Saltar ao contido

Santiago (nome)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tiago»)
Guido Reni, Santiago o Maior, 1636-1638, o patrón de Galiza

Santiago,[1] é un nome propio masculino galego. A súa orixe é unha contracción de Sant Iago, procedente de sanctus e Iacobus, que tamén deu lugar a Xaime e Xácome. Iacobus provén do hebreo יַעֲקֹב (Ia'akov), que significa (segundo a etimoloxía popular contida na Biblia) "sostido polo calcaño".[2] En galego tamén ten as variantes Xacobe, Xacob e Iago, e os hipocorísticos Chago e Santi.[1]

En xaneiro de 2023 existían 8.958 varóns en Galicia co nome Santiago, cunha media de idade de 47,3 anos.[3]

Orixe do nome

[editar | editar a fonte]

É a segunda forma do nome máis común en Galiza tras Diego, e a forma máis común en español,[4][5] en honra a un dos apóstolos de Xesús, Ya'akov fillo de Zebedeo, coñecido como Santiago o Maior, patrón de Galiza.[6]

En latín eclesiástico denominábaselle Sanctus Iacobus (literalmente "San Xacobe"), composto que pasou a Sant Iaco para culminar como Sant Iago en galego. Por ser o berro da batalla dos cristiáns españois durante a Reconquista, popularizouse nunha soa palabra e non en dúas, pasando a ser un nome por dereito propio.

25 de xullo: Santiago Apóstolo, discípulo de Xesús Cristo, patrón de Galiza e de España. O 25 de xullo é tamén o día nacional de Galiza.

Toponimia

[editar | editar a fonte]

Santiago é o haxiotopónimo de numerosas vilas en Galiza: a máis coñecida, Santiago de Compostela, é a capital. O buscador de topónimos recolle 162 lugares co nome Santiago en Galiza, sen incluír microtopónimos.[7] Ademais multitude de parroquias teñen a Santiago coma padroeiro. Santiago o Maior é ademais o patrón de Galiza e de España.

Contrariamente ao que normalmente di o senso común, o nome Tiago é, en verdade, unha corruptela de Iago. Xurdiu da aglutinación de dous elementos, Santo e Iago, que produciu Santiago. Á súa vez, ao se separar novamente a palabra Santo, xurdiu unha corruptela que despois viría a se tornar o nome Tiago, común especialmente en Portugal.

No Brasil é tamén moi común a versión "Thiago", derivada dunha falsa etimoloxía que atribuía o 'th' dunha suposta orixe grega iniciada coa letra θ, como é o caso do galego Tomé (en galego antigo Thomé).

Unha etimoloxía erudita sostén que Diego procedería, porén, do latín Didacus, derivado á súa vez do grego Διδακμος (Didakmós, participio que significa "instruído"), a cal deu lugar a Dídaco (en catalán Dídac).

Porén, semella que Didacus nunca existiu no latín falado, máis ben se trata dunha latinización do propio Diego, a semellanza doutras semellantes, como Ludovicus, de Luís ou Lois (nome xermánico) ou Xaverius, de Xabier.

A súa presenza documental, en efecto —fóra dos nomes latinizados, como Didacus Roderici para Diego Rodríguez ou nun documento galego de 1137: Didacus Capas— é practicamente inexistente; é dicir que ninguén se chamou nunca Dídaco nin nada semellante antes de existir o nome Diego. Diego ademais non é patrón de ninguna parroquia galega, polo que non sería un nome galego.

Pola súa banda a heráldica adxudica ao apelido Diego un brasón acuartelado con dúas vieiras, símbolo do apóstolo Santiago. En consecuencia, a orixe de Diego en Tiago e antes Sant Iago semella evidente.

Diego, seica, deriva dunha incorrecta separación do nome Santiago, San Tiago (que deu tamén a variante galego-portuguesa Tiago) que por razóns de eufonía derivou en Diago e despois en Diego (Diogo en portugués).

O proceso de separación, estímase, foi o seguinte, aínda que a súa evolución foi moi amodo e non está completamente testemuñada Sant IagoSant TiagoTiagoDiagoDiego

Exemplos:

  • Et ueno M. Thome, maordomo del bispo, al día del plazo de Sant Yago & aduxo los alcaldes sobredichos... Anónimo, Documento de avinza. Castela, ca. 1230.
  • Rogamos asant clemente en cuyo día nasçiemos & asant illifonso cuyo nombre abemos. & asant tiago que es nuestro sennor & nuestro padron Fuero de Burgos, ca. 1290.
  • Título de vna fazannia Don del tiempo del Rey don alfonso el vyeio. Nunno el buenno & don diago gonçalez su hermano... Fuero de Burgos, ca. 1290.

Algúns lingüistas sustentan que Diego e a variedade lusa Diogo derivarían do latín Didacus. Desde os primeiros documentos latino-galaico-portugueses escritos desde o 882, o nome vén documentado a través das formas "Didaco", "Didagu", "Diaco" e "Diago" que foron abonadas amplamente en documentación da Idade Media.

Algunhas fontes pouco precisas presentan o nome Diego coma un nome illado, dándolle falsos significados como "belo" e até mesmo como unha variante de demo.[8]

Variantes noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Boullón Agrelo, Ana Isabel (coord.): Guía de nomes galegos A Coruña: Real Academia Galega.
  2. Xénese 25:26
  3. Nome Santiago na Web do Intituto Galego de Estatística
  4. Domínguez García, Javier: Memorias del futuro. Ideología y ficción en el símbolo de Santiago Apóstol. Iberoamerica Editorial Vervuert, 2008.
  5. Datos do censo español (Fonte: INE).
  6. http://etimologias.dechile.net/?Santiago
  7. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2014. Consultado o 07 de xaneiro de 2014. 
  8. "diogo", in Dicionário Priberam da Língua Portuguesa em linha, 2010. Consultado o 12-03-2013.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]