Saltar ao contido

Terzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tercio»)
Terzo español
A rendición de Breda, de Velázquez. Ambrosio Spínola (dereita), comandante dos terzos españois, recibindo as chaves da cidade.
Activa1534-1704 (Disolución)
FidelidadeImperio español
PapelSeguridade, control e defensa da Monarquía hispánica.

Un terzo era unha unidade militar do exército do Imperio Español durante a época da Casa dos Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio. O terzo é considerado o renacemento da infantaría no campo de batalla e adoita ser comparado coas lexións romanas ou as falanxes de piqueiros macedónicas.[1]

Os Terzos españois foron o primeiro exército moderno europeo, entendendo como tal un exército formado por voluntarios profesionais, en lugar das levas para unha campaña e a contratación de mercenarios usadas tipicamente noutros países europeos. O coidado que se poñía en manter nas unidades un alto número de "vellos soldados" (veteranos) e a súa formación profesional, xunto á particular personalidade que lle imprimiron os orgullosos fidalgos da baixa nobreza que os nutrían, é a base de que foran a mellor infantaría durante século e medio. Ademais, foron os primeiros en mesturar de forma eficiente as picas e as armas de fogo, como o arcabuz.

A partir de 1920 tamén reciben ese nome as formacións de tamaño rexemental da Lexión española, unidade profesional creada para combater nas guerras coloniais do norte de África, e que se inspiraba nas xestas militares dos terzos históricos. A Lexión española tamén garda certos parecidos coa Lexión estranxeira do exército francés.

Desembarco de terzos españois na batalla da Illa Terceira, nas Illas Azores.

Oficialmente, foron creados por Carlos I de España tras a reforma do exército de outubro de 1534 e a ordenanza de Xénova de 1536, onde se emprega por primeira vez a palabra terzo, como gornición das posesións do emperador en Italia e para operacións expedicionarias no Mediterráneo. Con estas tropas asentadas en Italia, Carlos I nas súas ordenanzas de 1534 e 1536 organizaba o seu exército en tres terzos: un no reino de Sicilia, outro no ducado de Milán (o reino da Lombardía) e outro no reino de Nápoles. Estes tres primeiros son os chamados Terzos Vellos, e serán Terzos Novos, os que van aparecendo dende este momento. Porén cando, outros e van adoptando a mesma denominación, para se diferenciar, adquirirán a de "Grandes Terzos Vellos".[2]

En realidade, estas unidades comezáranse a xestar na península. Durante o reinado dos Reis Católicos e a consecuencia da guerra de Granada, adoptouse o modelo dos piqueiros suízos, pouco despois repartíanse as tropas en tres clases: piqueiros, escudados (espadachíns) e besteiros mesturados coas primeiras armas de fogo portátiles (espingardeiros e escopeteiros). Non tardaron moito en desaparecer os escudados e pasar os homes con armas de fogo de ser un complemento das béstas a substituílas por completo. As vitorias españolas en Italia fronte aos poderosos exércitos franceses tiveron lugar cando aínda non se completara o proceso. De aí que, probabelmente, as súas orixes directas se poidan remontar ás tropas de Gonzalo Fernández de Córdoba en Italia, organizadas en coronelías que agrupaban ás capitanías. Estas tropas estacionadas en Italia, serán as que deron orixe aos tres primeiros terzos: o Terzo Vello de Sicilia, o Terzo Vello de Nápoles e o Terzo Vello da Lombardía.

Pouco despois creáronse o Terzo Vello de Sardeña e o Terzo de Galeras (que foi a primeira unidade de infantaría de mariña da Historia). Tódolos Terzos posteriores coñeceríanse como Terzos novos. A diferenza do sistema de levas ou mercenarios, recrutados para unha guerra en concreto, típica da Idade Media, os Terzos formáronse de soldados profesionais e voluntarios que estaban en filas de forma permanente, aínda que nun principio cada localidade debía prestar un de cada doce homes para os servizos do rei se este necesitábaos para a guerra; así e todo, nunca faltaron voluntarios.

A Batalla de Pavía (1525), na que os imperiais venceron aos franceses.

O Terzo nun principio non era polo tanto, unha unidade de combate propiamente falando, senón de carácter administrativo, un estado maior que tiña baixo o seu mando unha serie de compañías que se achaban de gornición dispersas por diversas prazas de Italia. Este carácter peculiar mantívose cando os mobilizaron para combater en Flandres. O mando do terzo e o das compañías era directamente outorgado polo rei, polo que as compañías podíanse agregar ou desvincular do mando do terzo segundo conviñera. Deste modo, o Terzo mantivo o seu carácter de unidade administrativa, máis parecida a unha brigada do século XVIII que a un rexemento da época, ata mediados do século XVII, cando os terzos empezaron a ser levantados por nobres á súa conta, os cales nomeaban os capitáns e eran efectivos propietarios das unidades, como sucedía no resto dos exércitos europeos.

Estaban inspirados na Lexión romana, polo que algúns historiadores cren que puideron ser bautizados así debido á tertia, a lexión romana que operaba en Hispania. Eran unidades regulares sempre en pé de guerra, aínda que non existira ameaza inminente. Outros crearíanse máis tarde en campañas concretas, e identificábanse polo nome do seu mestre de campo ou polo escenario da súa actuación. A orixe do termo «terzo» resulta dubidoso. Algúns pensan que foi porque, na súa orixe, cada terzo representaba unha terceira parte dos efectivos totais destinados en Italia. Outros sosteñen que se debía a que tiña que incluír tres tipos de combatentes (piqueiros, arcabuceiros e mosqueteiros) de acordo cunha ordenanza para “xente de guerra” de 1497 onde se cambiaba a formación da infantaría en tres partes

Repartíronse os peóns (a infantaría) en tres partes. Un deles, un terzo con lanzas, como as que traían os alemáns, que chamaron picas; outro tiña nome de escudados (xente de espadas); e o outro, de besteiros e espingardeiros [besteiros e espingardeiros serían substituídos posteriormente polos arcabuceiros]

Tamén hai quen considera que o nome provén dos tres mil homes, divididos en doce compañías, que constituían a súa primitiva dotación. Esta última explicación parece a máis acertada, xa que é a que recolle o mestre de campo Sancho de Londoño nun informe dirixido ao duque de Alba a principios do século XVI:

Os terzos, aínda que foron instituídos a imitación das lexións (romanas), en poucas cousas pódense comparar con elas, que o número é a metade, aínda que antigamente eran tres mil soldados, polo cal chamábanse terzos e non lexións, xa se di así aínda que non teñan máis de mil homes.[3]

Daquela, o nome de Terzo pode vir do feito de que os primeiros terzos italianos estiveran compostos por 3 000 homes. O máis probable é que se referise simplemente a unha parte das tropas, como nas abordaxes, onde se dividían os homes en tres «terzos» ou «trozos».

Primeiros combates

[editar | editar a fonte]
Sitio de Gravelinas, onde produciuse a Batalla de Gravelinas, cunha vitoria española sobre as tropas francesas que obrigou ao rei francés a firmala paz, e desistir da súa invasión de Italia. Esta batalla produciuse despois da batalla de San Quintín, e en honor a esta vitoria, o rei Filipe II mandou construír o Mosteiro do Escorial.

A estrutura militar española, innovada polos Reis Católicos na conquista de Granada e nas súas campañas por Italia, estivo fortemente influída polo chamado «modelo suízo». Os triunfos da firme infantaría suíza fronte á cabalaría pesada de Borgoña nunha serie de batallas campais revolucionaron os métodos de guerra medievais pois, por fin, a infantaría gañaba terreo á cabalaría, raíña indiscutíbel da guerra medieval. Era bastante lóxico que en España se aprendese a lección de que uns cadros de piqueiros ben formados podían derrotar a calquera cabalaría que se lles puxera diante. O número impoñíase sobre o esforzo inútil dos orgullosos cabaleiros, como xa precisou Maquiavelo en Os sete libros da arte da guerra.

A eficacia de combate dos terzos hispánicos estivo baseada nun sistema de armamento que unía a arma branca (a pica) co potencial de fogo do arcabuz, tomando unha síntese completa de dualidade de infantaría dotada de armas de fogo compactas. A superioridade do terzo sobre o modelo do cadro compacto suízo estaba, por outra parte, na súa maior capacidade de dividirse en unidades máis móbiles ata chegar ao corpo a corpo individual. A fluidez táctica que favorecía a predisposición combativa do infante español.

O certo é que dende a conquista de Granada (1492) ás campañas do Gran Capitán no reino de Nápoles (1495), tres ordenanzas sentaban xa as bases da administración militar dos exércitos españois. En 1503, a Gran Ordenanza reflectiu a adopción da pica longa e a distribución de peóns en compañías especializadas. En 1534 creábase o primeiro Terzo oficial, o da Lombardía, e un ano despois axudou na conquista do Milanesado español. Os Terzos de Nápoles e Sicilia creáronse en 1536, grazas á ordenanza de Xénova, promulgada por Carlos I de España.

Na batalla de Mühlberg, en 1547, as tropas imperiais de Carlos V venceron en Alemaña a unha liga de príncipes protestantes grazas, sobre todo, á actuación dos piqueiros imperiais.

Dez anos despois, en 1557, o exército español derrotou por completo ao francés na Batalla de San Quintín, feito que repetiuse con idéntico resultado na de Gravelinas en 1558, o que conduciu á paz entre ambos estados con grandes vantaxes para España. En todas estas batallas destacou a eficaz actuación dos Terzos.

Carácter e modo de vida

[editar | editar a fonte]

Os soldados dos terzos eran homes orgullosos e extremadamente coidadosos do seu honor persoal e da súa reputación como soldados. Tratábanse de tropas agresivas, disciplinadas e cunha enorme confianza en si mesmos, pero difíciles de manexar no trato se non se facía con coidado. Por exemplo, os españois non consentían que se lles castigase golpeándolles coas mans ou unha vara, coma noutros exércitos, xa que considerábano indigno, e preferían recibir o castigo con armas como a espada, pese ao perigoso que era, por consideralo máis nobre. Nunha ocasión un soldado ao que un oficial tocara cun pau non dubidou en levar a man á espada, pese a saber que tal acto de rebeldía castigábase coa morte (como así sucedeu). Chegouse a discutir se tocar cunha vara como a hasta dunha arma resultaba ofensivo, incluso se era por accidente.

Semellante obsesión polos asuntos de honor e pola reputación facía que os soldados españois tivesen fama de camorristas, e non eran raros os duelos; e que os oficiais tiveran que tratalos con coidado, aínda que resultaba moi proveitoso utilizar o seu propio orgullo para suxeitalos. Cando loitaban xunto a terzos doutras nacionalidades ou aliados, era frecuente que os españois esixisen, para defender a súa reputación, os postos máis importantes, perigosos ou decisivos para o combate; como de feito se lles empregaba.

Unha forma de estimular o coidado das armas era seleccionar para as primeiras liñas de combate, as máis perigosas e polo tanto as máis distinguidas, aos que tivesen o equipo en mellor estado, e o exército español era o único da época que tivo que incluír castigos para aqueles que rompesen a formación pola ansia de combater ou distinguirse fronte ao inimigo. Os soldados españois eran as tropas que máis tarde se amotinaban por falta de pagas, chegando a aguantar anos sen cobrar e vivindo en condicións de miseria antes de rebelarense. Incluso, no canto de facelo antes dunha batalla importante, como era común para meter presión polas súas pagas, só o facían tras ela, para que non dixeran que non cumpriran co seu deber, senón que eran os seus xefes os que non o facían co seu non dándolles a paga. Incluso en caso de motín, elixían aos seus xefes e mantiñan unha disciplina equivalente á do exército.

Cando se conquistou Portugal, Filipe II puxo moito interese en que non se molestase aos civís. Pero a loxística da época simplemente non podía soster un grande exército sen que estes buscasen alimentos na zona. A pesar de sabelo, o xeneral colgou a tantos soldados que chegou a escribir ao rei para dicirlle que lle preocupaba quedar sen sogas. Noutra ocasión cando un príncipe de Inglaterra (que combatía cos terzos) quixo atacar sen permiso, o conde francés que o acompañaba díxolle que non sabía ata onde chegaba a disciplina dos terzos, que se atacaba sen permiso non sabía se a súa realeza sería bastante para salvarlle o pescozo.

Organización

[editar | editar a fonte]
A rendición de Breda, de Velázquez; tras o cabalo, a bandeira do Terzo de Spinola

A organización dos terzos variou moitísimo durante a súa existencia (15341704). A estrutura orixinal, propia dos Terzos de Italia, cuxas bases atópanse na ordenanza de Xénova de 1536, dividía cada terzo en 10 capitanías ou compañías, 8 de piqueiros e 2 de arcabuceiros, de 300 homes cada unha, aínda que tamén podíase dividir o exército en 12 compañías de 250 homes cada unha.[4] Cada compañía, á parte do capitán, que sempre tiña que ser de nacionalidade española e escollido polo rei, tiña outros oficiais: un alférez, o cal era encargado de levar no combate a bandeira da compañía, un sarxento, cuxa función era preservar a orde e a disciplina nos soldados da compañía e 10 cabos (cada un dos cales mandaba a 30 homes da compañía); á parte dos oficiais, en cada compañía había un certo número de auxiliares (oficial de intendencia ou furriel, capelán, músicos, paxe do capitán, barbeiros e curandeiros (estes dous últimos, adoitaban cumprir o mesmo papel) etc. Con paso do tempo, unha das compañías de arcabuceiros foi substituída por outra de mosqueteiros.[4]

Representación gráfica da xerarquía e organización dentro dun terzo

Posteriormente, os Terzos de Flandres adoptaron unha estrutura de 12 compañías, 10 de piqueiros e 2 de arcabuceiros, cada unha delas formada por 250 homes. Cada grupo de 4 compañías chamábase coronelía. O estado maior dun terzo de Flandres tiña como oficiais principais aos coroneis (un por cada coronelía), un Mestre de Campo (xefe supremo do terzo nomeado directamente pola autoridade real) e un Sarxento Maior, ou segundo ao mando do Mestre de Campo. Porés, as compañías foron reducindo as súas dotacións, mais non o número de oficiais e suboficiais polo que, consecuentemente, incrementouse o número de soldados que mandaban.[5]

Os Terzos adoitaban presentarse no campo de batalla agrupando aos piqueiros no centro da formación, escoltados polos arcabuceiros e deixando libres a algúns destes últimos no que se denominaban mangas, para fustrigar e molestar ao inimigo.

O persoal de cada unidade era sempre voluntario e adestrado especialmente no propio Terzo, o que converte estas unidades no xerme do exército profesional moderno. Os exércitos españois daquel tempo estaban formados por soldados recrutados en tódolos dominios dos Habsburgo hispánicos e alemáns, amén doutros territorios onde abundaban os soldados de fortuna e os mercenarios: alemáns, italianos, valóns, suízos, borgoñóns, flamengos, ingleses, irlandeses, españois etc. No conxunto do exército, a proporción de efectivos españois era realmente inferior ao 50%, e incluso menos aínda: ata un 10–15% ao longo de case toda a guerra de Flandres. Así e todo, eran considerados o núcleo combatente por excelencia, selecto, encargado das tarefas máis duras e arriscadas (e consecuentemente, coas mellores pagas). Inicialmente só os españois orixinarios da Península Ibérica estaban agrupados en Terzos e durante todo o período de funcionamento destas unidades mantívose vixente a prohibición de que neses Terzos formaran soldados doutras nacionalidades; nos anos 80 do século XVI formáronse os primeiros terzos de italianos cuxa calidade rivalizaba coa dos españois, e a principios do século XVII creáronse os terzos de valóns, considerados de peor calidade. Os lansquenetes alemáns ao servizo do rei hispano non chegaron nunca a ser encadrados en terzos e combatían formando compañías, dado que eran mercenarios e non cadraban coa organización militar dos terzos.

Bandeira da compañía (mediados do século XVII).

O exército do duque de Alba en Flandres, na súa totalidade, compoñíano 5.000 españois, 6.000 alemáns e 4.000 italianos. Cando o Terzo precisaba alistar soldados, o rei concedía un permiso especial firmado da propia man («conduta») aos capitáns designados, que tiñan sinalado un distrito de recrutamento e debían ter o número de homes suficiente para compoñer unha compañía. O capitán, entón, despregaba bandeira no lugar convido e alistaba aos voluntarios, que acudían en tropel grazas á grande fama dos Terzos, onde pensaban labrarse carreira e fortuna. Estes voluntarios ían dende humildes labregos e campesiños ata fidalgos arruinados ou segundóns de familias nobres con ambición de fama militar, pero normalmente non admitían nin menores de 20 anos nin anciáns, e estaba prohibido recrutar tanto a frades ou clérigos como a enfermos contaxiosos. Os recrutas pasaban unha revista de inspección, na que o veedor comprobaba as súas cualidades e admitía ou expulsaba aos que servían ou non para o combate. A diferenza doutros exércitos, nos Terzos o soldado non estaba obrigado a xurar fidelidade e lealdade ao rei.

O alistamento era por tempo indefinido, ata que o rei concedía a licenza e establecía unha especie de contrato tácito entre a Coroa e o soldado, aínda que á parte do rei tamén os capitáns xenerais podían licenciar á tropa. Dábase por descontado que o xuramento era tácito e efectivo dende este recrutamento. Os agraciados coa súa entrada no Terzo cobraban xa ao empezar un soldo por adiantado para equiparse, e os que xa dispoñían do equipo propio recibían un «socorro» a conta do seu primeiro mes de soldo.

Non hai dúbida de que estas condicións pasábanse, ás veces, por alto a causa da picaresca persoal ou das necesidades temporais do exército pero, en xeral, esixiuse sempre que o soldado estivese san e forte, e que contara cunha boa dentadura para poder alimentarse do duro biscoito que se repartía entre a tropa. En España, as maiores zonas de recrutamento foron Castela, Andalucía, o Reino de Valencia, Navarra e Aragón. Honor e servizo eran conceptos moi valorados na sociedade española da época, baseada no carácter fidalgo e cortés, sinxelo pero valente e temerario de todo bo soldado. Aínda que hai que engadir que non houbo escaseza de voluntarios alistados mentres as arcas reais rebosaron de cartos, é dicir, ata as primeiras décadas do século XVII.

Non existían centros de instrución, porque o adestramento era responsabilidade dos sarxentos e cabos de escuadra, aínda que a verdade é que os soldados novatos e os escudeiros formábanse sobre a marcha. Procurábase repartir aos novatos entre tódalas compañías para que aprenderan mellor das técnicas dos veteranos e non puxeran en perigo a vida do conxunto. Era tamén común que nas compañías formáranse grupos de camaradas, é dicir, de cinco ou seis soldados unidos por lazos especiais de amizade que compartían os pormenores da campaña. Este tipo de fraternidade unía as forzas e a moral en combate ata o extremo de ser moi favorecida polo mando, que prohibiu incluso que os soldados viviran sós. Igualmente, adoitábase enviar as compañías de recrutas novos a servir en Italia, de onde partían cunha certa experiencia cara a Flandres e non sen enviaron tropas bisoñas a Flandres ata ben entrado o século XVII.[6]

O ascenso debíase á aptitude e méritos, pero primaban tamén moito a antigüidade e o rango social. Para ascender adoitábase tardar como mínimo 5 anos de soldado a cabo, 1 de cabo a sarxento, 2 de sarxento a alférez e 3 de alférez a capitán. O capitán dunha compañía de Terzo era o mando supremo que debía render contas ante o sarxento maior, que á súa vez era o brazo dereito do mestre de campo (designado directamente polo rei e con total competencia militar, administrativa e lexislativa).

A paga dos soldados que compoñían un terzo era menor cá dos rexementos alemáns da época.[7] O piqueiro recibía tres escudos por mes; un coselete, catro; un mostequeiro, seis; e un arcabuceiro; catro.​[8]

O mestre de campo

[editar | editar a fonte]

O mestre de campo é un capitán designado polo rei que manda a súa compañía e máis todo o terzo; poderíase dicir que era o xeneral do terzo. Era o único cargo nos terzos que tiña unha garda persoal: tan só 8 alabardeiros. Para chegar a ser mestre de campo precisábanse moitos anos de experiencia militar, fama e recoñecemento; con isto, o rei podíaos designar xefes dun terzo. Normalmente, ao principio érase mestre de campo de tropas estranxeiras (valóns, italianos, alemáns...); e cando se desempeñara un bo traballo, o rei daba ao mestre de campo un terzo de españois.

Moitos dos nomes dos terzos tiñan o nome ou do lugar de orixe (terzo de Málaga) ou onde operan (Terzo Vello da Lombardía) ou o nome ou apelidos do mestre de campo. Así o famoso mestre de campo Lope de Figueroa mandaba o terzo de Lope de Figueroa.

En xeral, ocupábase do mando, de dar xustiza dentro do terzo, de administrar e asegurar que as tropas eran aprovisionadas. Mestres de campo famosos: Sancho de Londoño, Sancho Dávila, Julián Romero, Lope de Figueroa

O sarxento maior

[editar | editar a fonte]

O sarxento maior era o axudante principal do mestre de campo, polo que era o segundo ao mando no terzo. Poderíase considerar como o xefe do Estado Maior. Non tiña compañía propia, pero tiña a potestade sobre os demais capitáns. Daba as ordes de boca do mestre do terzo aos capitáns, dicía como debía formar no campo de batalla o terzo, onde se aloxarían as compañías etc. Era, sen dúbida o traballo de maior responsabilidade.

Tiña un axudante que adoitaba ser o alférez da súa antiga compañía. A evolución destes dous cargos deron lugar na actualidade aos cargos de comandante e tenente coronel.

Os tambores e pífanos

[editar | editar a fonte]

Os tambores ou caixas e pífanos eran os encargados de levar as ordes do capitán no combate a base dos toques dos seus instrumentos. Tamén tiñan unha dobre finalidade, subir a moral dos homes no combate e levar as ordes, pois no fragor da batalla era imposíbel levar as ordes a viva voz. Había moitos toques, entre os básicos marchar, parar, recoller (dar a retirada), responder (ao lume inimigo) etc.

O furriel maior

[editar | editar a fonte]

O furriel maior era o encargado de aloxar aos soldados, dos almacéns do terzo e das pagas. Encargábase dos aspectos loxísticos. Cada compañía tiña á súa vez un furriel que encargábase de levar a cabo as ordes do furriel maior. Cada furriel levaba as contas da compañía, a lista dos soldados, as armas e munición da que precisaban os soldados e o capitán.

Para ser furriel, era necesario saber ler, escribir e conceptos básicos de matemáticas.

Corpo sanitario

[editar | editar a fonte]

Os terzos non tiñan un corpo sanitario como os exércitos actuais. Este cargo desempeñábao un médico profesional, os cirurxiáns de cada compañía e o barbeiro que adoitaban facer de enfermeiros e debían saber atar e sangrar feridas (por cada compañía só había un cirurxián e un barbeiro). Os padioleiros adoitaban ser os mozos que acompañaban aos soldados ao combate ou os propios soldados levando aos seus propios camaradas.

Corpo espiritual

[editar | editar a fonte]

Nos terzos, como exército cristián, tiñan un capelán por cada compañía para dar fe aos soldados, ensinar o evanxeo, dar a misa e darlles a extremaunción aos feridos e aos que ían morrer. Nun principio o capelán era contratado polos soldados. Era un traballo arduo, pois os capeláns debíanse mover polo campo de batalla, para dar a extremaunción aos caídos e adoitaban ser o obxecto de odio en inimigos contrarios á igrexa católica romana (os protestantes e otománs).

En 1587, a orde dos xesuítas son os encargados de ser os capeláns dos terzos. Coa ordenanza de 1632, crease o posto de capelán maior, que era o encargado de elixir aos capeláns das compañías e era o capelán da compañía do mestre de campo, ademais eran os únicos que podían xulgar a outros capeláns.

Corpo xudicial

[editar | editar a fonte]

O corpo xudicial do terzo conformábase por un oidor, un escribán, dous alguacís, o carcereiro e o verdugo. Este grupo de persoas encargábanse de facer efecto sobre os procesos xudiciais internos do terzo, como se fora un tribunal militar. Tamén encargábanse dos testamentos dos soldados.

Tamén no terzo podémonos atopar un corpo de policía militar, mandado polo barrahel (en Flandres pasou a denominarse preboste). Encargábase da orde entre a tropa, limpeza dos campamentos, a seguridade dos edificios onde íanse aloxar os soldados e evitar que os soldados se dispersasen nas marchas.

O capitán

[editar | editar a fonte]

O capitán era a persoa designada polo rei para que mande unha compañía e ostentaba a maior graduación das compañías, que tamén contaban con alférez, sarxento e cabo de escuadra por debaixo del.[9]

El decidía de que arma ía ser formada a compañía (cando non había mestura de armas): picas, arcabuces ou mosquetes. O capitán debía informar dos contratempos ocorridos aos seus superiores, e non tiña a potestade de castigar aos seus soldados, nin ferilos, a non ser que este estivese presente, entón podía usar a espada, pero non podía matar os soldados e se fería a un soldado, non debía atacar un membro do corpo útil para a guerra. O capitán non debía aproveitarse dos soldados, nin maltratalos cando estes non fixeron nada, có único fin de salvagardar a disciplina dos soldados da compañía. O capitán podía dar licenza a un soldado a irse dunha compañía a outra, pero non podía darlle licenza de irse do terzo e moito menos do exército, iso era tarefa do mestre de campo e do rei.

Os capitáns normalmente tiñan un paxe de rodela ou paxe de xineta, pois este era quen portaba a rodela. Estes rapaces estaban na parte peor parada do combate, diante do capitán para protexelo coa rodela.

O alférez

[editar | editar a fonte]

O alférez era o encargado de levar e defender a bandeira da compañía no combate, a bandeira era a insignia da compañía e debían protexela coa vida. Sábese de casos de alféreces que perderon ámbolos brazos no combate e para que a bandeira non caese ao chan (significaba que a compañía perdía o combate), o alférez suxeitábaa coa boca, traballo arduo, pois a pica na que se levaba a bandeira pesaba 5 kg. A bandeira sempre debía levarse de forma vertical, nunca ao ombreiro, pois se os soldados vían que a bandeira caía ou era arrastrada polo chan, baixaría a moral.

O alférez podía encargarse da compañía se o capitán o permitía, cando este estivese ausente. Nas marchas, o alférez tiña outro axudante chamado sotaalférez que era o encargado de levar a bandeira cando non houbese combate. A este rapaz tamén era chamado sota ou abandeirado.

O sarxento

[editar | editar a fonte]

Cada compañía tiña un sarxento, encargado de transmitir as ordes dos capitáns aos soldados, de que a tropa estea sempre ben preparada para o combate (armamento, munición, proteccións etc.) e de que as tropas, no combate vaian nunha boa orde.

Nos servizos nocturnos, o sarxento é o encargado de poñer as sentinelas e debe revisalas durante toda a noite. O sarxento pode castigar a aqueles que non cumpran estes servizos e se requirise da forza, podería usar a xineta, unha alabarda especial que só levaban os sarxentos, tratando só de ferir e non mancar ao soldado castigado.

O cabo é un soldado veterano que ten ao seu mando 25 homes.[10] Eran os encargados de aloxar aos soldados en camaraderías (grupos de soldados máis reducidos). Teñen que adestrar aos soldados, de coidar de que cumpran as ordes do capitán, de que loiten ben e de que non cren problemas. Se os houbese, o cabo non pode castigar aos soldados e deberá falar ao capitán dos posíbeis desordes ocorridos.

Escuadrón e técnicas

[editar | editar a fonte]
Terzos marchando en formación durante a batalla de Nieuport, en 1600.
Da esquerda á dereita: alabardeiro, alférez e arcabuceiro.

A armazón do Terzo contaba con tres clases de combatentes: piqueiros, arcabuceiros e mosqueteiros. Asemade, dispoñía de artillaría, e en ocasións, de cabalaría (p. ex.: batalla de Ceriñola).

Os piqueiros usaban a pica, de entre 3 e 6 m de longo, e portaban tamén a súa espada atada ao cinto. Segundo o seu armamento defensivo dividíanse en «picas secas» e «picas armadas» (coseletes ou piqueiros pesados). Os primeiros levaban media armadura e ás veces capacete ou morrión. Os segundos protexíanse con celada ou morrión, peto, espaldar e escarcelas que cubrían as coxas colgando do peto. A espada era a súa grande baza en calquera combate corpo a corpo, e no seu manexo tiñan os españois unha acreditadísima fama. Normalmente era de dobre fío e non adoitaba medir máis dun metro para facerse máis lixeira e transportábel.

Os mosqueteiros levaban un equipo moi similar ao dos arcabuceiros, pero diferenciábanse en que, en vez de arcabuz, usaban un mosquete, con maior alcance e calibre, o que tamén requiría disparalo có apoio dunha forquita montada no chan; e en vez de morrión, sombreiro de chambergo. O seu alcance permitíalles saír da formación pechada e refuxiarse no escuadrón despois de abrir lume. Foron unha innovación extraordinaria na súa época grazas á intelixencia do duque de Alba, que decidiu introducir os mosquetes nos terzos en 1567, cando antes só servían na defensa de prazas amuralladas, en especial nos presidios de Berbería, no norte de África.

Os españois conservaron a hexemonía militar durante o século XVI e gran parte do XVII, aínda que os seus inimigos inspiráronse nas súas mesmas técnicas para facerlles fronte. Os exércitos incrementaron os seus efectivos e pasaron a sufrir enormes baixas. Os xenerais da época optaban entón por non plantar grandes batallas, senón dedicarse a concentrar esforzos nas tomas de cidades importantes para forzar un tratado que conducise ao final da guerra, fose este temporal ou a longo prazo. Un aforismo dos lansquenetes daqueles tempos dicía moi oportunamente: «Deus nos déa cen anos de guerra e nin un só día de batalla».

As grandes formacións dos Terzos xurdiron segundo a técnica bautizada polos españois como «arte de escuadronar», e os tratados da época están cheos de fórmulas e táboas para compoñer escuadróns de ata 8000 homes. Por aquel entón xa desapareceran totalmente as fazañas individuais que na Idade Media gozaron de tanta fama e prestixio para o soldado, pois a infantaría baseábase enteiramente no anonimato. Os oficiais e os soldados distinguidos dispoñían dalgún cabalo para as marchas longas, pero todos combatían pé a terra, integrados en grandes formacións cadradas ou rectangulares, cunha disciplina estritamente imposta en movementos de aliñación e manobra. Durante os traxectos, as tropas acostumaban a viaxar sempre en columna, pero logo combatían agrupadas en bloques xeométricos.

Estes bloques rexeitaban facilmente a cabalaría e loitaban habilmente combinados co resto da infantaría, pero debían evitar poñerse ao alcance dos canóns, xa que entón podían sufrir graves estragos e baixas. A ameaza da artillaría inimiga nunha batalla quedou ben patente para todos os exércitos da época sobre todo a partir da batalla de Marignano, na que a artillaría francesa esmagou os cadros suízos. Todos os xenerais tiveron entón presente este factor, aínda que de feito as pezas artilleiras eran de pouco alcance e moi difíciles de mover en terreos abruptos ou lamosos, como por exemplo nos campos de Flandres. Hai que destacar, así e todo, que a infantaría era a única que mellor podía moverse nos estreitos espazos que deixaban canais, diques, pontes ou murallas en Flandres.

O Terzo adoitaba formar como formación máis típica o chamado escuadrón de picas. O resto de efectivos —cabalaría e arcabuceiros— debían apoiar a súa acción situándose nas súas mangas ou flancos para evitar que o inimigo o envolvese, aínda que ás veces tamén formaban pequenos cadros nas súas esquinas.[10] Esta táctica era a máis empregada en campo aberto, transmitíndose as ordes a través do sarxento maior aos sarxentos de compañía e os seus capitáns, que desprazaban á tropa. Todos os movementos realizábanse en absoluto silencio, de modo que só no momento do choque estaba permitido berrar «¡Santiago!» ou «¡España!». En realidade, as tácticas empregadas polas unidades que formaban os terzos eran moi flexibles e adaptábanse ao tipo de combate que tivesen que librar.​[10] Así, reuníanse compañías de distintos terzos para aumentar o número de armas dun determinado tipo ou, se conviña, só se empregaban aquelas compañías que xa as portaban.​ Por exemplo, para asaltar posicións estáticas, onde conviña contar con gran potencia de fogo, podíanse reunir unidades de arcabuceiros e mosqueteiros de diversos terzos.[10]

A doutrina da época establecía opoñer picas a cabalos,[11] enfrontar a arcabucería aos piqueiros e lanzar cabalaría sobre os arcabuceiros inimigos, xa que estes, unha vez efectuado o primeiro disparo, eran moi vulnerábeis ata que cargaban outra vez a arma. Os arcabuceiros adquiriron moita importancia nos Terzos: levaban un capacete, gola de malla e chaleco de coiro (coleto), ás veces peto e espaldar. A súa grande arma era o arcabuz, un canón de ferro montado sobre caixa de madeira con culata. O equipo incluía asemade unha bandoleira para as cargas de pólvora e unha mochila para as balas, a mecha e o chisqueiro. O arcabuceiro recibía certa cantidade de chumbo e un molde no que debía fundir as súas propias balas. A finais do século XVI, cada Terzo tiña dúas ou tres compañías de arcabuceiros (o que dá unha idea do seu elitismo), formadas por soldados novos e resistentes aos duros traballos. Tamén por ese mesmo motivo estaban agraciados por un trato de favor especial que lles dispensaba de facer gardas de noite (a diferenza do resto das compañías) e garantíalles un ducado máis de paga ao mes. Dispoñíase de artillaría cando as circunstancias así o esixían: dende canóns de bronce ou ferro colado, medios canóns, culebrinas e falconetes. Dada a importancia das armas de fogo no ataque e das picas na defensa e que as primeiras primaban nos terzos e as segundas nos rexementos, tendíase a facer unha combinación dos dous tipos de unidade para aproveitar as vantaxes de ambas.[11]

Durante os primeiros disparos, para que as baixas non deixasen demasiados ocos no escuadrón de picas, os soldados adiantaban o seu posto cando o anterior quedaba baleiro, o que permitía seguir dando unha imaxe compacta onde toda a compañía apoiábase nun so bloque. O escuadrón de picas tiña catro formacións: o escuadrón cadrado (mesmo fronte que fondo); prolongado (tres cadrados unidos), coa variante de media lúa ou cornuto, na que as ás curvábanse para protexer o centro; en cuña ou triangular, que adquiría forma de tenaza ou serra cando uníase a outros pola base; e en rombo.

Se se trataba dun asedio, os Terzos realizaban obras de atrincheiramento para rodear a praza e aproximar os canóns e minas aos muros. Un dos escuadróns mantíñase en reserva para rexeitar calquera tentativa de contraataque dos sitiados. Incluso se era necesario retirarse, procurábase levar a cabo o repliegue con sumo secreto, cun escuadrón de seguridade cubrindo sempre a retagarda.

Armamento e vestimenta

[editar | editar a fonte]
Arcabuceiro do século XVII.

Non existiu nunca unha verdadeira uniformidade na vestimenta. O equipo máis habitual comprendía unha roupiña (vestidura curta sobre o xibón), uns calzóns, dúas camisas, un xibón, dúas medias calzas, un sombreiro de aba ancha e un par de zapatos, pero cada home podía vestir como quixese se o pagaba do seu peto. En canto ás armas, os soldados recibían as que lles daba o rei (Munición Real), que se descontaban de futuras pagas, pero ademais podían adquirir e utilizar calquera outra que lles conviñera e que estivera en relación co posto que defendía:[12] espadas, béstas, picas, mosquetóns, arcabuces etc. e así exercitábanse a base de destreza e moita práctica.

Todo soldado podía levarse os mozos e criados que puidera custear pola súa posición social e recursos. Eran unha especie de escudeiros que aprendían dos seus superiores a arte da guerra e o coidado das armas e os cabalos. Un gran número de protexidos e de non combatentes acompañaba ao exército dos Terzos na súa marcha, dende mochileiros para transportar os equipaxes ata comerciantes con carros de comestíbeis e bebida, cantineiros, serventes etc. e ata prostitutas. Estas últimas, aínda que bastante numerosas, non podían pasar a noite coa tropa, debían respectar certas normas polas que debían marchar do campamento ao caer a tarde.

A medida que transcorreron os anos, os Terzos foron tanto diminuíndo en número de homes como aumentando a proporción de arcabuceiros e mosqueteiros sobre a de piqueiros, eliminando calquera vestixio dalgunhas armas aínda comúns no momento da creación do Terzo (por exemplo, a béstas ou o escudo redondo ou rodela). O exército hispánico foi dos primeiros en adoptar as armas de fogo nas súas unidades aínda que, despois, a súa proporción se mantivo estable. O seu número era elevado nos terzos, aínda que non se prescindiu das picas, consideradas necesarias para a defensa.[4] O mosquete foi incluído entre as armas do terzo en 1567 e supuxo un aumento notable da potencia de fogo das unidades, principalmente pola capacidade de penetracións dos proxectís que disparaba e, tamén, polo seu alcance.[13]

Na práctica, os Terzos nunca tiñan as súas prazas cubertas, e a miúdo as compañías tiñan só a metade ou menos dos seus efectivos teóricos. Frecuentemente disolvíanse compañías ("reformaban") para cubrir un mínimo de prazas nas demais. Os capitáns das desaparecidas víanse reducidos ao papel de soldados, aínda que de elite. Debido a isto, a súa estrutura nunca foi ríxida, senón máis ben moi adaptábel ás circunstancias do momento.

Estaba relativamente consentida a deserción se era para unirse a outra compañía máis prestixiosa. A fuxida a España non era moi mal vista, aínda que non era común. Así e todo, pasarse ao inimigo era outra cousa. As poucas veces que sucedeu, e se os desertores tiñan a desgraza de caer en mans dos seus antigos compañeiros, non podían esperar clemencia.

Moitas das accións de guerra non eran grandes batallas, senón unha sucesión de golpes de man, escaramuzas, pequenas batallas e asedios. En todos estes casos, os Terzos resultaron moi eficientes. Especialmente nos ataques por sorpresa («encamisadas»).

Alimentación e sanidade

[editar | editar a fonte]

A maior parte da paga recibida dedicábase ao seu sustento. E aínda que o salario nominal non se modificou dende finais do XX até finais do XVI, o salario real diminuíu un 50 %.[14] Acotío, os mestres de campo negociaban cos comerciantes do lugar os prezos máximos dos produtos a cambio de verse libres do saqueo dos seus bens por parte dos esfameados soldados.[15]

A comida do soldado raso comprendía un quilo aproximado de pan ou biscoito, unha libra de carne e media de peixe e unha pinta de viño, mais aceite e vinagre, o que achegaba de 3.300 a 3.900 quilocalorías diarias. Hai que saber que, segundo as Ordenanzas do Gran Capitán, debía saber facer o seu propio pan a partir dos grans ou da fariña,[14] aínda que a preparación dalgúns alimentos corría a cargo de cada un dos camaradas nos fogóns do campamento.

Cada Terzo dispuña dun médico, un cirurxián e un boticario. Todas as compañías contaban con barbeiro para os primeiros auxilios, e os feridos graves trasladábanse ao hospital xeral, onde había enfermeiros, médicos e cirurxiáns. Este hospital corría a cargo dos propios soldados mediante o chamado «real de esmola» (unha cantidade que se lles descontaba do soldo),[16] da venda dos efectos persoais dos enfermos que falecían sen facer testamento ou das doazóns que alguén facía voluntariamente. Había aproximadamente un médico ou cirurxián por cada 2.200 soldados, aínda que os feridos podían chegar a ser tantos que desbordaran a capacidade destes. O certo era que a maioría dos soldados veteranos estaban cubertos de cicatrices, e moitos acababan lisiados ou mutilados sen ningunha compensación. As amputacións ían seguidas da cauterización, e as curas das feridas facíanse con maceracións de viño ou augardente e algúns ungüentos, pero iso non freaba ás veces a infección ou as supuracións, o que acababa por dexenerar en gangrena.

A importancia da relixión

[editar | editar a fonte]

Os Terzos mantiñan a súa enorme moral de combate mediante un implícito apoio da relixión en campaña. O seu mellor xeneral, Alexandre Farnese, non dubidaba por exemplo en facer axeonllar día a día aos seus soldados antes de combater para rezar o Avemaría ou unha prédica a Santiago, patrón de España.

Asemade cada mañá saudábase á Virxe María con tres toques de corneta e cando era preciso tamén se oficiaban varias misas de defuntos e numerosos funerais. Cada Terzo contaba cun capelán maior e un predicador, e cada compañía cun capelán.

Listaxe dos terzos

[editar | editar a fonte]
Bandeira do Terzo da Liga (contra o 1571).
Bandeira do Terzo de Spinola (1621).
Bandeira do Terzo de Alburquerque (1643).
Bandeira do Terzo Morados Vellos (1670).
Bandeira do Terzo Amarelos Vellos (1680).

Terzos da Armada ou terzos do mar

[editar | editar a fonte]
  • Vello da Armada Mar Océano
  • Vello Armada
  • Fixo do Mar de Nápoles

Terzos italianos

[editar | editar a fonte]
  • Toraldo
  • Cardenas
  • Avalos-Aquino
  • Torrecusa
  • Guasco
  • Lunato
  • Paniguerola
  • Torralto (napolitano)
  • San Severo (napolitano)
  • Torrecusa (napolitano)
  • Cardenas (napolitano)
  • Lunato (lombardo)
  • Paniguerola (lombardo)
  • Guasco (lombardo)
  • Terzo vecchio de Nápoles (napolitano)

Terzos irlandeses

[editar | editar a fonte]
  • Tyron
  • Bostock

Terzos alemáns

[editar | editar a fonte]

Terzos dos Grisóns

[editar | editar a fonte]

Terzos valóns

[editar | editar a fonte]
  • Beaumont

A lenda negra

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Lenda negra española.

A mala fama dos Terzos españois forma parte inseparable da Lenda negra difundida pola historiografía anglosaxoa e francesa para prexudicar a imaxe política de España a partir —sobre todo— de Filipe II. Eses prexuízos baséanse en feitos certamente lamentábeis que foron obra dos rudos e feroces soldados nalgúns episodios de desorde e saqueo indiscriminado acompañado de crueis matanzas, aínda que era menos do que se difundiu. Durante o desempeño do cargo de xefe dos Terzos que fixo o terceiro Duque de Alba, os odios exacerbáronse, sobre todo a raíz da política de man dura e represión que impulsou o nobre, considerado aínda hoxe unha auténtica besta negra polos flamengos e holandeses protestantes. Aínda que todos os exércitos anteriores e posteriores á época cometeron e cometerían os mesmos excesos, a mala fama dos Terzos españois foi aumentada polo odio holandés e protestante a un invasor que vían como unha dobre ameaza: política (acusando a España de imperialismo) e relixiosa (loitando contra o catolicismo que os Austrias querían impoñer a toda custa nos territorios onde calou profundamente a Reforma protestante). Os peores desmáns dos Terzos ocasionábanos os continuos atrasos no envío da paga. Os soldos xa de por si eran baixos, pero con ese salario hai que ter en conta que o soldado pagaba a roupa, a súa manutención, as armas, e ata ás veces o aloxamento, aínda que excepcionalmente algúns nobres ofrecéronse a custear os gastos dunha guerra concreta para gañar méritos e prestixio ante o rei de España.

Se a paga chegaba a tardar máis de 30 meses (como ocorreu nalgúns momentos), os Terzos amotinábanse e eran capaces do peor, aínda que xamais puxeran en dúbida a súa plena fidelidade a España e ao rei. Era entón cando o saqueo descontrolado pasaba a ser o único sistema para resarcirse da falta de cartos, e ese saqueo podía proceder tanto da captura de bagaxes inimigos como da pillaxe en pobos e cidades. O botín estaba prohibido cando unha cidade pactaba voluntariamente unha rendición antes de que os asediadores instalaran a artillaría, pero se isto non se producía, a praza quedaba entón a mercede do vencedor. Un dos episodios mais negros dos Terzos produciuse no saqueo de Anveres en 1576, que durou mais de tres días e chegou ata extremos inhumanos de barbarie e devastación. O 4 de novembro de 1576, as rúas quedaron sementadas de cadáveres de toda clase e condición, cos dedos e as orellas cortados para levarse as xoias persoais que os soldados tanto ansiaban. Familias enteiras foron torturadas en busca de cartos.

Episodios similares vivíronse en Cataluña e máis en Portugal que, en 1640, se rebelaran contra a Coroa dos Austrias a causa da falta de acordo en materia de política económica interna e, sobre todo, do mantemento custosísimo que representaban os Terzos en campaña. O estacionamento dos Terzos na fronteira catalá con Francia e a polémica Unión de Armas que proxectaba facer o valido de Filipe IV, o Conde Duque de Olivares, reunindo o diñeiro e os efectivos humanos de todos os reinos e señoríos hispánicos, acabaron por acender a mecha da polvoreira na que se convertera o Principado de Cataluña e o Reino de Portugal, totalmente contrarios a tales medidas porque prexudicaban de forma grave as súas expectativas económicas, á vez que violaban os seus privilexiados foros de orixe medieval. Os Terzos eran unha pota de presión alá onde se dirixían, e sumándolle a isto a falta de tacto do valido e o tozudo autoritarismo real de Filipe IV, mais a tamén testuda reticencia e desconfianza das cortes catalás e portuguesas, o resultado foi tan caótico que sumiu simultaneamente á Península Ibérica en dúas frontes rebeldes ao rei. Os Terzos estacionados en Cataluña pesaban como unha lousa sobre as posibilidades das clases humildes e populares a causa dos seus gastos e excesos. Ao motín dos soldados sumouse á rebelión popular en resposta das súas atrocidades. Pobos enteiros foron saqueados e incendiados no Principado catalá en 1640, dando inicio á chamada Guerra dels Segadors e á temporal escisión de Cataluña do Imperio grazas ás calculadas manobras políticas do cardeal Richelieu, valido de Lois XIII de Francia. Tras varias negociacións e a perda resignada de Portugal, independizado cos Braganza como nova dinastía nacional, o goberno de Madrid logrou reconducir a situación á custa de aceptar todas as condicións fixadas pola Generalitat catalá e deixar que Francia consolidase as súas anexións ao norte dos Pireneos, onde ocupou varias bisbarras catalás.

Rocroi: a fin dun mito?

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Batalla de Rocroi.

A batalla de Rocroi, o 19 de maio de 1643, marcou un antes e un despois na lendaria historia dos terzos españois. Foi unha auténtica derrota moral, en metade da Guerra dos Trinta Anos, que sumiu no desconcerto e o desánimo aos soldados, ata o punto de impactar en todo o continente desfacendo o mito de que os Terzos españois eran invencíbeis.

Os Terzos que sitiaban a cidade francesa de Rocroi, partiron con varias desvantaxes ao enfrontarse coas tropas que apareceron para auxiliar a praza sitiada. Loitaron, para empezar, en inferioridade numérica, e outro dos erros que sufriron foi a súa imprevisión ou o seu exceso de confianza ante un inimigo que subestimaron, cando un simple espía houbera podido detectar a chegada das forzas galas. A hexemonía francesa en Europa estaba decidida a partir daquel episodio, aínda que a derrota non foi tan abafadora como a propaganda francesa fixo crer sempre, dado que os Terzos recuperaron outra vez Rocroi e seguiron igualmente combatendo en Flandres durante a segunda metade do século XVII.

Para enviar os seus reforzos á zona, a Coroa Española tivo que poñer en funcionamento o chamado Camiño Español, un itinerario vital que discorría por ruta terrestre (a marítima estaba cortada por ingleses, franceses e holandeses) dende o Milanesado a través do Franco Condado, Alsacia, Alemaña, Suíza e Lorena ata chegar a Flandres. O duque de Alba (1507–1582) foi o primeiro que utilizou este percorrido en 1566, e tivo tanto éxito que logrou manterse ata 1622. Foi nese ano cando Francia logrou estrangular o Camiño chegando a un pacto de intereses co duque de Savoia, que aliouse cos galos para evitar o paso de tropas hispánicas polo seu territorio. Este feito obrigou aos españois a buscar unha nova alternativa, e atpárona nun itinerario que discorría algo máis ao leste, partindo tamén de Milán e cruzando os vales suízos de Engadina nos Grisóns e Valtelina ata Landeck, no Tirol, e de aí, bordeando o sur de Alemaña, cruzaba o Rin por Breisach e alcanzaba os Países Baixos por Lorena. Este segundo Camiño Español aguantou ata que os franceses invadiron a Valtelina e Alsacia e ocuparon tamén Lorena. Intentouse entón arribar á costa de Flandres por vía marítima dende os portos galegos e cántabros, pero a derrota naval na batalla das Dunas (moitos historiadores dan por máis grave esta derrota terrestre e naval que sufriron os españois onde o mariscal francés Turenne tivo o apoio da frota inglesa do ditador Cromwell) que sentenciou definitivamente o eixe vital que permitía ao Imperio avituallar aos seus efectivos en Flandres. A última vitoria dos Terzos sería na batalla de Valenciennes (1656), fronte aos franceses.

O declive militar do Imperio español era xa visíbel a consecuencia da falta de reconsideración de estrutura e de instrución dos Terzos, que quedaran inevitabelmente obsoletos ante unhas rápidas renovacións de armamento que xa seguían moi por diante tanto Francia como Holanda ou Inglaterra. A Coroa Española sufrira unha sangría imparábel de diñeiro, homes e todo tipo de recursos con tal de aniquilar aos protestantes e manter os seus dominios de Flandres e Italia fronte ao expansionismo holandés e francés. As baixas dos combates, as enfermidades, as desercións, causaron que o organigrama dos Terzos viñérase totalmente abaixo. Era imposíbel sufragar unha renovación de técnicas e armamento porque o déficit, que tragaba todo o ouro e case toda a prata que cada vez custaba máis extraer das colonias americanas castelás (íase esgotando), resultaba simplemente demoledor. O Terzo era unha tropa moi cara, e dado que a economía dos reinos hispánicos estaba demasiado descentralizada e non tiña intereses fáciles de conciliar, os Austrias menores (Filipe III, Filipe IV, Carlos II) cada vez tivérono peor para lograr un pacto económico coas Cortes de cada Estado do que eran reis. Os banqueiros do rei adoitaban adiantar o diñeiro en forma de préstamo, pero cando o diñeiro do Estado esgotábase, os banqueiros pechaban a súa bolsa e as consecuencias eran irremediábeis. A guerra en Flandres, por exemplo, durou de 1568 a 1609 e de 1621 a 1648 (Paz de Westfalia), con tan só un frío interludio coa Tregua dos Doce Anos que logrou Filipe III. Ese conflito devorou durante máis de 80 anos o Tesouro Real para nada: as Provincias Unidas independizáronse do Imperio e foron compensadas con dúas provincias máis (ao norte do río Escalda, o que arruinou a saída fluvial de Anveres), á parte das colonias que xa ocuparan nas Indias Orientais.

Tras 1648 foi Francia a que invadiu paulatinamente territorios ao sur, acabando por forzar en 1659 a Paz dos Pireneos, que supuxo xa a perda dunha parte considerábel de territorios ao sur e ao leste de Bélxica. E España tiña frontes abertos con case todas as potencias: franceses, ingleses, holandeses, protestantes alemáns e suecos.

Os banqueiros xenoveses e os mercenarios estranxeiros que apoiaban aos exércitos hispánicos, cada vez esixían prestacións máis elevadas, véndose a Coroa afogada xa de por si no despilfarro da Corte, a falta de visión política dos monarcas e os seus cada vez máis incompetentes validos, e nunha serie de interminabéis guerras que asolaron Europa ata afundir de todo a política dun imperio multinacional e católico como era o dos Austrias.

Baixo o reinado de Carlos II o Enfeitizado continuaron os ataques franceses para acabar co pouco que quedaba do Flandres hispánico. Mediante a Paz de Aquisgrán (1668), España volvía perder prazas na rexión. Cinco anos máis tarde, Lois XIV propuxo intercambiar Flandres polo Rosellón e a metade da Cerdaña, bisbarras perdidas ao norte dos Pireneos en 1659, pero Carlos II negouse en redondo, o que significou novamente o estoupido da guerra. A Paz de Nimega volveu minguar os dominios hispánicos, que acabaron desaparecendo a principios do século XVIII coa Paz de Utrecht que poñía fin á Guerra de Sucesión Española entre Filipe V e o arquiduque Carlos de Austria polo trono español. O Sacro Imperio foi o novo dono de Flandres no sucesivo.

Aínda que Filipe V disolveu o Terzo na súa reforma de 1704, este nome consérvase aínda hoxe en unidades tipo rexemento da lexión e da infantaría de mariña españolas, herdeira esta última dos vellos terzos de mar. Coa chegada dos Borbóns impúxose o modelo francés de exército, que desenvolveuse durante o século XVIII. Oxidados e acabados, os Terzos foron suprimidos. Filipe V substituíunos por rexementos ao mando de coroneis, segundo os modernos modelos francés, prusiano e austríaco, aínda que a vella cruz de Santo André ondea aínda como insignia da maioría das unidades de infantaría española.

Na actualidade diversas unidades das Forzas Armadas de España conservan o nome de Terzo. Na Lexión atopamos o Terzo Juan de Austria, o Terzo Alejandro Farnesio, o Terzo Gran Capitán e o Terzo Duque de Alba.[18]

Por outra parte na Armada Española a Infantaría de Mariña organízase en Terzos. A súa unidade expedicionaria principal é o Terzo de Armada, herdeiro directo dos Terzos Vellos de Armada ou Terzos do Mar de Nápoles. O resto da Infantaría de Mariña organízase noutros tres Terzos de gornición denominados Terzo do Sur (San Fernando), Terzo do Norte (Ferrol) e Terzo de Levante (Cartaxena). Estes tres terzos forman xunto ás Agrupacións das Canarias e Madrid as Forzas de Protección. As bandeiras e insignias dos Terzos españois continúan portando a antiga cruz borgoñoa ou de Santo André que portaban os Terzos do emperador Carlos.[19]

[editar | editar a fonte]

Milagre de Empel

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Milagre de Empel.

Na actualidade, a patroa da Infantaría Española é a Inmaculada Concepción. Este padroado ten a súa orixe no chamado Milagre de Empel durante as guerras en Flandres.

O 7 de decembro de 1585, o Terzo do Mestre de Campo Francisco de Bobadilla combatía na illa de Bommel, situada entre os ríos Mosa e Waal, bloqueado por completo pola escuadra do Almirante Holak. O bloqueo estreitábase cada día máis e esgotáronse os víveres e as roupas secas.

O xefe inimigo propuxo entón unha rendición honrosa pero a resposta española foi clara: «Os infantes españois prefiren a morte á deshonra. Xa falaremos de capitulación despois de mortos». Ante tal resposta, Holak recorreu a un método moi utilizado nese conflito: abrir os diques dos ríos para inundar o campamento inimigo. Pronto non quedou máis terra firme que o outeiro de Empel, onde se refuxiaran os soldados do Terzo.

Nese momento crítico, un soldado do Terzo que estaba cavando unha trincheira tropezou cun obxecto de madeira alí enterrado. Era unha táboa flamenga coa imaxe da Inmaculada Concepción. Anunciado o achado, colocaron a imaxe nun improvisado altar e o Mestre Bobadilla, considerando o feito como sinal da protección divina, instou aos seus soldados a loitar encomendándose á Virxe Inmaculada:

Este tesouro tan rico que descubriron debaixo da terra foi un divino nuncio do ben, que por intercesión da Virxe María, esperaban no seu bendito día
A. Vázquez[20]

Un vento completamente inusitado e intensamente frío desatouse aquela noite xeando as augas do río Mosa. Os españois, marchando sobre o xeo, atacaron por sorpresa á escuadra inimiga ao amañecer do día 8 de decembro e obtiveron unha vitoria tan completa que o almirante Holak chegou a dicir: «Tal parece que Deus é español ao obrar, para min, tan grande milagre».

Aquel mesmo día, entre vítores e aclamacións, a Inmaculada Concepción é proclamada patroa dos Terzos de Flandres e Italia, canela en rama do exército español.

Así e todo, este padroado consolidaríase corenta anos despois de que na bula Ineffabilis Deus do 8 de decembro de 1854, se proclamase como dogma de fe católica a Concepción Inmaculada da Virxe Santísima.

Expresións populares relacionadas cos terzos

[editar | editar a fonte]

Hai múltiples expresións populares directamente relacionadas coas guerras de Flandres e os Terzos que marcaron profundamente a lingua. Estas son algunhas:

"Impórtame un pito"

[editar | editar a fonte]

O pífano ou o "pito" era o rapaz que tocaba tal instrumento no exército e tiña unha paga moi baixa. Polo tanto cando utilizamos a expresión "impórtame un pito" damos a entender que lle damos moi pouco valor ao asunto.

"Irse á porra"

[editar | editar a fonte]

O sarxento maior de cada Terzo dirixía os compases dos seus homes movendo un gran garrote, unha especie de antecedente da batuta de orquestra que recibía o explícito nome de porra. Cando unha columna en marcha facía un alto prolongado, o sarxento maior fincaba no chan o extremo inferior da súa porra distintiva para simbolizar a parada. Nas súas inmediacións establecíase rapidamente a garda, encargada de custodiar os símbolos máis prezados do Terzo: a bandeira e o carro onde se levaban (cando había) os caudais. Tamén quedaban baixo a súa vixilancia os soldados arrestados, que durante ese descanso debían permanecer sentados en torno á porra que o sarxento cravara ao principio. Iso equivalía polo tanto a «enviar a alguén á porra» como sinónimo de arrestalo. Esta irónica pero curiosa locución tivo bastante éxito, polo que pasou a engrosar a riqueza léxica orixinando o actual e despectivo «¡vaite á porra!».

"Armarse a de San Quintín"

[editar | editar a fonte]

Esta expresión alude á batalla que tivo lugar o día de San Lourenzo —10 de agosto— de 1557, gañada polas armas españolas de Filipe II contra os franceses, e na que os Terzos estiveron dirixidos por Manuel Filiberto, duque de Savoia).

"Pasar polos bancos de Flandres"

[editar | editar a fonte]

Esta expresión está en relación coa a superación dunha dificultade, o que viría da súa similitude cunha zona perigosa no mar de Flandres, as casas bancarias flamengas e os mobles fabricados con pino de Flandres.

"Pór unha pica en Flandres"

[editar | editar a fonte]

Emprégase como sinónimo de algo sumamente dificultoso ou custoso, referíndose aos gastos e esforzos que supoñía o envío dos Terzos. Cervantes usou (e talvez legou definitivamente ao español) varias expresións similares no Quixote: a expresión que utiliza o personaxe de Sancho Panza cando afirma que «pois se eu vexo outro diaño e oio outro corno como o pasado, así esperarei eu aquí como en Flandres», o que equivale a dicir «en calquera parte».

"Pórse o sol en Flandres"

[editar | editar a fonte]

Esta expresión provén do título dunha obra teatral firmada por Eduardo Marquina (1879–1946) en 1910, e vén simbolizar o ocaso do poderío hispánico nos Países Baixos trala crise económica e social que desataron os conflitos bélicos e relixiosos durante máis de dous séculos.

  1. "...e, co Gran Capitán, a aparición nin máis nin menos que do terzo español, de algo que equivale na historia universal ao nacemento da falanxe macedonia ou da lexión romana". Braudel, Fernand (1976). "El Mediterráneo y el mundo mediterráneo en la época de Felipe II" (tomo II). México: FCE. p. 28
  2. Martínez & Sánchez de Toca (2017, edición epub)
  3. Sancho de Londoño: Discurso sobre la forma de reducir la disciplina militar a mejor y antiguo estado, p. 14.
  4. 4,0 4,1 4,2 Mesa (2009), p.196
  5. Mesa (2009), pp. 185-186
  6. Mesa (2009), p. 198
  7. Mesa (2009), p. 189
  8. Mesa (2009), pp. 189-190
  9. Mesa (2009), p. 185
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Mesa (2009), p. 195
  11. 11,0 11,1 Mesa (2009), p. 190
  12. Giménez Martín (1999), p.267
  13. Mesa (2009), p. 197
  14. 14,0 14,1 Giménez Martín (1999), p. 265
  15. Giménez Martín (1999), p. 266
  16. Recopilacion de leyes de los reynos de las Indias, mandadas imprimir y publicar por la Magestad Católica del rey Don Carlos II. Tomo I. Madrid: Imprenta Viuda de D. Joaquín Ibarra. 1791. p. 32. 
  17. Debido principalmente á Guerra de Arauco, por suxestión do Gobernador don Alonso de Ribera, Capitán Xeneral de Infantaría que combatera nas guerras de Flandres, fíxose necesaria a creación por parte da coroa de Castela, dun exército permanente no Reino de Chile, creándose deste modo os "Terzos de Arauco", mediante unha Real Cédula en xaneiro de 1603, sendo deste modo o primeiro exército permanente en América Hispana.
  18. Unidades — Despliegue de la Legión Arquivado 10 de abril de 2008 en Wayback Machine. en ejercito.mde.es
  19. Historia do Terzo da Armada en armada.mde.es
  20. «Los sucesos de Flandes y Francia del tiempo de Alejandro Farnesio». Alonso Vázquez

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Albi de la Cuesta, Julio (1999). De Pavía a Rocroi: Los tercios de infantería española en los siglos XVI y XVII. Balkan editores. ISBN 9788493079000. 
  • Echevarría, Miguel Ángel (1998). Flandes y la monarquía hispánica 1500-1713. Madrid: Sílex ediciones. ISBN 9788477370680. 
  • Elliot, J.H. (1991). El mundo hispánico: civilización e imperio, Europa y América, pasado y presente. Barcelona: Crítica. ISBN 9788474235081. 
  • García Hernán, Henrique; Maffi, Davide, eds. (2006). Guerra y sociedad en la monarquía hispánica : política, estrategia y cultura en la Europa moderna (1500-1700). 2 vols. Madrid: Fundación Mapfre-Ediciones del Laberinto-CSIC. ISBN 84-8483-224-4. 
  • Gimenez Martin, Juan (1999). Tercios de Flandes (1ª ed.). Madrid: Falcata ibérica. ISBN 978-8493044602. 
  • Losada, Juan Carlos (2005). San Quintín. Madrid: Aguilar. ISBN 9788403096233. 
  • Martínez Laínez, Fernando; Martínez de Toca, José (2006). Tercios de España. La infantería legendaria. (1ª edición en formato epub en 2017: ISBN 978-84-414-3148-5). Madrid: EDAF. ISBN 84-414-1847-0. 
  • Mesa, Eduardo; García Pinto, Ángel (2001). Los Tercios en las Campañas del Mediterráneo, s. XVI (Italia). Col. Guerreros y Batallas, nº 4. Madrid. 
  • Mesa, Eduardo de; García Pinto, Ángel (2002). Los tercios de las campañas del Mediterráneo s. XVI (norte de África). Col. Guerreros y Batallas, nº 6. Madrid: Almena. 
  • Mesa, Eduardo de; García Pinto, Ángel (2003). Nordlingen 1634, victoria decisiva de los tercios. Col. Guerreros y Batallas, nº 9. Madrid: Almena. 
  • Mesa, Eduardo de; García Pinto, Ángel (2004). La batalla de San Quintín 1557. Col. Guerreros y batallas, nº15. Madrid: Almena ediciones. ISBN 978-3-04-275480-3. 
  • Mesa Gallego, Eduardo de (2009). La pacificación de Flandes: Spínola y las campañas de Frisia (1604-1609). Madrid: Ministerio de Defensa, Secretaría General Técnica. ISBN 9788497814928. 
  • Parker, Geoffrey (2003). El ejército de Flandes y el camino español, 1567–1659. Col. Libros Singulares. Madrid: Alianza editorial. ISBN 978-84-206-2933-9. 
  • Quatrefages, René (1983). Los tercios. Madrid: Servicio de Publicaciones del EME. ISBN 84-500-8427-X. 
  • Quatrefages, René (1996). La revolucion militar moderna. El crisol español. Colección Defensa. Madrid: Ministerio de Defensa. ISBN 978-8478234738. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]