Saltar ao contido

Real Academia de Belas Artes de San Fernando

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Escola de San Fernando de Madrid»)
Edificio da Real Academia de Belas Artes de San Fernando na rúa de Alcalá.

A Real Academia de Belas Artes de San Fernando (Real Academia Española de Bellas Artes de San Fernando, RABASF) é unha institución integrada no Instituto de España. Foi creada por Real Decreto do 12 de abril de 1752, e a súa sede está en Madrid, España.

As súas orixes relaciónanse coa Ilustración Os seus primeiros estatutos foron aprobados en 1744, pero a súa constitución definitiva data de 1752 co rei Fernando VI, quen a referiu como Real Academia das Tres Nobres Artes de San Fernando. Nun principio, as actividades baseábanse en pintura, arquitectura e escultura. O seu propósito era converter a materia artística en materia universitaria. En 1873 recibiu a súa denominación actual e abriuse unha nova sección de Música.

Leváronse a cabo dúas reformas: coa primeira (1987), ampliábase a 51 o número de académicos numerarios e integrábase televisión, fotografía, vídeo e cinematografía á sección de Escultura, que pasou a nomearse Sección de Escultura e Artes da Imaxe; a segunda reforma (1996) elevou a 52 o número de académicos numerarios.

Ao longo de toda a súa historia, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando ocupou en Madrid tres sedes distintas. Actualmente atópase instalada no Palacio Goyeneche (rúa de Alcalá, 13). Co arquitecto Fernando Chueca Goitia levouse a cabo en 1972 a remodelación do edificio.

Á marxe da súa actividade docente, a Real Academia é célebre polas súas colección de arte, que se exhiben (non sen limitacións) na súa sede de Alcalá. Abranguen máis de catro séculos, dende Luis de Morales a Juan Gris e autores posteriores.

Entre as moitas obras dignas de mencionar, destaca un Busto de Cristo de Giovanni Bellini, San Xerónimo de Correggio, A Primavera, chocante crebacabezas floral de Arcimboldo (o seu único exemplo en España), así como Susana e os vellos de Rubens, o famoso Soño do cabaleiro de Antonio de Pereda, varios exemplos de José de Ribera e Zurbarán, Venus e Mercurio de Louis Michel van Loo, A marquesa de Llano vestida á española de Mengs, Dióxenes de Luis Paret e unha das mellores coleccións de Goya, con cadros famosos como O enterro da sardiña e un Autorretrato (do cal hai outro exemplar idéntico no Museo do Prado).

O museo tamén expón esculturas, principalmente do século XVIII e posteriores, así como moldeados de esculturas romanas, varios deles traídos por Velázquez e que entrañan por iso máis interese. Aínda non tan famoso como o Prado ou o Museo Thyssen-Bornemisza, é unha das pinacotecas máis importantes de España.

A Academia garda tamén unha voluminosa colección de debuxos españois e italianos, con algúns exemplos doutras escolas europeas. Da súa vasta colección de debuxos do século XIX, destacan especialmente os conservados do pintor madrileño Eduardo Rosales.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]