Aurora Borealis Malja

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Aurora Borealis Malja.

A Aurora Borealis Malja (en galego Copa Aurora Boreal) é o trofeo entregado cada ano ao equipo feminino campión do campionato finlandés de hóckey sobre xeo en Finlandia. A idea do trofeo naceu en 2009 por iniciativa do daquela embaixador do Canadá en Finlandia, Christopher Shapardanov, para darlle un maior perfil ao campionato feminino. Os fondos para a elaboración do trofeo procederon de doazóns da comunidade finlandesa no Canadá.

O trofeo foi entregado por primeira vez en 2011 e o primeiro equipo en inscribir o seu nome foi o HPK de Hämeenlinna, mentres que o equipo que máis veces alzou a Aurora Borealis Malja foi o K-Espoo de Espoo cun total de seis campionatos entre 2011 e 2023.

Lianne Shapardanov, dona do embaixador do Canadá no momento da súa creación, decidiu que o treofeo recibira o seu nome en honor á aurora boreal, un fenómeno visible nas noites de inverno tanto no Canadá como en Finlandia.

Nome[editar | editar a fonte]

Unha aurora boreal en Inari, na Laponia finlandesa. O trofeo recibe o seu nome en honor a este fenómeno.

O trofeo recibe o seu nome en honor ás auroras boreais (Aurora Borealis), visibles tanto no Canadá como en Finlandia durante as noites do inverno.[a] A idea do nome foi da dona do daquela embaixador do Canadá en Finlandia, Lianne Shapardanov.[1]

No vaso, recuberto de prata, poden verse gravados que representan o fenómeno así como o seu nome.[1]

O trofeo recibe o sobrenome de "Tyttö" (en galego "Nena"), do mesmo xeito que a Kanada-malja, entregada cada ano ao equipo campión de Finlandia en categoría masculina, é chamada "Poika" (en galego "Neno").[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Antes da introdución da Aurora Borealis Malja o equipo feminino campión de Finlandia recibía unha copa denominada Sammon Malja e que se comezou a entregar a partir da tempada inaugural do campionato feminino e entregouse por primeira vez ao equipo campión da tempada 2009-10, oIlves.[3] Anteriormente entregouse outra copa ao equipo gañador do Torneo Lipstick, que decidiu de xeito non oficial o campión feminino finlandés a finais da década de 1970 e principios da de 1980.[4]

O trofeo foi donado á Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo polo daquela embaixador do Canadá en Finlandia, Christopher Shapardanov, e os fondos para a súa adquisición procederon principalmente de doazóns da comunidade finlandesa do Canadá, rexistrándose un total de 150 donantes individuais e seis empresas do Canadá.[1][5]

A Aurora Borealis Malja foi entregada a Federación Finlandesa, representada polo seu presidente Kalervo Kummola e o director executivo Matti Nurminen, o 21 de marzo de 2011 no Helsingin jäähalli de Helsinqui antes do inicio do partido de cuartos de final da SM-liiga[b] entre o HIFK e os Jokerit.[1] Sesenta anos antes, a comunidade finlandesa no Canadá doou a Kanada-malja, na que cada ano se grava o nome do campión finlandés en categoría masculina.[6]

A principios de setembro de 2011 a copa foi doada ao Museo finlandés do hóckey sobre xeo, onde foi colocada nun lugar de honra, preto da entrada e fronte á Kanada-malja. Shapardanov sinalaba ante o evento:[7]

Hoxe o círculo péchase. Na miña visita a este Museo do hóckey sobre xeo naceu a idea de doar unha copa de campión á Naisten SM-sarja. Agora a copa únese á colección do museo.

— Christopher Shapardanov

Na tempada 2019-20, a causa da pandemia por coronavirus, a liga non decidiu ningún equipo campión por primeira vez na súa historia,[8] cancelándose a tempada logo das semifinais, sen chegar a disputarse a final entre o K-Espoo e o KalPa.[9]

Características[editar | editar a fonte]

O trofeo mide uns 80 centímetros de alto co seu soporte,[1] e na súa parte inferior mide 39 cm. Os materiais empregados na súa fabricación foron prata canadense para o recubrimento das partes metálicas, mentres que para o soporte empregouse madeira de pradairo, mentres que o pé da copa está rodeado por unha decoración de labradorita. O seu peso é duns 12 quilos.[2]

O recipiente metálico está decorado cunha imaxe en relevo que amosa unha aurora boreal nun bosque de coníferas. No lateral do trofeo está gravado un texto sobre a doazón do trofeo en catro idiomas: o finés e o suceo (linguas oficiais en Finlandia), e o inglés e o francés (linguas oficiais no Canadá).[2]

No trofeo hai numerosas referencias á conexión entre ambos países: as auroras boreais son visibles en ambos países, os materiais empregados na súa confección respectan a natureza de ambos países e a súa similitude, e os dous países son bilingües.[2]

Do mesmo xeito que o seu homólogo masculino, a Kanada-malja, o trofeo non se entrega en propiedade ao equipo campión, senón que cada ano se inscribe o seu nome nunha placa que se coloca no soporte de madeira.[6] Realizáronse dúas copias do trofeo, unha delas encóntrase no Museo finlandés do hóckey sobre xeo, mentres que a outra é entregada no xeo ao equipo campión de Finlandia.[2]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Partido das finais da tempada 2018-19 entre o Ilves e as Blues.

Dende a súa introdución na tempada 2010-11 un total de cinco equipos alzaron o trofeo. O equipo que máis veces se proclamou campión finlandés dende aquela foi o K-Espoo,[c] cun total de seis campionatos.[11]

Ano Campión Prata Bronce
Campión da Naisten SM-sarja
2010-11 Hämeenlinna HPK Tampere Ilves Oulu Kärpät
2011-12 Oulu Kärpät Tampere Ilves Hämeenlinna HPK
2012-13 Espoo Blues Jyväskylä JYP Oulu Kärpät
2013-14 Espoo Blues Jyväskylä JYP Hämeenlinna HPK
2014-15 Espoo Blues Jyväskylä JYP Tampere Ilves
2015-16 Jyväskylä JYP Hämeenlinna HPK Espoo Blues
2016-17 Oulu Kärpät Espoo Espoo United Kuopio KalPa
Campión da Naisten Liiga
2017-18 Oulu Kärpät Tampere Ilves Kuortane Team Kuortane
2018-19 Espoo Blues Tampere Ilves Oulu Kärpät
2019-20 Tempada cancelada
2020-21 Espoo Kiekko-Espoo Kuopio KalPa Helsinqui HIFK
2021-22 Espoo Kiekko-Espoo Helsinqui HIFK Oulu Kärpät
2022-23 Helsinqui HIFK Espoo Kiekko-Espoo Kuopio KalPa
2023-24 Helsinqui HIFK Espoo Kiekko-Espoo Kuopio KalPa
2024-25

Casificación de equipos[editar | editar a fonte]

Equipo Campión Prata Bronce Medallas totais
Espoo Espoo Blues/Espoo United/Kiekko-Espoo 6 3 1 10
Oulu Kärpät 3 0 4 7
Helsinqui HIFK 2 1 3 6
Jyväskylä JYP 1 3 0 4
Hämeenlinna HPK 1 1 2 4

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O nome en finés para o fenómeno é revontuli.
  2. A SM-liiga, actualmente chamada simplemente Liiga, é o nome da liga profesional masculina e máxima categoría do hóckey sobre xeo masculino en Finlandia.
  3. Que tamén competiu baixo as denominacións de Espoo Blues e Espoo United.[10]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Tältä se näyttää - Aurora Borealis -malja julkistettiin! Kirjoittanut Toimitus" (en finés). Leijonat.fi. 21 de marzo de 2011. Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Mennander, Pasi (12 de marzo de 2013). "Tästä pokaalista pelataan - 15 faktaa Aurora Borealis -maljasta" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  3. Panel de descrición do obxecto na exposición do Museo finlandés do hóckey sobre xeo no verán de 2022 (consultado o 10 de xullo de 2022).
  4. Panel de información da liga feminina de Finlandia no Museo finlandés do hóckey sobre xeo na primavera de 2023 (consultado o 30 de abril de 2023).
  5. Nordqvist, Tina (28 de abril de 2014). "Mestareiden maljat" (en finés). Suomi Seura. Consultado o 24 de xuño de 2023. 
  6. 6,0 6,1 "Naisten SM-sarja saa oman "Kanada-maljan"". mtvuutiset.fi (en finés). 21 de marzo de 2011. Consultado o 24 de xuño de 2023. 
  7. Mennander, Pasi (9 de setembro de 2011). "Aurora Borealis Cup lahjoitettiin Jääkiekkomuseoon" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 22 de xuño de 2023. 
  8. "Koronavirus lopettaa Jääkiekkoliiton alaisten sarjojen kauden – Myös alle 16- ja 17-vuotiaiden kotimaan maaottelut peruttu" (en finés). leijonat.fi. 12 de marzo de 2020. Consultado o 19 de setembro de 2020. 
  9. "Naisten Liigan finaalit peruttu - Kiekko-Espoo ymmärtää ratkaisun" (en finés). kiekko-espoonaiset.fi. 13 de marzo de 2020. Consultado o 19 de setembro de 2020. 
  10. "HISTORIA" (en finés). Kiekko-EspooNaiset.fi. Consultado o 24 de xuño de 2023. 
  11. "Naisten SM:n mitalijoukkueet kautta aikojen" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 24 de xuño de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]