Clase traballadora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Clase obreira")
Clase obreira, termo de gran importancia en socioloxía e política.

A clase traballadora, clase obreira ou proletariado designa o conxunto de traballadores que, dende a Revolución Industrial, achegan basicamente o factor traballo na produción e a cambio reciben un salario ou contraprestación económica, sen ser propietarios individuais dos medios de produción.[1][2] O termo contraponse así a clase capitalista ou sector social que acapara o capital, así como ó artesanato, sector onde polo xeral os traballadores son propietarios dos útiles de produción.[3]

Orixe do termo e usos[editar | editar a fonte]

Cociña da clase obreira en Bos Aires, nos anos 1940.

O termo clase traballadora comezou a utilizarse en galego durante a segunda metade do século XIX como tradución da expresión inglesa "working class" ('clase traballadora'), termo que adquiriu importancia nos primeiros escritos socio-económicos de Karl Marx e Friedrich Engels.[4] Sociólogos posteriores como Max Weber[5] redefiniron o termo usándoo con sentidos lixeiramente diferentes, e que permaneceu en uso até os nosos días, aínda que evolucionando nos seus matices e xeneralidade do uso.

Nun sentido sociolóxico máis restrinxido, tamén se entende por clase traballadora, o grupo de traballadores industriais asalariados. Con este enfoque, diferénciase doutros grupos de traballadores como os campesiños, os escravos, os traballadores autónomos ou os empregados de servizos. Este significado do termo é equivalente ó termo inglés de blue colar workers (traballadores de pescozo azul).

En galego, o termo deixou de ser puramente descritivo e é empregado con finalidades políticas. O seu uso é frecuente dentro do marxismo, o anarquismo, o socialismo, o comunismo e o sindicalismo.

Notas[editar | editar a fonte]