Moeda seléucida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tetradracma de prata a nome de Alexandre I Balas (152-145 a. de C.), co busto de Alexandre o Grande no anverso. Ceca de Tiro.

A moeda seléucida é a emitida pola autoridade do Imperio Seléucida, que no período de máxima expansión se estendía desde o mar Mediterráneo ata o océano Índico e abranguía parte de Anatolia, Siria, Mesopotamia e Persia. Este período comeza arredor de 312 a. de C., despois da morte de Alexandre o Grande, e finaliza en 63 a. de C., coa conquista romana.[1][2]

Estas cuñaxes estaban inspiradas nas de Alexandre o Grande e baseadas, pola súa vez, no sistema monetario e ponderal ateniense.

O símbolo da moeda seléucida era a áncora, que aparece frecuentemente nos anversos das moedas que amosan, de maneira póstuma, o busto de Alexandre o Grande. Algúns bronces seléucidas presentan cantos serrados, do mesmo xeito que algúns denarios romanos e, menos comunmente, algunhas moedas macedonias.

A primeira ceca real seléucida foi a de Seleucia do Tigris. Posteriormente, Antioquía, como nova capital, albergou a ceca máis importante logo de que Seleuco I trasladara a esa localidade os traballadores desde a de Seleucia.

Denominacións e valores[editar | editar a fonte]

Bronce[editar | editar a fonte]

Moeda de bronce de Antíoco IV

En bronce emitíronse cinco valores con diferente tipoloxía; os pesos e os tamaños son moi variables e o máis probable é que non se fixera esforzo ningún por cumprir cun padrón establecido. Estes bronces adoitan denominarse en calcos (chalkoi).[3][4]

  • Tipo A: > 23 mm = > 10 g.
  • Tipo B: 18–23 mm = 6,77 - 8,63 g
  • Tipo C: 13–17 mm = 3.88 g.
  • Tipo D: 12–13 mm = 1,59 g.
  • Tipo E: 10–12 mm = 1,13 g.

Prata[editar | editar a fonte]

Tetradracma de prata do usurpador Alexandre II Zabinas. Ceca de Antioquía

Canto ás emisións en prata, con denominacións en óbolos e dracmas, estas son as imaxes máis comunmente reproducidas:[2]

  • Óbolo: áncora, arco e alxaba.
  • Dióbolo: arco e alxaba.
  • Hemidracma.
  • Dracma: áncora.
  • Tetradracma: elefante andando.
  • As moedas que reproducen a cabeza de Zeus no anverso e a Atena nun carro tirado por de elefantes responden a un estándar fenicio máis lixeiro.

Historia[editar | editar a fonte]

Os novos estados que sucederon o Imperio Macedonio continuaron a cuñar as súas moedas reproducindo a imaxe de Alexandre o Grande, xa que esas moedas estaban moi estendidas polo Imperio Seléucida; de feito, todas as cecas desa área, bardante a de Balkh (grego antigo: Βάκτρα -Báktra-; bactriano: Βάχλο -Bakhlo-), emitiran esas moedas. Antíoco I, fillo de Seleuco, foi o primeiro gobernante seléucida en amosar a súa propia imaxe nas moedas que emitiu.[5]

Polo xeral, as moedas que non estaban baseadas no sistema ponderal do padrón ático, como é o caso das emisións tolemaicas, as moedas de Rodas e as atálidas, non circularon dentro do imperio. Suponse que debeu haber regulacións dirixidas a facer cumprir o padrón ático, cunha base máis orde pragmática que de índole política. Con todo, Celesiria e Fenicia, conquistadas en 200 a. de C. por Antíoco III, foron excepcións no uso do padrón ático, xa que os seléucidas cuñaron algunhas moedas segundo o padrón tolemaico para seren utilizados na rexión, na que coexistiron, xa que logo, ambos os sistemas.[5][6]

As regulacións monetarias seléucidas difiren en varios aspectos das da Persia aqueménida, xa que neste último caso os gobernantes non intentaron unificar os padróns para a cuñaxe, senón que deixaron que os sátrapas locais emitisen ao seu nome as súas propias moedas. Pola contra, mesmo conservando os seléucidas o sistema de sátrapas, estes prohibiron aos gobernantes locais a emisión de circulante propio. Algunhas cidades tiveron, iso si, as súas cecas para as cuñaxes de bronce (con control real), en tanto que as de ouro e as de prata grande só se cuñaban nas cecas reais.[5]

Como consecuencia da importante indemnización que Antíoco III tivo que pagar a Roma logo dunha derrota militar (192-188 a. de C.), a moeda de prata comezou a escasear e a facerse máis feble. Nas dúas décadas posteriores a esa guerra apenas se emitiu moeda de prata, que se viu practicamente substituída pola de bronce entre 173 e 171 a. de C.[7]

Cando o imperio seléucida empezou a declinar, particularmente nalgunhas rexións, nas derradeiras décadas do século segundo a. de C., as autoridades locais comezaron a cuñar as súas propias moedas de prata para amosaren a súa autonomía fronte ao poder central.

Malia as regulacións tendentes a centralizar o control das emisións, a política monetaria seléucida aínda era algo permisiva, en comparación coa do reino tolemaico, que impuxo o poder exclusivo da emisión de moeda.[5] En relación co proceso de cuñaxe da moeda tolemaica, ambas comparten a característica depresión central que se amosa en ambas as faces das moedas.[8][9]

Cecas seléucidas[editar | editar a fonte]

En amarelo o Imperio Seléucida, coas súas principais cidades

No territorio central seleúcida arredor de Siria houbo unha grande concentración de obradoiros monetarios. Pola contra, as provincias orientais tiveron só unha ceca cada unha.[10] As rexións mediterráneas do imperio estaban máis monetizadas e tiñan unha economía moito máis dependente da política monetaria. Pola súa vez, o uso da moeda en Mesopotamia, incluídas as rexións de Babilonia e Susiana, limitábase ao ámbito urbano e estaba moi vinculada aos impostos e aos pagamentos oficiais e, malia facerse máis xeral na época helenística, os métodos tradicionais de pagamento non chegaron a desaparecer completamente.[11]

Seleucia do Tigris albergou a primeira ceca seléucida na súa condición de capital. Máis tarde, cando Seleuco I Nicátor lle deu máis relevancia á construción dunha importante cidade portuaria en Antioquía, os operarios da ceca primitiva foron trasladados a esta nova capital, onde pasaron a cuñarse as moedas de ouro e tamén as de bronce emitidas a nome do rei. O antigo obradoiro monetario de Seleucia, pola contra, continuou a súa actividade coa consideración de ceca municipal, centrada nas emisións de bronce de carácter local.[12]

A ceca de Tolemaida estaba entre as máis activas e continuou a bater moeda baseada nun padrón diferente do ático, mesmo con posterioridade a ser conquistada por Antíoco III o Grande. É probabelmente que esta cidade mantivese a cuñaxe de moeda de prata sen interrupción mesmo despois de cambiar mans, xa que se trataba dunha cidade de moita importancia en Fenicia.[6]

Cecas occidentais[editar | editar a fonte]

Cecas orientais[editar | editar a fonte]

Deseño e iconografía[editar | editar a fonte]

Bronce de Seleuco I da ceca de Antioquía, ca. 280 a. de C. A/ Cabeza de Medusa. R/ Touro.

A áncora foi o símbolo da dinastía Seléucida a partir do reinado de Seleuco I Nicátor, en 305 a. de C.[14][15] Este motivo comezou a utilizarse nos reversos das moedas que amosaban nos seus anversos a imaxe de Alexandre o Grande, seguindo unha iconografía moi habitual nos territorios dos Diádocos.[5]

As orixes da áncora como símbolo non son claras e hai diversas teorías acerca disto. Unha delas é a conmemoración a carreira de Seleuco baixo o goberno tolemaico entre 315 e 312 a. de C; segundo outra teoría, a áncora suporía unha propaganda dirixida aos comerciantes para os atraer de volta ás cidades do norte de Siria e aos seus novos portos, construídos por Seleuco.[15]

Logo do pasamento de seleuco, os seus sucesores empezaron a cuñar moedas coa súa imaxe.[5] As moedas do Imperio Seléucida amosaban as imaxes do monarca vestido cunha cabeza de león ou Zeus nun trono cun cetro e unha aguia en cada man. Algunhas moedas representaban tamén unha divindade e outros elementos, como un medusa, un touro ou unha áncora.[12][16]

A moeda cuñada por Antíoco IV pode ser considerada como innovadora desde o punto de vista iconográfico, ao recorrer a diversos atributos celestes e a símbolos como estrelas e raios sobre a súa cabeza. Tanto Antíoco IV como Seleuco IV emitiron moedas coa deidade solar Helios. Outra divindade estreitamente asociada ao reinado destes dous irmáns gobernantes é Apolo.[17]

Moedas de bronce seléucidas co canto serrado e a típica forma de tapón de botella

Moedas co canto serrado[editar | editar a fonte]

Algunhas moedas seléucidas de bronce presentan os seus cantos serrados, algo pouco habitual na moeda antiga, o que lles dá un aspecto similar ao dun tapón de botella.[18][19][20] As cecas seléucidas cuñaron este tipo de bronces entre os anos 187 e 141 a. de C, durante os reinados de Seleuco IV e Antíoco VI.[8][9]

Á parte destes casos, coñécense tamén casos de moedas cos cantos serrados no Reino de Macedonia durante o reinado de Filipo V, aínda que, como no caso seléucida, non se mantiveron vixentes durante moito tempo.[8] Da mesma maneira, algúns denarios romanos compartiron esta peculiaridade.[21]

Segundo algúns estudosos, esta forma dos cantos faría máis doado demostrar que a moeda era de metal sólido, aínda que isto poida resultar contraditorio con que só se lles aplicase ás moedas de bronce e non ás de prata nin ás de ouro.[20] No caso dos denarios romanos serrados parece claro que se trataba de dificultar a falsificación e a alteración das moedas, aínda que no caso dos bronces seléucidas podería tratarse simplemente dun motivo ornamental.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Houghton, A. (2004).
  2. 2,0 2,1 Markowitz, M. (2019).
  3. "Calco". En Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  4. Houghton, A. (2004). "A Unified Bronze Standard?". Páxina 64.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Howgego, Ch. (2002). Páxinas-38-39.
  6. 6,0 6,1 Newell, Edward T. (1921). Páxinas 1-2.
  7. Crawford, Michael H. (1985). Páxina 155.
  8. 8,0 8,1 8,2 Mørkholm, O. (1991). Páxina 13.
  9. 9,0 9,1 9,2 MacDonald, G. (2012). The Evolution of Coinage. Cambridge University Press. ISBN 978-1-107-60599-2. Páxinas 66-68.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Heckel, W.; Sullivan, R. (2010). Ancient Coins of the Graeco-Roman World: The Nickle Numismatic Papers. Wilfrid Laurier University Press. ISBN 978-1-55458-699-8. Páxina 94.
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 Van der Spek, R. J. et al. (2014). A History of Market Performance: From Ancient Babylonia to the Modern World. Taylor & Francis. ISBN 978-1-317-91849-3. Páxinas 501-.
  12. 12,0 12,1 Cohen, G. M. (1995). The Hellenistic Settlements in Europe, the Islands, and Asia Minor. University of California Press. ISBN 978-0-520-08329-5. Páxina 129.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Ogden, D. (2017). The Legend of Seleucus: Kingship, Narrative and Mythmaking in the Ancient World. Cambridge University Press. ISBN 978-1-316-73844-3. Páxina 120.
  14. Pfrommer, M. (1993). Metalwork from the Hellenized East: Catalogue of the Collections. Getty Publications. ISBN 978-0-89236-218-9. Páxina 25.
  15. 15,0 15,1 Antela-Bernardez, B. (2009). "The anchor and the crown: Seleucos' use of the" anchor" coin type in 305 BC". En Athenaeum: Studi di letteratura e Storia.
  16. "Browsing Ancient Coinage of Seleucia, Antiochos I". En Wildwinds.com
  17. Lorber, C.; Panagiotis, I. (2009). "The cult of Helios in the Seleucid East". En Topoi. 16 (1): 19-42.
  18. "Moneda serrada". En Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  19. "Ancient Coin Cleaning And Restoration: What In The World Are Seleucids Or "Bottle Caps?"". En Ancient Coin Cleaning and Restoration. 2009.
  20. 20,0 20,1 "A Mystery Coin - Who Are You?". Eb Detritus of Empire.
  21. "Denario serrado". En Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]