Rata toupa espida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rata toupa espida
Rango fósil: 4,3 Ma
do Plioceno temperán até a actualidade

Heterocephalus glaber
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Rodentia
Familia: Bathyergidae; Heterocephalidae
Xénero: 'Heterocephalus'
Especie: 'H. glaber'
Nome binomial
'Heterocephalus glaber'
(Rüppell, 1842)
Distribución xeográfica da rata toupeira pelada
Distribución xeográfica da rata toupeira pelada

Distribución xeográfica da rata toupeira pelada
Subspecies

Ningunha

A rata toupa espida ou rata toupeira espida (Heterocephalus glaber) é un roedor excavador orixinario de partes do leste de África.[2] É un dos dous únicos mamíferos eusociais coñecidos (o outro é a rata toupa damarense). Ambas as especies son similares en moitos aspectos.

O animal ten características pouco habituais, adaptadas ao seu duro medio subterráneo. Estes animais non senten dor na pel, tamén teñen un metabolismo moi baixo e habitualmente non padece cancro. A rata toupeira pelada (Heterocephalus glaber) destaca pola súa resistencia ao cancro debido á alta concentración de ácido hialurónico de alto peso molecular nas súas células e mecanismos eficaces de reparación do ADN.[3][4] Estudos indican que esta especie é resistente tanto ao cancro inducido como ao espontáneo; con todo a súa inmunidade a procesos canceríxenos non é total.[5]

Descrición física[editar | editar a fonte]

O Heterocephalus glaber mide normalmente entre 8 e 10 centímetros de lonxitude e pesa uns 30 gramos. Os seus ollos son pequenos e a súa visión é limitada. Posúen patas curtas e finas, adaptadas para a escavación, permitíndolles moverse con axilidade tanto para adiante como para atrás nos túneles subterráneos. Os seus dentes grandes e prominentes úsanse para cavar e os seus beizos péchanse detrás dos dentes para evitar a inxestión de terra durante a escavación. Teñen pouco pelo e a súa pel é escasa e engurrada, de cor rosa ou amarelada.[6] Este animal está moi ben adaptado á vida en ambientes con baixa dispoñibilidade de osíxeno dentro dos túneles que son o seu hábitat, grazas a uns pulmóns pequenos e un sangue con alta afinidade polo osíxeno, o que lle permite captar osíxeno de maneira eficiente.[7] A súa respiración e taxa metabólica son notabelmente baixas comparadas coas doutros mamíferos do seu tamaño, reducíndose até nun 25% en períodos de seca e escaseza de alimentos.[8] Ten unha capacidade limitada de regulación da temperatura corporal, dependendo do comportamento para adaptarse ás variacións de temperatura: agrúpanse para quentarse ou retíranse a partes máis frescas dos seus tobos para evitar o sobrequecemento.[9]

Ecoloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A rata toupa espida é orixinaria das partes máis secas das pradeiras tropicais do leste de África, principalmente o sur de Etiopía, Kenya e Somalia. Colonias cunha media de 75-80 individuos conviven en complexos sistemas de tobos nos áridos desertos africanos. Os sistemas de túneles construídos por rata-toupas espidas poden estenderse até dúas ou tres millas de lonxitude acumulada.[10]

Estrutura social e reprodución[editar | editar a fonte]

A rata toupeira espida é unha das dúas especies de mamíferos que son eusociais. Nesta especie, a reprodución está restrinxida a unha femia dominante, coñecida como a raíña, e entre un e tres machos reprodutores, mentres que o resto dos membros da colonia asumen roles de obreiros.[11] Estes traballadores divídense en diferentes roles ou tarefas; algúns dedícanse á escavación e ampliación da complexa rede de túneles que compoñen o sistema de tobos, mentres que outros actúan principalmente como soldados ou defensores da colonia, protexéndoa de posíbeis depredadores.[6][10]

Esta estrutura social de organización eusocial, semellante á que se atopa nas formigas, térmites e algunhas abellas e avespas, é moi rara entre os mamíferos.

As relacións entre a raíña e os machos reprodutores poden durar moitos anos. A "supresión reprodutiva" fai que as outras femias non se reproduzan: a infertilidade das femias traballadoras é só temporal e non xenética. As raíñas viven de 13 a 18 anos, e son extremadamente hostís a que outras femias se comporten como raíñas ou produzan hormonas para converterse en raíñas. Cando a raíña morre, outra femia ocupa o seu lugar, ás veces despois dunha violenta loita cos seus competidores.

Os machos e as femias alcanzan a madurez reprodutiva ao redor dun ano de idade. A xestación prolóngase uns 70 días, e unha camada pode variar dende 3 até 12 crías, aínda que se rexistraron casos con até 28 crías, sendo o tamaño medio de 11 crías por parto.[12] Na natureza, as ratas toupa espidas adoitan reproducirse unha vez ao ano, se a camada sobrevive. En catividade, crían durante todo o ano e poden producir unha camada cada 80 días.[13] As crías nacen cegas e pesan uns 2 gr. A raíña amamántaos o primeiro mes; despois os demais membros da colonia aliméntanos con feces até que teñan a idade suficiente para consumir alimentos sólidos.[11][14]

Dieta[editar | editar a fonte]

As ratas toupa espidas aliméntanse principalmente de tubérculos moi grandes (que pesan até 1000 veces o peso corporal dunha rata toupa típica) que atopan nas profundidades subterráneas nas súas operacións mineiras, pero tamén comen as súas propias feces (coprofaxia). Un só tubérculo pode proporcionar a unha colonia unha fonte de alimento a longo prazo, que dura meses ou mesmo anos, xa que comen o interior pero deixan o exterior, permitindo que o tubérculo se rexenere. As bacterias simbióticas dos seus intestinos axúdanlles a dixerir as fibras.[10]

Unha rata toupa espida comendo.

Lonxevidade[editar | editar a fonte]

A Heterocephalus glaber destaca no reino animal por ser un dos roedores máis lonxevos coñecidos, podendo vivir até 28 anos, o que constitúe un récord de lonxevidade entre os roedores.[15] O segredo da súa lonxevidade é debatido, pero pénsase que está relacionado coa súa fascinante capacidade para "apagar" o seu metabolismo durante tempos difíciles, e así evitar o dano oxidativo. Isto resumiuse como "Están vivindo a súa vida en pulsos".[16]

Ante a peculiar lonxevidade desta rata toupa, lanzouse un esforzo internacional para secuenciar o seu xenoma, cuxos resultados foron publicados en 2011 e 2014.[17][18]

O estudo do seu transcriptoma revelou que os xenes asociados ás mitocondrias e aos procesos de oxidorredución mostran niveis de expresión significativamente maiores na rata toupa espida en comparación cos ratos de campo.[19] Isto suxire unha posible relación entre estes procesos bioquímicos e a lonxevidade da especie.

Ao comparar os transcriptomas de reparación do ADN do fígado de humanos, ratos e ratas toupas espidas, observouse que as especies de maior esperanza de vida (humanos con ~120 anos, ratas toupeira peladas con 30 anos, e ratos con 3 anos) mostran unha maior expresión de xenes de reparación do ADN.[20] Este dato apoia a teoría de que unha maior capacidade de reparación do ADN está vinculada á lonxevidade e é consistente coa teoría do envellecemento por danos no ADN.[21][22][23]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

As ratas toupeira espidas non están ameazadas. A pesar das súas duras condicións de vida, as ratas toupeira espidas están bastante estendidas e son numerosas nas rexións máis secas do leste de África.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cooper; et al. (2016). "Heterocephalus glaber". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 24 de marzo de 2021. 
  2. "A rata toupeira espida clasifícase como toupeira ou rata? - ZooNerdy". zoonerdy.com. 2023-05-11. Consultado o 2024-04-01. 
  3. Seluanov, A.; et al. (2013). "High-molecular-mass hyaluronan mediates the cancer resistance of the naked mole rat". Nature 499: 346–349. doi:10.1038/nature12234. 
  4. Tian, X.; et al. (2012). "Cancer resistance in the blind mole rat is mediated by concerted necrotic cell death mechanism". Proceedings of the National Academy of Sciences 109 (47): 19392–19396. doi:10.1073/pnas.1217211109. 
  5. Buffenstein, R. (2005). "Naked mole-rat longevity". Mechanisms of Ageing and Development 126 (12): 1200–1208. doi:10.1016/j.mad.2005.07.012. 
  6. 6,0 6,1 "The Biology of the Naked Mole-Rat". Princeton University Press; press.princeton.edu (en inglés). Tue, 03/21/2017 - 12:00. Consultado o 2024-04-01. 
  7. Larson, J., Park, T.J. (2007). "Extreme hypoxia tolerance of naked mole-rat brain". NeuroReport 18 (18): 1737–1741. doi:10.1097/WNR.0b013e3282f1a4cf. 
  8. Buffenstein, R. (2002). "Naked mole-rat metabolism". Comparative Biochemistry and Physiology Part A: Molecular & Integrative Physiology 133 (3): 835–842. doi:10.1016/S1095-6433(02)00197-5. 
  9. Piper, Ross (2007). Extraordinary animals : an encyclopedia of curious and unusual animals. Westport, Conn. : Greenwood Press. ISBN 978-0-313-33922-6. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Richard Dawkins (2016). The Selfish Gene(40th Anniversary Edition). Oxford University Press. 
  11. 11,0 11,1 Jarvis, J.U.M. (1981). "Eusociality in a mammal: Cooperative breeding in naked mole-rat colonies". Science 212 (4494): 571–573. doi:10.1126/science.7209555. 
  12. "Counting mole-rat mammaries and hungry pups, biologists explain why naked rodents break the rules". news.cornell.edu; Cornell Chronicle (en inglés). Consultado o 2024-04-01. 
  13. Piper, Ross (2007). Extraordinary animals : an encyclopedia of curious and unusual animals. Westport, Conn. : Greenwood Press. ISBN 978-0-313-33922-6. 
  14. "The Biology of the Naked Mole-Rat". Princeton University Press; press.princeton.edu (en inglés). Tue, 03/21/2017 - 12:00. Consultado o 2024-04-01. 
  15. Buffenstein, Rochelle; Jarvis, Jennifer U. M. (2002-05-29). "The Naked Mole Rat--A New Record for the Oldest Living Rodent". Science of Aging Knowledge Environment (en inglés) 2002 (21). ISSN 1539-6150. doi:10.1126/sageke.2002.21.pe7. 
  16. "Ugly Duckling Mole Rats Might Hold Key To Longevity". ScienceDaily (en inglés). Consultado o 2024-04-01. 
  17. "Functional genomics of the naked mole-rat". genomics.senescence.info. Consultado o 2024-04-01. 
  18. "The Naked Mole Rat Genome Resource: facilitating analyses of cancer and longevity-related adaptations". academic.oup.com (en inglés). PMC 4253829. PMID 25172923. doi:10.1093/bioinformatics/btu579. Consultado o 2024-04-01. 
  19. Yu, Chuanfei; Li, Yang; Holmes, Andrew; Szafranski, Karol; Faulkes, Chris G.; Coen, Clive W.; Buffenstein, Rochelle; Platzer, Matthias; Magalhães, João Pedro de (3 de nov. de 2011). "RNA Sequencing Reveals Differential Expression of Mitochondrial and Oxidation Reduction Genes in the Long-Lived Naked Mole-Rat When Compared to Mice". PLOS ONE (en inglés) 6 (11): e26729. ISSN 1932-6203. PMC 3207814. PMID 22073188. doi:10.1371/journal.pone.0026729. 
  20. MacRae, Sheila L.; Croken, Matthew McKnight; Calder, R. B.; Aliper, Alexander; Milholland, Brandon; White, Ryan R.; Zhavoronkov, Alexander; Gladyshev, Vadim N.; Seluanov, Andrei (2015-12-30). "DNA repair in species with extreme lifespan differences". Aging (en inglés) 7 (12): 1171–1182. ISSN 1945-4589. PMC 4712340. PMID 26729707. doi:10.18632/aging.100866. 
  21. Kim, E.B.; et al. (2011). "Genome sequencing reveals insights into physiology and longevity of the naked mole rat". Nature 479: 223–227. doi:10.1038/nature10533. 
  22. Lewis, K.N.; et al. (2012). "Stress resistance in the naked mole-rat: the bare essentials – a mini-review". Gerontology 58 (5): 453–462. doi:10.1159/000335966. 
  23. "Cancer_and_aging_as_consequences_of_un-repaired_DNA_damage". researchgate.net (en inglés). Consultado o 1 de abril de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]