Turu Flores
| Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Nacemento | 16 de maio de 1971 Buenos Aires | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Altura | 184 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Peso | 82 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
José Óscar Flores Bringas, máis coñecido como o Turu Flores, nado en Caseros (Buenos Aires) o 16 de maio de 1971, é un exfutbolista e adestrador arxentino. Xogaba de dianteiro e destacou especialmente no Vélez Sársfield, na UD Las Palmas e no Deportivo da Coruña. Co club arxentino marcou 56 goles entre 1991 e 1996 e gañou seis títulos, entre eles tres torneos da Primeira División, unha Copa Libertadores e unha Copa Intercontinental, sendo o máximo goleador do Clausura 1995. En 1996 foi traspasado ao Las Palmas, converténdose na fichaxe máis cara da historia da Segunda División, e marcou 44 goles en dúas tempadas. A continuación pasou ao Deportivo da Coruña, co que gañou a liga española de Primeira División na tempada 1999/00 e unha Supercopa de España, converténdose nun ídolo para os seareiros en gran medida grazas aos seus goles nos derbis contra o Celta de Vigo. Foi dúas veces internacional coa selección arxentina en 1994.
Trala súa retirada como xogador foi adestrador de Vélez, co que gañou a Supercopa da Arxentina, e de Defensa y Justicia. Dende 2018 traballa en diferentes funcións na UD Las Palmas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Naceu en Caseros, na provincia de Buenos Aires, xusto en fronte do campo de fútbol do Club Atlético Estudiantes, sendo o terceiro dos cinco fillos de José Flores e Elva.[1] Seu pai tivo unha pequena tapicería de cadeiras e máis tarde traballou como camioneiro, mentres que súa nai era ama de casa.[1] Provén dunha familia moi vencellada ao fútbol, pois un irmán de súa nai fora xogador entre outros de Ferro e San Lorenzo, mentres que os seus dous irmáns maiores xogaron en categorías inferiores.[1]
Como futbolista
[editar | editar a fonte]Vélez
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol na canteira do propio Estudiantes de Caseros, ata que foi recrutado por Vélez Sársfield, club no que foi subindo polas diferentes categorías inferiores xogando sempre como defensa, ao tempo que traballaba como repartidor na empresa de doces Georgalos.[1][2] Cando chegou ao equipo reserva, o adestrador Héctor Bentrón recolocouno como dianteiro, ao albiscar nel un gran manexo do balón e unhas destacadas saídas dende o fondo coa pelota xogada.[1][2]
O 28 de abril de 1991 debutou co primeiro equipo de Vélez na Primeira División, nun partido ante Boca Juniors na Bombonera, da mano do adestrador Roberto Rogel.[3] Coa chegada de Carlos Bianchi en 1993, asentouse na titularidade, formando unha letal dupla xunto a Omar Asad.[3] Cun destacado grupo de xogadores, entre os que salientaban tamén José Luis Chilavert, Héctor Almandoz, Roberto Trotta, Christian Bassedas ou o Gallego González, o equipo proclamouse campión de liga despois de 25 anos de seca, ao conseguir o primeiro posto no Torneo Clausura.[3][2]
No Apertura de 1993, Vélez quedou subcampión, a un só punto de River Plate, despois de que Bianchi priorizase a súa participación na Copa Libertadores. No torneo continental, o conxunto arxentino obtivo a primeira praza na fase de grupos e nos oitavos de final eliminou ao Defensor Sporting nunha quenda de penaltis na que o Turu anotou o lanzamento decisivo. Marcou nos cuartos de final ante o Minervén venezolano e sumou outros dous goles nas semifinais contra o Junior de Barranquilla.[4] Foi titular nos dous encontros da final ante o São Paulo brasileiro, formando no ataque xunto a Omar Asad, e acabou conquistando o título no estadio do Morumbi.[5]
Despois da mala actuación do equipo no Clausura 1994, Vélez recuperou as posicións altas da táboa no seguinte Torneo Apertura, no que acabou terceiro por detrás River e San Lorenzo. O 1 de decembro de 1994, o Turu foi un dos once titulares de Vélez que saltaron ao terreo de xogo do Estadio Nacional de Tokyo para disputar a Copa Intercontinental contra o campión europeo, o Milan de Fabio Capello, partido que concluíu co triunfo arxentino por 2-0.[6] No Clausura 1995, Vélez repetiu na terceira posición, erixíndose o Turu Flores como o máximo goleador da competición con 14 tantos, 4 máis que os dous seguintes clasificados, Hugo Castillo e Darío Scotto. En abril de 1995 disputou tamén en Tokyo a Recopa Suramericana, caendo ante Independiente.[7]
O 10 de decembro de 1995 realizou a actuación máis célebre da súa carreira deportiva, na penúltima xornada do Torneo Apertura ante Belgrano. Vélez chegaba como líder do campionato e nun ateigado estadio José Amalfitani o Turu Flores marcou os dous únicos goles do partido, deixando o título case sentenciado a favor do seu equipo. O segundo dos tantos, no que percorreu medio campo caneando a tres rivais, incluído o gardameta Labarre, antes de anotar, está considerado un dos mellores goles da historia do club.[2][8]
En febreiro de 1996 disputou a Copa Interamericana ante o Cartaginés costarriqueño, campión de CONCACAF, e foi o autor dos dous únicos tantos no partido de volta en Buenos Aires, dándolle o título ao seu equipo despois de que a ida en Cartago rematase sen goles. Culminou o seu paso por Vélez cun segundo título de liga consecutivo no Clausura 1996, converténdose o club no primeiro en gañar os dous certames dende a introdución dos torneos curtos. A continuación decidiu dar o salto ao fútbol europeo, despois de ter defendido a camisola do "Fortín" en 181 partidos, convertendo 9 tantos en torneos internacionais e 47 goles en campionatos nacionais.
Las Palmas
[editar | editar a fonte]O seu gran rendemento en Vélez espertou o interese de numerosos clubs e a grande estrela de Boca Juniors, Diego Armando Maradona, chegou a ameazar con deixar o club se non se contrataba ao Turu.[9] Con todo, este tomou a sorprendente decisión de fichar pola UD Las Palmas, club que acababa de ascender á Segunda División española, e que pagou por el uns 550 millóns de pesetas, no que supuxo o maior desembolso económico feito por un club desa categoría ata entón.[10] Debutou co club amarelo ás ordes de Pacuco Rosales o 8 de setembro, ante o Leganés no Estadio Insular, e once días despois marcou os seus primeiros dous goles en España, diante do Jaén na Copa do Rei. Catro días despois da súa estrea como goleador, anotou tamén os seus dous primeiros tantos na liga, ante o Albacete.[10] Na súa primeira campaña no club canario formou no ataque xunto a Juan Carlos Valerón e Orlando Suárez e pechou a campaña cun total de 19 goles en 41 partidos, contribuíndo a que o equipo acadase as semifinais de Copa, onde caeu ante o Barcelona.[11]
Na tempada 1997/98 aumentou a súa cifra goleadora ata os 25 goles en 40 encontros, anotando dous tripletes e rematando como segundo máximo goleador de Segunda, só por detrás de Igor Gluščević. Os seus goles foron esenciais para que o equipo dirixido por Mariano García Remón acadase a terceira praza, accedendo así á promoción de ascenso. Emparellado co Oviedo, que defendía a súa praza en Primeira, o equipo canario caeu derrotado por 3-0 no Carlos Tartiere, pero estivo a piques de igualar a eliminatoria en Gran Canaria, onde gañou 3-1.[12] Aquel encontro de volta ante o Oviedo foi o derradeiro do Turu Flores co club canario, pois ese mesmo verán puxo rumbo a Galicia xunto a Manuel Pablo.
Deportivo da Coruña
[editar | editar a fonte]En xullo de 1998 foi traspasado xunto ao seu compañeiro Manuel Pablo ao Deportivo da Coruña, club que pagou polos xogadores uns 1.100 millóns de pesetas, nunha operación na que entrou tamén Renaldo, cedido ao club canario.[13][14] Estreouse co club coruñés na Primeira División saíndo como titular nun derbi galego ante o Celta de Vigo en Balaídos, encontro que rematou sen goles. Marcou o seu primeiro tanto co Deportivo na cuarta xornada ante o Espanyol, pero comezou a destacar especialmente a partir de xaneiro, cando encadeou seis goles en cinco partidos consecutivos, entre eles tres goles en tres derbis diferentes ante o Celta de Vigo.[15] No terceiro deles o seu gol na prórroga serviu para eliminar ao máximo rival da Copa do Rei en oitavos de final.[16] Sumou ademais dúas dianas nunha goleada por 4-0 sobre o Real Madrid en Riazor.[15] Completou a súa primeira campaña en Galicia cun total de 17 goles, sendo o máximo artilleiro do equipo por diante de Pauleta e Djalminha, e foi elixido polos lectores de DXT Campeón como o mellor xogador da tempada.[17]
Na tempada 1999/00 a chegada de Roy Makaay provocou que o Turu contase con menos minutos de xogo, véndose reducidas tamén as súas cifras goleadoras. Con todo, foi quen de anotar oito goles, incluídos dous en senllos derbis contra o Celta e outros dous nunha nova goleada sobre o Real Madrid, desta vez por 5-2.[18][15] Deste xeito contribuíu ao histórico título de liga do Deportivo, o primeiro e único dun club galego. Na seguinte campaña conquistou a Supercopa de España e debutou na Liga de Campións, competición na que disputou sete partidos, marcando un gol na vitoria por 1-3 sobre o Paris Saint-Germain no Parque dos Príncipes.[19] Con todo, as fichaxes de Diego Tristán e Pandiani aumentaron notablemente a competencia no ataque coruñés, polo que os números de Turu Flores esa tempada reducíronse a 23 partidos, 12 deles como titular, e 1 gol. Non volveu vestir a camiseta do Deportivo, polo que o seu balance total co club foi de 109 partidos e 26 goles en tres tempadas. Deixou unha grande pegada entre a afección, especialmente polos seus goles diante do Celta de Vigo.[15]
Cesión ao Valladolid
[editar | editar a fonte]En agosto de 2001, despois de negociar co Sporting de Lisboa e o River Plate, o Deportivo chegou a un acordo co Real Valladolid para a cesión do xogador, que ademais ampliou por dous anos o seu contrato co club galego.[20] Grazas a este acordo, o Deportivo recibiu uns 100 millóns de pesetas pola cesión, ademais de aforrar o salario do xogador.[20] Debutou co Valladolid na segunda xornada de liga ante o Valencia no José Zorrilla, saíndo de titular xunto a Tote.[21] A pesar de ser a fichaxe estrela do equipo esa campaña, o seu rendemento estivo moi lonxe do esperado, o que sumado a problemas contratuais, fixo que no ecuador da competición acabase por quedar fóra dos plans do adestrador Pepe Moré.[22] Pechou o seu paso por Pucela con 11 partidos e dous goles.
Mallorca
[editar | editar a fonte]De regreso na Coruña, realizou a pretempada de 2002 co Deportivo, pero sen entrar nos plans de Javier Irureta para a vindeira campaña. Finalmente, acabou sendo traspasado ao Mallorca, entrando na operación pola que Albert Luque recalou na Coruña e Pandiani foi cedido ao club balear. Máis tarde dixo sentirse enganado pola directiva do Mallorca, afirmando que o adestrador Gregorio Manzano non o quería no equipo e que só fora a peza necesaria para a venda de Luque.[23] Así, apenas contou con oportunidades e non foi titular en ningún partido de liga, na que disputou só 170 minutos, os mesmos que na Copa do Rei. Nesta última competición o seu equipo proclamouse campión, pero o Turu non xogou máis aló do encontro de ida dos oitavos de final.
Ciudad de Murcia
[editar | editar a fonte]No 2003 fichou polo Ciudad de Murcia, que viña de ascender á Segunda DIvisión por primeira vez na súa historia. Comezou a tempada ás ordes de Juanma Lillo (ao que substituíron máis tarde Juanjo Enríquez e Zambrano) e disputou un total de 23 encontros, marcando un gol ante un dos seus antigos equipos, a UD Las Palmas, e dous máis contra o Málaga B, contribuíndo a lograr a permanencia.
Independiente
[editar | editar a fonte]Despois de oito anos de periplo europeo, en xullo de 2004 regresou á Arxentina para xogar en Independiente. Con Menotti como adestrador, disputou 19 partidos na Primeira División e marcou catro goles, pero desapareceu das aliñacións trala chegada de Pepé Santoro ao banco de Avellaneda.
Aldovisi
[editar | editar a fonte]Trala súa saída de Independiente, fichou brevemente por El Porvenir, da Primeira B Nacional.[24] Con todo, non chegou a debutar co club adestrado por Alberto Pascutti e despois duns meses sen equipo, en decembro de 2005 ingresou no Aldovisi, ao que chegara pouco antes o propio Pascutti.[25] Aínda que comezou pelexando polo título, os malos resultados levaron o equipo de Mar del Plata a loitar por non descender, obxectivo que conseguiron trala dimisión de Pascutti e a chegada de César Serradell.[26]
Últimos anos
[editar | editar a fonte]En 2006 ingresou no Almirante Brown de La Matanza, pero despois de varios adestramentos, decidiu retirarse do fútbol e entrar na selección arxentina de fútbol indoor.[27] No combinado arxentino coincidiu con destacados exfutbolistas como Sergio Goycochea, Alejandro Mancuso, Carlos Mac Allister, Fernando Gamboa, Matías Almeyda ou o astro Diego Armando Maradona, e participou nun Campionato do Mundo en España. Despois dunha xira por Escandinavia coa selección arxentina indoor, en marzo de 2007 acabou por mudarse a Noruega, onde saíu do seu retiro futbolístico para fichar xunto a Matías Almeyda polo FC Lyn Oslo.[28][29] Con todo, debido ao seu mal estado de forma só disputou medio partido, na segunda rolda da Copa de Noruega contra o Kvik Halden.[30] Nos seguintes anos continuou xogando ao fútbol indoor coa selección arxentina e co equipo de veteranos do Deportivo da Coruña.[31]
Selección arxentina
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección arxentina en dous partidos amigables a finais de 1994. Convocado por Daniel Passarella, debutou ante Chile no Estadio Nacional de Santiago. Xogou o seu segundo e último partido internacional ao mes seguinte, contra Romanía no Estadio Monumental de Buenos Aires.
Como adestrador
[editar | editar a fonte]Vélez
[editar | editar a fonte]En 2009 regresou á estrutura de Vélez, como axudante do adestrador Ricardo Gareca.[32] Realizou esta función durante catro anos, participando da conquista de catro títulos (Clausura 2009, Clausura 2011, Inicial 2012 e Primeira División 2012/13). O 26 de decembro de 2013 colleu el mesmo as rendas do equipo, trala saída de Gareca. Debutou oficialmente co Fortín na Supercopa Arxentina 2013, a segunda edición desta competición, gañando o título ao derrotar no Estadio Juan Gilberto Funes ao Arsenal de Gustavo Alfaro.[33] Na Copa Libertadores 2014 obtivo o primeiro lugar do seu grupo, pero finalmente caeu eliminado nos oitavos de final ante o Nacional de Paraguai, club adestrado por Gustavo Morínigo.[34] Dirixiu o club ata decembro de 2014, cando rematou o seu contrato.[35]
Defensa y Justicia
[editar | editar a fonte]En abril de 2015 foi anunciado como novo adestrador de Defensa y Justicia, substituíndo no cargo a Darío Franco.[36] Con todo, foi destituído despois de só cinco partidos, nos que só puido sumar un punto.[37]
Las Palmas
[editar | editar a fonte]Asentado nas Illas Canarias, en outubro de 2018 ingresou na secretaría técnica da UD Las Palmas, club no que xogara como futbolista.[38] En setembro de 2021 converteuse no segundo adestrador do equipo, como axudante de Pepe Mel.[39] Máis tarde foi tamén axudante de García Pimienta e nos seguintes anos continuou realizando diferentes funcións no club.[40]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Xogador
[editar | editar a fonte]- Vélez Sársfield
- Primeira división da Arxentina (3): Clausura 1993, Apertura 1995, Clausura 1996.
- Copa Libertadores (1): 1994
- Copa Intercontinental (1): 1994
- Copa Interamericana (1): 1996
- Deportivo
- Primeira división española (1): 1999/00.
- Supercopa de España (1): 2000.
- Mallorca
- Copa do Rei (1): 2002/03.
Adestrador
[editar | editar a fonte]- Vélez Sársfield
- Supercopa da Arxentina (1): 2013.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 Ruya, Ariel (28 de xaneiro de 2014). "El Turu Flores: "Quiero que Vélez tenga mi estilo, el del potrero"" (en castelán). Consultado o 6 de novembro de 2025.
- 1 2 3 4 "¡Feliz Cumpleaños, Turu!" (en castelán). 16 de maio de 2020. Consultado o 6 de novembro de 2025.
- 1 2 3 "La gambeta lleva su nombre" (en castelán). 15 de maio de 2012. Consultado o 6 de novembro de 2025.
- ↑ "Sufrir para vivir" (en castelán). 13 de abril de 2020. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ "Vélez Campeón de América 1994" (en castelán). 31 de agosto de 2021. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ "A 30 años del Vélez campeón del mundo: del golazo que descontroló al Milan y la lesión inesperada, a la frase motivadora de Bianchi" (en castelán). 1 de decembro de 2024. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ "A 30 años de la Recopa Sudamericana que Independiente ganó en Japón" (en castelán). 9 de abril de 2025. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ Vídeo do gol en YouTube
- ↑ "Maradona amenaza con abandonar el Boca Júniors.". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de xullo de 1996. p. 52.
- 1 2 "Turu Flores ya comienza a rentar a Las Palmas". El País (en castelán). 23 de setembro de 1996. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ "25 años de la última semifinal de Copa en el Camp Nou" (en castelán). 3 de abril de 2022. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ "Aquella vez que el Oviedo dejó a Las Palmas sin ascender" (en castelán). 19 de maio de 1922. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ Luengo, M. Jesús (16 de decembro de 2001). "¡Menuda inversión!". As (en castelán). Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ "El Deportivo ficha a «Turu» Flores y a Manuel Pablo". El Mundo (en castelán). 8 de xullo de 1998.
- 1 2 3 4 Centeno, Alexandre (18 de febreiro de 2015). "Turu Flores: «Aún guardo el balón que 'robé' tras eliminar al Celta en la Copa»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ "El Turu desnivela el derbi más largo de la historia". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de febreiro de 2015. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ Rodríguez Cudeiro, Juan Luis (22 de maio de 2025). "'Turu' Flores, "tira la bomba"". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "El Depor humilla al Madrid en Riazor". El Mundo (en castelán). 6 de febreiro de 2000. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- ↑ "París ben vale tres puntos". 21 de novembro de 2000. Consultado o 7 de novembro de 2025.
- 1 2 "Turu amplía su contrato dos años para jugar en Valladolid". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de novembro de 2025. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "El Turu debutará ante el Valencia" (en castelán). 4 de setembro de 2001. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Turu Flores en el Valladolid (2001)" (en castelán). 7 de maio de 2016. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ Centeno, Alexandre (23 de abril de 2003). "Turu Flores: «Mi gran error fue bajar los brazos en el Valladolid»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "El Porvenir sumó un nombre de Primera" (en castelán). 20 de agosto de 2005. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "El ?Turu? Flores, a Aldosivi" (en castelán). 28 de decembro de 2005. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Aldosivi ganó una final y se queda en la B Nacional" (en castelán). 14 de maio de 2006. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Turu Flores a Almirante Brown 2006" (en castelán). 9 de setembro de 2009. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Especiales En Una Baldosa: el paso de Almeyda y el Turu Flores por Noruega" (en castelán). 16 de novembro de 2012. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Almeyda y el 'Turu' Flores regresan al fútbol en la Liga noruega" (en castelán). 26 de marzo de 2007. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Kvik Halden - Lyn 0 - 5 (0 - 5)" (en noruegués). Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Turu Flores: «Nunca salí tanto como en Coruña»". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de xullo de 2022. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "“Uno nunca se saca los botines”" (en castelán). 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "El 'Turu' Flores debutó en Vélez con un título: "Agradezco a los muchachos, dieron todo"" (en castelán). 1 de febreiro de 2014. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "En un dramático final, Vélez apostó y perdió todo: no le alcanzó y quedó eliminado" (en castelán). 30 de abril de 2014. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Vélez le comunicó a José Flores que no seguirá como DT" (en castelán). 6 de decembro de 2014. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Turu Flores ya tiene destino" (en castelán). 21 de abril de 2025. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "'Turu' Flores y su abrupta salida de Defensa y Justicia: "Me parece una locura"" (en castelán). 12 de xuño de 2015. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "'Turu' Flores vuelve a Las Palmas" (en castelán). 27 de outubro de 2018. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Ángel López lo deja y 'Turu' Flores es el nuevo segundo entrenador". Marca (en castelán). 15 de setembro de 2021. Consultado o 8 de novembro de 2025.
- ↑ "Turu Flores: “Cuando paso por el Insular se me ponen los pelos de punta”" (en castelán). 23 de novembro de 2024. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2024. Consultado o 8 de novembro de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1971
- Nados en Buenos Aires
- Futbolistas da Arxentina
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do CA Vélez Sarsfield
- Xogadores da UD Las Palmas
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Real Valladolid
- Xogadores do RCD Mallorca
- Xogadores do CF Ciudad de Murcia
- Xogadores do CA Independiente
- Xogadores do CA Aldosivi
- Xogadores do FC Lyn Oslo
- Xogadores da selección de fútbol da Arxentina
- Adestradores de fútbol da Arxentina