Fernando II de León e Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Fernando II de León")
Monarcas de Galicia
Reis de Galiza2.jpg

Reis suevos

Reis visigodos

Señores territoriais

Reis desde Oviedo

Reis desde León

Reis de Galicia e León

Reino de Galicia

Fernando II, nado cara ao 1137 e finado o 21 de xaneiro de 1188, foi rei de León e Galicia entre 1157 e 1188. Restaurador da Coroa de León. Coñecido nos Anales Camaracenses como Emperador de Galicia. Está enterrado no Panteón Real da capela das reliquias da catedral de Santiago de Compostela.

Tumba do Rei Fernando II, en Santiago.

Restauración da coroa de León[editar | editar a fonte]

O seu pai Afonso VII confiou a súa educación ao líder da nobreza galega o Conde D. Fernando Pérez de Traba, da mesma familia que o tutelara a el cando neno. Isto propiciou a presión galega por restaurar a coroa leonesa á morte do rei Afonso. A rivalidade entre as igrexas de Santiago de Compostela e Toledo contribuíu tamén a que o testamento de Afonso VII deixase a Sancho III Castela e Toledo e a Fernando II León e Galicia.

As fronteiras do Reino de Galicia[editar | editar a fonte]

Viuse obrigado a fixar as fronteiras entre o Reino de Galicia e o recentemente independente Reino de Portugal. Este novo reino mantiña a dominación da Limia, Tui, Toroño e Vigo. Isto provocou intermitentes conflitos bélicos ata a recuperación para o Reino de Galicia dos devanditos territorios mediante a paz asinada en Pontevedra con Afonso Henriques[Cómpre referencia].

Por outra banda, fixou no tratado de Sahagún as fronteiras entre León e Castela con Sancho III, así como o recoñecemento do avance galaico-leonés por Estremadura.

Renacemento urbano[editar | editar a fonte]

Favoreceu un auténtico renacemento urbano mediante a concesión de foros municipais a vilas como Lugo, Pontevedra, Tui, Padrón, Noia e Ribadavia. Deste xeito, as cidades acadarían un protagonismo punteiro na Galicia do século XII, ceibándose de poderes señoriais e eclesiásticos.

Así mesmo, contixentes galegos saíron para repoboar as terras salmantinas. Feito que se reflicte, aínda hoxe, na toponimia desas bisbarras.

A Igrexa galega[editar | editar a fonte]

Favoreceu á sé arcebispal de Santiago de Compostela como capital eclesiástica dos seus estados, que ademais tiña como dependentes a varias sés portuguesas. Outorgou unha pensión vitalicia ao Mestre Mateo, o máis prestixioso escultor da época, para dar un pulo decisivo ás obras da catedral. Nesta onda crecente da arquidiócese compostelá inscríbese a concesión do ano santo xubilar compostelá polo Papa Alexandre III (Bula Regis Aeterni). Era arcebispo D. Pedro Suárez de Deza.

Ordes militares[editar | editar a fonte]

Ao seu reinado pertence tamén o nacemento da Orde militar de Santiago, cuxo arcebispo lle doa unha bandeira con cruz en forma de espada e nomea cóengo da catedral ao Mestre da Orde.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Carreira, A; Fernández Cal, T. Os reis de Galicia, Vigo : A Nosa Terra, 2003. ISBN 84-96203-27-1
Fernando II de León e Galicia
Nacemento: 1137 Falecemento: 21 de xaneiro 1188


Títulos Reais
Precedido por
Afonso VII


Rei de Galiza
1157 – 1188
Sucedido  por
Afonso IX
Rei de León
1157 – 1188