Portal:Ferrol/Biografía destacada/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todas as biografías destacadas no portal Ferrol:

1[editar a fonte]

Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo, o Xeneralísimo ou simplemente Franco, foi un militar e ditador español, integrante do Alzamento contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o término do conflito ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973.

Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo conservador, católico e anticomunista. Este cambio debeuse á derrota do fascismo na Segunda Guerra Mundial. Aglutinou en torno ao culto á súa persoa diferentes tendencias do conservadorismo, o nacionalismo e o catolicismo opostas á esquerda política e ao desenvolvemento de formas democráticas de goberno.

Durante o seu mandato á fronte do exército e da xefatura do Estado, especialmente durante a guerra civil e os primeiros anos do réxime, tiveron lugar múltiples violacións dos dereitos humanos, segundo sinalan numerosas investigacións históricas e denuncias de particulares.


2[editar a fonte]

Paula Vázquez Picallo, nada en Ferrol o 26 de novembro de 1974, é unha actriz, presentadora de televisión e modelo galega.

Trasladouse a Barcelona coa súa familia onde comezou a súa carreira profesional como modelo e azafata, debutando como azafata no programa de Televisión Española Un, dos, tres. Logo dunha primeira etapa televisiva pasou a incorporarse á serie Canguros, así como a participar en Huele bien e Últimas vacaciones. Ten presentado espazos como El juego del euromillón ou Gran Hermano 3 en Telecinco.

Tras dunha etapa en Antena 3, regresou a Televisión Española, estreándose no aniversario da Gala 50 anos de TVE como presentadora xunto a Laura Valenzuela e Anne Igartiburu. En 2007 presentou o programa Misión Eurovisión, en que se pretende seleccionar aos representantes de España no Festival de Eurovisión.

Despois de presentar en Cuatro Fama, ¡a bailar! e Pekín Express e facer distintos pilotos para Mediaset España que foron descartados, foi fichada en novembro de 2011 por Antena 3. O 26 de marzo de 2012 estreou nesa cadea El número uno.


3[editar a fonte]

Víctor López Seoane y Pardo-Montenegro, nado en Ferrol o 28 de setembro de 1832 e finado na Coruña o 14 de xullo de 1900, foi un naturalista galego, probablemente o máis importante do século XIX, que realizou importantes traballos sobre a fauna, especialmente nos campos da entomoloxía, a ornitoloxía e a herpetoloxía, e a flora de Galicia.

Seoane foi o naturalista galego coa contribución científica máis valiosa, un taxónomo salientable na zooloxía europea do século XIX. Exemplares de seres vivos recollidos por el figuran entre as coleccións dos principais museos de Historia Natural de Europa; formou parte de relevantes sociedades científicas europeas adicadas ao estudo da natureza e publicou en diversos idiomas en revistas especializadas prestixiosas.

A López Seoane débese a primeira descrición das especies Podarcis bocagei (1884) ou Rana perezi (hoxe Pelophylax perezi, 1885). A súa fama foi recoñecida por numerosos expertos nacionais e estranxeiros, algúns dos cales usaron o seu nome para catalogar e bautizar novas especies de plantas, insectos e réptiles.

Rúas nas cidades da Coruña e Ferrol e outra en Perillo, concello de Oleiros, levan o seu nome.


4[editar a fonte]

Concepción Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, poeta, autora dramática e de zarzuela. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.

Un elemento esencial para comprender tanto a súa vida como a súa obra constitúeo a súa proximidade ao ideario liberal e krausista; malia a orixinalidade do seu pensamento, destacan esas influencias, que tamén tiveron un papel importante no plano afectivo a través do seu contacto con destacadas personalidades liberais da época, coas que compartiu a un tempo relacións de amizade e proxectos de carácter social e intelectual, como o seu amigo e cuñado Manuel de la Cuesta, Salustiano Olózaga, Juana de Vega, Fernando de Castro, Francisco Giner de los Ríos, Gumersindo de Azcárate etc.

Con Concepción Arenal naceu o feminismo en España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.

Como recoñecemento, un grande número de rúas, prazas e centros de ensino por toda Galiza e resto de España levan o seu nome, asi como un Airbus A340 de Iberia e un barco da SASEMAR, así como o trofeo de fútbol do verán en Ferrol fundado en 1953, o Trofeo Concepción Arenal.


5[editar a fonte]

Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, nado en Ferrol o 25 de setembro de 1875 e finado en Madrid o 17 de marzo de 1960, foi un pintor académico galego. Boa parte da súa obra destaca por reflectir diversos aspectos da vida de Galicia con luminosidade e colorido.

Logo de concluir a súa aprendizaxe no obradoiro de Manuel Domínguez, en 1899 gañou unha pensión da Escola de San Fernando para asistir á Academia de Belas Artes de Roma. Tras regresar a Madrid, en 1908 instalouse en Santiago de Chile, onde dirixiu a Escola Superior de Belas Artes ata o seu regreso a España en 1915. En 1922 foi nomeado director do Museo do Prado. Coa caída da monarquía, estableceuse en Inglaterra e non regresou a España ata finalizada a Guerra Civil.

Temática e estilisticamente, a súa obra enlaza coa de pintores como Rosales, Pradilla ou Muñoz Degrain. Mediante o emprego de cores puras e luminosas e unha temática campesiña ou folclórica persigue a exaltación da intrahistoria. No seu catálogo abundan os retratos de personaxes da vida política e económica do país. Logo 1922 a súa evolución artística abriuse a unha nova etapa caracterizada polos retratos con paisaxes velazqueños.

Nos últimos doce anos da súa vida produciu obras de ampla factura como Ceres, San Agustín, San Vicente Ferrer ou O infortunio. Unha boa parte da súa obra atópase en América, aínda que tamén é considerable o numero de óleos, acuarelas e debuxos reunidos pola Fundación Caixa Galicia.


6[editar a fonte]

Carolina Casanova Rodríguez, máis coñecida como Carolina Casanova de Cepeda ou simplemente como «La Cepeda», nada o 10 de xaneiro de 1847 no ferrolán barrio de Esteiro e finada en Madrid o 8 de febreiro de 1910, foi unha soprano galega, considerada como unha das mellores sopranos da segunda metade do século XIX.

Ao longo da súa carreira Carolina Casanova actuou nalgúns dos teatros de ópera máis prestixiosos do mundo, como o Teatro alla Scala de Milán, o Teatro San Carlo de Nápoles, ou a Royal Opera House de Londres, tendo realizado estreas mundiais como a de Il mercadante di Venezia de Ciro Pinsuti. Logo de deixar a súa carreira concertística exerceu como profesora na Escola Nacional de Música e Declamación (actualmente denominado Real Conservatorio Superior de Música de Madrid), onde formaría a futuras personalidades importantes do mundo da ópera española.


7[editar a fonte]

Aurora Rodríguez Carballeira, nada en Ferrol o 23 de abril de 1879 e finada en Ciempozuelos o 28 de decembro de 1955, foi unha muller galega que pasou á historia por ser a nai e asasina de Hildegart, un experimento científico que ela concibiu como a muller do futuro.

O experimento inicialmente cumpriu as expectativas de Aurora, e Hildegar converteuse nunha personalidade internacional, aínda que a liberdade na que fora educada a levaou a un profundo compromiso político e a separarse de súa nai até que, inspirada pola loucura (unha suposta conspiración para arruinar a súa "escultura de carne") e o medo a perder a súa filla, asasinouna. Nunca se arrepentiu do seu acto e repetiu que volvería facelo.


8[editar a fonte]

Ricardo Carballo Calero (desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua.

Dentro da súa extensa obra, cultivou a poesía (Pretérito imperfeito 1927-1961, 1980), a novela (A xente da Barreira, 1951) e o teatro (Teatro completo, 1982). Destacou no campo da crítica literaria con Sete poetas galegos (1955), Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959), Historia da literatura galega contemporánea (1962), Libros e autores galegos I e II (1979, 1982), Estudios rosalianos (1979) e Letras galegas (1984). É autor, tamén, dunha Gramática elemental del gallego común (1966), Problemas da língua galega (1981) e Da fala e da escrita (1983). Está considerado como o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués.


9[editar a fonte]

Andrés Lapique do Barro, nado en Ferrol o 1 de outubro de 1947 e finado en Madrid o 22 de decembro de 1989, foi un cantante e actor galego. Coñecido popularmente como Andrés do Barro ou Andrés Dobarro, ten o mérito de ser dos primeiros cantantes que usaron o galego durante o franquismo. Malia os atrancos para a expresión musical en galego, varias cancións súas foron número un nas principais cadeas radiofónicas estatais.


10[editar a fonte]

Portal:Ferrol/Biografía destacada/10