Saltar ao contido

A rendición de Breda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A rendición de Breda
ArtistaDiego Velázquez
Data1634
TécnicaÓleo sobre lenzo
Dimensións367 cm × 307 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid, España España)

A rendición de Breda ou As lanzas (en castelán: La rendición de Breda ou Las lanzas) é un óleo sobre lenzo, pintado entre 1634 e 1635 por Diego Velázquez e que se conserva no Museo do Prado de Madrid desde 1819.[1]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

Para entender desde un punto de vista histórico esta obra de Velázquez, hai que remontarse un pouco ao que estaba a suceder desde finais do século XVI e principios do XVII. Os Países Baixos (liderados polo seu nobre máis importante, Guillerme de Orange) estaban inmersos na guerra dos oitenta anos ou guerra de Flandres, na que loitaban por independizarse de España.

En 1590, con Mauricio de Nassau-Orange (cuarto fillo de Guillerme) como estatúder das Provincias Unidas dos Países Baixos, a cidade de Breda foi tomada polos holandeses. A tregua dos doce anos mantivo o país en calma entre 1609 e 1621. Cando o rei de España Filipe IV subiu ao trono en 1621, a tregua expirou e a guerra renovouse. A intención de Filipe IV era recuperar esa praza tan importante desde a cal se podería manobrar para outras conquistas.

Velázquez tamén se inspirou en determinadas pasaxes da comedia O sitio de Breda, de Calderón de la Barca.[2]

Sitio de Breda

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sitio de Breda (1625).

Filipe IV nomeou xefe supremo da expedición a Breda ao mellor estratego ao seu servizo coñecido naquela época, ao aristócrata xenovés Ambrosio de Spinola, que se puxo ao mando de 40.000 homes máis un bo número de xenerais españois, como o marqués de Leganés e Carlos Coloma, militares moi famosos.

A cidade de Breda estaba defendida por Xustino de Nassau, da casa de Orange. O cerco e sitio á cidade foi unha lección de estratexia militar. Algúns xenerais doutras nacións acudiron alí en calidade do que hoxe se entende como «agregado militar», para coñecer e observar a táctica do gran Spinola. O principal era impedir que até o sitio chegasen reforzos de víveres e municións. Para iso realizáronse unha serie de accións secundarias; unha das que máis éxito tivo foi a de alagar os terreos inmediatos e impedir así o paso á posible axuda.

As crónicas da época contan que a defensa de Breda chegou a ser heroica, pero a gornición tivo que renderse e levantar a bandeira. Xustino de Nassau capitulou o 5 de xuño de 1625. Foi unha capitulación honrosa que o exército español recoñeceu como tal, admirando no seu inimigo a valentía dos asediados. Por estas razóns permitiu que a gornición saíse formada en orde militar, coas súas bandeiras á fronte. Os xenerais españois deron a orde de que os vencidos fosen rigorosamente respectados e tratados con dignidade. As crónicas contan tamén o momento en que o xeneral español Spinola esperaba fóra das fortificacións ao xeneral holandés Nassau. A entrevista foi un acto de cortesía, e o inimigo foi tratado con cabaleirosidade, sen humillación. Este é o momento histórico que elixiu Velázquez para pintar o seu cadro.

Descrición do cadro

[editar | editar a fonte]

O cadro pintouse, xunto con outros doce, para a decoración do denominado Salón de Reinos do Palacio do Bo Retiro, unha especie de vila suburbana erixida por orde de Filipe IV de España ao estilo das existentes en Roma. Este gran palacio, formado por diversos pavillóns entre amplos xardíns, construíuse anexo ao mosteiro de San Xerónimo o Real, cuxa igrexa aínda subsiste ás costas do Museo do Prado. O actual Parque do Retiro é unha parte daqueles terreos.

O Salón de Reinos era a estancia máis relevante do conxunto, pois era onde Filipe IV recibía aos embaixadores e demais autoridades estranxeiras. A fin de impresionalos cunha imaxe de poder bélico e económico, o Conde-duque de Olivares decidiu decorar este gran salón con imaxes dos principais éxitos militares de España, aínda que case todos estes feitos eran relativamente antigos. Esta estrataxema foi ideada por Olivares para ocultar que España, realmente, empezaba a minguar como potencia mundial. Xunto cos cadros relativos a batallas, colgouse outra serie de pinturas, debidas a Francisco de Zurbarán, sobre os Traballos de Hércules, personaxe mítico que os reis españois consideraban antepasado seu.

Para a serie de doce batallas,[3] convocouse a Velázquez e a outros artistas, como Vicente Carducho, Jusepe Leonardo, Juan Bautista Maíno e Antonio de Pereda. Os dous últimos foron, xunto con Velázquez, quen realizaron os cadros actualmente máis valorados polos críticos. Exceptuando un cadro que resultou destruído (un dos dous que pintou Eugenio Cajés), a serie consérvase no Museo do Prado, aínda que non se exhibe xunta.

Velázquez desenvolve o tema sen vangloria nin sangue. Os dous protagonistas están no centro da escena e máis parecen dialogar como amigos que como inimigos. Justino de Nassau aparece coas chaves de Breda na man e fai ademán de axeonllarse, o cal é impedido polo seu adversario, que pon unha man sobre o seu ombreiro e impídelle humillarse. Neste sentido, é unha ruptura coa tradicional representación do heroe militar, que adoitaba representarse erguido sobre o derrotado, humillándoo. Igualmente afástase do hieratismo que dominaban os cadros de batallas.

Velázquez representa con realismo ao xeneral Spinola, ao que coñecía persoalmente, pois viaxaran xuntos a Italia en 1629. Un detalle moi interesante é a cantidade de lanzas dun lado e doutro. Un realismo semellante e a caracterización individual apréciase nos rostros dos soldados, que están tratados como retratos.

Detalles como a gran cantidade de lanzas españolas en comparación coas dos Países Baixos e a acollida dos vencidos por parte de España foron introducidos a petición de Olivares para demostrar a forza e nobreza propias (Olivares era coñecido pola súa intelixencia, arrogancia e ego).

Vestimentas

[editar | editar a fonte]

Nassau móstrase con coleto, casaca ou chaleco feito en pel e calzón de cor parda con adornos de ouro, pomba de encaixe (pescozo grande e volto sobre as costas) e chapeu chambergo negro na súa man esquerda. Spinola leva armadura pavonada con adornos de ouro, valoa[4] de encaixe, botas de pel e unha banda de cor carmín. Na man esquerda enluvada leva o chapeu tamén negro, máis a bengala ou bastón de mando, símbolo de autoridade.

Este cadro foi destinado ao Salón de Reinos do recinto do Bo Retiro de Madrid, destinado a narrar as batallas do monarca. Cando se colocou alí, aínda Velázquez non o asinou aínda que deixara preparado un pequeno recuncho abaixo á dereita do cadro cunha folla en branco, sen dúbida para pór alí a data e a súa firma. Nunca o fixo, como ocorreu con outras tantas obras súas.

  1. Marcos Molano, María del Mar (outubro de 2000).
  2. "Iconografía e Iconología como métodos de la historia del arte por J. J. Martín González en Cuadernos de arte e iconografía, ISSN 0214-2821, 1989.". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2014. Consultado o 17 de xuño de 2016. 
  3. Brown, Jonathan. "Lanzas o la rendición de Breda, Las [Velázquez]". museodelprado.es. Consultado o 28-03-2018. 
  4. Cuello grande e volto sobre o lombo, ombros e peito, que se usou especialmente nos séculos XVI e XVII.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]