Caza de baleas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pesca de baleas»)
Caza de baleas en Holanda. Gravado do século XVI.
Caza de baleas en Bequia (San Vicente e as Granadinas). A CBI permite a certas comunidades a cacería de subsistencia, como parte da súa cultura.

A caza de baleas (tamén chamada ás veces pesca de baleas) consiste na obtención de recursos a partir de cetáceos, principalmente misticetos. O termo "balea" en sentido amplo e popularmente emprégase para referirse a calquera cetáceo de gran tamaño, incluso a odontocetos como o cachalote e mesmo ás veces a candorca, pero cómpre recordar que, en sentido estrito, resérvase aos misticetos non pertencentes ao xénero Balaenoptera (os rorcuais) e, moi especialmente, aos integrantes da familia dos balénidos.

Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao 3000 a.C. Varias comunidades costeiras desde hai moito tempo cazaron e recolleron baleas varadas para a súa subsistencia. A caza industrial das baleas comezou no século XVII. A principios do século XX o uso da tecnoloxía e o aumento da demanda de recursos superaron o límite de sostibilidade das poboacións de baleas, causando un drástico descenso destas. Na década de 1930 matábanse máis de 50.000 baleas ao ano.[1]

En 1986 a Comisión Baleeira Internacional (CBI) prohibiu a caza comercial de baleas co fin de permitir que as poboacións de cetáceos puidesen recuperarse. Porén, permíteselle a certas comunidades continuar coa cacería de subsistencia, como parte da súa cultura. Por outra parte, o artigo VIII da Convención que regulamenta a caza de baleas permite a cacería con fins científicos.[2]

Historia da caza de baleas[editar | editar a fonte]

A caza de baleas na antigüidade[editar | editar a fonte]

A caza de baleas comezou en tempos inmemoriais, na máis remota antigüidade. Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao ano 3000 a.C.[3]

Inicialmente limitábase á captura de animais na costa. Pero co paso dos séculos, a técnica de caza comezou a mellorar, usándose pequenas embarcacións en mar aberto para asustar os cetáceos con ruído e levalos á costa. Esta forma de cacería usábase para capturar especies de cetáceos relativamente pequenas, como caldeiróns, belugas, narvais e toniñas.[4]

Idade Media europea[editar | editar a fonte]

Caza de baleas nas Spitzbergen. Cadro de Abraham Storck, 1690.
Amarrada ao buque baleeiro, a balea será remolcada até á factoría de despezamento. Foto tirada ca. 1900.
Moderno canón para arpóns explosivos.

Na Idade Media desde as atalaias das vilas costeiras, os vixías daban a alarma cando as baleas, escapando das augas frías do mar do Norte, se achegaban á costa. Entón, preparábanse botes con 10 ou 15 remeiros e un arpoador que cravaba o arpón na cabeza do cetáceo, comezando unha dura loita até que o animal era vencido e se remolcaba até o porto.[5]

A caza na revolución industrial[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento das técnicas modernas de caza de baleas foi estimulado no século XIX debido ao aumento da demanda, sobre todo, de aceite de balea.[6]

A práctica desta caza coñeceu un grande auxe coa aplicación de medios industriais a partir deste século, sobre todo en Europa e Rusia.

A guerra ruso-xaponesa, ocorrida a cabalo dos séculos XIX e XX, tivo como motivo principal o acceso aos recursos baleeiros do mar do Xapón e do Pacífico norte.[7]

A caza no século XX[editar | editar a fonte]

Durante o século XX a poboación global de cetáceos descendeu drasticamente.[8]

De acordo con datos presentados no libro Leviatán, o la ballena,[9] pódese apreciar o incremento da caza de baleas neste século e o urxente que resultaban a adopción de accións políticas contundentes para evitar que estes seres desaparecesen en moi pouco tempo.

1910 1958
1303 rorcuais 32587 rorcuais
43 cachalotes 21846 cachalotes

Durante a segunda guerra mundial a maioría dos barcos baleeiros adaptáronse para fins bélicos, mais a caza continuou indiscriminadamente; en 1948 o baleeiro Balaena capturou máis de tres mil baleas.[9] Para algunhas nacións famentas o labor de buques coma este representou unha contribución importante á reconstrución posbélica: "4 500 toneladas de carne, 163 000 barrís de aceite comestíbel (destinado a fabricar margarina), 10 000 barrís de espermaceti, 170 toneladas de extracto de carne e outras 3 000 toneladas de carne para converter en alimento para o gando".[9]

Só en 1956 nunha fábrica rusa procesáronse máis de 980 toneladas de pel de balea para convertela en solas de zapatos.

Debido á falta de control e de regulación na caza de baleas estímase que durante o século XX trescentas sesenta mil baleas azuis morreron presa de buques baleeiros.

En 1960 a poboación desta especie estimouse en só mil individuos.[9]

Co fin de proporcionar unha adecuada conservación e así facer posíbel o desenvolvemento controlado da industria baleeira, en 1946 creouse a Comisión Baleeira Internacional que, no ano 1986, ditaminou unha moratoria que terminou coa cacería comercial de cetáceos, pero que permite a chamada cacería científica, ademais da cacería de subsistencia para certas comunidades nas que esta actividade forma parte da súa cultura.[2]

A caza de baleas na actualidade[editar | editar a fonte]

A caza de baleas en Galicia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Caza de baleas en Galicia.

A caza de baleas en Galicia debeu comezar, como nas outras costas atlánticas europeas e do Pacífico, en tempos inmemoriais, na máis remota antigüidade.

Escudo da Laracha, onde figura unha balea, o que denota a importancia que tivo a caza destes animais na Costa da Morte.

En Galicia non se conta con documentos históricos relacionados coa caza de cetáceos até o século XIII, concretamente un relativo a Priorio na Coruña de 1288, pero é razoábel pensar que xa se practicaba varios séculos antes. A dicir de Valdés Hansen, as baleas, especialmente a balea franca, foi unha especie máis de pesca para os mariñeiros galegos. Durante sete séculos, Galicia foi un país de baleeiros. A caza e comercialización de cetáceos para o seu uso na fabricación de produtos importantes, desde o aceite que alimentaba a iluminación anterior á chegada da electricidade, até as barbas requiridas para pezas de vestir de luxo en Cataluña ou as baleas de paraugas e parasois, até a comercialización da carne e de produtos usados en farmacia e cosmética, tivo grande incidencia no desenvolvemento urbano de toda Galicia. Non só lle deu proxección exterior e renome mundial, senón que tamén contribuíu ao crecemento económico e de poboación de toda a súa franxa atlántica, e mesmo hai portos galegos que naceron da actividade baleeira, como o de Burela (Lugo) ou o de Suevos (Punta Langosteira).[15]

Ao longo da Idade Moderna, durante os séculos XVI e, sobre todo, XVII, Galicia foi o caladoiro de baleas máis importante da Península Ibérica. As bases baleeiras máis importantes localizábanse na comarca da Mariña lucense[16], nos portos de Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao e Bares e, no litoral atlántico, destacaban os de Caión e Malpica, na Costa da Morte.[17]

A comezos de século XX, concretamente no ano 1924, reimplantouse en Galicia a caza de baleas, desta vez con carácter plenamente industrial. Ese ano establecéronse no país dúas compañías baleeiras. Unha delas foi a Compañía Ballenera Española, creada en 1914 con capital noruegués, aínda que non comezou a súa actividade até a fin da primeira guerra mundial. Os seus inicios foron na zona do estreito de Xibraltar, abrindo a que chegaría a ser famosa factoría de Caneliñas, na parroquia da Ameixenda (Cee) en 1924. A outra foi a Sociedad Anónima Corona, con sede en Vigo e asociada a outra compañía norueguesa, que obtivo autorización para a caza de balea en decembro de 1923 e, o ano seguinte, comezou a súa actividade en Cangas de Morrazo, co buque-factoría Alfonso XIII, que fondeaba na enseada de Barra e na ría de Aldán; este buque era abastecido polas capturas dos barcos Corona I, Corona II, Corona III e Corona IV.

Cee visto dende Corcubión. En Cee, na enseada de Caneliñas, funcionou durante moitos anos unha factoría baleeira.

En 1974 a empresa multinacional Taiyo, do Xapón, asinou un acordo de compra da totalidade da masa muscular de balea coa empresa IBSA, pertencente daquela maioritariamente á familia conserveira Massó e ao avogado e político Iglesias Corral, o que se traduciu nun incremento considerábel no número de capturas de baleas e cachalotes, pero tamén de exemplares inmaturos, e de especies xa en perigo. A IBSA cazaba nun stock fóra dos acordos internacionais, capturando especies protexidas, sen que sobre esta actividade houbera ningún tipo de control. A maioría das capturas foron de rorcual común, cachalote e incluso da xa case en perigo de extinción balea azul. Non se respectaban tamaños mínimos, número de capturas, caza de baleatos e de femias acompañadas por crías, nin acordos lexislativos como o de 1947, que permitía soamente a captura dunha balea por barco e día.[18]

A última factoría baleeira de Galicia (e, por tanto, de España), a de Caneliñas, pechouse en 1985.[19]

Produtos obtidos da industria baleeira[editar | editar a fonte]

  • Aceite de balea: aceites para usos industriais, iluminación e alimentación.
  • Espermaceti: cosméticos, lapis de labios, lapis graxos.
  • Ámbar gris: fixador de perfumes, considerado en tempos pasados como o máis valioso dos produtos da industria baleeira.
  • Glándulas endócrinas e fígado: produtos farmacéuticos, hormonas, vitamina A.
  • Carne: representa o 1,7 % da carne consumida no Xapón.[20]

Caza científica de baleas[editar | editar a fonte]

Actualmente os países membros da Comisión Baleeira Internacional (CBI) non poden cazar baleas por razóns comerciais, pero está permitido realizar a chamada caza científica. Debe considerarse que esta regulación se redactou cando non existían outras alternativas prácticas para a obtención de información que non fora a morte do animal.[21]

Buque factoría Nisshin Maru, parte da frota "científica" do Xapón.

A información subministrada polo Centro de Estudos Cetolóxicos do Xapón foi catalogada polo comité científico da CBI como pobre e innecesaria. Estes estudos dan como resultado miles de toneladas de carne que se comercializa no Xapón.[22]

Algunhas destas publicacións (que se levan a cabo desde 1977) refírense ao contido estomacal rorcual boreal, porén, este tipo de estudo non proporciona polo xeral nada máis que unha instantánea das presas consumidas recentemente e nin sequera necesariamente a dieta do animal.

Outras especies dentro do programa de caza (científica) do Xapón inclúen ao rorcual alibranco, o rorcual tropical e o cachalote, co fin de estudar o seu papel no ecosistema.[23] Hoxe en día, para a obtención de informacións como o sexo, idade, niveis hormonais etc., non é necesaria a morte de cetáceos, pois se pode tirar mediante análises de sangue e biopsias.

O sitio wikileaks publicou que hai negociacións entre Xapón, Australia e Nova Zelandia para permitir a caza comercial de cetáceos en augas territoriais nipoas a cambio de diminuír a suposta caza científica en augas antárticas.[24]

O 16 de febreiro de 2011 Xapón informou da suspensión temporal da suposta caza científica na Antártida debido ás constantes presións de activistas, sobre todo de Sea Shepherd.[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The Canadian Encyclopedia: whaling". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 24 de setembro de 2013. 
  2. 2,0 2,1 Convención que regulamenta a caza de baleas.
  3. The history of whaling
  4. Prehistoric Inuit whalers affected Arctic freshwater ecosystems
  5. La caza de la ballena. Su influencia en los usos y costumbres desde la Edad Media en EuskoNews.
  6. "From Old Dartmouth to New Bedford, Whaling Metropolis of the World". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2011. Consultado o 24 de setembro de 2013. 
  7. Antecedentes del Consumo de Carne de Ballena en Japón Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. en CCC-Chile.
  8. Medidas tomadas en virtud de la CITES contra el comercio de especies en peligro FAO.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Hoare, Philip (2010): Leviatán o la ballena. Barcelona: Ático de los Libros. ISBN 978-84-937809-4-4.
  10. Islandia aumenta la cuota de caza de ballenas para los próximos cinco años Diario El Mundo, España 28/01/2009.
  11. La ferocidad del hombre: la matanza de los cetáceos en Dinamarca en las islas Feroe.
  12. Bruemmer, Fred (2001): "Sea hunters of Lamalera". Natural History 110 (8): 54–59.
  13. Kyokuyo Joins Maruha to End Whale Meat Sales in Japan en Bloomberg.
  14. Taiji told to stop dolphin carnage or sister ties end en JapanTimes.
  15. Vadés Hansen, F. (2010).
  16. Lage-Seara, Antonio (16/1/2022). "A Mariña, un puerto de ballenas". Mundiario (en castelán). 
  17. Museo Provincial do Mar San Cibrao, Lieiro, Cervo (Lugo).
  18. En defensa dos Mamíferos Mariños Arquivado 27 de setembro de 2013 en Wayback Machine. SGHN.
  19. Los últimos cazadores de ballenas. La última factoría ballenera de España, situada en Cee, cesó su actividad tras renunciar a nuevas moratorias para la caza de cetáceos Diario La Voz de Galicia, 24 de marzo de 2012.
  20. fundacionquintay.cl: Produtos baleeiros.
  21. Caza "Cientifica" de Ballenas. Greenpeace Internacional PDF.
  22. Caza científica de ballenas Arquivado 27 de setembro de 2013 en Wayback Machine..
  23. Japón y la captura científica de ballenas: ciencia irresponsable, caza irresponsable Arquivado 04 de febreiro de 2016 en Wayback Machine..
  24. Australia negoció apoyar la caza de ballenas de Japón, según revela Wikileaks.
  25. Japón suspende caza de ballenas ante constante acoso de activistas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]