María de los Ángeles Alvariño
Oceanógrafa galega
| María de los Ángeles Alvariño González | |
|---|---|
| Nacemento: | 3 de outubro de 1916 Ferrol |
| Falecemento: | 29 de maio de 2005 La Jolla, California |
María de los Ángeles Alvariño González nada en Serantes, Ferrol, en 1916 e falecida en La Jolla (California) en 2005, foi unha oceanógrafa galega.
Índice |
Traxectoria [editar]
Manifestou cedo a súa intelixencia. Tras estudar en Santiago de Compostela e Madrid, comezou a investigar en Vigo, no Instituto Español de Oceanografía, especializándose en zooplancton. No 1956 pasou a investigar no Instituto Oceanográfico Woods Hole en Massachusetts e logo no Instituto Scripps de Oceanografía, en La Jolla, California e no Servizo Nacional de Pesca Marítima dos EEUU. Foi a primeira muller en actuar como científica nun barco de investigación británico.
No curso das súas investigacións, Alvariño descubriu doce novas especies de Chaetognatha (quetognatos), nove especies de Siphonophora (sifonóforos) e unha nova especie de medusa. En total, 22 novas especies para a ciencia.
Foi membo da San Diego Society of Natural History, así como da Biological Society of Washington e da Asociación Hispanoamericana de Investigadores en Ciencias Mariñas.
Ademais do seu labor como investigadora, Alvariño tamén dedicou moito tempo a educar aos futuros biólogos mariños, impartindo clases na Universidade Nacional Autónoma de México en 1976, na San Diego State University de 1979 a 1982 e, despois, na Universidade de San Diego, de 1982 a 1985. Foi tamén profesora visitante na Universidade Federal de Paraná, en Brasil en 1982 e no Instituto Politécnico Nacional de México, desde 1982 a 1986.
Durante estes anos Alvariño dirixiu a investigación de varios doutorandos e actuou como membro de numerosos tibunais xulgadores de teses de doutoramento nos Estados Unidos e en varios outros países.
Xubilada oficialmente en 1987, Alvariño dedicou a súa atención á historia da ciencia mariña. Levou a cabo unha extensa investigación sobre os exploradores españois, estudando espeecialmente a primeira expedición científica oceánica que viaxou ao longo dos océanos Atlántico e Pacífico desde 1789 a 1794. No ano2000 Ángeles Alvariño publicou unha reseña completa desta expedición.
Algunhas publicacións [editar]
Libros [editar]
- Alvariño, Ángeles (1969): Los Quetognatos del Atlántico: distribución y notas esenciales de sistemática. Madrid: Instituto Español de Oceanografóa. Volume 37.
- Alvariño, Ángeles (2002): España y la primera expedición científica oceánica, 1789-1794: Malaspina y Bustamante con las corbetas Descubierta y Atrevida. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 8445334735
- Rodríguez Martín, Olegario e Ángeles Alvariño (1951): Anguilas y angulas: biología, pesca y consumo. Madrid: Subsecretaría de la Marina Mercante.
Epónimos [editar]
- Aidanosagitta alvarinoae (Pathansali, 1974) (quetognato).
- Lizzia alvarinoae Segura 1980 (hidromedusa).
Abreviatura [editar]
A abreviatura Alvariño emprégase para indicar a María de los Ángeles Alvariño como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Honras [editar]
- Foi posta como exemplo de muller científica no Women Tech World Women Tech World.
- En 1993 foi distinguida coa Medalla de Prata de Galicia
- En 2005, ano do seu falecemento, a Universidade da Coruña lle dedicou a Semana das Ciencias.
- Así mesmo, nese ano o Concello de Ferrol rendeulle unha homenaxe póstuma no Campus de Esteiro, onde se descubriu unha placa conmemorativa en honor a unha das mulleres máis destacadas no mundo da ciencia.[1]
- O 24 de febreiro de 2012, o Instituto Español de Oceanogrefía (IEO) botou en Vigo o buque oceanográfico "Ángeles Alvariño".[2]
Legado [editar]
O seu legado inclúe máis de un cento de publicacións científicas, entre libros e artigos en revistas, as 22 especies de animais mariños que descubriu durante a súa carreira e a súa contribución duradoira á investigación de pequenas formas de vida nos océanos do mundo.
Ao seu falecemento en La Jolla, San Diego (California), o 29 de maio de 2005, deixou rematado un manuscrito sobre as aves e outros animais mariños achados na expedición Malaspina e que foron estudados por ela. Trátase dun proxecto que proximamente será rematado e traducido pola súa filla, Ángeles Leira Alvariño.[3]
O arquivo municipal da Coruña contará en breve cunha importante biblioteca científica, formada por un millar de libros, ademais de mapas, debuxos, grabados e a correspondencia que, con científicos de todo o mundo, mantivo Ángeles Alvariño. O principal motivo de que estes fondos terminen na Coruña é que Alvariño desexaba que o seu legado científico volvera a España (México era outra alternativa), e outra das razóns é a presenza na cidade dos museos científicos, para os que este legado ten un interese especial. A súa filla estivo en agosto do 2011 cos responsábeis da Concellaría de Cultura para iniciar os trámites.[4]
Notas [editar]
- ↑ Culturagalega (en galego) Consultada o 25/2/2012.
- ↑ Botadura do buque oceanográfico "Ángeles Alvariño". El País, 24/2/2012 (en castelán) Consultada o 25/2/2012.
- ↑ Culturagalega (en galego) Consultada o 25/2/2012.
- ↑ A Coruña recupera a una pionera de la ciencia natural Concello da Coruña, 16 de setembro de 2008. (en castelán) Consultada o 25/2/2012.
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Álbum de mulleres. Ángeles Alvariño. Unha precusora na investigación oceanográfica mundial (en galego) Consultada o 25/2/2012.
- Los biólogos españoles. Ángeles Alvariño. Biografía (en castelán) Consultada o 25/2/2012.
- Encyclopedia of World Biography. Angeles Alvariño Ampla biografía. (en inglés) Consultada o 25/2/2012.
- Concello da Coruña. Concellaría de Curura (en castelán) Consultada o 25/2/2012.