Unicornio rosa invisíbel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Adoitan presentarse imaxes en branco cun ton rosado como ilustracións da Unicornio rosa invisíbel.

A Unicornio rosa invisíbel é a deusa dunha autodenominada relixión, que en realidade é unha sátira ou parodia dirixida contra as crenzas teístas. Ten a forma dun unicornio que é, paradoxalmente, invisíbel e rosa, características que aluden ás contradicións que algúns atribúen ás propiedades das divindades teístas[1] e que fan que algúns ateos e escépticos o usen como figura de retórica.

Porque, en realidade, considérase que non hai ningunha persoa que crea realmente nesta deusa, pero converteuse nun fenómeno popular finxir que se cre, especialmente nas páxinas webs sobre ateísmo e en foros virtuais de debate, por humor e como forma de crítica ou sátira contra as crenzas relixiosas. Esta profesión de fe subliña a idea de que é difícil refutar declaracións de crenza en fenómenos que están fóra da percepción humana. [2] [1]

Os afíns ao ateísmo, ao agnosticismo ou os antiteístas, utilizan a parodia da Unicornio rosa invisíbel para salientar o débil e arbitrario que consideran as conviccións baseadas no sobrenatural —por exemplo, substituíndo a palabra "Deus" en calquera declaración teísta por "Unicornio rosa invisíbel"—. Unha cita do grupo de Usenet alt.atheism FAQ resume este uso:

A idea detrás disto é recordar ao teísta que o seu discurso vai ser observado polos ateos probabelmente coa mesma credibilidade e seriedade que a dos ateos predicando sobre a Unicornio rosa invisíbel...

Entre os internautas, a Unicornio rosa invisíbel abréviase co acrónimo URI (de Unicornio Rosa Invisíbel), especialmente nos fórums de debates, incluíndo redes sociais como o Orkut, sobre relixións e temas relacionados, como o debate Creacionismo versus Teoría da Evolución.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira referencia ao unicornio rosa invisíbel data do 7 de xullo de 1990.[3] Os atributos da deusa serven para subliñar con que facilidade pode alcanzarse, nunha relixión, a consistencia interna, como queda de relevo na máis difundida cita do seu manifesto inicial, debido á pluma de Steve Eley:

Os unicornios rosas invisíbeis son seres de grande enerxía espiritual. Sabémolo porque son capaces de seren á vez rosas e invisíbeis. Como todas as relixións, a relixión da Unicornio rosa invisíbel baséase na lóxica tanto coma na fe. Temos fe en que os unicornios son rosas; e pola lóxica sabemos que son invisíbeis, xa que non podemos velos.
Steve Eley [4] [5]

Cando se está a discutir sobre a Unicornio rosa invisíbel (URI) adoita sinalarse que ninguén pode demostrar que ela non exista, xa que é invisíbel. Esta é unha parodia das afirmacións teístas sobre Deus, por exemplo, que porque Deus é omnipresente, a incapacidade para detectalo non afecta a súa veracidade. A URI serve como unha demostración paródica de que utilizar a falta de evidencia refutatoria como proba da existencia dunha deidade é absurda; xa que con esa mesma lóxica, a URI sería tan críbel como Deus. Os dous atributos que caracterizan á URI, a invisibilidade e a cor (é rosa), son inconsistentes e contraditorios; isto é parte da sátira. O paradoxo de algo que é invisíbel e ao mesmo tempo ten características visíbeis (como a cor) reflíctese na mitoloxía dalgunhas culturas do leste de Asia, nas que se di que un fío vermello invisíbel conecta ás persoas que teñen un destino compartido ou relacionado. Tamén podería entenderse esta imaxe como parodia da crenza cristiá na dupla natureza de Xesús Cristo, plenamente humano e plenamente divino.[6]

A URI e ideas similares usáronse como técnicas de ensinanza no pasado. Carl Sagan, no seu ensaio "O dragón no garaxe" do seu libro O mundo e os seus demos: A ciencia como unha luz na escuridade, usa o exemplo de alguén que alega que no seu garaxe vive un dragón invisíbel, incorpóreo e flotante, que cuspe lume que non dá calor. O suposto dragón non pode verse, oírse ou ser detectado de ningunha maneira, e tampouco deixa pegadas debido a que flota, polo tanto non se ten ningunha razón para crer que este dragón existe.

O nome da Unicornio rosa invisíbel habitualmente acompáñase entre parénteses por unha frase como "Blessed Be Her Holy Hooves, Peace Be Unto Her, or May Her Hooves Never Be Shod" que se abrevian bbhhh, pbuh ou mhhnbs, e que poderían traducirse como: "Benditas Sexan As Súas Sagradas Pezuñas, A Paz Sexa Con Ela e Que As Súas Pezuñas Nunca Sexan Ferradas". Estes epítetos recordan, e son talvez un intento de satirizar, a práctica islámica de agregar epítetos aos nomes dos profetas musulmáns, sendo Mahoma o máis famoso cos epítetos "bendígao Deus e o salve" e "a paz e a oración estean con el".

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Unicornio rosa invisíbel

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]