Os novísimos da poesía galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os novísimos da poesía galega | Los novísimos de la poesía gallega é unha antoloxía poética bilingüe realizada por María Victoria Moreno, publicada en 1973 por Ediciones Akal na colección Arealonga. Reúne parte das primeiras obras de poetas arredor de, segundo a antóloga, tres criterios: ter nacido a partir de 1943, escribir en galego e ter un libro publicado na altura. A antoloxía serve tamén para dar nome ao grupo de poetas que a integra[1].

Integrantes[editar | editar a fonte]

Farruco Sesto Novás, Lois Diéguez, Alfredo Conde, Xosé Vázquez Pintor, Luís Álvarez Pousa, Xesús Rábade Paredes, Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño e Xavier Rodríguez Barrio

Características e estrutura[editar | editar a fonte]

A obra está estruturada en dúas partes: Introdución, baixo o título de “Justificación” e "Los poetas" (poemas organizados en función da autoría). É unha obra bilingüe castelán-galego: tanto a introdución da antóloga como as autopoéticas dos autores e a autora están en castelán. Así mesmo, os poemas están traducidos ao castelán pola propia María Victoria Moreno.

"Justificación"[editar | editar a fonte]

Nesta parte, María Victoria Moreno, empregando no primeiro momento a técnica da captatio benevolentiae cara ao seu labor, explica as razóns polas cales se dispón a realizar a antoloxía. Estabelece unha división entre poemas perfectos ou atemporais e imperfectos ou temporais, afirmando que os recollidos no volume son temporais, necesarios para transmitir unha visión que presenta as persoas que comparten momento histórico con eles, mais que ten a firme esperanza de que algunhas das voces do poemario avancen cara á creación de obras perfectas.

A seguir, Moreno realiza un breve percurso pola historia da literatura galega e a súa ligazón ás circunstancias históricas de Galiza: época de esplendor medieval dos séculos XIII e XIV seguida polos Séculos Intermedios (XVI e XVII), no momento en que as linguas vernáculas europeas tomaban un impulso que o galego non puido aproveitar; a Ilustración, que equipara teoricamente o galego con outras linguas e promove o interese pola temática vernácula e, finalmente, no século XIX, o Rexurdimento, iniciado cos xogos florais da Coruña de 1861 e a publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Este percurso serve a Moreno para apuntar que “os novísimos” só teñen consciencia dun século de tradición literaria galega.

Por outra banda, Moreno explica a situación diglósica de Galiza seguindo a teoría de Rafael L. Ninyoles: a lingua A (o castelán) é a que controla os usos de poder, mentres que a lingua B (o galego) mantense nos usos familiares, privados e de menos prestixio. Por isto, a escolla do galego como lingua poética, di Moreno, é unha toma de posición na situación sociolingüística de Galiza, un aliñamento co pobo que fala a lingua B, e por tanto a temática ha de ter unha pegada social.

Finalmente, na Introdución a antóloga fai unha defensa das voces que se recollen no libro ante as acusacións de seren simples epígonos de Celso Emilio Ferreiro, apuntando que Galiza estivo illada dos avances internacionais doutras literaturas e que a temática socialrealista debe analizarse tendo en conta as mencionadas circunstancias históricas galegas. Ademais, explica que, se ben Celso Emilio non aportou grandes variacións formais, os “novísimos” si ensaian novas vías e que malia haber coincidencias formais, aínda está por determinar se as voces recollidas no libro serán soamente epigonais do socialrealismo ferreiriano ou as bases dunha renovación literaria en galego.

"Los poetas"[editar | editar a fonte]

Na segunda parte do libro recóllense xa, en dez divisións, os poemas das persoas integrantes da antoloxía. Antes deles aparece en cada caso o nome do autor ou autora, a súa data, signo zodiacal e lugar de nacemento, os libros publicados previos á antoloxía e a ocupación actual. Despois desta presentación hai unha autopoética na cal os autores e a autora responden a varias cuestións remitidas por Moreno: unha breve presentación de carácter, ocupación e intereses sociais, a razón pola cal escriben, as súas lecturas e influencias literarias e a súa concepción da poesía. Nestas autopoéticas verifícase a conformidade ideolóxica e estética das persoas que participan da antoloxía coa poesía social como elemento liberador e útil para a loita de clases. Con todo, destaca unha precisión de Darío Xohán Cabana aplicábel ao conxunto da obra: citando a Mao Zedong, o poeta explica que malia ser necesario que unha obra literaria cumpra o propósito político do momento en que foi creada, debe ter sempre certo grao de validez artística. Os textos recollidos na antoloxía son poemas na súa maioría inéditos, caracterizados polo nomeado ton socialrealista, que Moreno (despois de animar a considerar o dramatismo dos mesmos e non simplemente realizar unha análise formal fría) clasifica en tres vertentes: "poemas", "ensaios de versificación" e "pranto aberto". No primeiro caso encontrariamos obras en que a mensaxe deixa paso a forma; no segundo, composicións innovadoras que servirán como base para produtos posteriores de máis madurez; no terceiro, mostras descarnadas da realidade viva da Galiza do momento.

Criterio editorial[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ediciones Akal.

A editora Akal, localizada en Madrid, entra a formar parte do tecido editorial do libro en galego coa publicación de Os novísimos da pesía galega, inserido na colección Arealonga. Esta primeira publicación e as seguintes ligadas a este campo contaban coa dirección do profesor Xesús Alonso Montero, que tamén se ocupou da dirección da colección infantil Arealonguiña.

Relacións[editar | editar a fonte]

Relacións da antoloxía[editar | editar a fonte]

Os novísimos da poesía galega ten como referente unha obra análoga na poesía española: Nueve novísimos poetas españoles de José María Castellet. Estoutra antoloxía reuniu poemas de diferentes autores e unha autora cunha división en dous grupos por criterio de idade (“Seniors” e “La coqueluche”). A ruptura co socialrealismo, a influencia do modernismo, as vangardas e o simbolismo, a reflexión metapoética e a escritura automática marcan esta compilación.

Relacións literarias[editar | editar a fonte]

As relacións poéticas individuais dos autores e a autora que se recollen no libro son variadas: fontes diversas que configurararán a súa evolución, tanto da poesía galega como da española e a internacional. Algúns dos exemplos citados máis frecuentemente son Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Vladimir Maiakovski. Son comúns nos poemas a consciencia da situación de Galiza no tempo de publicación da antoloxía e as reminiscencias do socialrealismo dos anos cincuenta, verificadas na constante citación de Celso Emilio Ferreiro –canonizado como máximo expoñente do movemento en Galiza– nas autopoéticas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A evolución dos autores e a autora é moi diversa. Todos eles inícianse no campo da poesía e, máis tarde, irán afastándose deste xénero cultivando os ámbitos do periodismo, da narrativa e do ensaio. As traxectorias máis relevantes na poesía recóllense a continuación:

  • Xosé Vázquez Pintor: iniciou unha nova etapa poética a partir dos cincuenta con Ofidios de diario, afastándose do alto peso do socialrealismo na súa obra e achegándose a un ton máis cultista e equilibrado.
  • Darío Xohán Cabana: protagonizará unha dilatada carreira poética en que destacará a temática amorosa ligada ao simbolismo da auga e o interese polos metros clásicos como o soneto. Destacan as súas obras A fraga amurallada e o poemario elexíaco Canta de cerca a morte.
  • Xesús Rábade Paredes, Félix Vergara Vilariño e Xavier Rodríguez Barrio: estes tres autores pasaron a formar parte do colectivo Cravo Fondo desde 1977, reunidos, xunto con outros autores e autoras como Ramiro Fonte ou Helena Villar Janeiro, en torno a unha preocupación pola dignificación estética e a renovación da poesía en galego, sen por iso pretender crear un produto aséptico, elitista ou adscrito á clase burguesa: o seu obxectivo e conxugar "popularización i elevación"[2], obxectivo integrador que xa se suxería nas autopoéticas d'Os novísimos da poesía galega. Máis adiante, cada un destes escritores continuou creando obra poética, destacando sobre todo Xavier Rodríguez Barrio, cunha poesía orixinal e alonxada dos círculos literarios habituais, iniciada con Os laberintos da xerfa; con este último libro, Rodríguez Barrio obtivo o premio Celso Emilio Ferreiro.

Crítica[editar | editar a fonte]

O éxito crítico d’Os novísimos da poesía galega foi limitado. Esta afirmación pode sustentarse cuantitativamente no escaso número de mencións e análises da obra nas diferentes historias da Literatura galega realizadas até o momento[3][4][5]. As causas deste limitado alcance débense buscar nas diferentes estratexias dos grupos involucrados no sistema cultural galego: se ben as coleccións en galego da editora Akal estaban ligadas ao Partido Comunista Galego e pulaban por un intersistema lingüístico no conxunto do Estado Español, o outro grande grupo cultural situado na esquerda política, liderado pola Unión do Pobo Galego, rexeitaba a imitación de modelos españois (como foi o caso da antoloxía dos novísimos en relación á realizada en español por Castellet) e promovía produtos en galego e cun mercado máis restrinxido [6]. Ademais, existe un consenso en torno á consideración estética da obra como un produto de curto alcance renovador.[Cómpre referencia]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. AS-PG 1996, p. 1523
  2. Cravo Fondo, 1977
  3. AS-PG 1996, pp. 1522-1523
  4. Vilavedra 1999, 234-235
  5. Rodríguez Iglesias (dir.) 2001, XXIII pp. 251-266
  6. Samartim 2010

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]