Pearl Jam
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2017.) |
As referencias deste artigo non teñen un formato correcto. Podes colaborar editándoas como se indica nesta páxina. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Pearl Jam é unha banda estadounidense de rock alternativo formada en Seattle durante o ano 1990 a partir das cinzas do grupo Mother Love Bone. É unha das máis importantes bandas do movemento xurdido en Seattle a principios dos anos 90 e das poucas que permanecen aínda en actividade. Dende a súa creación Pearl Jam sempre estivo composto por Eddie Vedder (voces), Mike McCready (guitarra solista), Stone Gossard (guitarra rítmica) e Jeff Ament (baixo). O seu quinto membro é o batería Matt Cameron (tamén en Soundgarden), que leva na banda dende 1998. Boom Gaspar (piano) tamén leva tocando no grupo como músico de sesión e de xira dende 2002. Os baterías Dave Krusen, Matt Chamberlain, Dave Abbruzzese e Jack Irons foron antigos compoñentes da banda. Pearl Jam vendeu máis que moitos dos seus contemporáneos de principios dos 90, e é considerado un dos grupos máis influentes da década,[1] sendo bautizada como "a banda de rock & roll estadounidense máis popular dos 90".[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O embrión da banda
[editar | editar a fonte]O embrión de Pearl Jam podemos atopalo noutras bandas de Seattle de mediados dos anos 80. Na época a cidade non era aínda o grande foco de atención no mundo do rock que foi a principios da década dos 90.
Nese tempo, o guitarrista Stone Gossard e o baixista Jeff Ament eran amigos e formaron unha banda de hard rock chamada Green River a mediados dos 80, xunto co guitarrista Steve Turner e o vocalista Mark Arm. Green River chegou a gravar e a lanzar un disco, chamado Rehad Doll, á parte dun EP, polo selo local Sub Pop. Porén, en 1988 a banda decidiu separarse debido a diferenzas creativas.[3] Arm e Turner formaron despois Mudhoney, un dos grupos pioneiros do grunge. Pola súa banda, a finais de 1987 Gossard e Ament comezaron a tocar co vocalista de Malfunkshun Andrew Wood, formando Mother Love Bone, xunto co batería Jeff Turner. Asinaron un contrato con Geffen Records e lanzaron en 1989 o EP Shine e, en 1990, un álbum chamado Apple. A banda comezaba a ter éxito nos Estados Unidos, cando, despois do lanzamento de Apple, o 16 de marzo de 1990, o vocalista Andrew Wood morreu dunha sobredose de heroína.[4]
Despois diso, Stone e Jeff separáronse, pero continuaron compoñendo cancións.[5] Despois dalgún tempo, xuntáronse de novo coa intención de formar un novo grupo. Incorporaron ao guitarrista Mike McCready (ex-Shadow), pero faltaba aínda un vocalista e un batería. Por medio do amigo e batería Jack Irons (ex-Red Hot Chili Peppers), coñeceron a Eddie Vedder, que estaba naquel momento traballando en San Diego (California), pero que acostumaba a tocar con algúns amigos en bares de Seattle. Vedder recibiu unha cinta demo do trío de Seattle e gustoulle o que escoitou. Decidiu escribir as letras que lle faltaban a esas cancións e el mesmo as gravou na cinta e a enviou de volta para Seattle. O trío ficou impresionado co resultado e decidiu convidar a Eddie para ser a voz da futura nova banda. Así, Vedder marchou cara Seattle e gravou coa banda durante tres semanas. Despois das mesmas xa estaban tocando para o público local.
Ao mesmo tempo que iso acontecía, Chris Cornell, vocalista de Soundgarden e ex-compañeiro de cuarto do falecido vocalista de Mother Love Bone, decide formar unha banda para facer un disco en homenaxe ao antigo compañeiro. El contacta con Jeff Ament e Stone Gossard que aceptan formar parte dese proxecto. Estes levan a Mike McCready e Eddie Vedder, e xunto co batería Matt Cameron, tamén de Soundgarden, forman Temple of the Dog. Gravan un excelente álbum auto-titulado, que saíu pola A&M Records en 1991. Despois da fin desa banda (que dende o inicio era só un proxecto temporal para homenaxear ao carismático Andrew Wood), Jeff, Stone, Mike e Eddie deciden formar definitivamente unha nova banda, e para iso refórzanse co batería Dave Krusen.
Así, nace Pearl Jam. Nun principio, o nome da banda sería Mookie Blaylock, que era o nome dun xogador de baloncesto. Pero tiveron que mudalo por problemas burocráticos, e Vedder suxeriu o nome de Pearl Jam, que sería unha homenaxe a unha marmelada con poderes alucinóxenos que a súa avoa (chamada Pearl) facía. Despois dalgún tempo gravando material para o álbum de debut asinan un contrato coa Epic Records, lanzando o resultado desas gravacións en agosto de 1991.
A estrea, Ten
[editar | editar a fonte]Ese resultado é o disco Ten (número da camiseta de Blaylock nos New Jersey Nets), certamente un dos mellores álbums de grunge, e do rock en xeral nos últimos tempos (de feito, no mes de febreiro do 2011 foi elixido polos lectores da revista Rolling Stone o terceiro mellor álbum dos anos 90[6]). Posúe cancións belas e inesquecibles como "Alive" (o grande éxito radiofónico do disco, e que levou a Pearl Jam a ser coñecido en todo o mundo), "Oceans", "Black" e "Release", outras pesadas e rabiosas típicas do grunge, como "Once" e "Why Go", á parte doutras excelentes por si soas, como "Jeremy" (outro grande éxito radiofónico), "Porch" e "Even Flow". Coa excesiva difusión dese disco na radio e na televisión, a banda fíxose moi coñecida e o álbum chegou así ao Top Ten estadounidense. A banda gañou o premio de vídeo do ano da MTV, co clip de "Jeremy", á parte doutros premios.

Así, a banda iniciou unha gran xira de divulgación ao redor do mundo, pero sen o batería Dave Krusen, que saíu no final das gravacións dese primeiro disco por problemas persoais. Matt Chamberlain tocou coa banda nesa xira. Pearl Jam tamén se fixo coñecida polos seus directos, cheos de enerxía e co carisma de Vedder desbordando en cada un deles.
En 1992, a banda participou na película Singles, do director Cameron Crowe. Nesa película, faise un retrato da xeración grunge de Seattle, e varias bandas da cidade aparecen tocando, como por exemplo, Alice in Chains. Algúns dos membros de Pearl Jam forman parte da banda de Matt Dillon, chamada "Citizen Dick", sendo Vedder o batería.
A banda realizou tamén un acústico para a MTV, onde tocaron algunhas cancións do primeiro disco, á parte dunha canción que aparecía na película Singles (chamada "State of Love and Trust") e unha versión de Neil Young, chamada "Rockin’ in the Free World".
Pearl Jam actuou en varios concertos como abreconcertos de artista coñecidos, como Red Hot Chili Peppers, U2 ou Neil Young, e foi cabeza de cartel da segunda edición do festival alternativo Lollapalooza, organizado anualmente por Perry Farrell. Despois dese intenso ano, a banda entraría no estudio para comezar as gravación do seu segundo traballo.
Vs
[editar | editar a fonte]O segundo traballo da banda foi lanzado en outubro de 1993 baixo o nome de Vs. (aínda que o título non aparece en ningún lugar do disco). O grupo cambiou outra vez de batería, Matt Chamberlain sairía para tocar na banda do programa de televisión Saturday Night Live, e no seu lugar entraría Dave Abbruzzese. O disco foi moi ben recibido e o seu primeiro día vendería 350.000 copias.

Nese período a banda comeza a amosarse insatisfeita coa política comercial da Ticketmaster, a empresa estadounidense que controla a venda e distribución das entradas dos concertos feitos nese país. O principal motivo era o prezo desas entradas, que a banda sempre loitou para manter baixo, ao contrario do que efectivamente acontecía. En maio, reclaman oficialmente á xustiza para unha investigación, acusándoos de monopolio, xa que non había outras empresas para así promover unha competencia, e, consecuentemente, baixar os prezos e forzar a mellora dos servizos. Rompen coa empresa e pasan a promover e organizar os seus propios concertos, obtendo apoio doutros artistas, como R.E.M., Aerosmith e Neil Young. Isto dificulta bastante a vida da banda, xa que a Ticketmaster facilitaba bastante ese proceso e eles acaban entrando nun baixón, que culmina con algúns problemas internos, ao mesmo tempo no que o Departamento de Xustiza desiste de investigar a Ticketmaster.
Decepcionados co mercado artístico e a industria cultural vixente nos Estados Unidos, a banda adopta unha postura anticomercial: deixan de producir clips, non tocan para grandes audiencias, non aparecen en programas de televisión, non dan entrevistas a revistas, non usan máis as caixas de CDs normais para comercializar os seus traballos e, claro, non usan máis a Ticketmaster para promover os seus concertos. Aparentemente, a idea da banda é non exporse de máis e fuxir dos "fans de momento", aqueles que só os coñecen pola excesiva exposición da banda polos medios de comunicación comúns.
Aínda en 1994 ocorre un feito que non só afecta a Pearl Jam, senón a grande parte do escenario musical mundial: Kurt Cobain suicídase a comezos de abril. A banda decide cancelar algúns concertos marcados para o verán amosándose bastante afectada polo feito, e, nunha aparición no programa Saturday Night Live, Vedder usa unha camiseta cun K debuxado. Nesa presentación, el canta un anaco dunha canción de Neil Young, chamada "Hey Hey My My (Out of the Blues)". Kurt usara unha frase dese tema na súa carta de despedida ("It’s better to burn out than to fade away").
Vitalogy
[editar | editar a fonte]A banda entrou no estudio ese ano para gravar o seu terceiro álbum e en decembro de 1994 lanzaríase Vitalogy. Este disco non vende tanto como os anteriores debido en gran parte ao boicot dos medios debido á postura anti-comercial que adoptara a banda. Dave Abbruzzese foi despedido antes de rematadas as gravacións do disco e o seu lugar ocuparíao Jack Irons (ex-batería de Red Hot Chili Peppers e amigo da banda).
En 1995, despois de que Vedder se centrase en Hovercraft, o seu proxecto paralelo, a banda reúnese de novo para a gravación doutro traballo. Non se trata dun disco de Pearl Jam, Neil Young convidáraos para tocar no seu novo álbum, Mirrorball, e eles aceptaron o convite, aínda que o nome da banda non aparece en ningún sitio do disco. Aproveitando algunhas das composicións editan un sinxelo titulado "Merkinball". Nesa mesma época nace o proxecto Mad Season, formado polo guitarrista da banda Mike McCready, Layne Staley (de Alice in Chains), Barret Martin (de Screaming Trees) e Baker Saunders (de Lamont Cranston). O primeiro disco da banda chamaríase Above, e foi lanzado no mes de marzo de 1995.
Na metade de 1995, a situación entre os membros da banda é delicada. Despois dun concerto en San Francisco, no cal Vedder deixa o escenario despois da sétima canción alegando atoparse mal e que remataría Neil Young no seu lugar, a banda decide separarse durante algún tempo para descansar e cancelan os seus seguintes concertos. Pero finalmente, unha semana despois de anunciar a separación, reúnense novamente, trazan novos obxectivos e retoman a xira.
No Code
[editar | editar a fonte]
No ano 1996 volven a entrar no estudio e no mes de agosto lánzase No Code. É un disco máis ecléctico e cun son máis variado que os tres discos anteriores. Con No Code Pearl Jam continúa coa súa política de non divulgar o álbum comercialmente polos medios habituais. Non lanzaron vídeos pola MTV, deron entrevistas ou presentacións en televisión. A prensa en xeral continúa boicoteándoos, pero a banda continua coa súa actitude. Mentres os medios critican ao quinteto, e especialmente a Eddie Vedder, varios artistas saen na súa defensa, entre eles Michael Stipe de R.E.M. e Courtney Love de Hole, dando así máis credibilidade á banda.
No Code non foi un éxito comercial, pero aínda así tivo boas vendas e a banda comezou unha nova xira, que duraría preto de dous anos.
Yield
[editar | editar a fonte]Despois da extensa xira de divulgación Pearl Jam volveu ao estudio, no que pasaría gran parte do final de 1997 traballando co seu novo material. O resultado deses meses de traballo foi lanzado en febreiro de 1998 baixo o nome de Yield.
Yield tivo boas vendas e boas críticas. Era un disco máis maduro que os seus primeiros traballos e asemellábase máis a No Code que a estes, que tiñan un son máis grunge. No disco destacan os temas "Brain of JFK", "Faithfull", "Given to Fly", "MFC" ou "Do the Evolution". En Yield a banda volve a rodar un videoclip, para o tema "Do the Evolution", feito con debuxos animados polo creador de Spawn.
Despois do lanzamento do álbum Jack Irons abandona Pearl Jam e Matt Cameron (que estaba sen banda despois da separación de Soundgarden) asume o seu posto.
Ese mesmo ano a banda ten dous novos lanzamentos: o vídeo Single Video Theory, onde a banda aparece tocando cancións do último álbum, e o primeiro disco en directo do grupo: Live on Two Legs. Nese álbum, a banda aparece tocando temas dos seus cinco discos, e péchao cunha versión do tema "Fuckin’ Up" de Neil Young.
En 1999 Pearl Jam participou nun disco en beneficio das vítimas da guerra de Kosovo, chamado No Boundaries. O grupo aparece coas cancións "Last Kiss" e "Soldier of Love".
Binaural
[editar | editar a fonte]Aínda en 1999, Pearl Jam comeza a traballar na gravación do seu sexto disco de estudio. O resultado é lanzado en maio de 2000 co nome de Binaural. Producido por Tchad Blake e mesturado por Brendan O 'Brian, Binaural pode compararse a Yield e No Code ao ser un disco non tan agresivo como os primeiros, aínda que non soa con tanta frescura.
A banda tamén comeza a lanzar unha serie de bootlegs oficiais: discos dos concertos da banda ao redor do mundo a prezos máis accesibles.
Riot Act
[editar | editar a fonte]
En 2002 a banda volta ao estudio para gravar o seu sétimo disco ao lado do produtor de Adam Kasper. En outubro saíu o primeiro sinxelo, da canción "I am Mine", e no mes seguinte é lanzado Riot Act. O novo álbum é bastante maduro e agrada máis aos fans e críticos que Binaural. A banda volve a rodar un novo vídeo, para a canción "I am Mine" (o último fora o de "Do the Evolution" do disco Yield), e anuncia que editará máis bootlegs como os da xira do disco anterior.
En 2003 lánzase o recompilatorio de caras-b Lost Dogs e o DVD Pearl Jam at the Garden, unha actuación da banda en Nova York co teclista Boom Gaspar e con participacións especiais de Ben Harper, Steve Diggle e Tony Barber. Este era o seu terceiro vídeo que editaba a banda, despois de Touring Band, con imaxes da xira de Binaural e o citado Video Single Theory. Ese mesmo ano rematou o seu contrato coa Epic, que lanzara todos os discos da banda ata o momento.
En 2004 a banda lanzou o disco dobre Live at the Benaroya Hall, unha actuación acústica realizada en outubro de 2003 a favor da asociación benéfica Youth Care. E como último lanzamento a través da Epic, sae o recompilatorio Rearviewmirror (Greatest Hits 1991-2003).
Pearl Jam fixo un concerto na Easy Street Records en Seattle en abril do 2005 e da súa gravación saíu o disco en directo Live at Easy Street, editado exclusivamente para tendas de discos independentes en xuño do 2006.
Contrato con J Records
[editar | editar a fonte]
En febreiro 2005 a banda asinou un contrato co selo J Records e comezou a preparar un novo disco de estudio, despois do lanzamento dos dous recompilatorios e do directo. O novo disco, titulado Pearl Jam, foi lanzado en maio de 2006 e marcou un regreso ao son máis cru dos seus primeiros traballos.
Para promover Pearl Jam, a banda comezou unha xira mundial no ano 2006. Tocaron en Norteamérica, Australia e Europa, por onde a banda non xirara dende había seis anos. A banda foi cabeza de cartel dos festivais de Leeds e Reading, a pesar de prometer non tocar nunca máis nun festival despois do acontecido en Roskilde. Vedder comezou os dous concertos cunha emotiva petición á multitude para que coidasen uns dos outros.
No 2007 Pearl Jam gravou unha versión de "Love, Reign o'er Me" da banda The Who para a película de Mike Binder Reign Over Me. O grupo comezou unha xira con 13 datas en Europa e foi cabeza de cartel no festival Lollapalooza o 5 de agosto. No mes de xuño editou o álbum en directo Live at the Gorge 05/06, que documenta a súa actuación no The Gorge Amphitheatre, e no mes de setembro lanzou o DVD Immagine in Cornice, sobre os seus concertos en Italia no ano 2006.
En xuño do 2008 a banda actuou como cabeza de cartel no Bonnaroo Music Festival, no medio dunha xira de doce datas polo leste dos Estados Unidos. No mes de xullo actuaron no tributo da VH1 a The Who, xunto con Foo Fighters, Incubus e The Flaming Lips. Nos días anteriores ás elección estadounidenses do 2008, Pearl Jam lanzou dixitalmente a través da súa páxina web un documental titulado Vote for Change? 2004, que fala sobre a xira do ano 2004 Vote for Change.
Reedicións e Backspacer
[editar | editar a fonte]O 24 de marzo do 2009, o álbum de estrea da banda, Ten, foi relanzado en catro edicións distintas, contando con extras como a remesturas e a resmasterización de todo o álbum por parte de Brendan O'Brien, un DVD da aparición da banda en 1992 no programa MTV Unplugged, e dous LPs do seu concerto do 20 de setembro de 1992 no Magnuson Park en Seattle[7]. Esta foi a primeira das reedición que planeou Pearl Jam, e que incluía todo o seu catálogo, para o seu 20 aniversario no 2011. Un película retrospectiva dirixida por Cameron Crowe tamén está prevista para o aniversario.
Pearl Jam comezou a traballar no seu seguinte traballo a principios do ano 2008. No 2009 comezou a construír temas instrumentais e demos compostas nos meses anteriores. O seu noveno álbum de estudio, Backspacer, producido por Brendan O'Brien, editouse o 20 de setembro do 2009, estreándose no número 1 das listas da Billboard, sendo o primeiro álbum da banda que o facía dende o No Code en 1996.
"The Fixer" foi escollido como primeiro sinxelo. Realizouse un vídeo dirixido por Cameron Crowe, usando imaxes do seu concerto segredo celebrado no mes de maio en Seattle. Pearl Jam non renovara o seu contrato con J Records, e a banda editou o álbum através do seu propio selo, Monkeywrench Records, nos Estados Unidos e atravé de Universal Music Group internacionalmente. Pearl Jam conseguiu un contrato coa corporación Target para ser distribuidor exclusivo nos Estados Unidos. O álbum tamén foi distribuído através da páxina oficial da banda, en tendas independentes, por vendedores online e iTunes.
En agosto do 2009 a banda foi cabeza de cartel do Virgin Festival,[8] o Outside Lands Music and Arts Festival e realizou cinco concertos en Europa e tres en Norteamérica. No mes de outubro foi a principal atracción do Austin City Limits Music Festival,[9] unha aparición que tivo lugar no medio da parte norteamericana da súa xira de promoción do novo disco, á que lle seguiu a parte por Oceanía.[10] No mes de maio do 2010 a banda comezou unha xira dun mes polos Estados Unidos,[11] e en xuño comezaron a súa xira europea na cal a banda tocou por primeira vez en Irlanda do Norte.[12] A finais de outubro de 2010 Pearl Jam actuou no 24º Concerto Benéfico Anual da Escola Bridge no Shoreline Amphitheater en Mountain View, California. Un álbum en directo, titulado Live on Ten Legs, foi lanzado o 17 de xaneiro de 2011.[13] É unha recompilación de temas en directo das súas xiras mundiais de 2003 a 2010, e é unha continuación de Live on Two Legs, que consistía en cancións gravadas durante a súa xira por América do Norte de 1998.[14]

En marzo de 2011 o baixista Jeff Ament declarou a Billboard que a banda tiña 25 cancións e que entrarían no estudio en abril para comezar a gravar a continuación de Backspacer.[15] O 16 de maio de 2011 a banda confirmou que tocarían a fin de semana do Día do Traballo no Alpine Valley Music Theatre en East Troy, Wisconsin, seguido de dez concertos no Canadá.[16]
O 8 de setembro de 2011 a banda lanzou unha nova canción titulada "Olé".[17] O 18 de novembro a banda lanzou Toronto 9.11.11, un álbum ao vivo gratuíto dispoñible a través de Google Music. O 21 de novembro de 2011, como parte da súa xira mundial PJ20, Pearl Jam visitou Costa Rica por primeira vez ante unha multitude de 30 000 fans no Estadio Nacional.[18] Ao mes seguinte, a banda anunciou unha xira por Europa, que comezaría en xuño de 2012.[19]
Lightning Bolt e Gigaton
[editar | editar a fonte]O 11 de xullo de 2013 a banda anunciou que o seu décimo álbum de estudio, Lightning Bolt, sería lanzado internacionalmente o 14 de outubro dese ano e ao día seguinte nos Estados Unidos, xunto co lanzamento do primeiro sinxelo "Mind Your Manners".[20] A banda realizou unha xira de dúas etapas en América do Norte durante outubro e novembro,[21] seguida por unha actuación como cabeza de cartel no derradeiro festival Big Day Out en Australia e Nova Zelandia en 2014.[22][23] O segundo sinxelo, "Sirens", foi lanzado o 18 de setembro de 2013.[24] Despois de vender 166 000 copias na súa primeira semana, Lightning Bolt converteuse no quinto álbum de Pearl Jam en alcanzar o número un na Billboard 200.[25] Na 57ª edición dos premios Grammy en febreiro de 2015, o álbum gañou o premio ao mellor embalaxe.[26] En novembro de 2015 a banda realizou unha xira de nove datas por América Latina.[27]
En xaneiro de 2016 a banda anunciou unha xira polos Estados Unidos e Canadá, incluíndo aparicións no Festival de Jazz de Nova Orleáns e en Bonnaroo.[28] En abril de 2017 Pearl Jam foi incluído no Salón da Fama do Rock and Roll. Na cerimonia foron introducidos polo humorista David Letterman.[29] No mes de agosto a banda anunciou o lanzamento do álbum en directo e a película-concerto Let's Play Two, dos concertos da banda no Wrigley Field de Chicago o ano anterior.[30] A banda iniciou unha xira en 2018 con concertos en América do Sur no mes de marzo, incluíndo concertos no Lollapalooza de Brasil e Chile,[31] seguidos de actuacións en Europa e América do Norte.[32] A xira incluíu dous concertos para organizacións benéficas relacionadas coas persoas sen fogar na cidade natal da banda, Seattle.[33] Antes dos primeiros concertos da xira, Pearl Jam lanzou a canción "Can't Deny Me".[34][35]
En decembro de 2019 Pearl Jam confirmou que estarían de xira por Europa no verán de 2020.[36] O 13 de xaneiro de 2020 a banda anunciou que o seu undécimo álbum de estudio, Gigaton, sería lanzado o 27 de marzo dese ano.[37] Xunto co lanzamento do álbum, a banda tamén anunciou datas de xira en América do Norte durante marzo e abril de 2020.[38] Porén, a etapa norteamericana foi aprazada debido á pandemia da COVID-19, co obxectivo de reprogramala para unha data posterior.[39][40] En setembro de 2020 a banda confirmou que o seu MTV Unplugged sería lanzado en vinilo e CD por primeira vez o mes seguinte.[41]
Dark Matter e marcha de Cameron
[editar | editar a fonte]En maio de 2021 Pearl Jam anunciou o lanzamento dunha colección dixital de case 200 concertos que datan de 2000 a 2013.[42] Os membros do Pearl Jam Ten Club poden acceder á colección de 5 404 cancións individuais, titulada Deep. O 18 de setembro de 2021 a banda tocou o seu primeiro concerto dende 2018 no Sea.Hear.Now Festival en Asbury Park, Nova Jersey, onde o ex guitarrista de Red Hot Chili Peppers, Josh Klinghoffer, debutou como músico de xira coa banda.[43] En maio de 2022 Pearl Jam comezou a realizar os seus concertos aprazados, que orixinalmente estaban previstos para 2020. Ese mesmo mes, Matt Cameron viuse obrigado a perder os seus primeiros concertos en 24 anos desde que se uniu á banda despois de dar positivo por COVID-19. Josh Klinghoffer e Richard Stuverud tocaron a batería en lugar de Cameron.[44] Dave Krusen, o batería orixinal do grupo, tamén volveu para tocar numerosas cancións durante o concerto da banda en Fresno, California.[45] En abril de 2023 Pearl Jam anunciou unha cuarta etapa da súa xira Gigaton, centrada principalmente no Medio Oeste dos Estados Unidos.[46] En setembro de 2023 o seu concerto en Noblesville, Indiana, foi aprazado debido a unha enfermidade dentro da banda.[47]
Na sesión privada de escoita no Troubadour dos Ánxeles, a banda confirmou o seu duodécimo álbum, titulado Dark Matter e producido por Andrew Watt. A embalaxe do álbum presenta pinturas de luz de Alexandr Gnezdilov. O álbum foi lanzado con aclamación da crítica o 19 de abril de 2024 pouco antes dunha xira mundial ese mesmo ano.[48] O anuncio do álbum produciuse xunto co lanzamento de "Dark Matter" como sinxelo principal.[49][50] O álbum recibiu nomeamentos aos Grammy nas categorías de Mellor álbum de rock, Mellor canción de rock ("Dark Matter") e Mellor interpretación de rock ("Dark Matter").[51] A xira contou con imaxes escénicas do nativo de Seattle Rob Sheridan, coñecido polo seu traballo con Trent Reznor e Nine Inch Nails; isto marcou o primeiro uso da banda deste tipo de imaxes en vídeo nunha xira, e o traballo de Sheridan tamén apareceu no seu vídeo musical en directo "Wreckage".[52][53] En xuño e xullo de 2024 a banda cancelou tres concertos en Londres e Berlín debido a unha enfermidade importante na banda, que Vedder describiu como unha "experiencia próxima á morte" semellante á bronquite.[54]
O 7 de xullo de 2025 Matt Cameron anunciou a súa saída de Pearl Jam, e a banda publicou un comunicado agradecéndolle os seus 27 anos de servizo.[55]
Membros
[editar | editar a fonte]Membros actuais
[editar | editar a fonte]- Jeff Ament: baixo.
- Eddie Vedder: guitarra e voz.
- Stone Gossard: guitarra.
- Matt Cameron: batería.
- Mike McCready: guitarra.
Antigos membros
[editar | editar a fonte]- Dave Krusen: batería (1990-1991).
- Matt Chamberlain: batería (1991).
- Dave Abbruzzese: batería (1991-1994).
- Jack Irons: batería (1994-1998).
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]| Álbum | Ano | Selo |
|---|---|---|
| Ten | 1991 | Epic Records |
| Vs. | 1993 | Epic Records |
| Vitalogy | 1994 | Epic Records |
| No Code | 1996 | Epic Records |
| Yield | 1998 | Epic Records |
| Binaural | 2000 | Epic Records |
| Riot Act | 2002 | Epic Records |
| Pearl Jam | 2006 | J Records |
| Backspacer | 2009 | Monkeywrench |
| Lightning Bolt | 2013 | Monkeywrench, Republic |
| Gigaton | 2020 | Monkeywrench, Republic |
| Dark Matter | 2024 | Monkeywrench, Republic |
Recompilatorios e directos
[editar | editar a fonte]- Live on Two Legs - 1998 (Epic)
- Lost Dogs - 2003 (Epic)
- Live at Benaroya Hall - 2003 (Ten Club)
- rearviewmirror (Greatest Hits 1991-2003) - 2004 (Epic)
- Live in NYC 12/31/92 - 2006 (Ten Club)
- Live at Easy Street - 2006 (J Records)
- Live at the Gorge 05/06 - 2007 (Rhino/WEA)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Pearl Jam - Lost Dogs: Rarities and B Sides". AllMusic (en inglés). Consultado o 2022-06-21.
- ↑ "Pearl Jam Songs, Albums, Reviews, Bio & More". AllMusic (en inglés). Consultado o 2022-06-21.
- ↑ Azerrad, Michael. Our Band Could Be Your Life. Little Brown and Company, 2001. ISBN 0-316-78753-1, p. 422
- ↑ "Unofficial SG Homepage: Articles: RIP Magazine, July 1992". web.stargate.net. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 2020-06-15.
- ↑ "Rolling Stone : Five Against the World". web.archive.org. 2007-06-19. Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2007. Consultado o 2020-06-15.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2011. Consultado o 24 de febreiro de 2011.
- ↑ "Pearl Jam - Studio Albums". pearljam.com. Consultado o 2019-02-26.
- ↑ "Pearl Jam to Headline Virgin Festival in Calgary". Pearl Jam. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "ACL 2009 Lineup". 2009.aclfestival.com (en inglés). Consultado o 2025-12-27.
- ↑ Cohen, Jonathan (2009-07-31). "Pearl Jam: ‘Back’ To The Future". Billboard (en inglés). Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Pearl Jam // Setlists". pearljam.com. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "2010 European Tour Announced UPDATED". Pearl Jam. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Pearl Jam News_archives". pearljam.com. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Pearl Jam's "Live on Ten Legs" Album Review". UpVenue. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ Letkemann, Jessica (2011-03-16). "New Pearl Jam Album, Other Band Projects In The Works". Billboard (en inglés). Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "Pearl Jam - Ten Club Announces Alpine Valley and Canada Tour". pearljam.com. Consultado o 2026-01-01.
- ↑ Sundahl, Erik. "PJ20 Destination Weekend". www.pj20.com (en inglés). Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "Concierto Pearl Jam en Costa Rica". A Donde Ir Hoy (en inglés). Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "Pearl Jam Announces 2012 Europe/UK Tour". Pearl Jam. Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "NEW PEARL JAM ALBUM “LIGHTNING BOLT” AVAILABLE OCTOBER 15". Pearl Jam. Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "PEARL JAM ANNOUNCES FALL 2013 NORTH AMERICAN TOUR DATES". Pearl Jam. Consultado o 2026-01-01.
- ↑ Boulton, Martin (2013-07-31). "'I thought Blur was all over': Alex James talks the band and headlining Big Day Out". The Sydney Morning Herald (en inglés). Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "Pearl Jam, Blur and Arcade Fire head Big Day Out line-up". TheAustralian (en inglés). Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "Countdown: World premiere of Sirens, Pearl Jam’s new single" (en inglés). Consultado o 2026-01-01.
- ↑ Caulfield, Keith (2013-10-23). "Pearl Jam Earns Fifth No. 1 Album On Billboard 200". Billboard (en inglés). Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "Grammy Awards 2015: The Complete Winners List". Rolling Stone. 2015-02-08. Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "Latin America Tour 2015". Pearl Jam. Consultado o 2026-01-01.
- ↑ "Pearl Jam Announce North American Spring and Summer Tour". Rolling Stone. 2016-01-19. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ "Watch David Letterman's Eloquent Pearl Jam Rock Hall Induction Speech". Rolling Stone. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ "Pearl Jam Capture Wrigley Field Shows in 'Let's Play Two' Concert Film". Rolling Stone. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ "Pearl Jam - See Pearl Jam at Lollapalooza in South America". pearljam.com. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ Connick, Tom (2017-12-01). "Pearl Jam announce UK and Europe 2018 tour". NME (en inglés). Consultado o 2026-01-03.
- ↑ Melendez, Monique (2018-01-22). "Pearl Jam Announce First Seattle Shows in Five Years". SPIN (en inglés). Consultado o 2026-01-03.
- ↑ "Pearl Jam - New Song 'Can't Deny Me' Out Now". pearljam.com. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ Young, Alex (2018-03-13). "Pearl Jam confirm release of new album". Consequence (en inglés). Consultado o 2026-01-03.
- ↑ "Pearl Jam - Pearl Jam is returning to Europe in 2020". pearljam.com. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ Willman, Chris (2020-01-13). "Pearl Jam Announces First Album in Seven Years, Along With North American Tour". Variety (en inglés). Consultado o 2026-01-03.
- ↑ Greene, Andy (2020-01-13). "Pearl Jam Announce New Album 'Gigaton,' North American Tour Dates". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-01-03.
- ↑ "Pearl Jam - Spring Tour Postponed". pearljam.com. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ "Pearl Jam, Miley Cyrus and Madonna scrap gigs over coronavirus fears". BBC News (en inglés). 2020-03-10. Consultado o 2026-01-03.
- ↑ Turman, Katherine (2020-09-10). "Pearl Jam to Release 1992 ‘MTV Unplugged’ Session". SPIN (en inglés). Consultado o 2026-01-03.
- ↑ Kreps, Daniel (2021-05-07). "Pearl Jam Announce 'Deep' Digital Live Archives of Nearly 200 Shows". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Watch Pearl Jam Debut Gigaton Tracks Live At First Show In 3 Years". stereogum.com (en inglés). 2021-09-19. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ Cohen, Jonathan (2022-05-13). "Matt Cameron Out With COVID, Josh Klinghoffer, Richard Stuverud Drum for Pearl Jam in Oakland". SPIN (en inglés). Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Watch Pearl Jam Reunite With Original Drummer Dave Krusen For A Ten-Heavy Set In Fresno". stereogum.com (en inglés). 2022-05-17. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Pearl Jam - Pearl Jam 2023 U.S. Tour Announcement". pearljam.com. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Pearl Jam - Pearl Jam Ruoff Music Center Postponement". pearljam.com. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Pearl Jam Announces New Album and 2024 World Tour as Eddie Vedder Declares Band Has Made Its 'Best Work'". People.com (en inglés). Consultado o 2026-01-10.
- ↑ Sacher, Andrew. "Pearl Jam announce new album 'Dark Matter,' share title track". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Hear PEARL JAM's first new song in 4 years "Dark Matter"". Revolver (en inglés). Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Spiritbox, Knocked Loose, Green Day, Pearl Jam and more nominated for…". Kerrang! (en inglés). 2024-11-08. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Pearl Jam’s world tour has a different look. This WA artist designed it". The Seattle Times (en inglés). 2024-05-22. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "PEARL JAM Releases 'Wreckage' Live Video". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). 2024-08-12. Consultado o 2026-01-10.
- ↑ Fu, Eddie (2024-07-09). "Eddie Vedder describes Pearl Jam's recent health issues as "near-death experience"". Consequence (en inglés). Consultado o 2026-01-10.
- ↑ "Pearl Jam Drummer Matt Cameron Announces Exit From Band". Forbes. Consultado o 10 de xaneiro de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial (en inglés)