Abu Bakr

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Abu Bakr (ابو بكر الصديق ), nado no ano 573 na Meca e morto no ano 634 en Medina, foi o primeiro califa tras a morte de Mahoma.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixinariamente chamado Abd-el-Kaba (servo do templo) recibiu o nome de Abu Bakr (O home dos camelos) pola súa actividade comercial.
Naceu no seo do clan de Banu Taim e gañou gran reputación nas súas actividades comerciais, chegando a ser recoñecido como xuíz, intérprete de soños e depositario das tradicións do seu pobo.

Foi un dos primeiros homes adultos convertidos ao Islam (o primeiro fo Ali ibn Abi Talib), asumiu o nome de Abd-Allah (servo de Deus), e tivo grande éxito en captar novos adeptos. Na héxira (622) foi el o único que acompañou a Mahoma. Cando volveu a Medina casou súa filla Aixa con Mahoma.

Segundo a tradición sunní, durante a última enfermidade de Mahoma, este permitiulle dirixir as oracións na súa ausencia, a maioría dos seus seguidores tomaron este feito como o desexo que fora el quen o sucedese, polo que cando morreu Mahoma o 8 de xuño do 632, o pobo aclamouno primeiro califa. A tradición xiíta afirma, pola contra, que Mahoma designara a Alí, seu xenro, como sucesor. Abu Bakr e Uthman intrigaron para impedilo. Esta disputa aínda divide aos chiítas e aos sunnitas.

Abu Bakr asumiu o seu novo cargo baixo o título de Khalifet-Rasul-Allah ("sucesor do profeta de Deus"). Tivo que facer fronte con éxito á revolta dalgunhas tribos do Hejaz e Nejd e loitar contra Ibn Habib al-Hanefi, autoproclamado profeta e sucesor de Mahoma, vencéndoo na batalla de Akraba. Unha vez pacificada Arabia dirixiu os seus xenerais cara o exterior, conquistando Iraq e Persia nunha soa campaña, proseguindo axiña coa conquista de Siria.

Algunhas tradicións sobre da orixe do Corán afirman que Abu Bakr foi fundamental na preservación das revelacións de Mahoma. Outras afirman que despois da vitoria sobre al-Hanefi, Omar ibn al-Khattab viu que a maior parte dos musulmáns que memorizaran o Corán dos labios do profeta morreran na batalla, e pediu a Abu Bakr que as recollese por escrito.
O sartego de Abu Bakr está na mesquita de Masjid al Nabawi en Medina, a carón de Mahoma e Omar ibn al-Khattab.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abu Bakr