Elvis Presley

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Elvis Presley
Elvis Presley promoting Jailhouse Rock.jpg
Elvis Presley en 1957
Nome completo Elvis Aaron Presley
Alias O rei do rock
Naceu 8 de xaneiro de 1935
Orixe Tupelo, Mississippi
Estados Unidos de América Estados Unidos
Morreu 16 de agosto de 1977
Memphis, Tennessee
Ocupación (s) Músico, compositor, cantautor, actor
Xénero Rock & Roll, pop, blues, gospel, country, rockabilly, Rock, R&B
Instrumento(s) Cantante, guitarra, piano
Selo(s) discográfico (s) Sun Records
RCA Victor
Relacionado con Priscilla Presley (cónxuxe)
The Blue Moon Boys,
The Jordanaires,
The Imperials
Tempo en activo 1953 - 1977
Na rede
www.elvis.com
{{{tamaño_sinatura}}}px

Elvis Aaron Presley, máis coñecido polo nome de Elvis Presley, e como o rei do rock, nado en Tupelo, Mississippi, o 8 de xaneiro de 1935 e finado en Memphis, Tennessee, o 16 de agosto de 1977, foi un cantante norteamericano.

Presley comezou como cantante de rockabilly, cun repertorio en parte tomado do rhythm and blues e do country transformado en rock & roll. Presley converteuse no cantante de máis éxito comercial do rock and roll, aínda que tamén cantou baladas, country e gospel. Pasou a ser unha icona da cultura pop americana, coa súa forma de interpretar o rock e creou escola, imitando o ritmo dos negros e dando énfase ó aspecto máis sexual do rock, movendo de xeito sensual os cadrís. Cando morreu vendera 200.000.000 de discos e conseguira 129 discos de ouro. Interpretou 31 filmes, relacionados case todos eles co mundo da canción. É o solista que máis discos ten vendidos da historia da música.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Fillo de obreiros, pouco despois de trasladarse os seus pais a Memphis comezou a traballar como camioneiro nunha empresa de material eléctrico. Desde neno xa se interesaba pola música, actuando no coro parroquial e ben cedo xa aprendera a tocar a guitarra e cantaba temas de blues e rhytm e blues.

En 1954 como regalo para a súa nai gravou, pagando catro dólares, unha canción na casa discográfica Sun Records, propiedade de Sam Phillips, quen se interesou por el e o contratou para a súa compañía. O 6 de maio de 1954 gravou o seu primeiro disco That´s All Right, que axiña se converteu nun éxito local en Memphis. Combinando estilos negros co country, cancións gravadas na Sun como Good rockin´ tonight ou Baby let´s play house inauguraron un novo xeito de interpretar e vocalizar e constitúen unha das raíces do nacente rock and roll. Ademais da radiodifusión, foi a maneira de moverse no escenario o que fixo de Elvis un escandaloso xove intérprete que chamou a atención do futuro manager o Coronel Tom Parker. Este conseguiu que a RCA pagase 35.000 dólares para facerse co cantante. Así, o 10 de xaneiro de 1956 trasladouse a Nashville para gravar cos membros do seu grupo: o guitarrista Scotty Moore, o baixo Bill Black e o batería D.J. Fontana. O 28 de xaneiro irrumpiría no espectáculo Stage Show dos irmáns Dorsey na cadea de televisión CBS, impactando ao gran público americano con temas negros como Shake, Rattle and Roll.

Grandes éxitos[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1956 conseguiu o seu primeiro número un en vendas durante 27 semanas por Heartbreak Hotel. Nese ano serían tamén número un varios temas como Hound Dog (durante tamén 27 semanas) así como os seus dous álbums Elvis Presley e Elvis que incluían versións clave na historia do rock and roll como Blue Suede Shoes, One-Side Love Affair ou Rit it up. Os shows televisivos de Milton Berle, Steve Allen, os irmáns Dorsey e Ed Sullivan bateron récords de audiencia coa súa presenza e os concertos comezaron a ser multitudinarios en dimensións sen precedentes. O 9 de setembro de 1956 a súa actuación no show de Ed Sullivan acadou unha audiencia do 82,6% e foi visto por máis de 60 millóns de persoas.

O escándalo medraba ao mesmo ritmo que o éxito: Ben Gross do Daily News escribía que Elvis levaba a cabo unha exhibición suxestiva e vulgar, tinguida de niveis de salvaxismo que debería ser exclusivo... dos prostíbulos. Jack Gould no New York Times comparaba o movemento frenético do seu corpo co repertorio das explosivas bailarinas das pasarelas de cabaret. Un xuíz de Jacksonville, Florida ordenoulle non moverse sensualmente no escenario e en nalgunhas tomas de televisión filmábaselle de cintura para arriba. Ed Sullivan, que declarara que xamais o convidaría ao seu prestixioso programa e que non o tocaría nin cun pau longo, acabou ofrecendo 50.000 dólares pola súa presenza.

Nese ano debutou tamén como actor en Love me tender, un filme ambientado na Guerra de Secesión polo que cobrou 100.000 dólares. Ao terceiro día da súa estrea o 10 de novembro, xa se cubriran os gastos de produción. Nos seguintes doce anos interpretou uns 30 filmes, con períodos de tres películas por ano xa sen pretensións artísticas nin musicais e ao ditado dunha doada rendibilidade.

En 1957 reafírmase como o ídolo da xente nova e o intérprete máis popular do rock and roll cun album número un durante 29 semanas (Loving You) e catro singles nese mesmo posto, entre os que salientan Jailhouse Rock e All Shook Up, que foron tamén número un no Reino Unido xunto co LP citado.

Un álbum de cancións navideñas reinterpretadas con acentos de blues chegou tamén ao número un ese ano: Elvis´ Christmas album.

A película Jailhouse rock, que supuxera un investimento de 400.000 dólares, acadou un beneficio de 4 millóns. Hoxe en día figura entre os filmes incluídos no National Film Register para a súa preservación polo seu significado cultural, histórico e estético.

Servizo militar e retorno[editar | editar a fonte]

Entre 1958 e 1960 cumpriu co servizo militar en Alemaña, deixando unha película (King Creole) e varias cancións gravadas que lle permitiron continuar no cume (Hard Head Woman, Big Hunk o´Love e Don´t foron números un, One Night e I Need Your Love Tonight fórono no Reino Unido). Temas da película citada como o propio King Creole ou Trouble convertiríanse en clásicos do rock de ámbito internacional.

Ao seu retorno aos Estados Unidos decantouse por outros estilos musicais -country, gospel, canción lixeira e mesmo napolitanas- conseguindo catro números un en singles e a mesma posición para o álbum G.I.Blues, banda sonora dunha película que cambiaba a imaxe de héroe marxinal por un xovial soldado americano de servizo en Alemaña. En maio de 1960 o show televisivo de Frank Sinatra foi líder de audiencia (share do 42%) co especial Welcome Home Elvis, o que supuxo a posta en escena da acollida do denostado rockeiro na sociedade ben pensante americana. Isto cerraba a operación de marketing que acompañou ao seu servizo militar.

No Reino Unido o citado album G.I. Blues e Elvis is Back acadarán o número un, ao igual que varios singles.

Carreira en Hollywood[editar | editar a fonte]

Elvis tentou ser un actor serio con películas como Flaming Star, un western antirracista que foi prohibido en Sudáfrica e que non acadou o éxito do desenfadado G.I. Blues. O notable posto 12 na Variety´s weekly list non foi o suficientemente satisfactorio para o seu manager.

O Coronel incidiu na teima de converter ao cantante rebelde e lascivo nun artista respectable para todos os públicos edulcorando a súa imaxe mediante infinidade de películas meramente comerciais e a abandonando paulatinamente o rock. Con todo, desta época son versións discográficas tan célebres como a de Fever ou Are you lonesome tonight.

O punto de inflexión sería o abandono dos concertos e a película ''Blue Hawai'' (1961) cun enorme éxito en taquilla de ámbito internacional que marcaría un novo rumbo na súa carreira alleo á evolución do rock e o pop. A partir dese momento ensaiaríase repetidamente a mesma fórmula, distante das modas musicais da xente máis nova e con guións buscadamente intrascendentes. Os primeiros anos, a estratexia comercial do Coronel Tom Parker tivo éxito. Algunhas bandas sonoras das películas acadaron o número un nas listas de albumes como foi o caso da propia Blue Hawai (1961) e Roustabout (1964). Tamén en 1964 Viva las Vegas, xa en pleno reinado dos Beatles, supoxo aínda o súa mellor recadación en taquilla, mesmo logrando desprazar ao film do grupo británico A Hard Day´s Night. Foi tamén significativo que a canción Blue Chritsmas acadara o número un na Chritsmas Chart.

Porén, a partir de 1965 a rutina de Hollywood e ausencia de calidade cinematográfica e musical fai que a súa popularidade decaia notablemente. Só a volta ás súas raíces de música negra bríndalle algúns éxitos como o single Crying in the Chapel ese mesmo ano ou o album How Great Thou Art en 1967 co que obtería o primeiro dos seus Premios Grammy. Pola contra, nin sequera películas cunha crítica musical aceptable como Speedway (1968), coprotagonizada por Nancy Sinatra, acadarían máis que moi mediocres posicións tanto en taquilla (posto 40 en Varity´s year-end) como en vendas da banda sonora (Let Yourself Go foi número 22 no Reino Unido).

Final[editar | editar a fonte]

A finais dos 60 tentou recobrar a popularidade anterior, que tan só conseguirá puntualmente co show televisivo coñecido como o Come Back Special e con temas como High heel sneakers, If I can dream (1968), In the Ghetto, Don´t Cry Daddy ou Suspicious Mind (1969). Ese ano, o album From Elvis in Memphis foi número un no Reino Unido despois de sete anos sen que un LP seu acadara esa posición no importante mercado británico.

Nos anos 70 serán célebres concertos históricos como o do Madison Square Garden (1972) do que sairía un novo disco de ouro, Hawaii vía satélite (1973), visto por máis de un billón de espectadores e cuxo album Aloha from Hawaii será un novo número un, Memphis (catro shows para atender a demanda de entradas en marzo de 1974, e do que sairía un tema en directo, How Great Thou Art, que foi premio Grammy), Pontiac ante 63.200 espectadores en decembro de (1975) ou os de Las Vegas (1976-77), estes últimos xa en plena decadencia física.

En 1973 obtivera un Globo de Ouro polo documental Elvis on Tour, unha reportaxe moi realista sobre as súas xiras pola América profunda.

Entre os anos 1973 e 1976 Elvis logrou colocar catro álbums no número un da Country Chart.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casado con Priscilla Beaulieu (1967), tivo con ela unha filla (Lisa Marie) e máis tarde asinaron o divorcio (1973). Foi parella da coñecida miss, actriz e compositora Linda Thompson. Coleccionista de Cadillacs e armas, os derradeiros anos da súa vida estivo obsesionado pola depresión e a obesidade, que tentaba paliar por medio de pílulas, o que probablemente favoreceu a súa morte en estrañas circunstancias ós 42 anos.

De entre os seus numerosos éxitos musicais temos Hound Dog, Don't Be Cruel, Love me Tender, All Shook up, Teddy Bear, Jailhouse Rock, It's Now or Never, Can´t Help Falling in Love, Surrender, Crying In The Chapel, In The Ghetto, Suspicious Minds, Burning Love, Moody Blue, It's Alright Ma, Mystery Train, All Shook Up, e King Creole.

Discografía destacada[editar | editar a fonte]

Anos 70[editar | editar a fonte]

Anos 60[editar | editar a fonte]

Anos 50[editar | editar a fonte]

Videografía destacada[editar | editar a fonte]

  • This is Elvis (1981)
  • Elvis in Concert (1977)
  • Aloha from Hawaii (1973)
  • The Alternate Aloha (1973)
  • Elvis on Tour (1972)
  • That's The Way It Is (Special Edition)
  • That's The Way It Is (1970)
  • Elvis NBC TV Special (1968)
  • Roustabout (1964)
  • Viva Las Vegas (1964)
  • Kid Galahad (1962)
  • Follow That Dream (1962)
  • Wild in the Country (1961)
  • Flaming Star (1960)
  • Welcome Home Elvis (1960)
  • King Creole (1958)
  • Jailhouse Rock (1957)
  • Loving You (1957)
  • Love me Tender (1956)

Outros[editar | editar a fonte]

  • The Great Performances 1, 2 e 3
  • The Lost Perfomances
  • He Touched Me (Documental)
  • One Night With You

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Brasil[editar | editar a fonte]

  • "Elvis - Mito e Realidade" - Maurício Camargo Brito
  • "Elvis Por Ele Mesmo" - Marcelo Eduardo Lemos Costa e J. C. Bruno - Editora Martin Claret (1989)
  • "Elvis Presley" - Ana Flávia Miziara e Marcelo Eduardo Lemos Costa - Editora Roka (1996)
  • "Elvis" (Coleção Para Saber Mais) - Odair Braz - Revista "Super Interessante" (2004)
  • "Elvis - O Rei de Las Vegas" - Waldenir Cecon - Elvis Presley's World Fan Club (2005)
  • "Elvis em Turnê - Waldenir Cecon - Elvis Presley's World Fan Club (2006)

Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Elvis Presley