Adenosín difosfato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura química do ADP.
Modelo do ADP.

O adenosín difosfato, ou ADP, é un nucleótido con fórmula C10H15N5O10P2 presente no ARN (no ADN está presente a desoxiADP). É un éster do ácido fosfórico (do que hai dúas unidades) co nucleósido adenosina. O ADP consta dun pirofosfato (formado por dous fosfatos), un azucre de 5 carbonos, a ribosa, e a base nitroxenada adenina.

O ADP é o produto da desfosforilación do ATP por acción das ATPases. O ADP pode converterse de novo en ATP pola acción das ATP sintases. O ATP é unha molécula importante na transferencia de enerxía na célula.[1] A conversión destas dúas moléculas xoga un papel fundamental para fornecer enerxía a todos os procesos da vida.[1] A rotura dun enlace anhidro entre os fosfatos do ATP xera aproximadamente 7,3 kcal por mol de ATP.[2] Coa enerxía liberada pola respiración aerobia mitocondrial dos nutrientes o ADP pode ser cargado con outro fosfato e transformado en ATP.[1] Durante a fase luminosa da fotosíntese a enerxía da luz convértese en enrxía do enlace fosfato (fotofosforilación) convertendo ADP en ATP.[2]

Nas plaquetas o ADP almacénase en corpos densos e libérase cando as plaquetas se activan. O ADP interacciona cunha familia de receptores do ADP que se encontran nas plaquetas, chamados P2Y1, P2Y12 e P2X1, que interveñen na activación das plaquetas.[3] No sangue o ADP convértese en adenosina pola acción de ecto-ADPases, o que inhibe unha posterior activación das plaquetas por medio dos receptores de adenosina.

Sábese que nucleótidos illados (ADP) teñen a capacidade de catalizar reaccións orgánicas. Isto ten importancia en estudos de estados prebióticos sobre a hipótese do mundo de ARN sobre a orixe da vida na Terra.[4]

Véxase tamén [editar]

Notas [editar]

  1. 1,0 1,1 1,2 Nave, C.R. Adenosine Triphosphate. Georgia State University: Hyper Physics [serial on the Internet]. 2005 [cited 2007 December 7]. Available from: http://hyperphysics.phy-astr.gsu.edu/hbase/biology/atp.html
  2. 2,0 2,1 Farabee, M.J. The Nature of ATP. ATP and Biological Energy [serial on the Internet]. 2002 [cited 2007 December 7]. Available from: http://www.emc.maricopa.edu/faculty/farabee/BIOBK/BioBookATP.html
  3. Murugappa S, Kunapuli SP, "The role of ADP receptors in platelet function", Front Biosci., 2006, 11:1977-86
  4. Kumar, Atul; Siddharth Sharma, Ram Awatar Maurya (2010). "Single Nucleotide-Catalyzed Biomimetic Reductive Amination". Advanced Synthesis and Catalyst 352 (13): 2227. DOI:10.1002/adsc.201000178. http://onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1002/adsc.201000178/abstract.