Píleo (ornitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Píleo de cor vermella dun exemplar xuvenil de peto real (Dendrocopos major).
Cabeza de grúa xaponesa (Grus japonensis), co seu píleo vermello.

O píleo, en ornitoloxía, é o termo técnico para referirse á parte superior da cabeza das aves,[1] tamén denominado curuto por algúns ornitólogos galegos.[2] [3] O píleo comenza tras da fronte e prolóngase até a caluga.

O píleo de moitas aves destaca por ter a plumaxe de distinta cor, ou por ter plumas de lonxitude diferente ao resto das outras da cabeza. Algunhas aves presentan patróns listados nesta parte da cabeza; se a franxa percorre o píleo lonxitudinalmente na súa parte central denomínase lista pileal media, e se o fai polos laterise desígnase lista pileal lateral.[4]

A cor, a forma e outras características da plumaxe do píleo son útiles para a identificación dalgunhas aves, tanto para diferenciar individuos de especies de aspecto semellante como para distinguir a membros da mesma especie de diferentes sexos e idades. A cor da plumaxe do píleo pode variar entre os distintos sexos dunha mesma especie; por exemplo, os machos da papuxa das amoras (Sylvia atricapilla) teñen o píleo negro e as femias de cor parda avermellada.[5] Tamén pode ser diferente a cor do píleo dos adultos e os inmaturos da mesma especie; por exemplo, nos adultos do peto real (Dendrocopos major) é negro e nos individuos xuvenís é vermello.[6]

Nalgunhas especies a coloración do píleo é variábel segundo a estación do ano. En moitos membros da familia dos estérnidos (Sternidae) —a familia dos carráns— cuxo píleo é negro durante a estación reprodutiva, vólvese parcial ou totalmente branco fóra dela.[7] O mesmo ocorre con certas gaivotas —familia dos láridos (Laridae)—.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición de píleo no dicionario da RAG [1]
  2. Penas Patiño (1980), p. 23.
  3. Penas Patiño (1991), p. 11.
  4. Juana, de e Varela (2000). Contraportada.
  5. Beaman e Madge (1988), p. 677.
  6. Beaman e Madge (1988), p. 534.
  7. Beaman e Madge (1988), p. 449.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Beaman, Mark e Steve Madge (1998): Guía de identificación. Aves de Europa, norte de África y Próximo Oriente. Barcelona: Ed. Omega. ISBN 84-282-0946-4.
  • Juana, Eduardo de e Juan M. Varela (2000): Guía de las aves de España, península, Baleares y Canarias. Lynx Edicions SEO/Birdlife. ISBN 84-873-3426-1.
  • Penas Patiño, Xosé M. et al. (1980): Guía das aves de Galicia. Vigo: Ed. Galaxia. ISBN 84-7154-379-6.
  • Penas Patiño, Xosé M. et al. (1991): Guía das aves de Galicia. A Coruña: Bahía Edicións. ISBN 84-87674-06-2.
  • Peterson, Roger et al. (1973): Guía de campo de las aves de España y demás países de Europa. Barcelona: Ed. Omega. ISBN 84-282-0334-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]