Forró

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Típico trío de forró pé-de-serra: zabumba, sanfona e triángulo (Caruaru Pernambuco).
Danza do forró.

O forró é un xénero musical e a súa danza, en ambos os dous casos con orixe na rexión nordeste do Brasil.

Historia[editar | editar a fonte]

O forró é especialmente popular nas cidades de Caruaru e Campina Grande, onde é símbolo da Festa de San Xoán, e nas capitais Fortaleza, Natal e Recife onde se promoven grandes festas que duran a noite toda. Forró tamén é o nome dado a estas festas.

Rigorosamente, o forró é un conxunto de estilos musicais relacionados, e non un único. Entre varios ritmos diferentes que se identifican comunmente como forró, destácanse o baião, o côco, o rojão, a quadrilha, o xaxado, o arrasta-pé e o xote.

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

O termo forró, segundo o mestre potiguar Câmara Cascudo, notábel estudoso das manifestacións culturais populares, ven da redución da palabra forrobodó, que significa "alén de arrastra-pé, farra, confusión, desorde".

É frecuente asociar a orixe da palabra forró coa expresión inglesa for all (para todos), como un anglicismo. Para esa versión foi construída unha enxeñosa historia: no inicio do século XX, os enxeñeiros británicos, instalados en Pernambuco para construír a ferrovía Great Western, promovían bailes abertos ao público, ou sexa for all. Así, for all pasaría a ser, no vocabulario do pobo nordestino, forró (a pronuncia máis próxima). Outra versión da mesma historia substitúe os ingleses polos norte-americanos e o Pernambuco do inicio do século XX por Natal no período da segunda guerra mundial, cando unha base militar dos Estados Unidos foi instalada na cidade. A pesar de xocosa a versión, non hai sustentación para a orixe anglicista do termo.

A música[editar | editar a fonte]

Os instrumentos tradicionais do forró son o triángulo (instrumento musical), o acordeón e a zabumba, acompañados ás veces dun pandeiro. A música é practicamente sempre acompañada do canto polos músicos.

O tema das cancións é o amor (paixón, celos, lembranza dun amor...) e o ritmo é vivo e alegre. Este xénero provén dunha mestura do tambor indíxena precolombiano e do acordeón dos colonos europeos.

O baile[editar | editar a fonte]

O forró é a base dunha danza en parella (moi xunta), aínda que se pode bailar tamén en ronda. O paso é relativamente simple: dous pasos á esquerda, dous pasos á dereita. El impúlsaa a ela e pode facela describir voltas entre as demais parellas. Os pasos poden ser saltiños.

Artistas[editar | editar a fonte]

Existen innumerábeis orquestras de forró por todo o Nordeste brasileiro e moitas agrupacións improvisadas. Con frecuencia levan un nome baseado nun tipo de comida, como Mastruz con jeite e noda de Caju (noda é o carozo); outras coñecidas son Brucelosa e Baba de Moça.

Algúns artistas que teñen divulgado os ritmos do forró para alén das festas populares foron Luiz Gonzaga, Sivuca, Dominguinhos e Elba Ramalho.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]