Saltar ao contido

Corán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplares do Corán.

O Corán[1] ou Alcorán[2] (en árabe: القرآن al-qur'ān, literalmente "a recitación"; tamén Al Qur'ān Al Karīm ou "O Nobre Corán") é o libro sagrado do islam.

Os musulmáns cren que o Corán é a transcrición da palabra literal de Deus e a culminación da revelación de Deus á humanidade, transmitida a través do profeta Mahoma durante un período de 23 anos polo anxo Jibreel (Gabriel). O Corán consiste de 114 suras, ou capítulos, cun total de 6.236 aleias (versículos). O Corán retoma moitos personaxes que aparecen nos libros sagrados do xudaísmo e do cristianismo (Torah e Biblia) e na literatura devota (apócrifos), con moitas diferenzas de detalle. Personaxes bíblicas moi coñecidas, como Adán, Noé, Abraham, Moisés, Xesús e Xoán o Bautista aparecen mencionados como profetas.

Orixe e desenvolvemento do Corán

[editar | editar a fonte]

O recitado orixinal

[editar | editar a fonte]
Mahoma recibindo a Revelación do arcanxo Gabriel. Miniatura do libro Jami al-Tawarij, elaborado en Tabriz a principios do século XIV.

Segundo a tradición, Mahoma non sabía ler nin escribir e limitouse a recitarlles aos seus compañeiros o que lle era revelado para que estes o escribisen e memorizasen. Esta tradición de memorización existe aínda entre os musulmáns. Os crentes sosteñen que o texto literal do Corán tal e como se transmite hoxe correspóndese exactamente co que lle foi revelado a Mahoma, ou sexa, son as mesmas palabras que Deus lle comunicou a Mahoma a través de Jibreel (Gabriel).

O recitado comezou unha noite do ano 610, cando Mahoma, que na altura contaba 40 anos, durmía no mes de Ramadán. Escoitou unha voz que o chamaba exhortándoo "Recita! Recita! Recita!" O anxo recitoulle tres versos e, ao espertar, tíñaos, dicía Mahoma, inscritos no corazón. A partir de entón, sóubose profeta e mensaxeiro de Deus, o derradeiro dunha liña sete que comezara con Abraham e tivera en Xesús Cristo ao sexto. A súa misión era transmitir a derradeira e máis importante das mensaxes de Deus, a Recitación en árabe, ou Alcorán (tamén transcrito como Qur'an). As xentes de Deus (xudeus e cristiáns) desviáranse do camiño e o propósito do Corán era reconducilas.

Ese recitado volvería a Mahoma en moitas ocasións. El repetía o que escoitaba e os seus seguidores memorizábano. Nalgúns casos tamén se transcribía o texto no soporte que estivese dispoñíbel. O Corán, xa que logo, foi un texto fundamentalmente oral durante a vida de Mahoma. Pero era tamén un texto fluído: conforme se lle engadían versículos e se reorganizaba o texto, os seguidores debían volver a memorizar o texto á luz das adicións e mudanzas. Mahoma repudiou certos versículos que se lle revelaran acusándoos de seren versículos "satánicos", ditados non por Gabriel senón por Satán, e foron expurgados.

Corán abásida, século X

Corán interprétase habitualmente como "recitación", o que indica que non pode existir como un simple texto. Para poder orar (unha das obrigas dos musulmáns) hai que aprender polo menos algunhas suras do Corán. Normalmente comézase pola primeira sura, al-Fatiha, coñecida como "os sete versículos moi repetidos" e progresando logo aos máis curtos cara ao final. Quen coñece o Corán enteiro recibe o nome de Qari' (قَارٍئ) ou Hafiz, que queren dicir "recitador" ou "memorizador", respectivamente. Mahoma foi o primeiro Hafiz.

Os compañeiros de Mahoma comezaron a recoller as suras por escrito antes de que este morrese (en 632), e hai constancia disto na tradición, como na historia da conversión de Umar ibn al-Khattab (estando Mahoma aínda na Meca), cando se menciona que a súa irmá estaba a ler o texto da sura Ta-Ha e dise que en Medina uns 65 "compañeiros" (sahaba) actuaron como escribas nalgún momento e que Mahoma recorría con frecuencia a eles cando lle viña unha revelación.

A compilación

[editar | editar a fonte]

Segundo unha tradición posterior, a primeira compilación do Corán nun volume único realizouna Zayd ibn Thabit en tempos do primeiro califa, Abu Bakr. Zayd ibn Thabit "recolleu o Corán de varios pergamiños e anacos de óso e dos peitos (ou sexa, as recordacións) dos homes". Esta copia gardaríase na casa de Hafsa bint Umar pero non está claro se era unha versión completa nin se tiña carácter oficial[3].

Manuscrito en pergamiño correspondente aos de Saná (século VII)

Durante o califato de Uthman ibn Affan tivo lugar unha disputa sobre o uso de varios dialectos (ahruf) no recitado do Corán. Tamén causaron preocupación as diverxencias que se producían nos recitados da revelación, especialmente entre os novos musulmáns. Como resposta, arredor de 650 Uthman decidiu codificar e estandarizar o texto. Segundo algunhas tradicións islámicas, Uthman encargoulle a un comité no que participaron Zayd e varios membros destacados de Quraysh a redacción do texto padrón, baseado nunha compilación que estaba en poder de Hafsa.

Ao rematar, Uthman enviou copias a varios recantos do Imperio islámico e ordenou a destrución de todas as copias non coincidentes. Varios manuscritos, entre eles o manuscrito de Samarkanda, pretenden ser unha desas copias orixinais, o cal é discutido. De entre os manuscritos descubertos recentemente en Saná, parece que tres polo menos datan de antes do ano 50 da héxira. Os restos de inscricións dátanse de algo máis tarde: arredor do ano 50.

Ademais das primeiras versións coñecidas de Abdallah Ibn Masud e Ubay Ibn Ka'b, tense noticia dunha versión xiíta supostamente compilada por Alí, o xenro de Mahoma, á que renunciou en favor da colección de Uthman. Os eruditos musulmáns aceptan que as diferenzas entre as versións consistían maiormente en variantes ortográficas e léxicas e un cómputo distinto dos versos. Todos os tres mencionados (Ibn Masud, Ubay Ibn Ka'b e Alí) tiñan un posición de autoridade que lles permitiría oporse a calquera variación que existise entre a súa colección e a de Uthman e, porén, todos os tres apoiaron a compilación de Uthman e continuaron a servir a este califa.

As recitacións

[editar | editar a fonte]

Dado que a versión de Uthman non contiña marcas diacríticas e podía, en consecuencia, ser lida de varias maneiras por quen a memorizasen, arredor do ano 700 iniciouse o desenvolvemento dunha versión para a oralidade. O exemplar máis antigo que se garda é do século IX. Hoxe en día o Corán publícase con todas as vogais.

Existen actualmente dez recitados canónicos e catro non canónicos. Un recitado canónico debe cumprir tres condicións:

  1. Debe axustarse á compilación de Uthman, letra a letra.
  2. Debe seguir as regras sintácticas do árabe.
  3. Debe seguir unha continuidade (''isnad'') até ao Profeta Mahoma a través de tawatur, isto é, ten que ter sido transmitido por un grupo de xente amplo a través da cadea da isnad.
Icona caligráfica da verba Corán

Ibn Mujahid recolleu sete destes recitados e Ibn Al-Jazri engadiu tres. Son:

  1. Nafi` de Medina (169/785), transmitido por Warsh e Qaloon.
  2. Ibn Kathir de Makka (120/737), transmitido por Al-Bazzi e Qonbul.
  3. Ibn `Amer de Damasco (118/736), transmitido por Hisham e Ibn Zakwan.
  4. Abu `Amr de Basora (148/770), transmitido por Al-Duri e Al-Soosi.
  5. `Asim de Kufa (127/744), transmitido por Sho`bah e Hafs.
  6. Hamza de Kufa (156/772), transmitido por Khalaf e Khallad.
  7. Al-Kisa'i de Kufa (189/804), transmitido por Abul-Harith e Al-Duri.
  8. Abu-Ja`far de Medina, transmitido por Ibn Wardan e Ibn Jammaz.
  9. Ya`qoob do Iemen, transmitido por Ruways e Rawh.
  10. Khalaf de Kufa, transmitido por Ishaaq e Idris.

Estes recitados difiren na vocalización (tashkil تشكيل) dunhas poucas palabras, o que lle dá un significado complementar á palabra en cuestión de acordo coas regras da gramática do árabe. Por exemplo, a vocalización dun verbo pódeo facer mudar entre as súas voces activa e pasiva. Pode modificar tamén a formación léxica, implicando intensidade, por exemplo. As vogais pódense facer longas ou curtas e as paradas glotais (hamzas) pódense engadir ou eliminar, de acordo coas regras de cada recitado concreto. Por exemplo, o nome do arcanxo Gabriel pronúnciase diferente nos diferentes recitados: Jibrīl, Jabrīl, Jibra'īl, e Jibra'il. O nome "Qur'ān" pronúnciase sen a parada glotal ("Qurān") nun dos recitados e o nome do profeta Abraham pronúnciase Ibrāhām noutro.

As narracións máis usadas son as de Hafs (حفص عن عاصم), Warsh (ورش عن نافع), Qaloon (قالون عن نافع) e Al-Duri (الدوري عن أبي عمرو). Os musulmáns cren ferventemente que todos os recitados canónicos foron recitados polo Profeta mesmo, citando a cadea da narración isnad propia, e acéptanas como válidas para o culto e como referencia para as regras da xaria. Os recitados non canónicos chámanse "explicativos" polo seu papel de dar unha perspectiva diferente dun ayah concreto. Varias ducias de persoas hoxe en día reciben o título de "Memorizador dos Dez Recitados", considerado como a honra suprema nos estudos coránicos.

A lingua do Corán

[editar | editar a fonte]

A tradición islámica considera que o Corán lle foi revelado a Mahoma en árabe. A base desta idea está no propio texto coránico, pois no versículo 103 da sura 16 afírmase que lle foi dado ao profeta nun árabe "claro", "elocuente" ou "puro" (en árabe: لِسَانٌ عَرَبِیٌّ مُّبِیۡنٌ).[4][5]

Tradicionalmente afirmábase que a variedade orixinaria era o dialecto dos Quarish, a tribo de Mahoma. Porén, os estudos filolóxicos actuais desbotan esta posibilidade ofrecendo dúas teorías: a maioritaria, considera que a lingua é a koiné árabe empregada na poesía preislámica ('arabbiya) con trazos dialectais do Hejaz (a rexión da Meca e Medina), mentres que a outra acha que primeiramente era recitado en dialecto mequí e que logo foi escrito no árabe poético preislámico.[6]

A Crítica Textual e o Corán

[editar | editar a fonte]
Corán manuscrito por Hibatallah al-Husayni para o emperador mogol Akbar (século XVI)

A crítica textual bíblica revolucionou o Xudaísmo e o Cristianismo ao cuestionar asuncións moi establecidas sobre as orixes da Biblia; algúns críticos textuais están a facer o mesmo co Corán. Indican que partes do Corán están baseados en historias dos Tanakh (a Biblia hebrea), o Novo Testamento, a Biblia cristiá e outras obras cristiás non canónicas. As diferenzas entre as versións bíblicas e as coránicas suxiren que estas historias non se tomaron directamente dos textos escritos, senón que eran parte das tradicións orais da Península arábica en tempos de Mahoma. Para os musulmáns, as historias xudías e cristiás son simplemente corrupcións textuais dun orixinal divino case perdido que se reflicte no Corán.

Esta crítica procura tamén atopar probas da evolución do texto e das disputas sobre a transcrición no islam primeiro. O recente descubrimento dos "Cemiterios do Corán" no Iemen parece que poderá achegar nova luz sobre a materia.

Interpretación do Corán

[editar | editar a fonte]

De acordo cos testemuños máis antigos, escritos todos eles por crentes, o Corán foi revelado aos poucos durante o período extenso. Cada sura, e ás veces mesmo cada versículo individual, ten as súas propias circunstancias específicas. Nalgúns casos, estas menciónanse nos coñecidos tafsirs (por exemplo, a sura Iqra, ou moitas partes, incluídos os ayat 190-194, da sura al-Baqarah); noutros casos (por exemplo, a sura al-Asr), o máis que se pode dicir é en que cidade vivía o Profeta na altura (dividindo entre as suras de Makkan e as de Medina). Nalgúns casos, tal e como na sura al-Kawthar, hai diverxencias sobre as circunstancias e tradicións diferentes fornecen unha relación diferente. Porén, cando son coñecidas, as circunstancias considéranse unha axuda importante para comprender o significado pretendido de cada versículo. O telón de foro máis xeral do Corán, especialmente o histórico, tamén ten valor para a súa interpretación. Por exemplo, non sería posíbel entender ben a sura al-Fil sen coñecer o que os primeiros historiadores árabes contan do Ano do Elefante.

Nena da etnia salar con táboas con versos coránicos. Fotografía tirada en 1933 na provincia chinesa de Qinghai.

A axuda externa de maior utilidade á hora de interpretar os significados do Corán son os Hadith, a colección de tradicións islámicas da que derivan os detalles da historia islámica primitiva. Unha completa ciencia da isnad apareceu nos primeiros séculos do islam que pretendía clasificar supostos ditos de acordo coa súa fiabilidade. A interpretación do Corán derivou logo na súa propia ciencia, a ilm at-tafsir. De entre os comentadores máis famosos destacan at-Tabari, az-Zamakhshari, at-Tirmidhi e Ibn Kathir. En canto que estes comentarios mencionan todas as interpretacións comunmente aceptadas, os comentarios fundamentalistas modernos, como o de Sayyed Qutb tenden a cinxirse a só unha das interpretacións posíbeis.

A crenza na orixe divina, directa e ininterrompida é fundamental para o islam. Isto supón crer que o Corán non contén erros nin inconsistencias. Así, a sura al-Baqarah di no seu versículo segundo: "Este é o libro no que non non caben dúbidas, un guía para os crentes". Porén, é ben sabido que certos versículos cronoloxicamente posteriores substitúen a outros anteriores. Por exemplo, a prohibición do viño logrouse gradualmente e non inmediatamente, e mentres que para algúns estudosos certos versículos que desaconsellan certas prácticas (como a poligamia) sen prohibilas de todo débense interpretar como parte dun proceso semellante, para outros isto contradí a sura 5,3 ("Neste día perfeccionei a vosa relixión para vós, completei o Meu favor sobre vós e escollín para vós o islam como relixión").

Con referencia á mensaxe básica do Corán hai tres ideas que se reiteran no libre: esta vida é unha proba; o alén é certo; as nosas accións nesta vida teñen consecuencias na vindeira.

O Corán "creado" e o "non-creado"

[editar | editar a fonte]
Estudante do Corán en Nixeria

As variedades máis estendidas de teoloxía musulmá consideran que o Corán é eterno e "non-creado", reflectindo certos aspectos da filosofía grega, en concreto as teorías de Platón segundo as que as realidades e verdades últimas son eternas e inmutábeis. Dado que os musulmáns cren que as figuras bíblicas como Moisés e Xesús Cristo predicaron o islam, a doutrina dunha revelación inmutábel e non creada implica que as contradicións entre as súas afirmacións en relación co Corán e a Biblia han de ser o resultado da corrupción humana das revelacións divinas anteriores.

Porén, algúns, entre eles as seitas Mu'tazili e Ismailí, contradicen esta doutrina do Corán non creado. Varios movementos liberais dentro do islam cuestionan, implicitamente ou explicitamente, a doutrina do Corán non creado ao discutir a aplicabilidade e validez da lei islámica, xa que as súas xustificacións baséanse con frecuencia na crenza de que esas leis foron creadas por Deus para afrontar necesidades e circunstancias específicas da comunidade de Mahoma.

De entre as moitas razóns ofrecidas por esas voces disidentes para a súa crítica da doutrina dun Corán eterno están as implicacións que tería para a doutrina da tawhid, ou unidade de Deus. Se o Corán é a fala eterna e non-creada de Alá, fala que existiu sempre xunto con El, estase a presentar un concepto plural da natureza de Deus.

Aínda que non sempre, o Corán presenta unha rima asonante entre versículos sucesivos, como na sura al-Fajr:

Wal-fajr(i),
Wa layâlin `ashr(in),
Wash-shaf`i wal-watr(i)
Wal-layli 'idhâ yasr(î),
Hal fî dhâlika qasamun li-dhî ḥijr(in).

Estas vogais de fin de versículo non se pronuncian cando os versículos se enuncian por separado, fenómeno pausal normal en árabe. Nestes casos, î e û riman normalmente e hai certo grao de variación nas consoantes finais de sílaba. Algunhas suras inclúen tamén un refrán repetido cada poucos verses, como ar-Rahman ("Entón cal dos favores do teu Señor denegarás?") e al-Mursalat ("Malditos nese día os que repudien").

Corán en lingua árabe.

A lonxitude dos versículos (ayat) varía notabelmente entre sura e sura. En xeral, as suras primeiras (da Meca) teñen versículos máis curtos que as posteriores (de Medina), e os versos legais son especialmente longos.

Todos os capítulos, excepto un, van precedidos por "Bismillah ir-Rahman ir-Rahim" ("No Nome de Deus, o Misericordioso, o Compasivo". Sobre as letras iniciais dos capítulos (un conxunto reducido) discútese se teñen sentido, se introducen a revelación coránica ou se son os monogramas ou iniciais dos escribas.

Un trazo notábel do Corán é a súa repetición parcial frecuente, que vai desde os epítetos curtos (p.ex. "Señor dos ceos e da terra") a oracións completas. Estas repeticións serven ás veces para salientar unha idea importante e ás veces ilustran ideas diferentes. Están entre os fragmentos máis difíciles de memorizar porque, mentres que a maioría dos versículos só teñen unha continuación posíbel, estes poden ter varias.

Tamén se atopa a repetición temática, como nas historias de Thamud ou de Adán, que se narra en varias ocasións con aproximadamente o mesmo nivel de detalle cada vez. Como non é unha narrativa, no Corán non hai un lugar determinado para cada elemento.

Tradicionalmente, os gramáticos árabes consideran que o Corán é un xénero único en si mesmo, que non é nin poesía (definida como texto cunha métrica e unha prosa nin prosa (definida como fala normal ou fala rimada pero non métrica, saj').

Partes e subdivisións

[editar | editar a fonte]
Sura 5, versos 12-13 dun Corán do século XIII

O Corán organízase en capítulos separados, ou sura. A súa orde non reflicte a orde cronolóxica na que foron ditadas, nin a estrutura de cada sura reflicte a natureza da revelación coránica orixinal. Os versículos éranlle revelados a Mahoma de maneira inesperada. Habitualmente, unha revelación púñao en transo e el e outros memorizaban os versículos; baixo a guía de Gabriel, Mahoma organizaba os versículos nas sura existentes.

Ademais da repartición en suras e independentemente dela, o Corán divídese en partes de extensión aproximadamente similar para maior comodidade de lectura, recitado e memorización. Úsanse as sete "estacións" (manazil) e as trinta "partes" (ajza ', singular juz '), para ler o Corán enteiro nunha semana ou nun mes, un manzil ou unha juz ' cada día, respectivamente. As juz' divídense tamén ás veces en dous "grupos" (ahzab, singular hizb), e cada hizb divídese por súa vez en catro cuartos. Outra estruturación diferente é a das ruku'at, unidades semánticas semellantes aos parágrafos e que conteñen aproximadamente unhas dez ayat cada unha.

Relación de suras pola súa orde coránica

[editar | editar a fonte]
Sura Nome en árabe Nome transliterado Nome en galego
1 الفَاتِحَة Al-Fatihah Exordio
2 ٱلْبَقَرَة Al-Baqarah A vaca
3 آلِ عِمْرَان Al-Imran A familia de Imrán
4 ٱلنِّسَاء Al-Nisa As mulleres
5 ٱلْمَائِدَة Al-Maidah A mesa
6 ٱلْأَنْعَام Al-Anam O rabaño
7 ٱلْأَعْرَاف Al-A'raf O muro
8 ٱلْأَنْفَال Al-Anfal O botín
9 ٱلتَّوْبَة Al-Tauba O arrepentimento
10 يُونُس Yunus Xonás
11 هُود Hud Hud
12 يُوسُف Yusuf Xosé
13 ٱلرَّعْد Al-Rad O tronido
14 إِبْرَاهِيم Ibrahim Abraham
15 ٱلْحِجْر Al-Hillr A rocha
16 ٱلنَّحْل Al-Nahl A abella
17 ٱلْإِسْرَاء Bani Isra'il A viaxe nocturna
18 ٱلْكَهْف Al-Kahf A cova
19 مَرْيَم Maryam María
20 طه Ta ha Ta ha
21 ٱلْأَنْبِيَاء Al-Anbiya' Os profetas
22 ٱلْحَجّ Al-Hall A peregrinación
23 ٱلْمُؤْمِنُون Al-Muminun Os crentes
24 ٱلنُّور Al-Nur A luz
25 ٱلْفُرْقَان Al-Furqan O criterio
26 ٱلشُّعَرَاء Al-Shuara Os poetas
27 ٱلنَّمْل Al-Naml As formigas
28 ٱلْقَصَص Al-Qasas O relato
29 ٱلْعَنْكَبُوت Al-Ankabut A araña
30 ٱلرُّوم Al-Rum Os bizantinos
31 لُقْمَان Luqman Luqman
32 ٱلسَّجْدَة Al-Salldah A adoración
33 ٱلْأَحْزَاب Al-Ahzab A avinza
34 سَبَأ Saba Os saba
35 فَاطِر Fatir O creador
36 يس Ya-Sin Ya-Sin (un nome de Mahoma)
37 ٱلصَّافَّات Al-Saffat A ringleira
38 ص Sad Sad
39 ٱلزُّمَر Az-Zumar Os grupos
40 غَافِر Ghafir O perdoador
41 فُصِّلَت Fussilat Explicado polo miúdo
42 ٱلشُّورىٰ Ash-Shura A consulta
43 ٱلْزُّخْرُف Az-Zukhruf Os adobíos
44 ٱلدُّخَان Ad-Dukhān O fume
45 ٱلْجَاثِيَة Al-Yāthiyah A axeonllada
46 ٱلْأَحْقَاف Al-Ahqaf As dunas
47 مُحَمَّد Muhammad Mahoma
48 ٱلْفَتْح Al-Fath A vitoria
49 ٱلْحُجُرَات Al-Ḥuyurat Os cuartos
50 ق Qaf Qaf
51 ٱلذَّارِيَات Ad-Dáriat Os que aburan
52 ٱلطُّور At-Tur O monte
53 ٱلنَّجْم An-Naym A estrela
54 ٱلْقَمَر Al-Qamar A Lúa
55 ٱلرَّحْمَٰن Ar-Ráhman O compasivo
56 ٱلْوَاقِعَة Al-Waqia O acontecemento
57 ٱلْحَدِيد Al-Hadid O ferro
58 ٱلْمُجَادِلَة Al-Muyadila A discusión
59 ٱلْحَشْر Al-Hachr A xuntanza
60 ٱلْمُمْتَحَنَة Al-Mumtahana A examinada
61 ٱلصَّفّ As-Saff A liña de loita
62 ٱلْجُمُعَة Al-Yumua O venres
63 ٱلْمُنَافِقُون Al-Munafiqún Os hipócritas
64 ٱلتَّغَابُن At-Tabagun A mutuo decepción
65 ٱلطَّلَاق At-Tálaq O reputio
66 ٱلتَّحْرِيم At-Tahrim A prohibición
67 ٱلْمُلْك Al-Mulk O dominio
68 ٱلْقَلَم Al-Qalam O cálamo
69 ٱلْحَاقَّة Al-Haqqa O inevitable
70 ٱلْمَعَارِج Al-Mariy Os graos
71 نُوح Nuh Noé
72 ٱلْجِنّ Al-Yinn Os xenios
73 ٱلْمُزَّمِّل Al-Muzzamil A morea
74 ٱلْمُدَّثِّر Al-Mudazzir Arroupado
75 ٱلْقِيَامَة Al-Quiyamat A resurreción
76 ٱلْإِنْسَان Al-Insan O home
77 ٱلْمُرْسَلَات Al-Mursalat Os emisarios
78 ٱلنَّبَأ An-Naba O anuncio
79 ٱلنَّازِعَات An-Naziat Os que arrastran
80 عَبَسَ Abasa Engurrou as cellas
81 ٱلتَّكْوِير At-Takuír O escurecemento
82 ٱلْإِنْفِطَار Al-Infitar A fenda
83 ٱلْمُطَفِّفِين Al-Mutafífin Os defraudadores
84 ٱلْإِنْشِقَاق Al-Inchicaq O racho
85 ٱلْبُرُوج Al-Buruj As constelacións
86 ٱلطَّارِق At-Tariq O astro nocturno
87 ٱلْأَعْلَىٰ Al-'Ala O altísimo
88 ٱلْغَاشِيَة Al-Gashiyah O que cobre
89 ٱلْفَجْر Al-Fayr A alborada
90 ٱلْبَلَد Al-Balad A cidade
91 ٱلشَّمْس Ash-Shams O Sol
92 ٱللَّيْل Al-Lail A noite
93 ٱلضُّحَىٰ Ad-Duha A mañá
94 ٱلشَّرْح Ash-Sharh A abertura
95 ٱلتِّين At-Tín As figueiras
96 ٱلْعَلَق Al-'Alaq A sangre callada
97 ٱلْقَدْر Al-Qadr O fado
98 ٱلْبَيِّنَة Al-Baiyina A proba
99 ٱلزَّلْزَلَة Az-Zalzalazh O sismo
100 ٱلْعَادِيَات Al-'Áadiyat O cabalo de batalla
101 ٱلْقَارِعَة Al-Qârì'a A calamidade
102 ٱلتَّكَاثُر At-Takâthur A rivalidade
103 ٱلْعَصْر Al-'Asr O serán
104 ٱلْهُمَزَة Al-Humaza O difamador
105 ٱلْفِيل Al-Fíl O elefante
106 قُرَيْش Quraish Os quraish
107 ٱلْمَاعُون Al-Má'ün A axuda
108 ٱلْكَوْثَر Al-Kauthar A fartura
109 ٱلْكَافِرُون Al-Káfirüm Os incrédulos
110 ٱلنَّصْر An-Nasr O auxilio
111 ٱلْمَسَد Al-Masad A fibra de palma
112 ٱلْإِخْلَاص Al-Ikhlâs Pureza da fe
113 ٱلْفَلَق Al-Falaq O abrente
114 ٱلنَّاس An-Nás A humanidade

O Corán e a cultura islámica

[editar | editar a fonte]

Antes de tocar unha copia do Corán, os musulmáns realiza unha wudu ou ablución (limpeza ritual con auga). Isto baséase na tradición e na interpretación literal da sura 56:77-79: "Con seguranza que é un Corán honrado, nun libro que está protexido: ninguén o deberá tocar excepto os purificados".

Crentes lendo o Corán en Tabriz

O recitado (tilawa, تلاوة) do Corán é unha arte no mundo musulmán e dá lugar a variacións de pronuncia.

As tradicións relacionadas coa tradución e a publicación do Corán mandan que cando se publica o libro non debe ser titulado simplemente "O Corán". O título debe incluír sempre un adxectivo descritivo (para evitar confusións posíbeis con outros "recitados" no sentido árabe), que é polo que todas as edicións do Corán se titulan O Glorioso Corán, o Nobre Corán ou parecido.

O maior editor de exemplares do Corán, uns 10 millóns por ano, é o Complexo de Impresión do Glorioso Corán do rei Fahd en Medina.[7]

Doutra banda, o texto coránico foi fundamental na elaboración do estándar do árabe clásico pois foi unha das fontes empregadas polo lingüista persa Sibawayh para facer no século VIII a primeira gramática árabe, Al-Kitāb.[8][9]

Tradución do Corán

[editar | editar a fonte]
Edición bilingüe bosníaca-árabe do Corán

Para os musulmáns, o Corán é a revelación de Deus, polo que sempre o recitan no orixinal árabe durante as oracións rituais (salah). O texto traducido a outros idiomas non o consideran posuidor do carácter sagrado único do orixinal, senón só intentos de "tradución interpretativa", non teñen peso ningún nos debates sobre o significado do Corán e non son considerados "libros sagrados" e é corrente cando os lectores van ser maioritariamente musulmáns que se editen como comentarios, explicacións ou versións máis que como traducións e moitas veces van acompañadas do orixinal árabe, aínda así teñen importancia polo que supoñen de difusión do libro entre os musulmáns que non saben árabe e entre os non musulmáns[10]

Todas as traducións máis importantes do Corán foron obra dun único individuo, de maneira que non hai tradución a ningún idioma que reflicta o estudo de eruditos especializados, como si sucede coa Biblia. A primeira tradución ao latín foi a de Robert de Ketton, en 1143.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para corán.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alcorán.
  3. Jane Dammen McAuliffe ( 2006) The Cambridge Companion to the Qu'ran Cambridge:Cambridge University Press, p. 31
  4. "Surah An-Nahl - 103". quran.com. Consultado o 2023-02-21. 
  5. "Al-Nahl". Comunidad Musulmana Ahmadía (en castelán). Consultado o 2023-02-21. 
  6. DéRoche, François (2019). "Chapitre II. Structure et langue". Le Coran. Presses Universitaires de France. pp. 26–46. ISBN 978-2-7154-0147-1. 
  7. "Quran Complex prints more than 10 million copies annually The official Saudi Press Agency". www.spa.gov.sa. Consultado o 2023-02-19. 
  8. Hussein, Basim Salih; Majeed, Ali Jadullah (2020). "Grammatical Orientation of Quranic Readings according to Sibawayh in Al Kitaab and Its Explanations". Journal of Tikrit University for Humanities (en inglés) 27 (8). 
  9. "Polygenesis in the Arabic Dialects - Brill Reference". web.archive.org. 2016-08-15. Archived from the original on 15 de agosto de 2016. Consultado o 2023-02-21. 
  10. Mikel de Epalza (2008) El Corán y sus traducciones propuestas. Alacant:Universidade de Alacant pp. 81-82

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]