Turonio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Turonio é un topónimo galego en proceso de recuperación[Cómpre referencia]. Caeu en desuso no século XV aínda que conta con testemuños desde o século V. O seu xentilicio é turonián/turoniá.

É un topónimo bastante escuro e chega a nós por medio de fontes pouco claras. É tratado, segundo o informante, como: reguengo, condado, e de forma máis xenérica como Terra/s de Turonio. Tamén o topónimo vacila a súa forma: Toronio, Turonio, Turonia, Torona, Torono... A utilización do feminino Turonia se emprega para referirse ao local do castelo, actual Torroña, e o masculino Turonio para o terreo máis extenso.

Extensión xeográfica[editar | editar a fonte]

Abrangue os territorios comprendidos entre a Ría de Vigo e o Río Miño e desde Entenza, Salceda de Caselas até a desembocadura do Miño no Atlántico. Os lindes polo leste son pouco claros pero nunca excederían os do bispado de Tui.

En diferentes documentos lemos que agrupaba as terras do Val Miñor, do Fragoso, País de Oia, Zamáns, Bembrive, Val de Tebra e as terras miñotas entre Entenza, Salceda de Caselas e A Guarda. Algúns estudosos sosteñen que coa perda, no bispado de Tui, de gran parte dos seus territorios con motivo da independencia de Portugal Turonio pasou a ser empregado para denominar as posesións que aínda conservaba o bispado.

Referencias históricas[editar | editar a fonte]

No Cronicón, do bispo Hidacio, ano 445, fálase de Turonia coma lugar a onde chegaron os vándalos desembarcados dun navío atracado nun porto veciño, e prendendo a moitas familias.

No Concilio de Lugo do ano 569 fálase, entre outros lugares, de Turonia como terra do bispo de Tui.

O Rei visigodo Recaredo alcuñou moeda en Turonio coa lenda "Vitoria", pouco despois da conquista do reino suevo polos visigodos, esta foi en 585.

O rei Ordoño II, o 1 de setembro de 915 doou a Recaredo, bispo de Lugo, o poboado de Bembivere (hoxe Bembrive, parroquia de Vigo), en Turonia.

San Rosendo, ao fundar o Mosteiro de San Salvador de Celanova, 942, fai mención de Turonia.

O rei e emperador Afonso VII e a súa dona Berenguela de Barcelona doaron ao bispo de Tui, Don Pelayo Menéndez, en 1142 o castelo de Santa Helena de Turonia.

A primeira referencia documentada de Vigo na Idade Media é de 1097, e cítase como parte do condado de Turonio.

Referencias literarias[editar | editar a fonte]

O nobre portugués Garcia Mendez de Eixo, presente na corte de Sancho I a finais do século XII, e falecido en 1239 fai referencia a Turonio nunha cantiga:

Ala uuaz que la Torona
e los parens son tauz
e la terra he trou bona
e ja quites son los chauz
c'ora me volho tornar
a Sousa a lo mon logar (...)

Reminiscencias na zona[editar | editar a fonte]

Existen varios topónimos na zona de Turonio que posiblemente proveñan ou sexan orixe do topónimo en cuestión, como Troña (na parroquia de Pías, concello de Ponteareas, onde está o castro de Troña) ou Torroña (lugar do concello de Oia). En Gondomar tamén se encontra un instituto co nome de Terra de Turonio.