Adán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A creación de Adán segundo Michelangelo

Adán segundo o relato bíblico foi a primeira persoa creada por Deus, representando o primeiro ser humano no mito da creación das relixións abrahámicas, aínda que as diferentes crenzas diferen no relato do seu comportamento e nas consecuencias que esas accións tiveron para a humanidade. para os xudeus e cristiáns Adán e Eva (a primeira muller) tiveron un nivel de responsabilidade diferentes mentres segundo o pensamento islámico a súa responsabilidade foi igual sendo Adán perdoado mentres que para o cristianismo a redención só aconteceu co sacrificio do fillo de Deus, Xesús Cristo. O islam e algunhas denominacións cristiás considérano o primeiro profeta.

Adán de Jan van Eyck

Creación[editar | editar a fonte]

Segundo o libro da Xénese "Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva" (Xénese 2, 7) e estableceuno no xardín do Edén como o amo absoluto, coa única condición de non comer o froito da árbore do ben e do mal. Para que non estivese só, Deus formou os animais e Adán deulles nome pero ao home faltáballe unha axuda ao seu xeito, así que Deus adormeceuno e tiroulle unha costela, e dela formou unha muller, Eva.

Caída[editar | editar a fonte]

Expulsión do xardín do Edén, Michelangelo

Mais unha serpe convenceu a Eva que comer da árbore prohibida non levaría á morte, senón a que " que se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal" (Xénese 3:4), Eva come da árbore e dálle logo a Adán para que tamén comera. Ao se decatar Deus que perdera a inocencia por comer da árbore prohibida díxolle ao home "por culpa túa será maldita a terra: con traballos tirarás dela a túa mantenza mentres vivas" (Xénese 3, 17)... "comerás o pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De feito ti es po e ao po tes que volver" (Xénese 3, 19). E expulsounos do Edén.

Vida posterior[editar | editar a fonte]

Logo da súa expulsión, Adán tivo que traballar duro para comer por vez primeira. Segundo o Libro da Xénese tivo tres nenos, Caín, Abel e Xet e consonte a xenealoxía da Xénese morreu á idade de 930 anos.

Tradicións relixiosas[editar | editar a fonte]

Xudaísmo[editar | editar a fonte]

Nos escritos rabínicos e nos rolos do Mar Morto, Adán foi creado na forma dun home con atributos fantásticos e gloriosos, mais perdeu todos eses atributos ao ser expulsado do Edén.[1] Segundo unha crenza tradicional xudía soterrouse na Tumba dos Patriarcas en Hebrón; segundo outra, que gañou máis forza durante a Idade Media, cando o estudo da cábala tornouse ben prestixioso, Adán tivo unha primeira muller, identificada polo nome Lilit, que Deus creou á vez ca el.[2]

Cristianismo[editar | editar a fonte]

Segundo Agostiño de Hipona o pecado orixinal de Adán e Eva foi un acto de necidade seguido de orgullo e desobediencia a Deus. A árbore era o símbolo da orde da creación, polo que se fallou no recoñecemento e respecto ao mundo tal como o creara Deus, coa súa xerarquía, pero eles non caerían se Satán, representado pola serpe, non introducise neles a raíz do demo. A súa natureza alterouse cola concupiscencia ou libido, que afectou á intelixencia, á vontade, os afectos e os desexos, incluído a aparición do desexo sexual.

Islamismo[editar | editar a fonte]

Miniatura persa de fins do século XIII representando a Adán e Eva

Segundo o islam, Adán construíu o primeiro altar a Deus, e uns dous mil anos despois o seu descendente Abraham, coa axuda do seu fillo Ismael, reconstruíuno, coñecéndose hoxe en día como a Kaaba, situada na Meca, a mesquita máis importante do islam.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Freedman, David (2000) Eerdmans Dictionary of the Bible, Cambridge:Eerdmans
  2. Black Koltuv, Barbara (1986). The Book of Lilith (en inglés). Berwick: Nicolas-Hays. p. 97. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]