Bequia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bequia
Port Elizabeth, Bequia.jpg
Port Elizabeth, Illa de Bequia
SaintVincentGrenadinenKarte.png
Situación
País Flag of Saint Vincent and the Grenadines.svg San Vicente e Granadinas
Arquipélago Antillas Menores
Mar Mar Caribe
Coordenadas 13°00′N 61°14′O / 13.000, -61.233Coordenadas: 13°00′N 61°14′O / 13.000, -61.233
Xeografía
Superficie 18 km²
Punto máis alto 268 m. Mount Pleasant
Demografía
Capital Port Elizabeth
Poboación 5000 hab. (2008)
Densidade 278 hab./km²

A Illa Bequia, é a segunda máis grande do Arquipélago caribeño das Granadinas, cunha superficie estimada en 18 km². Pertence politicamente a San Vicente e as Granadinas, está aproximadamente a 15 km da capital da nación, Kingstown, na illa principal, San Vicente.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Baía do Almirantado en Bequia en 1966

A illa é moi pequena, ten unha superficie duns 18 km² cunha poboación de aproximadamente 5.000 habitantes. Outras áreas densamente poboadas son a capital da illa, Port Elizabeth 13°00′N 61°16′O / 13.000, -61.267, que alberga a terminal do ferri e Paget Farm, que alberga o aeroporto. Tamén hai pobos en Lower Bay, La Pompe, Hamilton e Belmont. Outras áreas importantes de Bequia inclúen Spring, o sitio dunha antiga plantación de coco e zona agrícola e industrial e Bay Park, onde se atopa o Old Hegg Turtle Sanctuary. O seu punto máis alto é Mount Pleasant que se eleva ata os 268 m.

A poboación nativa é principalmente unha mestura de africanos, escoceses e indíxenas caribes. Un número considerable de barbadenses brancos tamén instaláronse na área de Mount Pleasant de Bequia na década de 1860. Moitos dos seus descendentes aínda habitan na zona.

A princesa Margaret, que tiña unha casa na veciña Mustique, visitou Bequia e hai unha praia co seu nome na súa honra. Princess Margaret Beach está próxima a Port Elizabeth, e sitúase dentro da baía do Almirantado. O principal porto da baía do Almirantado, un gran porto natural, e a "cidade" de Port Elizabeth atópase na costa oeste.

Bequia significa "illa das nubes" na antiga lingua arauaque. O nome da illa foi tamén 'Becouia' como parte das Granadinas. 'Only in Bequia' do compositor nativo Raphael "Socony" Holder, considerase o himno non oficial da illa.

Os outeiros da illa son moito máis baixos que os picos de San Vicente, 16 km ao norte, polo que non reciben moita choiva.

Historia[editar | editar a fonte]

Como resultado do Tratado de Utrecht, que puxo fin á Guerra de Sucesión Española e estableceu a paz entre os imperios español e británico, Gran Bretaña obtivo o lucrativo monopolio sobre o Asiento da trata de escravos. No século XVII escravos fuxitivos e náufragos habitaban a illa de San Vicente. De acordo cun antigo relato das Antillas francesas, que considera Bequia como parte de Granada, Bequia era demasiado inaccesible para colonizala, caribes e arauacos utilizaban a illa para a pesca e a agricultura. segundo informes varios barcos de escravos portugueses e holandeses de camiño a San Eustaquio desde o África naufragaron nos seus arrecifes.

Bequia estaba baixo control francés no século XVIII e durante a guerra dos sete anos con Inglaterra, a illa foi utilizada polas frotas dos seus aliados españois e holandeses para tomar subministracións, mentres que prohibíronse os buques británicos. O Tratado de París (1763) produciu un significativo realineamento no mapa do Caribe, as illas Granadinas, incluíndo Granada e San Vicente, concedéronse aos británicos a cambio de Guadalupe, Martinica e Santa Lucía. O nome Pequena Martinica vén desta época, do mesmo xeito que Pequeno San Vicente. En 1779 os franceses apoderáronse da illa, a pesar do Tratado de París, pero víronse obrigados a ceder de novo o control a Gran Bretaña pouco despois.

A principios do século XVIII desenvolveuse a industria azucreira e a produción de produtos relacionados, incluíndo a melaza e o ron. Outros produtos importantes foron o café, anil e arrurruz. Nun momento da historia, as illas de San Vicente e as Granadinas foron as principais produtoras de amidón de arrurruz do mundo. Na actualidade, o ron é o principal produto de exportación principalmente á Unión Europea.

Baixo un programa instituído por Gran Bretaña para dar terra aos colonos indixentes, James Hamilton, pai de Alexander Hamilton, trasladouse desde Santa Cruz a Bequia en 1774, onde permaneceu ata 1790. A terra concedida a Hamilton atópase ao longo da costa do sueste da baía. Malia os frecuentes agasallos de diñeiro do seu fillo e súplicas para que emigrara ou polo menos o visitara, nunca ningún visitou ao outro.[1]

Algúns historiadores creen que o famoso pirata Edward Teach tiña a súa base en Bequia. No inicio da película Blackbeard, Pirate of the Caribbean, realizada pola BBC, mostrase unha réplica do seu primeiro barco na costa de Bequia na pasaxe de San Vicente. Segundo a lenda local, San Vicente e as Granadinas non só era a base do capitán Edward Teach, senón tamén o lugar desde o que Sir Francis Drake planeou os seus ataques contra o almirante de mariña española Don Blas de Lezo en Cartaxena de Indias. De feito, crese que Henry Morgan tamén puido ancorar na baía do Almirantado que era entón o porto natural máis seguro no Caribe do Leste durante a tempada de furacáns. Bequia foi utilizado como un taller de reparación de barcos. Xunto ao estaleiro de Nelson en Antiga, e o Carlyle en Bridgetown, Barbados, non había outros diques secos ou estaleiros na zona. A construción naval en madeira e reparación de barcos en Bequia foi posible debido á presenza de árbores de cedro na illa e un porto bastante profundo e protexido.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Chernow, Ron (2004). "Chapter 2, Note 21". "Alexander Hamilton" in "St. Vincent Registry, deed book for 1784-1787". New York: Penguin Press. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bequia