Saltar ao contido

Xeopolítica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A xeopolítica é a especialidade da xeografía que estuda as actuacións do poder, tanto dos estados como das grandes organizacións internacionais ou calquera outra forma de poder no ámbito xeográfico. é a ciencia que, a través da xeografía política, a xeografía descritiva e a historia, estuda a causalidade espacial dos sucesos políticos e os seus futuros efectos. A xeopolítica tamén representou un dos instrumentos para definir as estratexias da colonización do mundo.

Ciencia fundada polo xeógrafo de orixe sueco Rudolf Kjellen (1864-1922). En 1900 co seu libro "Introdución á xeografía sueca" expuxo os bases da mesma. En 1916 produciu o seu libro máis importante: "O Estado como organismo vivente" ("Der Staat als Lebensform"), onde o termo xeopolítica foi utilizado por primeira vez. Os alicerces primarios da devandita ciencia no pensamento xeoestratéxico foran tratados polo tamén xeógrafo alemán Friedrich Ratzel. Segundo este, os Estados teñen moitas das características dos organismos viventes. Tamén introduciu a idea de que un estado tiña que crecer, estender ou morrer dentro de "fronteiras viventes", por iso tales fronteiras son dinámicas e suxeitas ao cambio.

Friedrich Ratzel

A principios do século XX varios xeógrafos anglosaxóns amplían as reflexións de Ratzel a problemas militares e xeoestratéxicos. Así xeógrafos como o almirante estadounidense Alfred T. Mahan postulaban a importancia estratéxica do dominio naval como clave para a dominación mundial (Quen domine o mar domina o comercio mundial; quen domine o comercio mundial domina o mundo) ou o político Sir Halford John Mackinder, que desenvolveu a teoría do Heartland (rexión cardial) ou áreas pivote, grandes zonas continentais nas que o seu control facilitaría o dominio do mundo.

A xeopolítica tivo grande auxe na Alemaña de principios do século XX e alcanzou unha gran difusión durante o nazismo. O xeneral alemán Karl Haushofer modernizou a xeografía política, utilizándoa como instrumento que xustificaba a expansión territorial de Alemaña durante o Terceiro Reich e desenvolvendo as teorías de Ratzel do espazo vital (Lebensraum).

Países como Rusia, China e Xapón deron tamén grande importancia a esta ciencia durante os anos 1930 e 1940 como camiño para alcanzar un poder global. A utilización propagandística da xeopolítica carrexou, tras a derrota alemá, o seu descrédito e esquecemento, sobre todo no ámbito académico. Porén, outras persoas, como militares ou diplomáticos, seguiron interesándose por esta rama da xeografía.

A partir dos anos 1970 a xeopolítica recuperou o interese perdido e volveu a crecer actualmente ao amparo das tensións internacionais xurdidas. Conceptos como eixo, estado tapón, países aliados, área comercial etc., son termos xeopolíticos comunmente utilizados. En Francia, Yves Lacoste, o autor de "A xeografía é unha arma para a guerra", inicia unha aproximación á xeopolítica desde un ángulo diferente coa publicación da revista "Hérodote", onde os diferentes autores contemplan as realidades xeográficas desde puntos de vista sociais e populares, máis críticos cos poderes.

Tampouco se pode esquecer unha nova vertente da xeografía política: o desenvolvemento de grandes compañías ou organizacións multinacionais de gran poder económico e político (algunhas similares a moitos estados), que fomentan estratexias territoriais próximas ao estudo da xeopolítica (xeopolítica macroeconómica).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.