Fantasía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os elementos do xénero fantástico atravesan obras moi diversas como o Decamerón de Boccaccio, onde se fai referencia a un suposto xardín encantado

O xénero fantástico, comunmente chamado fantasía, é un xénero artístico de ficción no cal os elementos principais do argumento son imaxinarios, irreais e sobrenaturais.

No seu sentido máis amplo, o xénero fantástico áchase presente na literatura, cine, banda deseñada, videoxogos, xogos de rol, pintura, escultura, drama e, sobre todo, na mitoloxía e relatos antigos, onde tivo a súa orixe. Caracterízase por non dar prioridade a unha representación realista que respecte as leis de funcionamento do mundo real. Nese sentido adóitase dicir que o xénero fantástico é subversivo, pois viola as normas da realidade.

Xeralmente distínguese doutras formas artísticas como a ciencia ficción, na que tamén se subverten os mecanismos de funcionamento da realidade coñecida, aducindo que a causa dos fenómenos observados en obras de corte fantástico sempre teñen que ver con forzas sobrenaturais mentres que na ciencia ficción hai causas científicas, con explicacións que buscan a racionalidade dentro da súa ruptura coa orde coñecida.

Medios[editar | editar a fonte]

Os gnomos, do mesmo xeito que outras criaturas, poboan obras fantásticas, xeralmente de corte marabilloso.

O fantástico é un xénero popular, despois de atopar un lugar para si mesmo en case todas os medios. Aínda que a arte fantástico e recentemente as películas fantásticas foron cada vez máis populares, é a literatura fantástica quen foi sempre o medio primordial do xénero. Así mesmo, os xogos e videoxogos de rol fantástico foron as bases do xénero RPG.

Literatura fantástica galega[editar | editar a fonte]

Na literatura galega o elemento fantástico aparecen xa en autores do Rexurdimento que toman elementos e temática da tradición oral (aparecidos, o mal de ollo, os feitizos e maldicións etc) no período intersecular aparecen xa os relatos fantásticos na obra de Heraclio Pérez Placer ou Francisco Álvarez de Nóvoa. En 1898 Luís Otero Pimentel publica a primeira novela fantástica en galego, Campaña da Caprecórneca con elementos marabillosos e mesmo de ficción científica.

No principio do século XX a literatura popular de tradición oral segue fornecendo material tanto a etnógrafos como a literatos que reelaboran as lendas orais de forma culta, como os de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, chegando incluso ata a literatura española a través de Valle-Inclán e Wenceslao Fernández Flórez. Os integrantes da Xeración Nós cultivaron as narracións macabras de carácter cómico (Un ollo de vidro, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, O purgatorio de Don Ramiro). Na obra de Rafael Dieste tamén aparecen elementos fantásticos ao mesmo tempo que os da xeración Nós, este subxénero seguiría a súa existencia en plena posguerra a través da obra de Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole, incluso en obras do escritor realista Eduardo Blanco Amor, Os biosbardos.

Nos escritores da Nova Narrativa Galega a fantasía aparecen de forma abundante en libros de Xosé Luís Méndez Ferrín, Gonzalo Rodríguez Mourullo, Xoán Casal e Carlos Casares aínda que tamén aparece en pequenos reflexos na obra doutros moitos autores galegos.[1]

Subxéneros[editar | editar a fonte]

As evolucións do xénero fantástico moderno xeraron moitos novos subxéneros sen unha clara contrapartida na mitoloxía ou o folclore, aínda que a inspiración nestes segue sendo o tema máis recorrente. Os subxéneros fantásticos son numerosos e moi diversos, e con frecuencia se superpoñen con outras formas de ficción en case todos os medios nos que se producen. Cabe facer especial mención nos subxéneros de ciencia ficción e terror.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega". Antón Risco, ed Galaxia, 1995.