Saltar ao contido

Bosque encantado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración de Carl Offterdinger dun conto de Wilhelm Hauff, ambientado na Selva Negra.

O bosque máxico, bosque encantado, tamén fraga ou foresta encantada, é un dos topos máis antigos do pensamento simbólico, da mitoloxía, literatura e da arte, e adoita estar conectado cos topos de atopar un camiño e de transformacións misteriosas. Nestes bosques, a realidade e a maxia entrelázanse, e son habitados por seres fantásticos como fadas, trasnos, ninfas etc. En moitas culturas, estes lugares son considerados sagrados, representando a fertilidade, o renacemento e a renovación.

Na literatura, o bosque encantado é un lugar onde se entrelazan o perigo, a fantasía e a transformación do heroe, que pode perder o rumbo e enfrontarse a duras verdades sobre si mesmo ou sobre o mundo, emerxendo máis forte e sabio. Esta figura foi empregada ao longo da historia da literatura, desde obras clásicas até outras recentes da cultura popular.

Na cosmovisión de diferentes pobos, o bosque está vinculado co mundo animal e mitolóxico, sendo un lugar de paso cara ao mundo dos mortos e residencia de forzas hostís ao humano.

No folclore

[editar | editar a fonte]
Jules Coignet - Le chêne au dolmen dans la forêt de Brocéliande (1836)

Nas tradicións folclóricas, o bosque encantado representa un espazo de complexidade simbólica, a miúdo asociado co misterio e a natureza salvaxe, que rompe co ámbito da comunidade orixinaria do ser humano, ofrecendo tanto protección como un contraste ambivalente co espazo de vida e ambiente creados polo home.

A actitude ambivalente cara ao bosque está particularmente presente, por exemplo, polos contos populares alemáns e as súas adaptacións. Nos mitos e lendas alemáns, por exemplo, o bosque serve de escenario para numerosas criaturas míticas e relatos que mesturan realidade e fantasía. Figuras como Frau Holle, que habita nas profundidades subterráneas e goberna as estacións do ano, ou o lobishome, que se transforma durante a noite de lúa chea, son exemplos desta ambivalencia.[1]

Na mitoloxía

[editar | editar a fonte]
O nacemento de Anuman, da mitoloxía hindú.

Na mitoloxía, o bosque tamén é o escenario da manifestación das habilidades dos heroes. A batalla do rei Gilgamesh e Enkidu con Humbaba no bosque de cedros é o exemplo máis antigo coñecido disto,[2] e a mitoloxía grega e romana tamén proporcionan exemplos que contan as loitas dos heroes nos bosques encantados. Tamén é un elemento primordial na mitoloxía celta, na forma do bosque de Brocéliande (casa de Merlín ou do rei galego Ponthus convertido en faia) en lendas centroeuropeas, británicas ou nórdicas, por exemplo Yggdrasil, a árbore do mundo, é un elemento central na mitoloxía nórdica e representa un tipo de bosque cósmico que conecta diferentes mundos.

Na literatura, alén da mitoloxía

[editar | editar a fonte]
Gustave Doré - Dante Alighieri - Inferno - Plate 1 A selva escura - Encontreime a min mesmo nun bosque escuro - abre a Divina Comedia.

O bosque máxico, como elemento recorrente na ficción, é mencionado por Agostiño de Hipona en varias ocasións nas súas Confesións, evidenciando a súa presenza na literatura dende tempos antigos. Nos relatos medievais, especialmente nas historias de cabaleiros, o bosque converteuse nun escenario central, cheo de desafíos e aventuras. A partir do Renacemento do século XII, o simbolismo do bosque máxico adquiriu unha relevancia aínda maior, converténdose nunha peza fundamental nas primeiras obras da literatura moderna, onde proporciona un espazo para o misterio e a fantasía.[3]

Nel mezzo del cammin di nostra vita
mi ritrovai per una selva oscura
ché la diritta via era smarrita.

Dante Alighieri

A Midsummer Night's Dream (da obra de W. Shakespeare) por Robert Fowler

Petrarca, nas súas obras fundamentais como o 'Secretum', onde cita a Agostiño ao falar dos segredos das musas, e no 'Libro das Cancións', tamén se refire ao bosque máxico. Esta temática gañou notoriedade na literatura inglesa, particularmente na obra de William Shakespeare 'Soño dunha noite de San Xoán'. Posteriormente, a imaxe do bosque máxico estendeuse por toda Europa durante o barroco, e foi moi apreciada polos autores románticos.

Exemplos na literatura, cine e arte

[editar | editar a fonte]
Paisaxe bioluminiscente de Pandora, en Avatar.


Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]