Concubinato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Retrato dunha concubina, do pintor Lam Qua (1864)

Concubinato é a relación marital de dúas persoas sen estar unidos en vínculo matrimonial. O termo concubina xeralmente indica relacións matrimoniais en curso onde a muller é de menor posición social que o home ou que a esposa ou esposas oficiais. Existen dirixentes na historia de Asia e de Europa que tiñan tanto concubinas como esposas.

Á beira da unión matrimonial, que é o acto e estado xurídico recoñecido polo dereito como xerador de efectos non só respecto da parella e dos fillos, senón tamén en relación con outros parentes, déronse e existen actualmente outras unións máis ou menos permanentes que se asemellan ao matrimonio, pero ás cales o dereito non lles recoñeceu efectos, ou ben o fixo en termos moi limitados. Unha unión con estas características é o concubinato, que podemos entender como a unión libre e duradeira entre un home e unha muller que viven e cohabitan coma se estivesen casados e que pode ou non producir efectos legais.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Historicamente, o concubinato era frecuentemente voluntario (por un arranxo coa muller e/ou coa súa familia), posto que provía dunha certa seguridade económica para a muller involucrada. O concubinato involuntario ou servil involucra algunhas veces a escravitude sexual dun membro da relación, usualmente a muller.

Onde ten un estado legal, como na antiga Roma e na antiga China, o concubinato é similar, aínda que inferior, ao matrimonio. En oposición a esas leis, as leis tradicionais do Occidente non lle dan un estado legal ás concubinas, senón que máis ben só admiten matrimonios monógamos. Calquera outra relación non gozou, tradicionalmente, de protección legal.

Antiga Roma[editar | editar a fonte]

Nos tempos da antiga Roma, concubinus era o termo que se lle daba a un novo home que era escollido polo seu amo como amante. Aos concubini (plural de concubinus) referíaselles frecuentemente de maneira irónica na literatura contemporánea da época. Catulo asume no poema de casamento 61.126 que o mozo señor feudal ten un concubinus que se considera a si mesmo nun nivel superior aos outros escravos.

A concubina entre os romanos case non se diferenciaba da muller lexítima senón no nome e na dignidade, de modo que por iso chamábase "muller menos lexítima" e así como polo dereito romano non era lícito ter a un tempo moitas esposas, tampouco se permitía ter xuntamente moitas concubinas.[2]

Un celibatario podía tomar por concubina a calquera das mulleres que se consideraban de inferior condición e que segundo as leis civís non podían aspirar á honra do matrimonio: tales eran que gañaban a súa vida mediante o seu traballo, as de baixa extracción social, as escravas, as condenadas en xuízo público, e outras semellantes. Moitas veces sucedía que un pai de familia que servira ben á patria dándolle fillos nados de lexítimo matrimonio, prefería asociarse unha concubina antes que tomar nova esposa, por non expolos aos caprichos dunha madrastra e quitarlles a esperanza de levar eles sós toda a sucesión. Así é que o emperador Vespasiano, despois da morte da súa muller, restituíu ao seu primeiro estado a Genis, liberta de Antonia e tomouna pola súa concubina, téndolle todos os miramentos debidos a unha muller lexítima. Este exemplo foi imitado polos emperadores Antonino Pío, e Marco Aurelio Antonino, chamado o Filósofo dos cales o último, perdendo á a súa muller, elixiu por concubina á filla do intendente da súa casa, ne tot liberis novercam tuparduceret. Este modo de vivir non se consideraba ilícito nin contrario aos costumes, senón só como unha unión desigual, pois as concubinas estaban privadas da dignidade e vantaxes de que gozaban as mulleres enlazadas por matrimonio, e os seus fillos non eran ante a lei senón fillos da natureza, chamados naturais, sen poder herdar máis que a sexta parte dos bens do pai.[2]

Aínda despois da introdución do cristianismo continuouse o costume de tomar concubinas, permitíndoa os emperadores cristiáns con tanta liberdade, que non deron ningunha lei directa para impedila. Antes pola contra Xustiniano I chama ao concubinato unha unión lícita, engadindo que pode vivirse nel sen ofensa nin menoscabo do pudor, in eaque caste vici posse. Santo Agostiño, con todo, reproba as concubinas, dist. 24:

Audile, carissimi, competentibus dico fornicari vobis non licet: sufficiant vobis uxores; et si non habetis uxores, tamen non vobis habere concubinas.

E o concilio de Trento na sesión 8ª ameaza aos concubinarios co raio da excomuñón se non mudan de conduta inmediatamente.[2]

España[editar | editar a fonte]

En España houbo unha época en que as leis toleraron aos eclesiásticos as barregas ou concubinas e non lles permitían mulleres lexítimas talvez porque se cría que estas os distraerían das súas funcións máis que as mancebas, coas cales non estaban ligados dun modo indisoluble, pois as podían deixar cando quixesen ou o esixise o ben da igrexa.[2]

Na Biblia[editar | editar a fonte]

Na Biblia (Xénese 16 e 21), Abraham toma á escrava Agar como concubina. Posto que Sara non concibira até ese punto, ela ofrécelle a súa escrava Agar a Abraham para que lle dea un herdeiro. Ela deu a luz a Ismael. Despois de que por un milagre Sara —que se fixo fértil a unha idade avanzada— concibise e dese a luz a Isaac, demandoulle a Abraham que botase a Ismael, e a Agar a súa nai, fóra da casa e cara ao deserto. A Abraham fíxoselle moi difícil facer isto e só o fixo cando Deus apoiou o que Sara pedía.

"O rei Salomón amou, ademais de á filla de Faraón, a moitas mulleres estranxeiras, Moabitas, Amonitas, Edomitas, Sidonias e Hititas, mulleres das nacións acerca das cales o Señor advertira aos israelitas: ‘Non deben cohabitar con elas, nin elas convosco, porque elas certamente volverán os vosos corazóns cara aos seus deuses’. Salomón uniuse a elas en amor. Tivo 700 esposas oficiais e 300 concubinas”. (1 Reis 11:1-3).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BAQUEIRO ROJAS, Edgard., BUENROSTRO BÁEZ, Rosalía. Derecho de Familia y Sucesiones. Ed. Harla. México, 1990. Páx. 121
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Diccionario razonado de legislación y jurisprudencia, Joaquín Escriche, 1847

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]