Mar adiante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mar adiante
Small Sailboat.jpg
O debuxo dun bote ilustrou a tapa da ed. orixinal.[1]
Título orixinal Mar adiante. Historias de nenos pra nenos
Autor/a María Victoria Moreno
Ilustrador María Victoria Moreno
Cuberta Carmen Arias
Orixe Galicia
Lingua Galega
Xénero(s) Narrativa
Editorial Ediciós do Castro
Data de pub. 1973
Páxinas 61
ISBN ISBN 84-300-5745-5

Mar adiante é unha obra narrativa de María Victoria Moreno, publicada por Ediciós do Castro en 1973, subtitulada Historias de nenos pra nenos. Fixo as ilustracións do libro a autora e a cuberta Carmen Arias.

Con esta primeira novela súa, a profesora de orixe estremeña converteuse nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo. "Crarisa e o luceiro" -capítulo VII deste libro- gañou o segundo premio do Concurso nacional de contos infantís O Facho en 1972.[2] A obra remata cun vocabulario galego-castelán para mellor entender o texto.

Na lapela do libro comenta Xesús Alonso Montero: "pra compor estes contos infantiles, María Victoria botóu mau de personaxes moi coñecidos neste xénero de historias: nenos, vermes, mariñeiros, estrelas, gaivotas, ventos, lobos, peixes, etc".

Trama[editar | editar a fonte]

Unha mestra conta en primeira persoa que traballou nun colexio moi grande nunha gran cidade e que unha vez a chamaron para poñer escola nun barco, o Arroás. Ao volver ao colexio non lle creron o do barco, por iso escribiu a historia "pra vosoutros, rapaces".[3]

Miguel é un vello mariñeiro que aprendeu a facer barcos en Portosouril. Fixo moitos e tamén o ARROÁS, que na varanda poñía en letras azuis "ESCOLA" para que os nenos non choren na escola, para que saiban que as gaivotas non comen nenos e para que aprendan que o mar é o máis fermoso do mundo. A cousa viña de que o mestre, ao non saberen a táboa do sete, díxéralles que se ao día seguinte non a sabían irían todos ao mar cos libros amarrados ao pescozo e os comerían as gaivotas e os peixes.

Miguel non quixo deixar o barco na man da rapazada e trouxo o capitán Xosé Luís e os mariñeiros Suso (poeta), Xaime (debuxante) e Tino (amigo das estrelas). A cociñeira era Lola quen fixo unha poesía para axudar a que se erguesen da cama os nenos.[4]

Parte o Arroás, deixa atrás a aldea e lémbrase a historia dun naufraxio de cando Xosé do Outeiro, chamado don Anaco:

Don Anaco, home malvado,
por non dar acougo ós pobres
o sol fuxiu do teu lado[5]

Os nenos contan contos e vai ser Sara quen fale de Mariquiña e o lobo: as xentes da comarca ó saberen esta historia comezaron a tratar os lobos con máis respecto.

Cambia o tempo, os tripulantes cantan cancións, dialogan cos paxaros e estes contan as súas historias.

Mirando para o Luceiro, Tino cóntalles aos nenos a historia dos vagalumes, os da terra e os do ceo.

É véspera de Nadal. Como facer a árbore? Lola camiña sobre a auga e vai traendo materiais para montala. Logo queda durmida e xa non esperta e os nenos pensan agasallos para ela.

O barco volve a terra, a mestra ao seu colexio, os nenos foron contarlle ao mestre que as gaivotas non comen nenos e Lola ficou no mar: Se vós queredes atopala, procurade no ronsel da lúa e veredes unha velliña delgada e souril camiñando sobor da iauga.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Moreno, María Victoria (1973). Mar adiante. Ediciós do Castro. ISBN 84-300-5745-5. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]