramids", sacado do seu 28º álbum de estudio, Thunderball. O álbum é o terceiro que inclúe a formación de Melvins de 1983, sendo os dous anteriores Tres Cabrones (2013) e Working with God (2021). O disco lanzouse o 18 de abril dese ano.[34]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Loudwire (ed.). "Melvins' Buzz Osborne - Wikipedia: Fact or Fiction?". Consultado o 27 de xaneiro de 2017.
- ↑ "The Melvins Concerts, Tour Dates & Tickets, eventseeker". eventseeker.com (en inglés). Consultado o 2021-12-17.
- ↑ "Deep Six (1986, Vinyl)" (en castelán). Consultado o 2021-12-18.
- ↑ "Melvins – Gluey Porch Treatments (1987, Vinyl)" (en castelán). Consultado o 2021-12-18.
- ↑ "The Daily Weekly - Krist Novoselic: We All Owe Something to The Melvins - Seattle Weekly". web.archive.org. 2009-01-25. Archived from the original on 25 de xaneiro de 2009. Consultado o 2021-12-18.
- ↑ "The Melvins To Release 'A Senile Animal' In October". Blabbermouth. Archived from the original on 23 de decembro de 2008. Consultado o 19 de setembro de 2018.
- ↑ "BLABBERMOUTH.NET - MELVINS To Release 'The Bride Screamed Murder' In June". www.roadrunnerrecords.com. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Melvins Tour Dates 2011 - MelvinsWiki". themelvins.net. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "First New Zealand, now Japan: The Melvins experience second earthquake in as many months". Los Angeles Times (en inglés). 2011-03-11. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ Warfield, Russell (2012-06-01). "ATP I'll Be Your Mirror 2012: the DiS review". DrownedInSound (en inglés). Consultado o 2026-01-10.[Ligazón morta]
- ↑ "Melvins Lite". Ipecac Recordings. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Freak Puke (Melvins Lite), by Melvins". Melvins (en inglés). Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "The Melvins' Buzz Osborne: "I Could Care Less About Legacy"". Phoenix New Times (en inglés). 2013-07-11. Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Weingarten, Christopher R. (2012-06-05). "Melvins Attempt Guinness World Record: Play 51 Dates in All 50 States". SPIN (en inglés). Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Caixão, Saúl Do (2013-04-02). "Melvins 'Everybody Loves Sausages' CD/LP/DD 2013". The Sleeping Shaman (en inglés). Consultado o 2026-02-26.
- ↑ "Melvins announce 30th anniversary tour". Consequence (en inglés). 2013-04-25. Consultado o 2026-02-26.
- ↑ "2013 Flexi Disc Series". www.joyfulnoiserecordings.com. Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Blabbermouth (2014-07-31). "THE MELVINS To Release 'Hold It In' In October". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ "Three Men and a Baby, by Mike & The Melvins". Mike & The Melvins (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
- ↑ Records, Sub Pop. "Three Men and a Baby". Sub Pop Records (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
- ↑ Camp, Zoe (2016-03-07). "Melvins Recruit Krist Novoselic for New Album, Blast Dave Grohl for Blowing Them Off". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
- ↑ Neutron (2015-09-11). "Ep066: Buzz Osborne and Dale Crover (The Melvins) - Conan Neutron's Protonic Reversal". Conan Neutron's Protonic Reversal (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
- ↑ "A Walk With Love & Death, by Melvins". Melvins (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
- ↑ "MELVINS To Release 'Pinkus Abortion Technician' Album In April". Blabbermouth (en inglés). 2018-02-12. Consultado o 2026-03-06.
- ↑ "Melvins Announce New Album "Working With God" & Vinyl Reissues". Theprp.com (en inglés). 2020-11-13. Consultado o 2026-03-06.
- ↑ "Album review: Melvins – Working With God". Kerrang! (en inglés). 2021-02-19. Consultado o 2026-03-06.
- ↑ Moore, Theron (2021-10-18). "News: Melvins Release 36 Song Acoustic Collection, 'Five Legged Dog'". New Noise Magazine (en inglés). Consultado o 2026-03-10.
- ↑ "Melvins Interview: Recording Techniques & Studio Insights". Tape Op Magazine (en inglés). Consultado o 2026-03-10.
- ↑ "MELVINS Surprise Releases New Album Bad Mood Rising". Metal Injection (en inglés). 2022-09-30. Consultado o 2026-03-10.
- ↑ "How Coady Willis Helped Elevate High on Fire's New Album". Ultimate Classic Rock (en inglés). 2024-04-29. Consultado o 2026-03-10.
- ↑ "MELVINS Announce 'Tarantula Heart' Album". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). 2024-02-06. Consultado o 2026-03-10.
- ↑ "NAPALM DEATH & MELVINS Announce Co-Headlining US Tour". Metal Injection (en inglés). 2024-11-19. Consultado o 2026-03-12.
- ↑ "Melvins & Napalm Death Readying Collaborative New Record "Savage Imperial Death March"". Theprp.com (en inglés). 2025-02-14. Consultado o 2026-03-12.
- ↑ "Thunderball by Melvins on Apple Music" (en inglés). 2025-04-18. Consultado o 2026-03-12.