Ceca de Antioquía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ceca de Antioquía
Período imperial romano–
Constantino I (306-337)
CONSTANTI-NVS MAX AVG. Busto diademado e acoirazado do emperador cara á dereita. VICTORIA CO-NSTANTINI AVG. Vitoria andando cara á esquerda, con trofeo na man dereita e palma na esquerda. No campo crismón e LXXII. No exergo: marca de ceca SMAN•.
Sólido de ouro. Ca. 335-336 d.de C. 4,24 g.

A ceca de Antiochia foi un obradoiro monetario da Antigüidade establecido na cidade de Antioquía, na actual Turquía. Cuñou inicialmente moeda seléucida, a partir de Antíoco I (281-280 a. de C.), e, nunha segunda etapa, produciu moeda romana ao se constituír nunha das cecas imperiais romanas, dentro da provincia de Siria, a partir do emperador Vespasiano en 69.[1]

Marcas de ceca[editar | editar a fonte]

Da grande variedade de marcas de ceca características das moedas da ceca de Antioquía, estas son algunhas das máis frecuentes.[2]

N ANA ANB ANG AND ANE ANS ANH ANI ANT
ANTA ANTB ANTG ANTD ANTE ANTS ANTZ ANTH ANTI ANTOB
ANZ SMAN SMANA SMANB SMANG SMAND SMANE SMANT SMANTA SMANTB
SMANTG SMANTD SMANTE SMANTS SMANTZ SMANTH SMANTI

Historia[editar | editar a fonte]

Período helenístico[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Moeda seléucida.
Tetradracma seléucida a nome de Alexandre II (128-123 a. de C.). Ceca de Antioquía

A historia numismática de Antioquía comeza xa pouco despois da súa fundación, coa cuñaxe das primeiras moedas a nome de Seleuco I (281-261 a. de C.). Estas primeiras emisións producíronse simultaneamente nas cecas das outras tres cidades importantes do Imperio Seléucida, que configuraban a denominada Tetrapole Siria: Seleucia Pireia, Laodicea e Apamea.[3]

Durante varios séculos e case sen interrupción, a produción de moedas de ouro, prata e bronce da ceca de Antioquía foi moi considerable, como resulta esperable nunha das principais cidades comerciais da rexión naquela época.[1]

Período romano[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Moeda da Antiga Roma.
Artigo principal: Moeda bizantina.

De Augusto a Traxano (23 a. de C. - 117 d. de C.)[editar | editar a fonte]

Denario a nome de Vespasiano (60-79 d. de C.), cuñado en 72. Ceca de Antioquía[4]

Logo da Batalla de Accio (31 a. de C.), Octavio Augusto (27-14 a. de C.), que seguía a ser o máximo representante do mundo romano, levou a cabo a primeira gran reforma monetaria do Imperio Romano (entre 23 e 20 a. de C.), que prevía para as provincias romanas de lingua grega disporen das súas propias moedas de tipo local ou provincial. As cecas onde se produciron estas moedas situáronse en lugares de importancia estratéxica do Oriente Romano: Alexandría, para Exipto; Antioquía (para Siria e as provincias limítrofes), e Cesarea para a Capadocia.

Hoxe temos noticia, a través do historiador Tácito (55-120), da cuñaxe de moedas romanas en Antioquía durante a guerra civil que implicou o daquela gobernador de Siria, Vespasiano, pouco despois de ser proclamado Imperator das tropas en Alexandría, o 1 de xullo de 69.[5]

LATÍN: «Prima belli cura agere dilectus, revocare veteranos; destinantur validae civitates exercendis armorum officinis; apud Antiochensis aurum argentumque signatur, eaque cuncta per idoneos ministros suis quaeque locis festinabantur».

GALEGO: «A primeira medida da guerra consistiu en recrutar soldados e chamar os veteranos. Establecéronse cidades importantes para a fabricación de armamento: en Antioquía cuñáronse moedas de prata e de ouro, e todo administrado por axentes cualificados nos lugares indicados».

Durante o mandato de Traxano (98-117), Antioquía foi a principal das cecas provinciais para a emisión de dracmas e de tetradracmas.

Áureo a nome de Heliogábalo (218-222). Ceca de Antioquía[6]

Guerra civil e dinastía Severa (193-235)[editar | editar a fonte]

Máis dun século despois cuñouse en Antioquía moeda a nome do pretendente Pescenio Níxer (193-194), gobernador de Siria, quen se opuxo a Septimio Severo (193-211) no curso dunha guerra civil e que estaba apoiado polos exércitos orientais. Precisamente o sostemento das nove lexións que o apoiaban foi o que motivou a realización destas emisións.

Considérase probable que Septimio Severo pechase a ceca, xa que castigou a cidade de Antioquía trasladando a capitalidade da provincia de Siria á próxima cidade de Laodicea, durante algúns anos, ata que o seu fillo, Caracalla (198-217), o persuadiu para perdoar a cidade polo seu apoio a Pescenio Níxer. Porén, a ceca reabriu puntualmente para unha efémera emisión a nome de Heliogábalo (218-222), da dinastía Severa.

Anarquía militar (235-286)[editar | editar a fonte]

Antoniniano a nome de Gordiano III (238-244). Ceca de Antioquía[7]

A reapertura da ceca de Antioquía debeu producirse na época de Gordiano II (238-244), que emitiu ao seu nome antoninianos, e continuou activa con Filipo o Árabe (244-249). En Oriente, coa chegada de Valeriano (253-269) a Antioquía en 254 e o establecemento alí da sede imperial, a ceca existente ata o momento amosábase insuficiente para sufragar as necesidades militares da rexión, o que fixo necesaria a construción dun segundo obradoiro monetario, en 255. Coa derrota de Valeriano en 260, a ceca parou a cuñaxe de moeda durante uns anos a partir de 262, quizais ata Claudio II (268-270), que a reactivou.[8]

Durante o mandato de Aureliano (270-275), iniciado logo da súa vitoria sobre a raíña de Palmira, Zenobia (267-272), emitiuse en Antioquía unha nova serie de áureos que conmemoraban a derrota desta e do seu fillo, Vabalato (267-272).[9]

Da Tetrarquía a Constantino (285/296-324)[editar | editar a fonte]

Arxénteo a nome de Constancio I (305-306). Ceca de Antioquía (marca ANT)

Despois de 274 é probable que a ceca se mantivese pechada durante un longo período e comezou a reactivarse con algunhas cuñaxes temporais, como as producidas a nome de Diocleciano (284-305) con motivo do seu ascenso ao trono imperial ou cando pasou algúns invernos na capital siria durante as campañas sasánidas de Galerio, entre 293 e 298.[10][11]

A produción da ceca de Antioquía chegou a ser moi anta durante a primeira e a segunda tetrarquía. En 294 a ceca contaba con oito obradoiros, en 299 aumentou a dez e en 312 a once. A súa misión non se limitou á subministración de circulante para a diocese, senón que cumpría, ademais, proporcionar moeda para o pagamento das lexións estacionadas nos límites do Imperio Persa; de aí a necesidade de grandes volumes de cuñaxe. Unicamente baixo o mandato de Maximino II Daia (311-313) a ceca de Antioquía acadou o número de quince oficinas ou obradoiros monetarios, unha cantidade que se reduciu a oito en 321, reinando Licinio I no Leste (313-324).[1]

Constantino e a súa dinastía (325-363)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Moeda constantiniana.
Sólido a nome de Constantino II (337-340). Ceca de Antioquía (marca: SMANA)[12]

Un novo período de esplendor da ceca de Antioquía produciuse cando Constantino I (306-337) se converteu no único Augusto, despois de 324, e especialmente cando o seu fillo, Costancio II (337-361), quedou a residir na cidade durante uns anos (entre 337 e 350), para defender o límite oriental dos avances sasánidas de Shapur II (309-379).[13]

Constantino I engadiu dous novos obradoiros á ceca en 326. Pola súa banda, Constancio II, moi necesitado de circulante para afrontar as súas campañas no leste, levou novamente a ceca ao seu máximo de quince obradoiros, cantidade que permaneceu ata 362, con Xuliano o Apóstata (360-363) no poder, cando se reduciron a unicamente catro.[1]

De Xoviano (363) ao século VII[editar | editar a fonte]

Bronce (AE2) a nome de Elia Facilia (379-395). Ceca de Antioquía (marca ANTE)[14]

As cuñaxes de Antioquía continuaron a nome de Xoviano (363-364), Valente (364-378), Graciano (375-383), Elia Flacila, consorte, esposa de Teodosio I o Grande (379-395), etc. Baixo Valente, a ceca volveu operar con dez obradoiros, que se reduciron a seis nos derradeiros meses do seu mandato, durante o interregno supervisado polo emperador occidental Graciano (367-383). Teodosio I eliminou outros dous obradoiros monetarios e deixou catro operativos ata o mandato de Teodosio II (408-450), cando se reduciron primeiramente a tres e logo a un só. A ceca afrontou un pechamento durante o período de Zenón (479-491), aínda que volveu estar operativa un tempo despois, xa no inicio do período bizantino, ata o seu pechamento definitivo nas primeiras décadas do século VII.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Knowing the Roman imperial mints: XIII- Antioch". Aeternitas Numismatics.
  2. "Antiochia: Antakiyah, Turkey". Forum Ancient Coins.
  3. Panvini Rosati, F.; Cahn, H. A. (2000). Páxina 68.
  4. "Denarius. Museum number R.10503". The British Museum.
  5. Tácito. Historiae, II, 78-82.
  6. "Aureus. Museum number: 1922,0909.4". The British Museum.
  7. "Leu Numismatik. Web Auction 12. Lot 1193". Con Archives."
  8. Panvini Rosati, F.; Cahn, H. A. (2000). Páxinas 131, 137.
  9. Panvini Rosati, F.; Cahn, H. A. (2000). Páxina 130.
  10. Panvini Rosati, F.; Cahn, H. A. (2000). Páxina 139.
  11. RIC V 325 e RIC VI 13.
  12. "Classical Numismatic Group. Auction 469. Lot 549". Coin Archives.
  13. Panvini Rosati, F.; Cahn, H. A. (2000). Páxina 144.
  14. "Kölner Münzkabinett. Auction 113. Lot 410". Coin Archives.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]