Ámbar gris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ámbar gris.
Frascos de perfume.

O ámbar gris é unha secreción producida no intestino dos cachalotes.[1]

É unha substancia inflamábel de aparecencia cerosa e cor moura ou gris mate, con tonalidades variadas como a mármore. Ten un olor peculiar, doce e terroso, parecido ao do alcohol isopropílico. Trátase dunha substancia resinosa que se forma no intestino dalgúns exemplares, en forma de masas sólidas, opacas.

Marcial Valladares defíneo como:

"Otra sustancia que se utiliza de este cetáceo. Créese que la constituyen sus excrementos, ó materias fecales, detenidas mucho tiempo en el recto y endurecidas á consecuencia de algún padecimiento. Recógese en las costas de los mares que frecuenta y la medicina y perfumería sacan gran ventaja de dicha sustancia"
Diccionario gallego-castellano, 1884.

En efecto, segrégase no intestino en cantidades moi variábeis e elimínase coas feces. A súa función, segundo moitos científicos, é a de envolver os bicos dos cefalópodos dos que se alimentan estes animais e evitar problemas intestinais, dun xeito semellante ao mecanismo das egagrópilas das aves rapaces ou do contido intestinal doutros animais carnívoros.

Alcanzou e tempos pasados un gran valor, e empregábase en cosmética como fixador de perfumes e outras esencias, pero hoxe foi substituído por fixadores sintéticos, aínda que ocasionalmente segue usándose na industria da perfumaría. Utilizouse tamén en farmacia como espasmolítico.

Estanislao Fernández de la Cigoña cita que un quilogramo de ámbar gris chegaba a valer máis de tres millóns de pesetas a principios do século XX, en plena época da caza de baleas.[2]

Orixe[editar | editar a fonte]

O ámbar gris é unha secreción biliar do intestinos do cachalote, que ás veces se encontra flotando no mar ou varado na area da costa. Aínda que normalmente non supera uns centos de gramos, o bloque de maior tamaño de ámbar gris rexistrado pesou 4,5 kg e proviña dun cachalote cazado en 1912.[3] Debido a que se acharon anacos de ámbar gris con bicos de luras xigantes incrustados, os científicos propuxeron a teoría de que o intestino dos cachalotes produce esta substancia como medio para facilitar o tránsito de obxectos duros e afiados que o animal comera inadvertidamente.

De acordo con Philip Hoare,

o cachalote traga vivas as luras, e a comida chega ao primeiro dos catro estómagos. Logo pasa ao segundo estómago para que os fortes ácidos a despezen e a reduzan a unha polpa, coa axuda dunha masa febril de vermess nematodos (...). Cando os refugallos se desprazan polo intestino inferior, os negros bicos das luras, brillantes e crebradizos —xunto con outras substancias non dixeríbeis, como a cutícula dos nematodos—, o aparello dixestivo da balea segrega bile para facilitar o seu avance. Ocasionalmente esta reacción química produce o ámbar gris.[4]

O ámbar gris pode encontrarse no océano Atlántico, nas costas de Brasil e Madagascar, de África, no océano Pacífico, nas Indias Orientais, a China continental, o Xapón, a India, Australia, Nova Zelandia e as Illas Molucas. De acordo con certos autores,[4] a maior cantidade desta materia provén do océano Índico. Porén, a maioría do que se comercializa procede das Bahamas e Nova Providencia, no mar Caribe. Tamén se acha ás veces no abdome dos cachalotes varados.

Propiedades físicas[editar | editar a fonte]

O ámbar gris áchase en anacos de variadas formas e tamaños, pesando desde uns 15 g ata uns 4,5 kg. Cando acaba de ser expulsado ou extraído do cachalote, o precursor graxo do ámbar gris é de cor branca pálida (ás veces con manchas negras), de consistencia branda e cun forte olor fecal. Tras pasar meses e incluso anos de fotodegradación e oxidación no océano, este precursor endurece gradualmente, volvéndose de cor gris escura ou negra, textura fráxil e cerosa e olor peculiar, que é a un tempo doce, terroso, mariño e animal. O seu cheiro foi descrito como unha versión máis agradábe e suave do isopropanol, sen a súa punzante aspereza.[5]

O ámbar gris ten unha densidade relativa de entre 0,780 e 0,926. Funde a uns 62 °C nun líquido resinoso amarelo e graxo, e a 100 °C volatilízase nun vapor branco. É solúbel en éter etílico e en aceites volátiles e fixos. O ámbar gris é relativamente non reactivo ao ácido. Poden separarse del cristais brancos dunha substancia chamada ambreína, moi parecida ao colesterol, quentando o ámbar gris cru en alcohol e deixando arrefriar a solución resultante.

Composición química[editar | editar a fonte]

O elemento activo do ámbar gris é a ambreína, un alcohol triterpénico graxo e cristalino, capaz de fixar os aceites volátiles mediante evaporación lenta.[4]

Economía e compostos substitutivos[editar | editar a fonte]

Historicamente, o principal uso comercial do ámbar gris foi a elaboración de perfumes, aínda que tamén se usoou para fins medicinais e saborizantes. Debido a que é difícil lograr unha subministración consistente e fiábel de ámbar gris de alta calidade, a gran demanda deste e o seu elevado prezo, a industria perfumista procurou o desenvolvemento de compostos substitutivos sintéticos. O máis importante deles é o ambroxano, que o substituíu en maior medida e é máis amplamente usado como odorizante na elaboración de perfumes. A síntese de ambroxano máis antiga e importante comercialmente obtense a partir do esclareol (extraído principalmente da salvia romana), aínda que se idearon sínteses a partir dunha variedade doutros produtos naturais, incluíndo o cis-abienol e a tuiona. Tamén se desenvolveron procedemientos para a produción microbiana de ambroxano.

O ámbar gris en bruto alcanza aproximadamente 10 USD por gramo (en 2006), sendo posíbeis prezos moito maiores para mostras de calidade particularmente alta.[6] [7] Nos Estados Unidos comprar ou vender ámbar gris (incluíndo o que se recupera das praias) é unha violación da Lei de Especies en Perigo de Extinción de 1978.[6]

Na cultura[editar | editar a fonte]

O ámbar gris menciónase nas Mil e unha noites,[8] nas historias de Simbad o mariño.

Os antigos chineses coñecían esta substancia como lung sien hiang ou "aroma de baba de dragón". Era utilizada para especiar o viño. Durante as epidemias, anacos de ámbar gris usábanse como amuletos de prevención.[4]

No Paraíso recobrado, John Milton fai que Satanás tente a Cristo con grisámbar fervido.[4]

O ámbar gris era unha das substancias coas que se fregaba a cabeza dun soberano británico durante a parte máis sagrada da cerimonia de coroación, que transcorría en segredo. Outras fragrancias coas que se preparaba o enigmático perfume eran xazmín, rosa, canela, almiiscre e civeta.[4]

Herman Melville, na súa novela Moby Dick, describe nun capítulo o episodio en que o navío baleeiro Pequod encontra outro baleeiro que intenta extraer aceite de dúas baleas mortas hai tempo. Ao intercambiar unhas palabras coa tripulación do outro barco, a xente do Pequod se da de conta de que descoñecen o ámbar gris, polo que mediante enganos quedan cunha das baleas, da que extraen a perfumada substancia. Nesta mesma novela, Ismael, o protagonista, di que os turcos introduciron esta substancia na Meca "co mesmo propósito que o incenso foi levado até San Pedro en Roma".

Na novela A illa do fin do mundo (non confundir coa homónima de Xulio Verne), os exploradores marchan en busca de un xacemento de ámbar gris, na crencia de que existe un cemiterio das baleas similar ao mítico cemiterio dos elefantes. Este lugar estaba protexido por unha tribo de esquimós hostís e candorcas asasinas que atacaban a todo o que se acercara en canoas.

Na novela Fight Club menciónase no capítulo 11 ao ámbar gris: "Con voz alta e clara Tyler explica como se matan baleas para destilar un perfume que custa ao peso máis que unha onza de ouro". Cando Tyler engana á dona de casa deixando unha nota que di: "Vertín certa cantidade de urina en polo menos unha das súas moitas e elegantes fragrancias".

No filme Hannibal, tirado da novela homónima de Thomas Harris, a axente especial Clarice Starling recibe unha carta perfumada do protagonista Hannibal Lecter, fuxitivo por múltiples asasinatos. A carta non mostra ningunha proba de procedencia, nin polo seu papel nin pola tinta utilizada para a súa escritura, pero si que ten un efecto importante: o seu perfume. O gourmet olfactivo está composto, entre outras esencias, por ámbar gris, cuxa procedencia limítase a contadas perfumarías e cuxo país mantén legalizado o comercio do ámbar. Deste modo o ámbar gris serve para localizar a Lecter, quen residía en Florencia no momento de mandar o correo a Starling.

Na serie de debuxos animados Futurama (cap. 16 da cuarta temporada) o cárabe é vomitado polo cachalote Mushu, motivo polo que o extraterrestre Kif Kroker é detido e encarcerado, ao pensarse que o roubara do acuario. Ao recobrar a liberdade, utilízao para fabricar un perfume como regalo para a súa noiva Amy Wong.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ámbra gris no Dicionario da RAG,
  2. Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez (1990): Os cabaleiros do mar, baleas e golfiños das nosas augas. Vigo: Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE) ISBN 84-404-6041-4.
  3. Hanák, V. e Mazák, V. (1991). Enciclopedia de los Animales, Mamíferos de todo el Mundo. Madrid: Susaeta (en español). p. 354. ISBN 84-305-1967-X. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Philip Hoare (2010). Leviatán, o la ballena. Ático de los libros. ISBN 978-84-9378-094-4. 
  5. Qué es el ámbar gris.
  6. 6,0 6,1 "Please Let It Be Whale Vomit, Not Just Sea Junk". New York Times (en inglés). 
  7. "Whale 'vomit' sparks cash bonanza" (en inglés). BBC News. 
  8. Historia del mandadero y las tres doncellas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]