Carlos I de Austria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carlos I de Austria e IV de Hungría
Emperador de Austria, Rei Apostólico de Hungría, Rei de Bohemia, Croacia e Eslavonia, Dalmacia, Galicia, Lodomeria, e Iliria
Erzherzog Thronfolger Karl Franz Josef.jpg
Carlos I de Austria e IV de Hungría
Reinado 21 de novembro de 1916 - 12 de novembro de 1918
Coroación 21 de novembro de 1916
Nome completo Karl Franz Josef Ludwig Hubert Georg Maria von Habsburg-Lothringen
Nacemento 17 de agosto de 1887
Castelo de Persenburg, Baixa Austria,
Civil ensign of Austria-Hungary (1869-1918).svg Imperio Austrohúngaro
Falecemento 1 de abril de 1922
(34 anos)
Funchal, Flag of Portugal.svg Portugal
Sepultura Igrexa de Nossa Senhora do Monte, Madeira
(corazón)
Predecesor Francisco Xosé I
Sucesor Karl Seitz
Consorte Zita de Borbón-Parma
Descendencia
Casa Real Casa de Habsburgo-Lorena
Pai Arquiduque Otto Francisco de Austria
Nai María Xosefa de Saxonia

Carlos I de Habsburgo-Lorena ou Carlos IV de Hungría (en húngaro: IV Károly). Nado en Persenburg (Baixa Austria) o 17 de agosto de 1887[1] - e finado en Funchal o 1 de abril de 1922), último Emperador de Austria, Rei apostólico de Hungría e Bohemia, entre 1916 e 1919. Foi coñecido como Carlos I de Austria, IV de Hungría e III de Bohemia. A Igrexa Católica desígnao como Beato Carlos de Austria, Emperador e Rei.

Xuventude[editar | editar a fonte]

Primoxénito do arquiduque Otto e da princesa María Xosefa Luisa de Saxonia. A súa nenez foi feliz e os traslados dunha gornición a outra do seu pai fixeron que viaxase por gran parte do imperio. [2] Aprendeu alemán (lingua materna), inglés, francés e húngaro. Estaba versado en dereito constitucional e ciencias políticas. En 1901 visitou grande parte da Transleitania. En 1905 serviu en Bohemia como tenente dunha pequena gornición e recibiu a orde do Toisón de Oro.

O 21 de outubro de 1911 casouse coa princesa Zita de Borbón-Parma, impetuosa, moi relixiosa e de ideoloxía máis reaccionaria que a de Carlos.[3] O matrimoño tivo 9 fillos. [4] Desde xaneiro dese ano, Carlos traballou no Estado Maior austrohúngaro, en Viena.[5]

Sucedeu ao seu tío avó Francisco Xosé I. Antes de acceder ao trono prestou servizos no Exército. Converteuse en sucesor en 1914 tras o asasinato do seu tío o arquiduque Francisco Fernando de Habsburgo-Lorena en Saraxevo,[6] Bosnia, causa inmediata do estalido da I Guerra Mundial (véxase Atentado de Saraxevo).

O reinado de Carlos[editar | editar a fonte]

Carlos accedeu ao trono con 29 anos despois de que falecese o seu ancián tío, o emperador Francisco Xosé a noite do 21 de novembro de 1916,[7] no medio da Primeira Guerra Mundial. A súa coroación era urxente e tivo lugar o 29 de decembro de 1916, corenta días despois de morrer o anterior monarca, evitando as cerimonias dilatorias que tivesen sido usuais nos Habsburgo en tempo de paz, o que puxo de manifesto o declive final do Imperio.

Dende este momento, o novo emperador tratou de sacar ao Imperio Austrohúngaro da guerra europea. [8] A razón principal que lle levou a iso foi a situación económica do país, que non paraba de empeorar, cunha inflación severa, descontento masivo entre os campesiños polas requisicións de guerra, e forte rexeitamento dos sindicatos obreiros á militarización da industria. Ao esvaecerse a fins de 1916 a posibilidade que Rusia puidese invadir Austria-Hungría fíxose evidente que Alemaña era a forza dominante dos Imperios Centrais no político e o militar, provocando unha nova causa de descontento entre a poboación eslava de Austria-Hungría. O propio emperador desexaba a paz pola convicción persoal de que a sangría humana do conflito podería continuar durante moito tempo máis.

Sen suficiente capacidade de manobra, durante a primavera de 1917 Carlos I mantivo, ás costas de Alemaña, uns polémicos contactos co goberno francés, que fracasaron, para tratar de alcanzar unha paz por separado cos aliados a través do seu cuñado, o Príncipe Sixto de Borbón-Parma,[9] quen era oficial do exército belga. [10] Nas conversacións secretas realizadas entre Sixto e Carlos en Viena, o emperador comprometeuse a defender a devolución de Alsacia e Lorena a Francia e o mantemento dunha Bélxica independente, a cambio de lograr a paz, mentres a Tripla Alianza aceptaría a preservación de Austria-Hungría e Alemaña na súa integridade territorial.

O estalido da Revolución de Outubro en Rusia causou que Carlos I intensificase os seus esforzos para unha paz negociada, en tanto a derruba rusa reafirmaba a subordinación de Austria-Hungría respecto a Alemaña e tamén podería servir de exemplo para unha revolución social extrema nos Imperios Centrais. En abril de 1918, o ministro de asuntos exteriores de Carlos I, o conde checo Ottokar von Czernin, decatado das negociacións de Carlos, presumiu ante a prensa internacional que Francia estaba a mendigar a paz aos Imperios Centrais, ao que o primeiro ministro francés Clemenceau respondeu facendo públicas as negociacións do emperador austríaco con Sixto de Borbón-Parma,[11] causando un gran prexuízo á credibilidade de Carlos e minando a súa posición internacional, pois se ben Carlos informara anticipadamente ao kaiser alemán Guillerme II sobre as conversacións de paz, non lle mencionou as concesións que Carlos propoñía aos franceses.

Mentres tanto, como resultado do escándalo, a Entente recoñecía pouco despois ao goberno checoslovaco independente en París,[12] abandonando a súa anterior postura de mantemento dun imperio reformado, Carlos tivo que viaxar urxentemente a Alemaña para asegurar a Guillerme II a súa lealdade como aliado, en tanto o propio Estado maior do Reichsheer alemán, ao saber as concesións que Carlos ofrecía aos Aliados, planificaba inclusive unha "invasión preventiva" de Austria para depoñer a Carlos I ao considerar a súa conduta como unha traizón.

Carlos visitando Cortina d'Ampezzo, liberada tras a vitoria de Isonzo.

No interior, declarou con motivo do aniversario do seu herdeiro (2 de xullo de 1917) unha amnistía dos prisioneiros políticos,[13] xesto co que tratou, con escasos resultados, de mostrar a súa disposición a unha nova orde política no imperio. [14] De igual xeito, ao longo do ano 1917 e a primeira metade de 1918, Carlos promulgou diversas normas destinadas a mitigar o descontento social da clase obreira do seu Imperio, suavizando as severas leis marciais aprobadas ao inicio da guerra. Non obstante, a contenda proseguía e polo tanto as medidas tomadas polo emperador apenas eran paliativos dunha grave situación interna.

Tras o afundimento da fronte búlgara en setembro de 1918, Carlos decidiu levar a cabo drásticas medidas reformistas para convencer á Tripla Alianza que o Imperio Austrohúngaro debía salvarse, ou polo menos manterse como unha federación de estados independentes. [15] Con axuda dos seus asesores e do consello de ministros, Carlos I definiu un plan de federalización do país, que se fixo público en outubro de 1918. [16] Nel o imperio convertíase nunha confederación onde os seus membros mantiñan plena autonomía política, económica e militar, compartindo unicamente a xefatura do Estado. [17] Estes intentos chegaron demasiado tarde e os 'consellos nacionais que Carlos fomentou entre as distintas nacionalidades optaron por abandonar ao goberno de Viena en vez de adaptar o plan do emperador. [18]

Iniciada a disolución do Imperio tras a derrota fronte aos italianos na Batalla de Vittorio Veneto, e tras resistirse a abandonar o que el consideraba as súas obrigas, Carlos I renunciou á xefatura do Estado o 11 de novembro de 1918 e a formar parte de calquera futuro goberno austríaco,[19][20] pero non aos seus dereitos como xefe da dinastía. Trataba así de manter a posibilidade de que pervivise a monarquía Habsburgo con outro membro da familia imperial. Partiu de inmediato cara ao exilio en Suíza.[21]

Breve exilio[editar | editar a fonte]

O goberno suízo acolleu o exemperador coa condición de que residise lonxe da fronteira austríaca e se abstivese de calquera actividade que puidese comprometer ao país. Tras unhas semanas de buscar aloxamento, a familia instalouse en maio xunto ao Lago de Xenebra, nunha vila onde a exemperatriz deu a luz o seu sexto fillo.

En abril formárase en Hungría un goberno contrarrevolucionario baixo protección francesa en Szeged e outro grupo de similar orientación formouse en Viena. [22] Carlos mantivo contactos cos dous grupos. O grupo vienés, que logrou facerse con fondos da embaixada húngara, financiou con eles un grupo militar (a división Lehar) que apoiou a restauración de Carlos en Hungría occidental, ocupando certo territorio durante 15 meses.

Durante a primavera Carlos mostrárase disposto a recuperar o trono, non considerando a súa abdicación en Hungría como válida ao non ter sido confirmada polo primeiro ministro e o Parlamento. [23] Pola súa parte, o goberno húngaro comunicara a Suíza que consideraba a Carlos como o seu monarca e esperaba un trato correspondente. [24]

Os seus tratos co rexente Horthy, non obstante, eran ambiguos: as súas proclamas non eran publicadas e as súas ordes eran desoídas ou aplicadas de xeito ambiguo. [25] O rexente esixiu aos oficiais un xuramento de lealdade persoal, o que indignou a Carlos, que perdeu a súa confianza nel. [26]

Intentos de restauración[editar | editar a fonte]

O 24 de marzo de 1921 o ex-emperador Carlos abandonou secretamente Suíza e dende alí viaxou secretamente a Hungría cun pasaporte español falso[27] para restaurar a monarquía húngara e ser proclamado rei, alegando que podería contar con apoio do goberno francés para iso. Tras desprazarse a Estrasburgo en automóbil tomou un tren para Viena como diplomático español, pasando noite na casa dun conde húngaro e viaxando o Sábado Santo á fronteira húngara en taxi como funcionario da cruz vermella británica. [28]

O Domingo de Resurrección viaxou a Budapest e logrou reunirse en segredo co almirante Horthy quen nunha discusión persoal rexeitou apoiar esta pretensión [29] alegando que, pola contra Francia e Gran Bretaña se opoñerían a tal proxecto, mentres os Gobernos da Pequena Entente, anunciaban estar dispostas a invadir Hungría e ocupar Budapest coas súas tropas para impedir a restauración dun Habsburgo no trono (que, segundo temían, podería intentar o restablecemento do Imperio Austrohúngaro e ameazar a independencia dos seus países). Ambos os dous personaxes acordaron suspender a súa conversación tres semanas, para achar unha solución, pero mentres tanto os nacionalistas húngaros temían que a coroación de Carlos significase resucitar o predominio austríaco sobre Hungría e lograron que o parlamento maxiar impedise a restauración de Carlos.[30] El mesmo día a xunta de embaixadores da Entente, reunida en París, declaraba a súa oposición a aceptar as restauración. [31] Ante iso o exemperador (que ao parecer só esperaba ser chamado para reinar ao vencer o prazo de tres semanas) retirouse de Hungría o 4 de abril,[32] sentíndose traizoado por Horthy.

Ao seu regreso a Suíza, o Goberno do país endureceu as súas condicións para darlle asilo que debía de ser, en todo caso, temporal. A comezos de maio, a familia trasladouse ao pazo de Hertenstein. Horthy mantiña a súa actitude ambigua co ex-emperador.

Poucos meses despois Carlos intentou novamente forzar a restauración, contando co apoio de militares e políticos húngaros aínda leais aos Habsburgo: o 21 de outubro de 1921 entrou en avión de novo en Hungría reunindo un continxente de soldados afíns á súa causa para marchar sobre Budapest.[33] Se ben os monárquicos e o propio Carlos previran unha marcha pacífica onde as tropas gobernamentais non se atreverían a pechar o paso ao ex emperador (como sucedeu case en toda a ruta de Szombathely a Budapest), o Goberno de Miklós Horthy si estaba disposto a resistir este novo intento e nos arredores da capital batallóns do Exército e voluntarios, na súa maioría estudantes mobilizados polo capitán Gyula Gömbös,[34] rexeitaron pola forza a uns soldados do continxente monárquico o 23 de outubro, mostrando que unha guerra civil era posible por causa da restauración monárquica. Esa mesma tarde, os Gobernos da PequenaEntente enviaron tropas á súa fronteira húngara para impedir que Carlos fose restaurado. Asustado ante a posibilidade dunha guerra civil, e notando que o apoio á súa causa non era unánime, o ex emperador desistiu do seu intento o 24 de outubro e capitulou cos seus seguidores; mentres tanto, o Goberno do almirante Horthy reaccionaba colocando a Carlos e a súa esposa baixo custodia militar na localidade de Tihany a beiras do Lago Balatón, accedendo ás presións da Pequena Entente e dos nacionalistas húngaros (unidos no seu empeño de evitar a restauración dos Habsburgo). Francia e Gran Bretaña tamén manifestaron oficialmente a Horthy o 29 de outubro a súa oposición ao retorno de Carlos ao trono húngaro, apoiando os temores da Pequena Entente.

División de Austria-Hungría en 1918.

En abril de 1919, Austria, tras proclamarse como república, declarara nulos os privilexios políticos e embargado as propiedades da familia imperial, mentres se eliminaban os dereitos nobiliarios. Checoslovaquia fixera o propio xa apenas rematada a guerra, a comezos de novembro de 1918.

O ex emperador Carlos saíu de Hungría o 1 de novembro de 1921 coa súa esposa, Zita, levados por un buque da Royal Navy británica polo Danubio ata o porto romanés de Galai no Mar Negro; de aí a ex parella imperial foi trasladada pola mariña británica á illa portuguesa de Madeira o 19 de novembro do mesmo ano, por decisión de Francia e Gran Bretaña. Alí Carlos morreu de pneumonía o 1 de abril de 1922. Os seus restos aínda permanecen na illa, na igrexa de Nossa Senhora do Monte con permiso dos seus sucesores, a excepción do seu corazón, que foi trasladado á cripta dos Habsburgo en Austria.

Para Austria, a consecuencia máis importante da disolución do Imperio foi perder definitivamente a súa condición de potencia europea, ata o punto de ser absorbida por Alemaña en 1938. Inclusive Viena, que fora unha das principais cidades do mundo antes de 1914, converteuse repentinamente na cabeza dunha república pequena en poboación e en territorio. No século XXI Viena aínda se acha moi lonxe da poboación que tiña en 1916 (1,6 millóns de habitantes no ano 2006 fronte aos 2,3 millóns no 1916).

A súa abdicación rematou co poder da dinastía dos Habsburgo, dinastía que dominara Europa e o mundo enteiro dende o século XV, cando Alberto II de Habsburgo se alzou co poder do Sacro Imperio Romano Xermánico en 1438. Dende ese momento estenderon os seus dominios por toda Europa e América, alcanzando o seu máximo esplendor no século XVI con Carlos V, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico entre 1519 e 1556.

Beatificación[editar | editar a fonte]

Carlos I foi beatificado en Roma o 3 de outubro de 2004, polo papa Xoán Paulo II. As razóns desta beatificación baséanse nas tentativas que Carlos fixo por promover as vías para a paz en 1917, a través da mediación dos seus cuñados os príncipes Sixto e Xavier de Borbón-Parma, e polo seu apoio á mediación do papa Bieito XV, así como polas súas virtudes cristiás.[35]

Situou a súa vida baixo o signo da Eucaristía e comprometérase a seguir as ensinanzas de Cristo na súa vida privada e pública. Igualmente soubo seguir o ensino social da Igrexa e as primeiras medidas tomadas por el, en tanto que emperador-rei, foron suprimir o tren de vida da corte para poder axudar á xente máis necesitada e adoptar as reformas sociais necesarias. Creou, baixo a influencia da emperatriz Zita, o primeiro ministerio de asuntos sociais do mundo. Foi chamado no seu tempo polo "Arbeiter Zeitung" (O xornal dos traballadores) «o Emperador do pobo», o que provocou as burlas da aristocracia.

O 31 de xaneiro de 2008 un tribunal eclesiástico recoñeceu, tras 16 meses de investigación, un segundo milagre por mediación do beato Carlos de Habsburgo en Florida, Estados Unidos.

Título oficial[editar | editar a fonte]

A súa Maxestade Imperial, Real e Apostólica

Carlos I

Pola Graza de Deus, Emperador de Austria, Rei Apostólico de Hungría, cuarto do seu nome, Rei de Bohemia, Dalmacia, Croacia, Eslovenia e Galitzia, Lodomeria e Iliria; Rei de Xerusalén, etc. Arquiduque de Austria, Gran Duque de Toscana e Cracovia, Duque de Lorena e Salsburgo, de Estiria, Carintia, Carniola e Bucovina; Gran Príncipe de Transilvania; Margrave de Moravia; Duque da Alta e a Baixa Silesia, de Módena, Parma, Piacenza e Guastalla, de Auschwitz e Zator, de Teschen, Friuli, Ragusa e Zara; conde de Habsburgo e Tirol, de Kyburg, Gorizia e Gradisca; Príncipe de Trento e Brixen; Margrave da Alta e a Baixa Lusacia e de Istria; Conde de Hohenems, Feldkirch, Bregenz, Sonnenberg, etc.; Señor de Trieste, de Cattaro, e a Marca Wendia; Gran Voivoda de Serbia, etc.

Antepasados[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Roucek (1982), páx. 453
  2. Roucek (1982), páx. 454
  3. Roucek (1982), páx. 454
  4. Roucek (1982), páx. 454
  5. Roucek (1982), páx. 454
  6. Roucek (1982), páx. 454
  7. Roucek (1982), páx. 455
  8. Roucek (1982), páx. 456
  9. Roucek (1982), páx. 457
  10. Sutter-Fichtner, Paula: "The Habsburg Empire in World War I, a final Episode in dynastic History", East European Quarterly', 11:4 (1977)
  11. Roucek (1982), páx. 457
  12. Roucek (1982), páx. 457
  13. Roucek (1982), páx. 457
  14. Sutter-Fichtner, Paula: "The Habsburg Empire in World War I, a final Episode in dynastic History", East European Quarterly', 11:4 (1977)
  15. Sutter-Fichtner, Paula: "The Habsburg Empire in World War I, a final Episode in dynastic History", East European Quarterly', 11:4 (1977)
  16. Roucek (1982), páx. 458
  17. Sutter-Fichtner, Paula: "The Habsburg Empire in World War I, a final Episode in dynastic History", East European Quarterly', 11:4 (1977)
  18. Sutter-Fichtner, Paula: "The Habsburg Empire in World War I, a final Episode in dynastic History", East European Quarterly', 11:4 (1977)
  19. Sutter-Fichtner, Paula: "The Habsburg Empire in World War I, a final Episode in dynastic History", East European Quarterly', 11:4 (1977)
  20. Roucek (1982), páx. 460
  21. Roucek (1982), páx. 461
  22. Roucek (1982), páx. 462
  23. Roucek (1982), páx. 462
  24. Roucek (1982), páx. 462
  25. Roucek (1982), páx. 462
  26. Roucek (1982), páx. 462
  27. Roucek (1982), páx. 463
  28. Roucek (1982), páx. 463
  29. Roucek (1982), páx. 463
  30. Roucek (1982), páx. 464
  31. Roucek (1982), páx. 464
  32. Roucek (1982), páx. 464
  33. Roucek (1982), páx. 465
  34. Szilassy (1971), páx. 97
  35. Santa Sé. Carlos de Austria (1887-1922)

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Carlos I de Austria
Precedido por:
Francisco Xosé I
Emperador de Austria
1916 - 1918

Austria-Hungaria transparency.png

Sucedido por:
Directorio do Consello de Estado Austriaco
Rei de Hungría
1916 - 1918
Sucedido por:
Mihály Károlyi

Presidente Provisional de Hungría

Rei de Bohemia
1916 - 1918
Sucedido por:
Tomás Masaryk
(Presidente de Checoslovaquia)
Precedido por:
-
Emperador titular de Austria, Rei titular de Hungría e Rei de Bohemia
1918 - 1922
Sucedido por:
Arquiduque Otón
(Príncipe herdeiro de Austria)
Precedido por:
Arquiduque Francisco Fernando de Austria-Este
(Duque titular de Módena)
Herdeiro ao trono austrohúngaro
1914 - 1916
Arquiduque de Austria-Este
1914 - 1917
Sucedido por:
Arquiduque Roberto de Austria-Este
(Duque titular de Módena)