Saltar ao contido

Úbalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Úbalo

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Fringillidae
Subfamilia: Carduelinae
Xénero: Spinus
Especie: Spinus spinus
(Linnaeus, 1758)
Área de distribución do úbalo      En verán      Sedentario      En inverno
Área de distribución do úbalo
     En verán      Sedentario      En inverno

Área de distribución do úbalo
     En verán      Sedentario      En inverno
Sinonimia
  • Fringilla spinus Linnaeus, 1758
  • Carduelis spinusLinnaeus, 1758
Gravación desta ave feita en Surrey, Inglatera

O úbalo[2] ou pincaouro común[3] (Spinus spinus, antes Carduelis spinus) é un pequeno paseriforme da familia dos frinxílidos.[4][5] É moi común en Europa e Asia. En Galicia é escaso e aparece principalmente en inverno.[3] Encóntrase en áreas forestais, tanto de coníferas coma de bosque mixto, onde se alimenta de sementes de todos os tipos, especialmente de amieiros e de coníferas.

Pode distinguirse doutros frinxílidos similares pola cor da plumaxe. As partes superiores son verdes cincentas e as inferiores brancas con vetas cincentas. As ás son negras cunha viva barra amarela e a cola é negra con laterais amarelos. O macho ten unha cara e peito principalmente amarelos, cun nítido píleo negro. As femias e xoves teñen unha cabeza verde cincenta e sen píleo. É unha ave confiada, sociable e activa. A súa canción é unha agradable mestura de chíos e trilos. Por estas razóns críase a miúdo en catividade.

Estas aves teñen un padrón migratorio pouco común, xa que cada poucos anos en inverno migran ao sur en grandes cantidades. As razóns para este comportamento non se coñecen, pero pode estar relacionado con factores climáticos e, sobre todo, coa dispoñibilidade de alimento. Deste modo, as poboacións invernantes poden prosperar onde a comida é abondosa. Este pequeno pimpín aliméntase facendo acrobacias, ás veces colgando boca abaixo como algúns páridos do xénero Baeolophus. Visita os comedeiros para aves colocados en xardíns.

Taxonomía e sistemática

[editar | editar a fonte]

O úbalo foi primeiramente descrito por Linnaeus na 10ª edición da súa obra Sytema Naturae en 1758 co nome Fringilla spinus.[6] En 1760, Brisson describiu o xénero Carduelis, no que esta especie foi situado. Recentes estudos taxonómicos fixeron que se acabase situando no xénero Spinus.

O nome científico Spinus procede da palabra do grego antigo spinos, que era o nome dun paxaro non ben identifcado.[7]

Malia vivir nunha ampla área é unha especie monotípica, é dicir, non ten subespecies.[8] Isto pode explicarse por diversos factores, como a variabilidade espacial dos individuos nas áreas reprodutoras ao longo dos anos, a grande área de invernada, que supón un constante intercambio xenético, e que as femias fan varias postas de ovos en cada estación reprodutora, cada unha en distinto lugar.[9]

A filoxenia moderna da especie obtivérona Antonio Arnaiz-Villena et al.[10][11]

Evolución

[editar | editar a fonte]

Esta ave pode chegar a América tanto desde Asia[12][13] coma desde Europa (vía Groenlandia/Islandia). É a especie existente parental dunha das tres radiacións evolutivas de Spinus/Carduelis en Norteamérica dos pimpíns atriceps, pinus e dominicenses. Foi rexistrada nas illas Aleutianas[12][13] e na parte leste de Norteamérica na península do Labrador e desembocadura do río San Lourenzo (Canadá).[14] Isto abre a posibilidade de que esta ave tivese entrado (ou quizais aínda estea entrando) en América a través de Groenlandia/Islandia desde o oeste de Europa.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É un paxaro pequeno de cola curta de 11 a 12,5 cm de lonxitude,[15] cunha envergadura alar de 20 a 23 cm.[15][16][17] Pesa entre 10 18 g.[15][16][18]

Presenta dimorfismo sexual. O macho ten un dorso verde cincento e unha mitra amarela; os laterais da cola son amarelos e o extremo é negro; as ás son negras cunha distintiva banda alar amarela; o seu peito é amarelado e faise branco e con raias en dirección á cloaca; ten un papo negro e na súa cabeza ten dúas zonas aurículares amarelas e un píleo nego.[19] A cantidade de cor negra na zona do papo é moi variable entre os machos e o tamaño do papo foi relacionado coa dominancia nunha bandada.[20] A plumaxe da femia é máis olivácea que a do macho, con píleo e aurículas verdosas e papo branco e unha mitra amarela abrancazada lixeiramente con liñas, amarela no supercilio e nos laterais do peito. Os xoves teñen unha coloración similar á das femias, con cores pardas e unha plumaxe máis apagada.[19] A cor de fondo das partes inferiores do úbalo é normalmente branca. As barras alares do úbalo son anchas e amarelas (cos extremos brancos) e o peteiro é curto cun culmen algo curvado. A forma do peteiro está determinada polos seus hábitos de alimentación. É forte, aínda que tamén delgado para poder apañar as sementes das cales se alimenta. As patas e pés son maróns escuros e os ollos son negros.

Ten unha forma de voar rápida e directa que é similar á doutros pimpíns.[18]

É doado de recoñecer, pero nalgúns casos pode condundirse con outros pimpíns como o verderolo serrano, especies de Chloris ou o xirín común.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Macho adulto nun comedeiro para aves.

Esta especie pode encontrarse ao longo de gran parte de Eurasia e o norte de África. A súa área de reprodución está separada en dúas zonas, a cada lado da ecozona do Paleártico: a costa leste de Asia e a parte central e setentrional de Europa.[21]

Estas aves poden encontrarse durante todo o ano en Europa central e algunhas cadeas montañosas no sur do continente. Está presente no norte de Escandinavia e en Rusia e pasa o inverno na cunca do Mediterráneo e na área arredor do mar Negro. En Galicia é escaso e aparece principalmente en inverno.[3] Na China reprodúcese nas montañas Khingan de Mongolia Interior e na provincia de Jiangsu; pasa o verán no Tíbet, Taiwán, os vales do curso inferior do río Yangtse e na costa sueste.[22]

O úbalo pode verse ocasionalmente en Norteamérica.[23] Existe tamén unha especie similar e moi emparentada norteamericana, o Spinuns pinus.[20]

A súa distribución estacional está tamén marcada polo feito de que a especie segue un padrón migratorio anómalo. Cada poucos anos migra ao sur en grandes cantidades e as poboacións invernantes da Península Ibérica aumentan considerablemente.[19][24] Isto tratouse de explicar mediante diversas teorías, unha das cales suxire que a migración acontece nos anos nos que o Picea abies (abeto vermello) produce abundantes sementes no centro e norte de Europa, causando un incremento das poboacións. Unha teoría alternativa é que se produce unha gran migración cando o seu alimento preferido, as sementes de amieiro ou bidueiro, escasea. Esta especie forma grandes bandadas fóra da estación reprodutora, mesturándose frecuentemente cos Acanthis (liñaceiros).

É un paxaro que non permanece longo tempo na mesma área senón que varía as áreas que usa para a reprodución, alimentación e invrnada dun ano para outro.

O seu hábitat son as áreas forestais de determinada altitude nun lado das montañas, xa que teñen predilección polas ladeiras húmidas.[19][21] Os bosques de coníferas, especialmente de piceas, son os seus favoritos para a reprodución. Constrúe o niño nunha árbore, poñendo de 2 a 6 ovos. Tamén se reproduce en bosques mixtos; mentres que para pasar o inverno prefire zonas agrícolas con colleitas ou restroballos e áreas que teñan árbores con abundantes sementes.

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]
Macho pousado.

Son paxaros moi activos e inquietos. Son tamén moi sociais, formando pequenas bandadas cohesionadas, especialmente en outono e inverno.[25] Confían bastante nos humanos, e é posible ollalos a curta distancia. Porén, durante a estación reprodutora, son moito máis tímidos, solitarios e difíciles de observar. Por esta razón, en Alemaña hai unha lenda que di que os úbalos gardan unha pedra máxica nos seus niños que os fai invisibles.[26][27] É unha das poucas especies que se describiu que ten o comportamento de "aloalimentación", que consiste en que exemplares subodinados (do mesmo sexo) regurxitan alimento para os membros dominantes do grupo,[28] o cal cre unha forte cohesión nas bandadas e implica unha estrutura xerárquica dentro do grupo.[29]

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Parella (co macho arriba) alimentándose nun amieiro. Ilustración de Naumann

O úbalo é principalmente granívoro, aínda que varía a súa dieta dependendo da estación. Aliméntase nas árbores e evita comer no chan.[18]

En outono e inverno a súa dieta está baseada en sementes de árbores caducas como o bidueiro e sobre todo o amieiro.[19][24] Tamén visitan áreas cultivadas e prados, onde se unen a outros pimpíns para comer sementes de varias Compositae, como cardos, mexacáns, Artemisia, Centaurea e outras plantas herbáceas como abelouras, herba ulmeira e Rumex.[17][24]

En primavera, durante a estación reprodutora, encóntranse en bosques de coníferas. Nese momento o seu alimento baséase en sementes desas árbores, especialmente das dos xéneros Abies, Picea e Larix.[24][9] Tamén se alimentan de sementes de olmos e chopos. Cando alimentan as crías comen máis insectos, principalmente escaravellos, xa que as proteínas que conteñen son necesarias para o crecemento dos pitos. En verán a alimentación é máis variada, engadindo outras plantas herbáceas á súa dieta de sementes de coníferas: Chenopodium e outras Compositae.[9]

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Ovos de Spinus spinus

As parellas fórmanse xeralmente durante o período invernal antes da migración.[30] Os machos compiten agresivamente polas femias. Como parte do cortexo o macho esponxa as plumas e o píleo e mitra, aparentando ser máis grande, e estende a cola e canta repetidamente.[9][31] Tamén fan un voo de apareamento de árbore en árbore, aínda que non é tan atractivo como o voo doutros pimpíns.[24] Constrúen un niño que está xeralmente localizado no extremo dunha póla relativamente alta dunha conífera, para que quede razoablemente oculto e sexa difícil de ver.[17][24] Na Península Ibérica fai os niños en Abies alba, Pinus sylvestris e Pinus nigra.[32] Forman pequenas colonias de ata seis parellas cos niños situados uns preto dos outros.[29] O niño é pequeno e con forma de copa. Está feito de taliños, herbas secas, musgo e liques e forrado de penuxe.[24][26][9]

A primeira rolada de pitos nace a metade de abril.[9] A femia pon de 2 a 6 ovos.[24][26][33] Os ovos son brancos ou lixeiramente grises ou azul claros, cunhas poucas manchas marróns[24][26] e son dun tamaño aproximado de 16,5 × 12 mm.[17][24][26] Chocan os ovos durante de 10 a 14 días, do cal se encarga soamente a femia.[16][24][26] Os polos son altriciais e nidícolas. Abandonan o niño pasados 15 días cando están semiemplumados. Despois permanecen preto da área de nidación durante case un mes, e cando a súa plumaxe xa está completa dispérsanse.[9] O úbalo normalmente realiza unha segunda posta a partir da metade de xuño ata a metade de xullo.[24]

Vocalizacións

[editar | editar a fonte]

Esta ave ten dúas chamadas, ambas potentes, unha é descendente e a outra ascendente, os seus sons onomatopeicos soan como un "tilu" e "tlui".[19] En ocasións tamén fan un áspero renxido repenicante.[19][24]

A canción é similar á doutros pimpíns, un fluído e rápido chío e trilo de longa duración, que é ás veces interrompido por outro máis forte de sílaba curta. Cantan todo o ano e a miúdo en grupos.[19][24]

Status e conservación

[editar | editar a fonte]

A poboación mundial de úbalos estímase entre 20 e 36 millóns.[34] A poboación europea calcúlase entre 2,7 e 15 millóns de parellas.[35][36] Non parece haber un declive importante nos efectivos da poboación e por esta razón a IUCN considera que o seu status de conservación é o de "especie pouco preocupante".[1] O úbalo figura no Anexo II da Convención de Berna como ave protexida.[37]

Relacións cos humanos

[editar | editar a fonte]
Estrutura de soporte de gaiolas usada para escoitar úbalos cantando en Sagra dei Osei, Italia.

Como outras especies do seu xénero o úbalo é moi valorado polos criadores de aves como ave doméstica pola súa canción e aparencia. Non necesita coidados específicos e adáptase ben á catividade, aínda que non se reproduce ben en catividade.[33] Non hai doenzas específicas que o afecten, pero pode mostrar certas patoloxías intestinais asociadas cunha dieta pobre.[33] Vive entre 11 e 14 anos en catividade,[26][33] en forte contraste cos 2 ou 3 anos que se cre vive na natureza.[18]

Pode hibridarse con algúns outros pimpíns, por exemplo os canarios, dando lugar a unha forma intermedia.[38][39][40] Nalgunhas zonas os individuos que se poden encontrar son resultado de escapes ou liberacións de aves cativas.[41]

Representacións culturais

[editar | editar a fonte]

Polonia, Xibraltar, Benín e Bélxica emitiron selos de correos coa imaxe do úbalo.[16][42]

En San Petersburgo hai unha estatua dun úbalo, porque as súas cores son as mesmas que as do uniforme utilizado polos estudantes dunha escola de elite da cidade. Estes estudantes son coñecidos como os sobriquet (úbalos en ruso). Este termo foi popularizado pola canción rusa Chizhik-Pyzhik.[43] Desde 1994 hai unha estatua dun úbalo no dique preto da Primeira ponte dos enxeñeiros, aínda que foi roubada e susbtituída moitas veces.

  1. 1,0 1,1 "Carduelis spinus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. "Eurasian Siskin (Carduelis spinus) (Linnaeus, 1758)". Avibase. 30 de setembro de 2009. 
  5. Lockwood, W. B. (1993). The Oxford Dictionary of British Bird Names. Oxford University Press. ISBN 0-19-866196-7. 
  6. "Carduelis spinus". Fauna Europaea. Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2011. Consultado o 10 de outubro de 2008. 
  7. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres, Reino Unido: Christopher Helm. p. 362. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  8. Newton, Ian (2003). The Speciation and Biogeography of Birds. Londres, Reino Unido: Academic Press. p. 505. ISBN 0-12-517375-X. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 "Carduelis spinus". Terra.es. Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2012. Consultado o 23 de outubro de 2008.  Esta referencia está baseada en teorías expostas en Payevsky, V. A. (1994). "Age and sex structure, mortality and spatial winter distribution of siskins (Carduelis spinus) migrating through eastern Baltic area". Vogelwarte 37: 190–198. 
  10. Zamora, J.; Moscoso, J.; Ruiz-del-Valle, V.; Ernesto, L.; Serrano-Vela, J. I.; Ira-Cachafeiro, J.; Arnaiz-Villena, A. (2006). "Conjoint mitochondrial phylogenetic trees for canaries Serinus spp. and goldfinches Carduelis spp. show several specific polytomies" (PDF). Ardeola 53 (1): 1–17. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de febreiro de 2019. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  11. Arnaiz-Villena, A.; Ruiz-del-Valle, V.; Moscoso, J.; Serrano-Vela, J. I.; Zamora, J. (2007). "mtDNA phylogeny of North American Carduelis pinus group" (PDF). Ardeola 54 (1): 1–14. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de febreiro de 2019. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  12. 12,0 12,1 Clement, P (1999). Finches and Sparrows. Princeton University Press. p. 221. ISBN 9780691048789. 
  13. 13,0 13,1 Arnaiz-Villena, A; Ruiz-del-Valle V; Reguera R; Gomez-Prieto P; Serrano-Vela JI (2012). "What Might have been the Ancestor of New World Siskins?" (PDF). The Open Ornithology Journal 1: 46–47. doi:10.2174/1874453200801010046. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de outubro de 2013. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  14. Arnaiz-Villena, A; Areces C; Rey D; Enríquez-de-Salamanca M; Alonso-Rubio J; Ruiz-del-Valle V (2012). "Three different North American siskin/goldfinch evolutionary radiations (genus Carduelis): pine siskin green morphs and European siskins in America" (PDF). The Open Ornithology Journal 5: 73–81. doi:10.2174/1874453201205010073. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de setembro de 2013. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  15. 15,0 15,1 15,2 The Birds of the Western Palearctic (abridged ed.). Oxford University Press. 1997. ISBN 0-19-854099-X. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 "Eurasian Siskin (Carduelis spinus)". Stamps of Israeli Birds. Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2011. Consultado o 13 de outubro de 2008. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Schauenberg, P.; et al. (1979). Fichero Safari Club (Lúgano). Madrid: S.A.P.E. ISBN 84-7461-167-9. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Hume, Rob (2002). Guía de Campo de las Aves de España y de Europa (en Spanish). Editorial Omega. ISBN 84-282-1317-8. 
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 19,7 Mullarney, K.; Svensson, L.; Zetterström, D; Grant, P. J. (2003). Guía de Campo de las Aves de España y de Europa (en Spanish). Editorial Omega. ISBN 84-282-1218-X. 
  20. 20,0 20,1 Senar, J. C.; Camerino, L.; Copete, J. L.; Metcalfe N. B. (1993). "Variation in black bib of the Eurasian siskin (Carduelis spinus) and its role as reliable badge of dominance" (PDF). The Auk 110 (4): 924–927. JSTOR 4088649. doi:10.2307/4088649. Consultado o 20 de outubro de 2008. 
  21. 21,0 21,1 Senar, J.C.; Borrás, A. "Lúgano en el Atlas de las Aves Reproductoras de España" (PDF) (en Spanish). Consultado o 13 de outubro de 2008. [Ligazón morta]
  22. China's Species Information Service. "Carduelis spinus". Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2006. Consultado o 23 de outubro de 2008. 
  23. Borror, A.C. (1963). "Eurasian siskin (Carduelis spinus) in Maine" (PDF). The Auk 80 (2): 109. Consultado o 20 de outubro de 2008. 
  24. 24,00 24,01 24,02 24,03 24,04 24,05 24,06 24,07 24,08 24,09 24,10 24,11 24,12 24,13 "Lúgano" (en Spanish). Pajaricos.es. Consultado o 12 de outubro de 2008. 
  25. Copete, J.L. (1990). "Observación de un dormidero de Lúganos (Carduelis spinus)". Butlletí del Grup Català d'Anellament 7. 
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 26,5 26,6 "Tarin des aulnes" (en French). Oiseaux.net. Consultado o 12 de outubro de 2008. 
  27. "Lúgano" (en Spanish). Pajaricos.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2007. Consultado o 12 de outubro de 2008. 
  28. Senar, J.C.; Borrás, A. (2004). "Sobevivir al invierno: estrategias de las aves invernantes en la Península Ibérica" (PDF). Ardeola 51 (1): 133–168. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de setembro de 2006. Consultado o 20 de outubro de 2008. 
  29. 29,0 29,1 Senar, J.C. (abril-xuño de 1984). "Allofeeding in Eurasian siskin (Carduelis spinus)" (PDF). Condor (The Cooper Ornithological Society) 86 (2): 213–214. JSTOR 1367046. doi:10.2307/1367046. Consultado o 20 de outubro de 2008. 
  30. Senar, J.C.; Copete, J.L. (1990). "Observación de alimentación de cortejo en Lúganos (Carduelis spinus) invernantes". Butlletí del Grup Català d'Anellament 7. Arquivado dende o orixinal o 01 de outubro de 2013. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  31. Newton, I. (1973). Finches. Londres, Reino Unido: Taplinger Publishing. ISBN 0-8008-2720-1. 
  32. "Lúgano (Carduelis spinus)". Enciclopedia Balear de Ornitología. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 19 de novembro de 2008. 
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 "Lúgano-Aves". Rednaturaleza.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2007. Consultado o 13 de outubro de 2008. 
  34. Birdlife International. "Species factsheet: Carduelis spinus". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 12 de outubro de 2008. 
  35. Tucker, G. M.; Heath, M. F. (1994). Birds in Europe: their conservation status. BirdLife Conservation Series 3. Cambridge: BirdLife International. ISBN 0-946888-29-9. 
  36. Cramp, S.; Perrins, C.M. (1994). Handbook of the Birds of Europe, the Middle East and North Africa. The Birds of the Western Palearctic. Vol. IX. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-857506-8. 
  37. "Boletín Oficial del Estado (España): Ratificación del Convenio de Berna" (PDF) (en Spanish). 1 de outubro de 1986. Consultado o 12 de outubro de 2008. 
  38. Global Biodiversity Information Facility. "Carduelis spinus x Serinus canaria". Consultado o 13 de outubro de 2008. 
  39. "Hibridaciones de Carduelis spinus". Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2007. Consultado o 23 de outubro de 2008. 
  40. McCarthy, Eugene M. (2006). Handbook of Avian Hybrids of the World. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-518323-8. 
  41. Galarza, A. (1989). Urdaibai, avifauna de la ría de Gernika. Diputación Foral de Bizkaia. ISBN 84-404-5084-2. 
  42. "Eurasian Siskin". Bird Stamps. Consultado o 27 de novembro de 2008. 
  43. "Chizhik-Pyzhik". Saint-Petersburg.com. Consultado o 13 de outubro de 2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]