Roedores

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Rodentia»)

Roedores
Rodentia

Rango fósil: Paleoceno – Actualidade

Funambulus palmarum
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia
Orde: Rodentia
Bowdich, 1821
Distribución combinada de tódalas especies de roedores
Distribución combinada
de tódalas especies de roedores

Distribución combinada
de tódalas especies de roedores
Subordes

Os roedores (Rodentia) representan a rama máis abundante e distribuída dentro dos mamíferos. Actualmente hai entre 2.000 e 3.000 especies de roedores.

Recoñécense facilmente pola presenza dun único par de incisivos superiores de crecemento continuo cunha grosa capa de esmalte na parte dianteira. Os machos posúen un óso peneano e as femias útero dobre.

Inclúe especies coñecidas como esquíos, marmotas, castores, ratos, hámsteres, lemmings, ratas, leiróns, cobaias, maras, agutís, pacas, chinchillas etc.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

A maioría dos roedores teñen pata curtas, son cuadrúpedes e son relativamente pequenos. A súa característica común principal son os dous incisivos, de gran tamaño e crecemento continuo, situados nos maxilares inferior e superior, e que só están cubertos de esmalte na parte frontal. Na parte interior a dentina queda exposta.[1] A pesar das súas características comúns, os roedores desenvolveron unha gran variedade de formas segundo o seu hábitat e o seu estilo de vida.

Anatomía exterior[editar | editar a fonte]

O tamaño dos roedores varía entre as especies ananas como Mus minutoides ou o Micromys minutus, que con frecuencia pesan menos de cinco gramos; e o Hydrochoerus hydrochaeris, o roedor máis grande do mundo, que ten unha lonxitude da cabeza á cola de entre 100 e 130 centímetros, e que pode chegar a pesar entre 50 e 60 kg.[2][3] Outros roedores de gran tamaño son o castor, a pacarana ou a paca. Aínda así, a maioría dos roedores teñen un tamaño entre o dun rato e o dunha rata, e miden entre 8 e 30 centímetros de longo.

Os roedores normalmente teñen unha pelaxe espesa, con pelos longos e curtos. Só a cola é case calva nalgunhas especies e só existe unha especie que é case calva en todo o corpo, a Heterocephalus glaber.[4]

O Callosciurus prevostii é un dos roedores coa coloración máis rechamante.

Na maioría dos casos, a coloración do pelo é de cores pouco rechamantes que axudan a camuflarse. Normalmente son grises ou castaños, mais os roedores que viven no deserto poden ser de cor amarela. De todos os xeitos tamén hai pelaxes con moitas cores, como é o caso dalgúns esquíos tropicais.

A maioría dos roedores teñen cola e só nalgunhas formas de grandes dimensións ou de estilo de vida subterráneo a cola é rudimentaria e non sobresae ao exterior. Nalgunhas especies arborícolas, a cola é prénsil,[5][6] e no caso dos castores exerce como un leme, aplanado e calvo. En numerosas especies a cola pode separarse do corpo con facilidade, para facilitar a fuxida dos predadores;[7] na maioría dos casos a cola medra de novo parcialmente.

Os roedores adoitan ter un nariz curto e redondeado na punta do fociño. O rinario é rudimentario ou nalgúns casos ausente. A cavidade bucal está dividida en dúas partes por unha abertura; a parte interior inclúe os incisivos e a parte posterior inclúe os premolares e os molares. O diastema que hai no medio permite pasar ao labio.[8]

Ademais, a pel peluda da cara colócase detrás dos incisivos (Inflexum pellitum). As dúas adaptacións evitan que no momento de roer se introduzan obxectos estraños non dixeribles na boca. O labio superior normalmente está dividido, de xeito que os incisivos son visibles mesmo cando o animal ten a boca pechada. A lingua é curta e compacta cunha punta obtusa, que nunca sobresae por riba dos incisivos. As papilas gustativas, presentes ata a punta da lingua, son pequenas e semellantes a un fío. No caso dos Hystricidae, tamén están un pouco agrandadas e duras. Na maioría das especies, a raíz da lingua posúe tres papilas caliciformes.

Moitas especies teñen grandes bolsas nas faceiras que chegan ata as orellas e están cubertas de pelo. Estas bolsas poden sacarse de dentro cara a fóra para limpalas.[9] No caso dos hámsteres, as súas aberturas atópanse nos ángulos da boca, mentres que nos Geomyoidea se atopan na parte exterior das meixelas.

Clasificación[editar | editar a fonte]

A antiga subdivisión da orde dos roedores en dúas subordes, Sciurognathi e Hystricognathi foi descartada hai tempo. Na actualidade, os roedores divídense en cinco subordes, segundo o seguinte esquema:[10]

Suborde Anomaluromorpha

Familia Anomaluridae
Familia Pedetidae

Suborde Castorimorpha

Superfamilia Castoroidea
Familia Castoridae
Superfamilia Geomyoidea
Familia Geomyidae
Familia Heteromyidae

Suborde Hystricomorpha

Familia Diatomyidae
Infraorde Ctenodactylomorphi
Familia Ctenodactylidae
Infraorde Hystricognathi
Familia Bathyergidae
Familia Hystricidae
Familia Petromuridae
Familia Thryonomyidae
Parvorde Caviomorpha
Familia Heptaxodontidae
Familia Abrocomidae
Familia Capromyidae
Familia Caviidae
Familia Chinchillidae
Familia Ctenomyidae
Familia Cuniculidae
Familia Dasyproctidae
Familia Dinomyidae
Familia Echimyidae
Familia Erethizontidae
Familia Myocastoridae
Familia Octodontidae

Suborde Myomorpha

Superfamilia Dipodoidea
Familia Dipodidae - xerbos
Superfamilia Muroidea
Familia Calomyscidae -
Familia Cricetidae - hámsteres, ratas e ratos do Novo Mundo
Familia Muridae - ratos e ratas verdadeiras
Familia Nesomyidae -
Familia Platacanthomyidae
Familia Spalacidae

Suborde Sciuromorpha

Familia Aplodontiidae - Aplodontia rufa
Familia Gliridae - leiróns
Familia Sciuridae - esquíos, cynomys e marmotas

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Microsoft Encarta (2008). "Rodent". Encarta. Microsoft Corporation. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2008. Consultado o 8 de maio de 2008. 
  2. Capybara Facts. Smithsonian National Zoological Park. Consultado o 16 de decembro de 2007.
  3. Capybara. Palm Beach Zoo. Consultado o 4 de outubro de 2008.
  4. The Naked Truth about Mole-Rats. Smithsonian National Zoological Park. Consultado o 8 de maio de 2008.
  5. Prehensile-Tailed Porcupine. Central Florida Zoo & Botanical Gardens. Consultado o 9 de maio de 2008.
  6. Harvest Mouse. BBC Science & Nature. Consultado o 9 de maio de 2008.
  7. Degu. Arquivado 23 de agosto de 2016 en Wayback Machine. Pet Supplies Plus. Consultado o 9 de maio de 2008.
  8. Keränen, Soile V. E. (1999). "Gene expression patterns associated with suppression of odontogenesis in mouse and vole diastema regions" (PDF). Dev. Genes Evol. 209: 495–506. 
  9. Pocket Gophers. Arquivado 21 de xullo de 2010 en Wayback Machine. Washington Department of Fish and Wildlife. Consultado o 9 de maio de 2008.
  10. Michael D. Carleton, Guy G. Musser: Rodentia. A: Don E. Wilson, DeeAnn M. Reeder (Hrsg.): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference Arquivado 18 de decembro de 2008 en Wayback Machine.. 3. Auflage. The Johns Hopkins University Press, Baltimore 2005, S. 745–752, ISBN 0-8018-8221-4 (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]