Alerta alimentaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dáse o tratamento de alerta alimentaria a unha situación de emerxencia relacionada coa detección nun alimento dun contaminante microbiolóxico ou químico que represente un perigo para a saúde dos consumidores. Xestiónanse a través dunha rede de comunicación internacional que permite seguir e exercer un control efectivo sobre o alimento implicado e, no caso dun risco certo, proceder á súa retirada do mercado para a súa destrución ou reprocesamento.

Esta rede de intercambio de información, nacida en 1979, está centralizado en España pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN) mediante un protocolo de actuación denominado Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI). A nivel europeo intégrase no Sistema de alerta rápida para alimentos e pensos, denominado RASFF na nomenclatura inglesa (Rapid Alert System for Food and Feed). O sistema de alerta rápida afecta tanto a alimentos fabricados na Unión Europea como ós alimentos importados de terceiros países: no ano 2006, segundo o informe anual RASFF correspondente a ese ano, o 45% das alertas debeuse a perigos detectados en produtos procedentes de países terceiros.

Xestión da alerta[editar | editar a fonte]

O obxectivo básico deste sistema de alerta rápida é asegurar que os produtos alimenticios que se atopan no mercado son seguros e non van representar ningún risco previsible para a saúde dos consumidores. Calquera país que detecte un alimento contaminado comunícao inmediatamente ás autoridades competentes dos outros países da Unión Europea, para que poidan proceder á súa busca no mercado e á súa inmobilización ou retirada, segundo sexa necesario en cada caso. Para ser eficaz, a comunicación debe permiti-la localización rápida e exacta do produto implicado, descartando produtos similares para evitar un dano inxustificado a empresas ou marcas que non teñan que ver co produto sospeitoso.

Así, nun breve prazo, as autoridades sanitarias do país onde resida a industria que elaborou ese alimento e as do resto de Europa, como posibles receptores dese alimento, teñen coñecemento dos datos exactos do produto implicado e poden aplicar inmediatamente as medidas que se estimen oportunas para a retirada inmediata do alimento do mercado e, así, elimina-lo risco no menor tempo posible.

Indirectamente, este sistema de comunicación pode ter outra vantaxe, como é a detección de erros no control das industrias, no que competa ó país de orixe, ou no control da distribución dese alimento, no que corresponda ós países onde se puido comercializar. Todo o anterior permite unha mellora continua dos sistemas de control oficial que cada país teña desenvolvido.

En relación cos consumidores, o sistema de alerta rápida pode xerar unha situación de confianza na actuación das autoridades sanitarias, se estas xestionan a alerta con transparencia e mensaxes claras, útiles e eficaces. Pola contra, pode xerar desconfianza se estas mensaxes son confusas, contraditorias ou dan a impresión de ocultar parte da información.

O número de alertas varía de ano en ano: en 2004 foron unhas 1.800; no 2006, 934; no 2007, 937. En 2009 [1] houbo 578 alertas. Cómpre advertir que o sistema de alerta rápida atende moitas máis notificacións que non se converten en alertas alimentarias, como poden ser notificacións de información, rexeitamentos nas fronteiras etc. Así, en 2009 producíronse un total de 3.322 notificacións.

Integrantes do sistema RASFF[editar | editar a fonte]

A necesidade de establecer un sistema de comunicación internacional de problemas de seguridade alimentaria xorde a raíz da contaminación terrorista dunha partida de laranxas procedentes de Israel: en 1978 detectouse en Maastricht (Países Baixos) a presenza de glóbulos de mercurio en laranxas, contaminación que logo foi comprobada tamén no resto do país e nalgunhas cidades de Alemaña. Este acto de bioterrorismo foi reivindicado por un Comando Palestino do Exército Árabe Revolucionario, coa intención de prexudica-la economía de Israel. A alarma sanitaria que representou, coa suspensión da venda de laranxas en toda Alemaña, foi o detonante dunha xuntanza europea celebrada o 13 de febreiro de 1979 na que se propuxo a creación dun sistema de alerta rápida entre os países europeos. Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, os Países Baixos e mailo Reino Unido asinaron un primeiro acordo, ó que co tempo se foi integrando o resto dos países.

A crise das vacas tolas, na década dos noventa, representou un importante reto para a Unión Europea no eido da seguridade alimentaria. Coma o RASFF non interviña nos animais vivos nin nos pensos, tampouco interveu na xestión deste problema pero a crise puxo en evidencia a necesidade de reestrutura-lo sistema de alerta e abarca-los temas de seguridade alimentaria desde a granxa á mesa, o que desembocou na creación en 1997 da Dirección Xeral 24, competente en tódolos aspectos relacionados coa saúde e seguridade do consumidor. Dous anos despois cambiou o nome polo de Dirección Xeral de Sanidade e Protección dos Consumidores (DG SANCO [2]).

En 2011 forman parte do sistema RASFF os 27 estados membros da Unión Europea máis a propia Comisión Europea e Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). Son tamén membros de pleno dereito Islandia, Liechtenstein e Noruega; Suíza intégrase no RASFF no referente a controis fronteirizos de produtos de orixe animal.

Desde 2006 estanse dando pasos para aplica-lo sistema de alerta rápida a todo o mundo, xa que o control dos alimentos en orixe é a fórmula máis eficaz para evita-los riscos alimentarios. Así, a finais de 2007 celebrouse un seminario internacional en Pequín para senta-las bases deste sistema de traballo coordinado.

Algúns casos[editar | editar a fonte]

Algúns exemplos de alertas alimentarias comunicadas nos últimos anos son os seguintes (indícase entre paréntese o país de orixe do alimento implicado) [1]:

  • 2021:
    • Contaminación accidental por óxido de etileno nun aditivo empregado na fabricación de xeados da marca Nestle (India) [11]
    • Presenza de Listeria monocytogenes en aperitivos de porco (Romanía) [12]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. Nesta web da AESAN pode consultarse a lista completa das alertas desde o ano 2016.