Fuxan os Ventos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fuxan os Ventos
Orixe Lugo, España
Período (1972-actualidade)
Xénero(s) folk
Membros Carme Vázquez, Xoán L. F. Saavedra, Tereixa Novo, Alfonso Fernández, Moncho Díaz, Maruxa Fociños, Antón Castro, Xosé Vázquez e Pedro Lucas.
Antigos membros Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero)
Na rede
FuxanosVentos.net

Fuxan os ventos, chamado ás veces simplemente Fuxan, é un grupo musical galego formado en 1972 en Lugo no seo do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O grupo participou co nome de Folk 72 no III Festival musical das San Lucas de Mondoñedo, onde gañaron o primeiro premio co tema "Fuxan os ventos". A partir de entón adoptaron este nome para o grupo.

Historia[editar | editar a fonte]

No ano 1973 o grupo participou no III Festival Ría de Ares, en Pontedeume, gañando tamén o primeiro premio. No ano seguinte participaron noutros festivais en Ferrol e Madrid, acadando sempre o recoñecemento da crítica e prensa especializada, mentres participaban na misa radiada de Radio Popular, no que xa participaban antes da creación do grupo.

No ano 1975 o grupo sufriu a súa primeira escisión. No seo do grupo agroman dúas liñas de traballo, unha tendente ao folclore universal e outra máis comprometida coa cultura, idioma e identidade galega. Foi a segunda liña a que quedou, e comeza o percorrido polos teleclubes da provincia con "Galicia canta ó Neno", unha montaxe e representación costumista-musical, escenificación do xeito de vivir as festas do Nadal en Galicia. Este proxecto incluíu a participación de moita xente e a recolleita de centos de panxoliñas, aguinaldos e cantos de Reis.

Pouco despois aparecen as primeiras ofertas para editar discos. Nos primeiros anos o grupo rexeitaba a posibilidade de gravar o repertorio do grupo, co fin de non comercializar o problema galego. Pero en 1976, co fin de espallar o seu traballo, chegan a un acordo Philips-Fonogram, co que o grupo podería gravar á súa maneira (sen arranxos electrónicos), manter a liña do grupo e o compromiso político apartidista e asegurarían que o grupo non se comercializaría cara adentro. Froito daquel acordo edítase en 1976 o seu primeiro disco, Fuxan os ventos, e posteriormente outros tres: O Tequeletéquele , Galicia canta ó neno e Sementeira.

O grupo segue a cantar na Misa da radio, a representar "Galicia canta ó Neno" por toda Galicia, espectáculo que chega a retransmitirse en en directo, dende o Teatro Colón da Coruña a través da TVE en Galicia. Participaron na "1ª Romaxe de Crentes Galego" que organizan Irimia e Encrucillada, na que colaborarán na maior parte das edicións. En 1977, prodúcese a segunda escisión do grupo, por mor de manter a independencia política. Entre 1978 e 1980 o grupo aumentou o número de actuacións, chegando a Cataluña, Euskadi, Lisboa, Bruxelas, París, Zúric, Brest, e mesmo en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient (1978 e 1979), mentres realizan unha Campaña Cultural en zonas de montaña, con 30 actuacións en vilas e aldeas da provincia.

No ano 1979 conseguen o seu maior éxito co disco Sementeira, o que lle seguiría un período onde o grupo aumenta a súa actividade ata cen concertos ao ano. O seu quinto disco Quen a soubera cantar xa foi coa editora Ruada, nun intento fracasado de apoiar o primeiro selo discográfico galego.

Mini e Mero moito tempo despois de deixar Fuxan os Ventos.

Por Fuxan os ventos chegaron a pasar até 30 persoas, ata que a comezos do ano 1983 se produciu a definitiva modificación coa saída de dous dos seus compoñentes (Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio, que fundaron A Quenlla) e a incorporación dun trío de música tradicional. Nesta nova época o grupo grava con Fonomusic no ano 1984 o disco "Noutrora" e continúa coas actuacións en directo incrementando a súas saídas fóra de Galicia, abríndose a novos circuítos: tocan en Durango, nun galeuzca musical, en 1983; en Jaén, na Universidade Popular, en 1985, ou en Segovia, no Festival Agapito Marazuela, no ano 1989, na que sería a súa última actuación en directo.

Desde esa data, o grupo permanece inactivo de cara ao público, rompendo o seu silencio en contadas ocasións: en maio de 1993 participando na Festa Labrega de Láncara, organizada polo Sindicato Labrego Galego para conmemorar a supresión da "cota empresarial agraria"; e no ano 1997, en Lugo, para celebrar o vinte e cinco aniversario da Asociación Auxilia, coa que o grupo colaborou dende a súa fundación. No ano 2007, aproveitando o convite para dar o pregón da Feira de Artesáns de Instrumentos Tradicionais que ten lugar no Festival de Pardiñas (Guitiriz), o grupo fai unha pequena actuación cantando seis temas do seu repertorio.

Porén, o grupo segue a traballar internamente. En 1999 concretouse ese traballo na gravación do disco Sempre e máis despois, tras quince anos sen editar, e composto exclusivamente por temas tradicionais. O disco Na Memoria dos tempos apareceu no 2002. O grupo tamén participou na gravación de dous temas para o disco de cancións infantís Pelo gato 24, editado pola Asociación de Gaiteiros no 2007. Terra de Soños, editado no ano 2010, reedita os clásicos do grupo.

Significado social[editar | editar a fonte]

Fuxan os Ventos non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só a intelectualidade galega vencellada a canción protesta e os cantautores senón tamén a Galicia de orixe rural.

O seu repertorio inicial elaborárono a partir da música folk universal, inclinándose cada vez máis cara á música popular galega, recollendo cantigas dos vellos e vellas dos lugares e incluíndo temas de composición propia. Consonte o período no que estiveron activos (devalar do franquismo e transición española), foron adquirindo un compromiso social que se plasmou na incorporación da canción protesta e de poemas doutros autores, nunha liña de oposición á ditadura e de reivindicación dun pobo, un idioma e unha cultura propia.

Como principais características destacan, sen dúbida, a presencia da voz e as letras das cancións. As letras, ben propias ou de poetas galegos, abrangueron temáticas moi amplas: foron en ocasións reivindicativas (temas como a emigración, a Autonomía, a ecoloxía, a pobreza...) ou recolledoras dunha tradición oral coa que tivo intenso contacto o grupo. En ocasións ambos os dous aspectos mesturábanse, aínda que por pola época só o feito de cantar en galego podía ser xa un xeito de reivindicación.

Membros[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Fuxan os ventos (1976)
  • O tequeletequele (1977)
  • Galicia canta ó neno (1978)
  • Sementeira (1978)
  • Quen a soubera cantar (1981)
  • Noutrora (1984)
  • Sempre e máis despois (1999)
  • Na memoria dos tempos (2002)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]