Saltar ao contido

Anagnórise (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Anagnórise
 Título
    Anagnórise (gl) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
Características
 Forma artística
 Colección
 Lingua
Implicados
 Autor/a
 Editorial
Datas
 Data de publicación
1988 Editar o valor en Wikidata
Localización
 País de orixe
Fontes e ligazóns
Goodreads6126048 Editar o valor en Wikidata
Open LibraryOL36680054M Editar o valor en Wikidata
Enciclopedia Galega Universal: 73974
Wikidata

Anagnórise é unha novela amorosa de María Victoria Moreno, publicada pola Editorial Galaxia en 1988,[1] da que se fixeron varias reedicións e traducións.

“ Para os meus alumnos de Vilalonga, que me aledaron os días en que eu enfiaba esta historia, que me regalaron o bolígrafo co que a escribín. ”

Segundo Montse Pena [2] "A novela pódese ler en clave de texto feminista iconoclasta, porque os prexuízos machistas do protagonista son transformados continuamente pola muller adulta... que o acolle no seu coche, en que se agudizan as características da empatía, a capacidade comunicativa e a sensibilidade".

Nicolau Arís é un rapaz das Rías Baixas que ten problemas na súa casa e decide deixalo todo e marchar a Madrid en autostop. Recólleo Xulia Andrade, unha escritora da zona, aínda que durante a viaxe non se din como se chaman. Nun principio el está descontento porque o recollese unha muller, pero sorpréndese ao ver que ela sabe moito de coches. Detéñense a comer polbo á feira nunha pequena vila, e despois fan unha excursión a un mosteiro feminino. Despois de estar a piques de bater frontalmente contra un camión, detéñense nunha área de servizo.

Durante a viaxe Nicolau explícalle que marcha porque logo de que cinco anos atrás a súa irmá máis nova morrese afogada, a súa nai comezou a beber e o seu pai embarcou nun pesqueiro. Amais, sofre por desamor cunha rapaza e por desencontros cun amigo seu. Estas conversas coa condutora sérvenlle a Nicolau para ser consciente de si mesmo. O título da novela fai referencia á anagnórise[3], un topos clásico da trama narrativa -especialmente do teatro- no que un personaxe é recoñecido por outros (ou se dá conta el mesmo) na súa verdadeira identidade.

Ao chegaren a Madrid sepáranse. Ela marcha a un hotel, e déixalle o seu contacto. El vai a un piso cuns amigos, e lévalles medio quilo de haxix para fumar e vender. Unha semana despois Nicolau vai ao hotel para ver a Xulia, pero en recepción dinlle que ela morreu nun accidente de tráfico. De regreso a Galicia, no camposanto descobre que Natalia, a súa namorada, é filla de Xulia.

Edicións e traducións

[editar | editar a fonte]

Apareceu nas coleccións Costa Oeste, Árbore e Biblioteca Galega 120.

  • Foi traducida ao castelán pola propia autora co título de Natalia: Anagnórisis publicado en 1989 por Pirene Editorial[4].
  • Ao éuscaro por Joxe Azurmendi como Izen baten bila publicado en 1997 por Euskal Liburu eta Kantuen Argitaldaria [5][6].
  • Ao catalán por J. C. Ortega e Xulio Ricardo Trigo co título de Natalia: Anagnòrisi publicado en 1999 por Tàndem Edicions, Col. La moto[7].

Narración

[editar | editar a fonte]
A traseira dun Toyota Estima Lucida. Unha imaxe deste modelo de coche ilustrou algunha das edicións.[8]

O relato está posto en boca dun narrador intradiexético en primeira persoa que combina o monólogo interior co diálogo coa outra protagonista da obra para transmitir os seus pensamentos e preocupacións.[9]

A acción desenvólvese a xeito de "road-movie"[10] nunha viaxe en coche desde un punto indeterminado da costa galega ata Madrid e combina referencias a espazos reais (Madrid, Benavente…) con outros inventados, aínda que con raíz claramente galega (Vilanova da Abra, Vilalonga,[11] monte Brandariz…[12])

A maior parte da acción desenvólvese nun día de primavera [13] desde algún momento posterior ás nove da mañá (hora na que o protagonista comeza a facer autostop), cando o colle a condutora do coche e a caída da noite,[14] cando chegan a Madrid. O penúltimo capítulo narra os aproximadamente dez días que Nicolau pasa en Madrid e o último sitúase no momento do enterro de Xulia.

Personaxes

[editar | editar a fonte]

Nicolau Arís é un rapaz de 17 anos, confuso e inseguro, que foxe dos seus problemas pensando que en Madrid todo será mellor pero axiña se desengana e cando sabe que Xulia morreu, madura de golpe.

Xulia, de quen non se sabe a súa identidade ata o final, é unha muller adulta, tamén cos seus problemas e contradicións, que serve de contrapunto [9] a Nicolau e o fai ver as cousas dende outro punto de vista.

Marcos é o “amigo” de Nicolau, co que se atopa en Madrid e quen o convenceu de que Natalia lle fora infiel con el.

Natalia, que só aparecerá no capítulo final, é a moza de Nicolau e verdadeiro motor do comportamento deste.

  1. ↑ "Ficha do libro na BNE". Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2017. Consultado o 04 de decembro de 2017.
  2. ↑ Pena Presas, Montse (2018). A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Galaxia. p. 56-59. ISBN 978-84-9151-156-4.
  3. ↑ Portal das Palabras (ed.). "anagnórise". Consultado o 15 de maio de 2018.
  4. ↑ Ficha Arquivado 11 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en Biblioteca de tradución galega
  5. ↑ Ficha Arquivado 11 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en Biblioteca de tradución galega
  6. ↑ Izen baten bila imaxe da portada.
  7. ↑ Ficha Arquivado 11 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en Biblioteca de tradución galega
  8. ↑ Anagnórise en Google Books.
  9. 1 2 Vilavedra, D. et al. (2000). Diccionario da literatura galega. III. Obras. Galaxia. p. 29. ISBN 84-8288-365-8.
  10. ↑ Soto Meijomence, Alejandra (2007). "María Victoria Moreno". CCG. Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2023. Consultado o 16 de xullo de 2017.
  11. ↑ Moreno 1988, p. 108.
  12. ↑ Moreno 1988, p. 137.
  13. ↑ Moreno 1988, p. 110.
  14. ↑ Moreno 1988, p. 111.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]