Tiridates I de Amenia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Tiridates I
Rei de Armenia
Tiridates.jpg
Estatua de Tiridates no parque do Palacio de Versalles.

Reinado52–58
62–88
Coroación66, en Roma por Nerón
Nacementoc.28
Falecementoc.88
PredecesorTigranes VI
HerdeiroFinou sen descendencia lexítima
SucesorSanatruk
ConsorteKatranide I
ProxenitoresVonones II

Tiridates ou Tirídates I (en armenio: Տրդատ Ա, Trdat A; en parto: 𐭕𐭉𐭓𐭉𐭃𐭕, Tīridāt; en grego: Τιριδάτης, Tiridátes) foi rei de Armenia dende 53 até a súa morte, así como o instaurador da dinastía arsácida no territorio, cuxa administración perdurou até o derrocamento do seu derradeiro representante, Artaxias IV (428).[1]

O emperador Nerón coroouno en 66, malia que o seu reinado comezara o ano antes sinalado e experimentou dúas interrupcións, unha en 54 e outra en 58-63— nun intento de reforzar un territorio moi inestable por mor das consecuencias derivadas da loita entre romanos e partos.[2] A coroación de Tiridates sentou un salientable precedente polo que os reis de Armenia serían príncipes partos cuxo nomeamento dependía da aprobación do Imperio romano. Cómpre sinalar ademais deste acontecemento que, se ben converteu Armenia nunha especie de «Estado satélite» de Roma, certos autores cren que implicou unha cesión de facto do territorio ó Imperio parto.[3]

Tiridates destacou tamén por ser un sacerdote zoroastriano; mesmo na súa coroación acudiu a Roma a carón doutros magi[nota 1] A comezos do século XX Cumont especulou coa posibilidade de que Tiridates tivese un papel relevante no desenvolvemento do mitraísmo,[4] no que considera de feito un zoroastrismo romanizado; porén, esta teoría foi rexeitada en numerosas ocasións.[5] Tiridates desempeña un dos roles principais na opera Radamisto de Händel, así como en Octavia, de Keiser.

Suba ó poder[editar | editar a fonte]

Nado da relación entre Vonones II e unha concubina grega,[nota 2][6] non se coñece nada da súa nenez nin da súa mocidade, só que a pasóu en Media, territorio que administrou o seu pai durante o reinado do irmán deste Gotarces II. O nome Tiridates quere dicir «dado por Tir» —Tir era o deus armenio-parto da literatura, a ciencia e a arte derivada do avéstico Tishtrya e moi asociado á divindade grega Apolo.[7] En 51, o procurator romano de Capadocia, Xulio Peligno, invadiu Armenia e arrasou o país, daquela dominado polo usurpador iberio Radamisto, que asasinara ó seu tío Mitrídates.[8]

Sen agardar instrucións dende o imperio, o procurador romano recoñeceu a Radamisto como novo monarca de Armenia. O administrador da provincia de Siria Ummidio Quadrato enviou a Helvidio Prisco ó mando dun importante continxente coa misión de poñer orde no territorio,[9] mais a expedición tivo que deterse cando dende Roma chegaron ordes de non levar a cabo ningunha acción que o Imperio parto puidese interpretar como unha provocación.[8]

No ano 52, o rei Vologases I de Partia aproveitou a inestabilidade da zona para invadir Armenia, conquistando axiña Artaxata e proclamando o seu irmán menor Tiridates como novo rei.[10] Esta acción supoñía unha violación do acordo que acadara Octavio con Fraates IV no que se explicitaba que eran os romanos os que tiñan o dereito de nomear e coroar ós monarcas armenios.[nota 3][11] Vologases declarou que non podía permitir que o trono de Armenia, outrora propiedade dos seus devanceiros, acabase usurpado por un asasino.[nota 4][12] Unha epidemia invernal e unha insurrección liderada polo seu herdeiro Vardanes fixeron que Vologases tivese que retirar as súas tropas de Armenia, momento do que se valeu Radamisto para volver e iniciar unha severa política de represión que causou a rebelión do pobo armenio e a proclamación como novo rei do príncipe parto Tiridates (55).[13]

Radamisto escapou coa súa esposa Zenobia que, por mor do seu embarazo, pediu ó seu marido que acabase coa súa vida para non ser capturada. Radamisto apuñalouna cunha daga meda e guindou o seu cuerpo ó Araz, pero a ferida non resultou mortal e Zenobia foi atopada por uns pastores que a enviaron con Tiridates, quen a recibiu amablemente e a tratou coma un membro máis da estirpe real.[14] Radamisto puido retornar a Iberia, onde o seu pai Farasmanes o condenou a morte por ter conspirado contra o poder real.[8]

Guerra con Roma[editar | editar a fonte]

A crecente influencia do Imperio parto en Oriente causou unha enorme inquedanza no emperador Nerón,[14] que enviou alí a Corbulón ó mando dun grande exército e con ordes de restaurar o dominio romano na zona.[14][15] Como o comandante romano permanecería en campaña unha importante tempada un asmoneo chamado Aristóbulo recibiu a administración de Armenia Menor —constituída esencialmente por Nicópole e Satala— mentres que Armenia Sophene correspondeulle a Sohaemo de Emesa. Na primavera de 58 Corbulón penetrou en Armenia dende Capadocia e marchou sobre Artaxata mentres Farasmanes de Iberia atacaba dende o norte e Antíoco IV de Comaxene realizaba unha incursión polo suroeste. Apoiado polo seu irmán, Tiridates enviou columnas voantes para asaltar en varios puntos as columnas romanas, pero Corbulón contestou empregando as mesmas tácticas, e empregou ás tribos nativas Moschoi para que saqueasen as rexións fronteirizas de Armenia.[14] Tirídates puido fuxir da capital antes de que a capturasen os romanos, que a quemairon até os alicerces. Ese mesmo verán Corbulón avanzou sobre Tigranocerta a través dun duro terreo que pasaba por Taronitida, onde numerosos oficiais morreron nunha emboscada artellada pola resistencia armenia. Porén, cando chegaron á cidade, esta capitulou e abriu as súas portas agás unha das cidadelas urbanas, destruída no asalto polos invasores.[16] Neste punto, a maior parte do pobo armenio abandonara a resistencia e aceptou o príncipe nomeado por Roma.[17]

Nerón nomeou novo rei de Armenia ó último dos descendentes reais da monarquía capadocia, neto de Glafira —a herdeira de Arquelao de Capadocia— e Alexandre de Xudea —o irmán de Herodes Arquelao e herdeiro de Herodes o Grande,[18] que asumiu o trono co nome de Tigranes VI.[19] O seu herdeiro Alexandre contraería matrimonio con Iotapa —filla de Antíoco VI— e obtería o reino de Cilicia. As vitorias en Oriente compraceron ó pobo romano, que aclamou publicamente o seu emperador[20] e propiciou que este recompensara a Corbulón coa administración da provincia de Siria.[21][nota 5] Tigranes recibiu unha garda de mil lexionarios, tres cohortes auxiliares e dúas divisións de cabalería para que impedise a invasión do seu territorio,[16] cuxos límites territoriais pasaron ó dominio dos aliados romanos que apoiaran a Corbulón, entre os que salientan Polemón II, Parasmanes, Aristóbulo e Antíoco.[16]

Zenobia atopada polos pastores nas beiras do Araz.
Paul-Jacques-Aimé Baudry, c. 1848

Pola contra, o emperador parto estaba agora alporizado polo feito de que un novo monarca estranxeiro ocupase o trono armenio, pero non puido apoiar de inmediato a causa do seu irmán ó atoparse combatendo cos hircanios, que se rebelaran na súa contra.[16] Tigranes aproveitou o impasse para invadir o reino de Adiabene e depoñer a Monobaces (61), un vasalo dos partos.[22]

Vologases considerou este movemento como un acto de agresión dos romanos e iniciou unha campaña para restaurar a Tiridates no trono armenio ordenando ó spahbod Moneses —ó que concedeu o mando dun continxente de catafractos e auxiliares adiabenianos— expulsar a Tigranes de Armenia. O mesmo Vologases participou en persoa na campaña tras acabar cos hircanios rebeldes.[16] Cando foi informado do inminente ataque, Corbulón enviou axiña dúas lexións lideradas por Verulano Severo e Vetio Bolano a apoiar a Tigranes, aínda que con instrucciónss secretas de actuar de xeito cauteloso no canto de agresivo. Enviou unha carta a Nerón na que lle pregaba o envío doutro comandante, pois agora eran dúas provincias —Armenia e Siria— as que se atopaban en perigo. O resto das lexións serían estacionadas a beiras do Éufrates e as tropas irregulares no resto de provincias achegadas. Como a rexión tiña unha importante escaseza de auga ordenou a construción de defensas nas pontes e agochou os regatos enterrándoos con area.[16]

Moneses marchou sobre Tigranocerta, pero non puido atravesar os muros da cidade ó non estar as súas tropas preparadas para un asedio de longa duración. Corbulón enviou entón a un centurión chamado Casperio ó campamento de Vologases en Nisibis —localizada a 37 quilómetros de Tigranocerta— coa petición de que os partos erguesen o sitio, requerimento ó cal os partos accederon, en parte debido a unha praga de lagostas e á escaseza de pasteiros para a súa cabalería, se ben en troques de que se lles entregase Armenia para acadar un acordo de paz.[16] Vologases demandou que tanto as tropas romanas como os soldados partos fosen evacuados do territorio armenio, que Tigranes fose depuesto, e que Tiridates fose recoñecido, condicións ás que decidiu non acceder. Tralo rompemento das negociacións, Roma enviou á rexión a Cesenio Peto, gobernador de Capadocia, para resolver a cuestión anexionando Armenia á administración romana.[23][24][25]

Pero Peto amosaría a súa incapacidade como comandante ó conducir ás tropas romanas a unha aldraxante derrota en Randeia (62),[26] que supuxo a destrución das lexións XII Fulminata, comandada por Calvisio Sabino e da IIII Scythica comandada por Funisulano Vetoniano, polo que Nerón concedeu de novo o mando a Corbulón, que en 63 realizou unha incursión en Melitene e penetrou en Armenia eliminando a tódolos gobernadores rexionais dos que sospeitaba que puidesen apoiar ós partos.

Ese mesmo ano, Corbulón e Tiridates decidiron reunirse en Randeia para acordar un tratado de paz; a localización era importante para os dous: para o monarca armenio supoñía a conmemoración dun campo de batalla no que os partos acadaran unha trascendental vitoria, mentres que para o comandante romano era esencial facer un acto que acabase coa mala sona da zona. Cando Tiridates entrou no campamento romano quitou o seu diadema real e púxoo ós pés dunha estatua de Nerón, acordando que non volvería recibila até que lle fose entregado de mans do mesmo emperador na capital.[27] Nese intre, Tiridates pasou a ser un rei vasalo do Imperio romano, que mantería unha gornición permanente no territorio. Tiridates —en compaña de Annio Viniciano— marchou de inmediato a Roma para participar na cerimonia de coroación.[23]

Viaxe a Roma[editar | editar a fonte]

Antes de embarcar cara a Roma, Tiridates realizou unha visita á súa nai e ós seus dous irmáns en Media Atropatene e Partia. Na súa travesía —que durou nove meses nos que o monarca armenio cabalgou coa súa esposa e os seus herdeiros ó seu carón—[28] acompañouno un séquito constituído polos seus parentes e unha representación da nobreza armenia escoltada por 3000 soldados montados que cruzou Tracia, Iliria, a costa oriental do Adriático e o Piceno, no nordeste de Italia antes de chegar á capital.

O historiador Dión Casio descríbeo nos seguintes termos: «Tiridates estaba na flor da vida, unha notable figura en razón da súa xuventude, beleza, familia e intelixencia».[28] En outubro dese mesmo ano produciríase o primeiro encontro entre Nerón e Tiridates en Neapole (Nápoles). Tiridates deu mostra do seu amor propio cando se negou a entregar a súa espada en presenza do emperador, aínda que a ninguén lle estivese permitido estar armado preto do princeps.[nota 6] En Puteolis (Pozzuoli) —localidade preto de Nápoles— Nerón ordenou a celebración de probas de atletismo na honra do seu convidado, que demostrou a súa habelencia como arqueiro ó disparar un proxectil entre os corpos de dous búfalos. Cómpre sinalar que o de Puteolis era o primeiro espectáculo no que está probada a aparición dunha gladiadora:[nota 7]

Nerón admirouno por esta acción [a negativa de Tiridates a desfacerse da súa espada] e entretívoo de numerosas maneiras, entre as que salienta a celebración de combates de gladiadores en Puteoli. Baixo a dirección de Patrobio, un dos seus libertos, ofreceu un brillante e ostentoso espectáculo, como demostra o feito de que un dos días non apareceron persoas senón etíopes —homes, mulleres e nenos— no teatro.[29]

O apoxeo das celebracións estaría reservado para a súa estancia na capital, decorada para a ocasión con bandeiras, fachos e grilandas e cuxas rúas estaban iluminadas pola noite e ateigadas de persoas.[30]

O día seguinte á chegada de Tiridates a Roma, Nerón entrou no Foro ataviado con roupas triunfais e rodeado de mandatarios e soldados, todos engalanados coas súas relucentes armaduras. Mentres Nerón tomaba asento no trono imperial, Tiridates e o seu séquito avanzaron entre dúas ringleiras de soldados até chegar ó estrado no que estaba o emperador, intre no que Tiridates se axeonllou coas mans unidas sobre o peito. Cando cesaron as aclamacións dos excitados cidadáns, o monarca armenio declarou:

Meu señor, son descendente de Arsaces e irmán dos reis Vologases e Pacoro. Vin a ti, que es o meu Deus; adoreite como ó Sol;[nota 8][31] Debo ser aquilo que me ordenes ser, porque es o meu destino e a miña sorte.

Nerón replicou:

Fixeches ben en acudir aquí para gozar da miña presenza en persoa. Aquilo que o teu non che legou e que os teus irmáns non puideron preservar para ti, eu doucho, e noméote rei de Armenia, de modo que ti, ao igual que eles, saibas que teño o poder de arrebatar e conceder reinos.[32]

Entón Tiridates subiu os chanzos da tribuna e axeonllouse mentres Nerón colocaba o diadema real na súa testa. Cando o rei ía a axeonllarse de novo, Nerón detívoo coa man dereita, e, despois de bicalo, ordenou que sentara ó seu carón nunha cadeira un pouco menos alta que a súa, acto que o pobo recompensou cunha sonora ovación a ambaos os líderes. Como Tiridates falaba en grego, un pretor fixo de intérprete e explicou as súas palabras ó público.[33] Plinio escribiu que Tiridates presentou a Nerón ós seus acompañantes magi cando acabou a cerimonia,[34] mentres que Tácito destacou o enorme interese por todos os aspectos da cultura romana que amosou o líder armenio.

As celebracións públicas continuaron despois da cerimonia de coroación. O interior do Teatro de Pompeio estaba especialmente decorada para a ocasión, polo que os cidadáns romanos chamaron a este día "o día dourado". As festividades diúrnas non foron menos fastuosas que as nocturnas: toldos pintados coa cor púrpura real colocáronse como protección ante a calor do sol. Nerón, vestido de verde e cuntocado de condutor de carros, tomou parte nunha carreira. Nos banquetes nocturnos Nerón cantaba e tocaba a lira cun acompañamento de cítara. Tiridates amosouse abraiado e incómodo ante as excentricidades do emperador, mentres que só tiña eloxios para Cobulón, ó que expresou a súa sorpresa por servir a un amo coma ese.[35] Non ocultou o seu punto de vista en presenza de Nerón e observou sarcasticamente:

Señor, tes un marabilloso servidor na persoa de Corbulón"[35]

Para conmemorar estes acontecementos, o Senado concedeu ó emperador a coroa de loureiro e o título de imperator. Nunca na historia romana se realizou unha recepción que puidera compararse a esta en tamaño ou esplendor. Ó tremendo desembolso realizado nas celebracións, houbo que engadir o feito de que a administración imperail correse cos gastos da viaxe de Tiridates e o seu séquito, tanto de ida como de volta. Nerón levaría a cabo outro imprudente dispendio ó dar a Tiridates un presente de cincuenta millóns de sestercios.[36]

No seu retorno a Armenia, Tiridates presenciou unha exhibición de pankration. Ó ver que un dos participantes continuaba recibindo golpes despois de caer ó chan exclamou:

Esta é unha loita inxusta. Non é xusto que un home que caeu sexa golpeado.[35]

Animado polo aparente éxito diplomático, Nerón intentou en varias ocasións convocar a Roma ó rei parto Vologases, que, como non podía continuar desatendendo as peticións do emperador romano sen anoxalo, enviou unha mensaxe dicindo:

É moito máis sinxelo para ti que para min atracesar tan importante corpo de auga. Polo tanto, se viñese a Asia poderíamonos reunir.[35]

Existen teorías que estabelecen que a visita de Tiridates, un acontecemento que impresionou enormemente ós seus contemporáneos, sería empregada polos cristiáns como base da adoración dos Reis Magos.[37] A lenda cristiá cambiou Roma por Belén e substituíu a Tiridates por Gondofares, un rei que xa estaba vinculado ó cristianismo pola súa suposta relación con Tomé o apóstolo.[38]

Período de paz[editar | editar a fonte]

Moeda romana acuñada en 66 na que se amosa a clausura das portas do Templo de Xano.

Coa conclusión da disputa polo control de Armenia, comezou un período de paz en todo o Imperio Romano, polo que Nerón ordenou pechar as portas do Templo de Xano.[nota 9] Cando Tiridates entrou no seu país ordenou de inmediato ós máis célebres artesáns armenios que reconstruíran Artaxata, que pasaría a chamarse Neronia en honra ó emperador;[39] tamén embeleceu a residencia real de Garni,[40] coa construción de opulentos monumentos e a adición dun novo templo. Por outro lado, o auxe do comercio entre ambos os continentes permitiu que Armenia consolidara a súa independencia de Roma.[39] Agora o Imperio contaba cun leal aliado nese país, mesmo despois da morte de Nerón e o ascenso ó poder de Vespasiano. Politicamente, a paz obtida nese territorio constituíu unha relevante vitoria política de Nerón.[41]

O beneficio inmediato da estabilización de Armenia sería a posibilidade de que Roma centrase a súa atención nos problemas de Xudea, onde o descontento cidadán desembocou no estalido da primeira guerra xudeu-romana (66-73) tan só un ano despois da coroación de Tiridates. Durante a contenda, o Imperio enviou numerosos soldados a Xudea dende Siria, o que en situación de guerra non sería posible, posto que comprometería a seguridade da zona.[42] A popularidade de Nerón medrou enormemente nas provincias orientais, así como entre os armenios e os partos. A paz entre Partia e o Imperio Romano duraría cincuenta anos, até que o emperador Traxano invadiu Armenia (114).[43]

Guerra cos alanos[editar | editar a fonte]

En 72 os alanos, unha belicosa tribo sármata, realizaron unha incursión en Media Atropatene e en varios distritos do norte de Armenia. Tiridates e o seu irmán Pacoro, rei de Media Atropatene, combateron o invasor en numerosas batallas; nunha delas, un soldado alano atrapouno cunha corda, pero o monarca armenio reaccionou axiña e puido cortala antes de resultar capturado. Tras saquear Armenia e Media Atropatene, os alanos decidiron retirarse cun enorme botín.[44] O rei de Iberia pediu protección contra os alanos a Vespasiano, que contribuíu á reconstrución de Harmozica, unha cidadela situada preto da capital iberia Miskheta, nas inmediacións da moderna Tbilisi. Unha inscrición aramea encontrada preto de Tbilisi indica que Tiridates combateu a Iberia durante os seus últimos anos de vida. Descoñécese o ano exacto da conclusión do seu reinado, e diversas fontes mencionan a Sanatruces como o seu sucesor.[45] O que se sabe con certeza é que o sobriño de Tiridates, Axidares, fillo de Pacoro II, acadou o trono armenio en 110.[46]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Termo que fai referencia ó discípulo de Zoroastro.
  2. Dando por feito que a nai de Vologases, Pacoro e Tiridates fose a mesma muller.
  3. Octavio ademais recuperou os estandartes romanos que se perderon trala derrota de Craso en Carras, co que puido curar parte da ferida que experimentou a honra romana nesa batalla.
  4. Vologases fai referencia a Vonones I e os seus herdeiros Artabano II, Arsaces e Orodes como os primeiros arsácidas que sentaron no trono armenio.
  5. Este era un nomeamento moi importante, pois Siria non era só unha das provincias máis extensas, senón que ademais era unha das máis ricas.
  6. Porén Tiridates acadou un compromiso polo que levaría a espada firmemente suxeita na vaíña, polo que tería sido imposible que chegase a brandila perante Nerón antes da intervención da escolta imperial.
  7. En latín, gladiatrix, unha loitadora que se enleaba en violentos combates con outros humanos ou con animais para o entretemento do público nas arenas da Roma republicana e imperial. Aínda que a súa participación era moi infrecuente, a literatura e a arqueoloxía achegan evidencias indiscutibles da súa existencia.
  8. Edward Champlin sinala: «Cando Nerón entrou cos senadores e a escolta, ascendeu á rostra e sentou no trono imperial, mirando cara atrás, cara ao Foro nunha dirección leste-sueste. Con isto quérese dicir que, cando Tiridates se aproximou a el, o nacente Sol lle daba na cara, dotándoo dun triunfal esplendor. Entón o príncipe dirixiuse ao emperador da tierra, erguendo a súa vista cara á rostra:
    Vin a ti, o meu Deus, adorándote como a Mitra
    O punto importante -algo que coñecería moi probablemente Nerón— é que para do zoroastrismo o Sol era o ollo de Mitra, que estaba tan estreitamente vinculado ó Sol que podía ser identificado con este. Tal e como di Estrabón:
    ...o Sol a quen chaman Mithres.
    Ademais, os cando rezaban ó aire libre tiñan que volverse cara ó Sol, xa que a súa relixión obrigábaos a orar ante o fuego. Deste xeito, cando Tiridates se detivo no Foro Romano ante o iluminado emperador e o adorou como a Mitra, estaba en esencia adorando ó Sol. Un ex-pretor traduciu as súas palabras causando a aclamación da multitude. Nesa época moi poucas persoas coñecían a identidade de Mitra, polo que existe a posibilidade de que o intérprete transmitira as palabras de Tiridates como:
    Vin a ti, o meu Deus, adorándote como ó Sol
    Nerón culminou as celebracións nunha teatral alegación do seu papel como novo deus do Sol.»
  9. A clausura das portas do Templo de Xano de Roma era unha acción que unicamente se levaba a cabo cando Roma non estaba combatindo en ningún conflito, algo que era moi infrecuente.
  1. Arthur Cotterell Historia de las civilizaciones antiguas p.249.
  2. Joël le Gall y Marcel le Glay El Imperio Romano: el alto Imperio desde la batalla de Actium hasta la muerte de Alejandro Severo (31 a. C. - 235 d. C.) p. 181.
  3. Redgate, Anne Elizabeth (2000). The Armenians (First ed.). Massachusetts: Blackwell Publishers Inc. pp. 88–91. ISBN 0-631-22037-2. 
  4. Cumont, Les réligions orientales dans le paganisme romaine. Conferencias realizadas en el Collége de France (1905)
  5. Beck, Roger (2002). "Mithraism". Encyclopedia Iranica. 
  6. Encyclopædia Britannica
  7. Boyce, Mary (1991). A History of Zoroastrianism. Brill Academic Publishers. p. 77. ISBN 90-04-10474-7. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Sherk, Robert K. (1980). ANRW II.7, Politische Geschichte (Provinzen und Randvölker: Griechischer Balkanraum; Kleinasien), Roman Galatia: The Governors from 25 B. C. to A. D. 114. Berlín e Nova York: Walter de Gruyter & Co. pp. 954–1052. ISBN 3-11-008015-X. 
  9. Tácito Anales L. XII XLIX.
  10. Tácito, Anales 12.50.1–2
  11. Boardman, John (1925). The Cambridge ancient history. Cambridge University Press. pp. 158–159. ISBN 0521264308. 
  12. Tácito, Anales, 12.5
  13. Tácito, Anales, 13.7
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Yarshater, Ehsan (1983). The Cambridge History of Iran. Massachusetts: Cambridge University Press. pp. 80–83. ISBN 0-521-20092-X. 
  15. Tácito, Anais, 13.9
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 Lindsay, John. A View of the History and Coinage of the Parthians. Adamant Media Corporation. pp. 83–84. ISBN 1402160801. 
  17. Tácito, Anais, 13.55
  18. Tabor, James D. "The Jewish Roman World of Jesus". Department of Religious Studies • The University of North Carolina at Charlotte. Consultado o 30 de novembro de 2006. 
  19. Estrabón, 12.3.35
  20. Tácito, Anais, 13.56
  21. Tácito, Anais, 14.36.
  22. Tácito, Anais, 15.1
  23. 23,0 23,1 Smith, William (1867). "Corbulo". Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Boston. p. 851. 
  24. Tácito, Anais, 15.1–6.
  25. Dión Casio Historia Romana, 62.20
  26. Joėl Le Gall e Marcel Le Glay El Imperio Romano: El Alto Imperio, desde la batalla de Actium hasta la muerte de Severo Alejandro ( 31 a. C.- 235 d. C.). P. 180.
  27. The Penny Cyclopædia of the Society for the Diffusion of Useful Knowledge. Gran Bretaña: Society for the Diffusion of Useful Knowledge. 1842. p. 496. 
  28. 28,0 28,1 Casio, Dión (2004). Historia Romana Vol. 5. Kessinger Publishing. p. 34. ISBN 1-4191-1613-4. 
  29. Dión Casio, 62.3.1
  30. Lewis, Naphtali (1990). Roman Civilization: Selected Readings: The Empire. Columbia University Press. p. 33. ISBN 0231071337. 
  31. Champlin, Edward (2003). Belknap Press, ed. Nero. ISBN 0-674-01192-9. 
  32. Dión Casio, 63.5.2
  33. Suetonio, Gaius; Graves, Robert; Grant, Michael (2003). Penguin Classics, ed. Las vidas de los doce Césares. pp. 220. ISBN 0140449213. 
  34. Plinio, Naturalis historia 30.6.17
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 Casio, Dión (2004). Kessinger Publishing, ed. Historia Romana Vol. 5. p. 36. ISBN 1-4191-1613-4. 
  36. Kurkjian, Vahan (1958). Armenian General Benevolent Fund, ed. A History of Armenia. Nova York. ISBN: B000BQMKSI. 
  37. A. Dietrich, „“Die Weisen aus dem Morgenlande“, Zeitschrift für die Neutestamentliche Wissenschaft, Bd. III, 1902, S.1-14; citado por J. Duchesne-Guillemin en “Die Drei Weisen aus dem Morgenlande und die Anbetung der Zeit”, Antaios, Vol. VII, 1965, p. 234-252, p.245.
  38. Ernst Herzfeld, Archaeological History of Iran, Londres, Oxford University Press for the British Academy, 1935, pp.65-66.
  39. 39,0 39,1 Bournoutian, George (2002). Mazda Publishers, ed. A Concise History of the Armenian People. p. 42. ISBN 1-56859-141-1. 
  40. Unha inscrición en grego atopada en Garni en 1945 refírese a Tiridates como Helios e líder supremo da «Grande Armenia». Os novos estudos continúan identificando ó monarca armenio co líder do que fala a inscrición. Nos círculos académicos R. D. Wilkinson constitúe unha nota discordante ó crer o contrario. Joyce, Reynolds (1971). Society for the Promotion of Roman Studies, ed. "Roman Inscriptions 1966–1970". The Journal of Roman Studies 61: 152. doi:10.2307/300013. 
  41. Dión Casio, Historia Romana, 62.23
  42. Shotter, David (1997). Routledge (UK), ed. Nero. pp. 39–40. ISBN 0415319420. 
  43. Dión Casio 68.17.2–3
  44. Flavio Josefo, La guerra de los judíos 7.8.4
  45. Tanto os autores clásicos gregos e romanos, como os escritores armenios da Antigüidade tardía mencionan a Sanatruces —Sanatruk en armenio. Non obstante, Nina Garsoian, profesor emérito da Universidade de Columbia, cre que non existe ningunha evidencia explícita de que Sanatruces fose o sucesor de Tiridates. Hovannisian, Richard G. (1997). Palgrave Macmillan, ed. The Armenian people from ancient to modern times: from antiquity to the fourteenth century. pp. 69. ISBN 0-312-10168-6. 
  46. ARMENIA AND IRAN:b. The Arsacid dynasty: Tiridates I and his successors Encyclopædia Iranica, Universidade de Columbia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]