Xiomara Alfaro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xiomara Alfaro, nada na Habana o 11 de maio de 1930, é unha cantante cubana de música popular. Actualmente reside en Miami, Estados Unidos. Marcou un estilo propio na canción popular cubana, co seu repertorio de boleros na súa voz de soprano con especial capacidade para os sons agudos. É unha artista contemporánea de Olga Guillot, Celia Cruz, Omara Portuondo ou Yma Sumac.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Iniciouse en revistas musicais nos anos 50 e en espectáculos de cabaré, actuou no club Tropicana e realizou espectáculos en diversos países do mundo, chegando a editar máis de 28 discos, algún coa colaboración de Bebo Valdés ou Ernesto Duarte Brito, entre outros.

Está casada co pianista panameño Rafael Benítez, quen foi o seu adaptador e director de orquestra artístico colaborando na gravación dos seus discos. O bolero "Siboney" de Ernesto Lecuona foi moi popular na súa voz. Participou no filme italiano Mambo, canda Silvana Mangano e Vittorio Gassman, dirixido por Robert Rossen en 1954.