Juan Rof Codina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJuan Rof Codina

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento31 de agosto de 1874 Editar o valor em Wikidata
El Prat de Llobregat, España Editar o valor em Wikidata
Morte17 de xuño de 1967 Editar o valor em Wikidata (92 anos)
Lugo, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióncientífico , veterinario Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosXoán Rof Carballo, María Concepción Rof Carballo Editar o valor em Wikidata

Juan Rof Codina, nado en El Prat de Llobregat o 31 de agosto de 1874 e finado en Lugo o 17 de xuño de 1967, foi un veterinario catalán, un dos principais impulsores desta disciplina en Galicia. En 2022 a Real Academia Galega de Ciencias homenaxeouno no Día da Ciencia en Galicia pola súa contribución á modernización do sector agropecuario en Galicia[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era o terceiro fillo dunha modesta familia catalá. O seu pai tiña un taller de ferreiría e cerrallería. Con 14 anos viuse obrigado a deixar a escola para axudar o seu pai no taller. En 1893, animado pola nai, marchou a Madrid estudar na Escola Superior de Veterinaria. Para facer fronte ós gastos traballou de mancebo nunha farmacia.

Obtivo o posto de veterinario militar en 1898. Foi destinado a Lugo, e permaneceu xa en Galicia toda a súa vida. A súa presenza na Galicia rural permitiulle familiarizarse coas enfermidades máis comúns na época, como o gripo, ou febre aftosa, e a nacida, ou carbuncho bacteriano. Axiña empezou a escribir artigos divulgativos para tratar de difundir boas prácticas de hixiene. O primeiro foi "La cuestión de la carne", en 1899, no diario lugués La Idea Moderna. Tamén difundiu os resultados das investigacións de Louis Pasteur sobre a vacinación contra o carbuncho bacteriano.

En 1901, tras un problema disciplinario cun superior, foi trasladado a Granada, pero conseguiu regresar a Lugo o ano seguinte. Porén, tras ascender ó grao de capitán, solicitou a licenza. Foi redactor xefe da Revista Veterinaria (1903).

Fotografía de Rof Codina, o primeiro pola dereita, canda o resto de integrantes da redacción de La Idea Moderna.

En Lugo, xunto ó seu cuñado Jesús Carballo, montou a primeira clínica veterinaria de Galicia,[2] onde difundiu diversos tipos de vacina, e en 1906 creou a Gran Clínica Veterinaria. O Instituto Pasteur cedeulle a representación exclusiva das súas vacinas en Galicia e Asturias. A Clínica chegou a publicar entre 1908 e 1909 un boletín periódico propio de divulgación veterinaria para a gandaría.

Rof foi un decidido agrarista. Participou en varias iniciativas destinadas a difundir o asociacionismo agrario. Entre elas, colaborou como redactor na revista coruñesa Prácticas Modernas desde 1903. Foi un firme defensor da organización das feiras de gando como fórmula de fomento dos mellores exemplares de gando, especialmente da vaca rubia galega. Foi o verdadeiro impulsor da Feira de Lugo de 1906. Dentro da súa participación no movemento agrarista, no seo de Solidaridad Gallega, participou nas asembleas agrarias de Monforte de Lemos e de Ribadavia entre 1908 e 1913. Tamén asesorou os sindicatos e asociacións agrarias en aspectos de sanidade pecuaria, comercio e mellora gandeira. Así mesmo, fomentou a creación de sociedades cooperativas e de seguros na gandaría, as mutuas, que facilitaban a compra de maquinaria e permitían compartir gastos en caso de morte ou enfermidade do gando.

Canto á súa actividade profesional, participou con outros compañeiros na creación do Corpo de Inspectores de Hixiene e Sanidade Pecuaria. En 1909, cando se convocaron as primeiras oposicións, obtivo o posto de Inspector Provincial de Hixiene. Trasladouse á Coruña, onde exerceu o cargo durante máis de 20 anos. En 1932 foi nomeado para dirixir a sección de mellora gandeira da Inspección Xeral Veterinaria en Madrid. Desde este posto centrouse no desenvolvemento e dignificación da gandería.

En 1929, por solidarizarse publicamente con Félix Gordón Ordás, represaliado na ditadura de Primo de Rivera, foi trasladado a Córdoba. Ao comezo da Guerra civil española, Rof Codina atopábase nun congreso en Alemaña e regresou a Madrid para presentarse ó goberno republicano. Isto tivo como consecuencia, rematada a guerra, un novo expediente e o exilio na illa de Tenerife.

Juan Rof Codina no seu despacho, 1932

Rof Codina regresou á Península en 1941 e foi relegado a dirixir a Estación Pecuaria de Lugo, posto en que se xubilou en 1944. Porén, permaneceu activo a través da Cátedra ambulante de Divulgación Pecuaria de Galicia, que el mesmo creou, ata a súa morte con 93 anos, en Lugo, en 1967.

Ó longo da súa vida escribiu unha inxente cantidade de artigos co fin de difundir as novas teorías nos eidos da agricultura e a gandería.

En 1994 creouse a Fundación Rof Codina, co obxectivo de crear o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela. A filla, Carmen Rof Carballo, cedeu á fundación a maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 2022, se lle adicou o Día da Ciencia en Galicia.[3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eva Fernández (10 de marzo de 2022). "Juan Rof Codina, impulsor da veterinaria en España e modernizador do sector agropecuario galego, nomeado “Científico Galego do Ano” pola RAGC". Real Academia Galega de Ciencias. 
  2. Segundo Lourenzo Fernández Prieto, tamén a primeira en España.
  3. Redacción (9 de outubro de 2022). "Día da ciencia con homenaje a Rof Codina". elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 6 de novembro de 2023. 
  4. Redacción (6 de outubro de 2022). "“Un científico excepcional”: así foi o tributo a Juan Rof Codina". gciencia.com. Consultado o 6 de novembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]