Gromo de síndrome hemolítico-urémica de 2011

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquistocitos vistos nun paciente con síndrome hemolítico-urémica.

O gromo da síndrome hemólico-urémica de 2011, tamén chamada crise do cogombro ou crise da soia, foi un andazo bacteriano orixinado en Alemaña en maio dese ano, e que se saldou coa morte de case unha cincuentena de persoas. O andazo foi provocado pola bacteria Escherichia coli O104:H4, unha cepa concreta de E. coli que é responsábel dunha enfermidade de orixe alimentaria, a síndrome hemolítico-urémica, que pon en risco a vida dos humanos. Se ben a orixe da bacteria foi rastrexada ata unha plantación de soia da Baixa Saxonia, a crise sanitaria supuxo tamén unha crise económica onde se viu afectado o mercado de vexetais da Unión Europea.

Orixe[editar | editar a fonte]

Aínda que o día 1 de maio de 2011 as autoridades sanitarias de Alemaña informaron dun gromo de síndrome hemolítico-urémica no país[1], ata o 22 de maio non se considerou un problema de saúde pública, logo de que na véspera se producise a primeira vítima mortal[2]. As infeccións producidas por Escherichia coli son comúns nos países occidentais, pero habitualmente teñen un alcance moderado no que a virulencia se refire[3]. En Galicia, un estudo realizado nos anos noventa sinalaba unha proporción de cepas enterohemorráxicas en só o 0,6% dos humanos afectados por diarrea[4].

O cogombro[editar | editar a fonte]

Ata o 25 de maio os casos rexistráronse especialmente no noroeste de Alemaña[5]. Ao día seguinte, o 26 de maio, as autoridades alemás identificaban a fonte do andazo con cogombros importados de España[6]. Ao día seguinte, o 27 de maio, as autoridades reafírmanse nesta atribución, comunícanllelo aos demais países da Unión Europea e retiran do mercado os cogombros de cultivo ecolóxico procedentes de España[7]. Ese mesmo día, a Comisión Europea rastrexa a bacteria ata dous invernadoiros de Algarrobo (Málaga), que se clausuran, e aos que se lles abre unha investigación. As análises practicadas aos invernadoiros andaluces sobre mostras de solo e de auga dan negativo a E. coli[8], e levántase a prohibición de venda de cogombro con orixe en España[9][10]. Mantívose con todo a orixe da contaminación nos cogombros, pero atribuída a unha contaminación posterior durante o seu transporte ou distribución en Alemaña[11].

As discusións sobre a orixe do gromo continuaron neses días entre as autoridades europeas, que opinaban que a contaminación puidera producirse en calquera punto dunha longa cadea de transporte, e as españolas, que negaban a relación dos cogombros de orixe española coa enfermidade. Paralelamente, o Instituto Robert Koch e o Instituto Federal Alemán para a Avaliación de Risco recomendaban evitar en Alemaña o consumo de tomate, cogombro e leituga crus como medida de prevención complementaria[12]. Mentres tanto, dábanse a coñecer os resultados das análises realizadas sobre os cogombros supostamente infectados en Alemaña, onde se atoparon —en 2 de 4 análises— cepas de E. coli, pero non a O104 responsábel directa do andazo.

A soia[editar | editar a fonte]

O 4 de xuño as autoridades alemás e europeas atoparon datos que os levaban ata un cátering público celebrado nun restaurante en Lübeck (Schleswig-Holstein) como orixe posíbel do andazo[13], mentres que os casos da enfermidade en Alemaña seguían en aumento. Ao día seguinte, o 5 de xuño, o ministro de Agricultura do estado de Baixa Saxonia advertía a poboación de non comer gromos de soia de produción local, porque se converteran na principal sospeita da orixe do andazo[14]. Ao longo desa xornada sinalouse como fonte precisa unha granxa en Bienenbüttel (Baixa Saxonia) [15], mais ao día seguinte as autoridades negaban a existencia de análises probatorias, pois con máis da metade das mostras analizadas (23 sobre 40) os resultados foran negativos[16]. De feito, as análises que atoparon a bacteria non se fixeron sobre as mostras principais da granxa, onde non se atopou nada, senón sobre un paquete que procedía da granxa[17]. Con todo, a explotación agrícola foi clausurada[18].

O 10 de xuño un voceiro do Robert Koch Institute identificaba os gromos de soia como a fonte do andazo[19][20], e a OMS confirma a sospeita ese mesmo día[21].

A alforfa[editar | editar a fonte]

O 30 de xuño, a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria propuxo como posible orixe, aínda que con tódalas reservas a falta de confirmación microbiolóxica, as sementes de alforfa ou fenogreco (Trigonella foenum-graecum), procedente de Exipto, das que podería provir a cepa de E. coli que contaminou os gromos xerminados de Alemaña. O 8 de xullo, confirmada esta orixe, adoptou a decisión de retirar dos mercados europeos das sementes de alforfa importadas de Exipto entre 2009 e 2011, á vez que se prohibe a importación de novas partidas ata o 31 de outubro [2][Ligazón morta].

Estas sementes utilízanse como especia para curry ou ensaladas. O Ministerio de Sanidade español confirmou que tamén se distribuíron en España en 2010 [3] e insiste na recomendación de non producir gromos vexetais para consumo propio nin consumir agromos nin sementes xerminadas sen cociñalos previamente, á vez que lembra que aínda non se produciu ningún caso de intoxicación no país.

A enfermidade[editar | editar a fonte]

Logo das análises e probas realizadas, o Instituto Federal Alemán para Avaliación de Riscos sinalou que a cepa bacteriana causante do andazo era coñecida en humanos en Alemaña dende había máis dunha década, e que o máis probábel era que pasara á cadea alimentaria a través de feces humanas[22]. Para a cepa bacteriana en cuestión, a O10:H4, foran descritas propiedades enterohemorráxicas (isto é, que provoca diarreas con hemorraxia) e enteroagregativas (é dicir, que se adhire moi intensamente ás paredes do intestino, o que dificulta a súa eliminación)[23][24]. O único caso de EHEC O104:H4 documentado con anterioridade fora unha intoxicación en Corea do Sur, rexistrado en 2005, para a que se citara como fonte posíbel unha hamburguesa[25].

O primeiro estadio da enfermidade é unha diarrea con hemorraxia. Durante ese proceso, as bacterias liberan unha toxina que afecta os vasos sanguíneos e, en particular, o endotelio. Os órganos máis danados son os riles: un 5-10% dos pacientes falece, e outra parte chega a desenvolver problemas renais graves que poden necesitar dun transplante.

Distribución[editar | editar a fonte]

A gran maioría dos casos (o 97%) deste andazo rexistrouse en Alemaña. Ata o 27 de xuño de 2011, cando o número de casos e a súa virulencia xa decaera, contabilizáranse 3.927 casos de intoxicación por E. coli, dos que só o 23% desenvolveran a síndrome hemolítico-urémica. Destes, o 95% rexistráronse en Alemaña. A taxa de mortalidade dos afectados pola síndrome foi do 5%. Os casos que se rexistraron fóra de Alemaña fórono en persoas que estiveran había pouco tempo naquel país.

Número de casos a 22 de xuño de 2011 [26]
País Falecementos Desenvolven
a síndrome
Total de
E. coli
Alemaña Alemaña 46 834 3.801
Suecia Suecia 1 18 51
Dinamarca Dinamarca 0 9 23
Francia 0 7 12
Países Baixos Países Baixos 0 4 11
Reino Unido Reino Unido 0 3 6
Estados Unidos de América Estados Unidos 1 3 5[27].
Austria Austria 0 1 5
Polonia Polonia 0 2 3
Suíza Suíza 0 0 3[28]
Luxemburgo Luxemburgo 0 1 2
España España 0 1 2
República Checa República Checa 0 0 1
Grecia Grecia 0 0 1
Noruega Noruega 0 0 1
Canadá 0 0 1[29]
Total 48 883 3.927

Consecuencias políticas e económicas[editar | editar a fonte]

A determinación da causa do gromo primeiro no cogombro e posteriormente na soia afectou os mercados destes produtos e, nun sentido máis amplo, o de todos os produtos da horta procedentes de países membros da Unión Europea. Ademais do comercio interno, víronse danadas as exportacións europeas. Rusia, por exemplo, prohibiu a importación de todas as verduras procedentes da Unión Europea durante case un mes, ata o 22 de xuño[30].

Porén, non existen datos reais e independentes do impacto do gromo de E. coli no mercado. Un suposto lobby de produtores europeos, Freshful, estimaba o dano económico semanal nun total de 313 millóns de euros, dos cales 204 millóns afectarían os produtores españois, 82 millóns aos neerlandeses e en menores contías aos agricultores de Alemaña, Bélxica e Portugal[31]. FEPEX, a Federación Española de Produtores e Exportadores de Froitas e Hortalizas, falou de 200 millóns de euros de perdas á semana, se ben o total de cogombro exportado por España anualmente é de só 372 millóns de euros. (2010)[32]. Cifras incluso superiores á exportación anual foron achegadas pola Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (300 millóns) e por Xóvenes Agricultores (500 millóns)[33].

Unha firma de avogados especialista en reclamacións por intoxicacións alimentarias falaba de 2.000 millóns de perdas en custos humanos, con referencia a unha cantidade de afectados e falecidos substancialmente menor cá final[34].

Compensacións[editar | editar a fonte]

O 3 de xuño os gobernos de España, Portugal e Alemaña anunciaron que solicitarían formalmente unha compensación do fondo de axuda agraria da Unión Europea[35]. A Unión Europea propuxo inicialmente conceder 150 millóns de euros para compensar os produtores, coa intención de cubrir os custos de produción perdidos. A ese fondo de axudas poderían acollerse produtores de cogombro mais tamén doutras hortalizas[33]., e a estimación de custos faríase un 30% por riba do prezo de mercado. Mais a ministra española Rosa Aguilar rexeitou a proposta, argumentando que a cantidade era demasiado pequena e que a Unión Europea debía asumir o 100% das perdas[36]. Ao día seguinte, o comisario europeo de Agriculura e Desenvolvemento rural, Dacian Cioloş propuña aumentar o fondo de compensación a 210 millóns de euros[37].

O comisario europeo de Saúde e Consumidores, John Dalli, criticou oficialmente a rapidez das autoridades alemás ao sinalar o cogombro como posíbel responsábel do gromo[38].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Outbreak Notice: Shiga toxin-producing E. coli O104:H4 infections in Germany Arquivado 27 de xuño de 2011 en Wayback Machine., Web de Centers for Disease Control and Prevention do goberno dos Estados Unidos.
  2. First death in German E. coli outbreak; up to 200 sick Arquivado 19 de xullo de 2011 en Wayback Machine.. Barfblog, blog da International Food Safety Network da Universidade do Estado de Kansas, 24/5/2011.
  3. En Alemaña, por exemplo, rexístranse entre 800 e 1.200 casos cada ano. Scientists hunt source of life-threatening stomach bug, Thelocal.de, 18/5/2011.
  4. BLANCO, M. BLANCO, J. E. BLANCO, J., GONZÁLEZ, E.A., ALONSO, M. P., MAAS, H. e JANSEN W. H. Prevalence and characteristics of human and bovine verotoxigenic Escherichia coli strains isolated in Galicia (north-western Spain) Arquivado 25 de setembro de 2019 en Wayback Machine., In European Journal of Epidemiology, Volume 12, Number 1, 13-19.
  5. Potentially deadly E. coli bug spreads in Germany Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine., Swiss Tribune, 24/5/2011.
  6. Deadly E. coli found in Spanish cucumbers, Thelocal.de, 24/5/2011.
  7. Dirección Xeral de Saúde e Consumidores da Comisión Europea. "Notification details - 2011.0703". RASFF. Rapid Alert System for Food and Feed Portal (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de agosto de 2019. Consultado o 07 de agosto de 2019.  O arquivo foi eliminado e é consultable na web do Ministerio de Consumo de Estonia.
  8. Efforts intensify to identify source of E. coli outbreak in Germany as final tests clear Spanish cucumbers, Europa.eu, 4/6/2011
  9. Europe lifts cucumber warning, The Irish Times, 1/6/2011.
  10. La Comisión Europea levanta la alerta sobre los pepinos españoles procedentes de Almería Arquivado 20 de xullo de 2011 en Wayback Machine., web do Ministerio de Sanidade, Política social e Igualdade de España.
  11. Cucumbers in clear – so what is causing deadly E.coli outbreak? Arquivado 03 de xuño de 2011 en Wayback Machine., The Independent, 1/6/2011.
  12. New epidemiological data corroborate existing recommendation on consumption by BfR, BfR, 3/6/2011.
  13. Kein EHEC-Befund in Lübecker Restaurant Arquivado 08 de xuño de 2011 en Wayback Machine., N24.de, 4/6/2011.
  14. E coli outbreak: German officials identify bean sprouts as likely source, The Guardian, 6/6/2011.
  15. German-grown sprouts named likely culprit in deadly outbreak, CNN.com, 5/6/2011.
  16. GALLAGHER, James. E. coli outbreak: First German sprout tests negative, BBC, 5/6/2011.
  17. Deadly E. coli found on bean sprouts, Thelocal.de, 11/6/2011.
  18. German-grown food named likely culprit in deadly outbreak, CNN.com, 5/6/2011.
  19. Germany says sprouts are most likely source of E.coli, The Jerusalem Post, 10/6/2011.
  20. German tests link bean sprouts to deadly E. coli, BBC, 10/6/2011.
  21. EHEC outbreak: update 13 Arquivado 11 de xuño de 2011 en Wayback Machine., OMS, 10/6/2011.
  22. MACKENZIE, Debra. Bean sprouts to blame for 'decade-old' E. coli, New Scientist.
  23. Tribe, David (2011-06-02). "BGI Sequencing news: German EHEC strain is a chimera created by horizontal gene transfer". Biology Fortified Inc. (en inglés). Consultado o 2020-01-05. 
  24. E. coli outbreak: WHO says bacterium is a new strain, The Guardian, 4/6/2011.
  25. "A Case of Hemolytic Uremic Syndrome Caused by Escherichia coli O104:H4" Arquivado 25 de xullo de 2018 en Wayback Machine., Yonsei Medical Journal, Vol. 47, No. 3, pp. 437 - 439, 2006.
  26. Shiga toxin-producing E. coli (STEC): Update on outbreak in Germany and cluster in France (27 June 2011, 11:00) Arquivado 30 de xuño de 2011 en Wayback Machine., Web do Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades 27/6/2011}}
  27. German E coli outbreak kills 3 more, reaches 3,800 cases Arquivado 27 de xuño de 2011 en Wayback Machine., Center for Infectious Disease Research & Policy, Universidade de Minnesota.
  28. Switzerland confirms third case of rare E. coli strain, Thelocal.ch, 3/6/2011.
  29. Germany says sprouts are cause of E. coli outbreak, CTV, 10/6/2011.
  30. CHELSOM-PILL, Charlotte. Russia lifts ban on EU vegetables, Deutsche Welle, 22/6/2011}}
  31. EU ministers to meet on E.coli outbreak, Al-Jazeera, 7/6/2011.
  32. Datos del sector: Exportaciones españolas, Web de FEPEX.
  33. 33,0 33,1 [1][Ligazón morta] La ayuda de la UE a los productores apenas cubre las pérdidas], Suite101. 9/6/2011
  34. MARLER, Bill. German E. coli O104:H4 Outbreak - $2.84 Billion in Human Damage, Food Poison Journal.
  35. STEVENS, Laura. Europe's E. coli Cases Rise, The Wall Street Journal.
  36. Bruselas advierte de que no podrá cubrir el 100% de las pérdidas, Murcia Economía, 7/6/2011.
  37. "EU boosts E. coli compensation offer for farmers". Deutsche Welle. 
  38. "Germany criticised by EU health chief over 'premature' E. coli claims". Telegraph. 5/6/2011. Arquivado dende o orixinal o 08/06/2011. Consultado o 28/06/2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]