Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo»)
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo
Vista do mosteiro
PaísEspaña
LocalizaciónXunqueira de Espadanedo
Coordenadas42°19′06″N 7°37′44″O / 42.318267, -7.628927Coordenadas: 42°19′06″N 7°37′44″O / 42.318267, -7.628927
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo é un mosteiro da orde do Císter situado en Xunqueira de Espadanedo.

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo poderían estar, como gran parte dos mosteiros da Ribeira Sacra, nun cenobio familiar da Alta Idade Media. Este pequeno mosteiro continuouse nunha fundación beneditina baixo a advocación de San Xián. Os reis Fernando II e Afonso VIII dotaron o mosteiro de terras suficientes para a súa subsistencia e, así, Fernando II a mediados do século XII confirmou a xurisdición do mosteiro, o coto, que “limitaba co de Asadur, co de Niñodaguia e coas xurisdicións de Santa Cristina de Ribas de Sil e San Pedro de Rocas”. A finais do século XII, e amparado polo veciño mosteiro de Montederramo, Xunqueira uniuse á Orde do Císter. Os séculos XII e XIII foron prósperos para Xunqueira de Espadanedo, pois a partir dos privilexios que os reis outorgaron ao mosteiro, e grazas tanto ás doazóns como á economía, os monxes ampliaron o seu patrimonio, o que lles permitiu construír un impresionante templo ao que se encostou o mosteiro románico.

O final da Idade Media e comezos da Idade Moderna caracterizouse pola ruína dos cenobios, causada tanto pola relaxación da Regra como polo desgoberno dos abades comendatarios, terribles administradores que esquilmaron o patrimonio do mosteiro. Nese período, o mosteiro perdeu a súa independencia e en 1447 converteuse en priorado de Montederramo ata que en 1546 entrou a formar parte da Orde de Castela, recobrando a súa independencia e iniciando unha nova etapa de esplendor que se reflectiu na construción e reconstrución das dependencias monacais. O final do mosteiro como centro cultural chegou coa desamortización de 1836, iniciándose o seu renacemento o 12 de decembro de 1980, ano en que a súa igrexa foi declarada Monumento histórico-artístico (posteriormente BIC) e a partir da cal o complexo cultural se beneficiou de importantes intervencións.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Do primitivo mosteiro medieval só queda a igrexa, un interesante exemplo do románico tardío (S. XIII) que caracteriza gran parte da arte cisterciense da provincial.

Xunqueira, aínda que presenta os trazos de sinxeleza que caracterizan á orde cisterciense, non responde exactamente ao chamado “Plan Bernardino”. Fronte á planta de cruz latina con cabeceiras cadradas, atopámonos cunha estrutura inspirada na tradición local que, como Xunqueira de Ambía ou Santa Mariña de Augas Santas, opta por planta basilical de tres naves rematadas en tres ábsidas semicirculares, o maior precedido por un tramo recto. As pegadas do románico tardío, xa case gótico, déixanse ver tanto na arquitectura como na escultura dos seus capiteis: respecto da arquitectura, no apuntamento dos arcos e na bóveda oxival do presbiterio; polo que se refire á escultura, a sinxeleza e o esquematismo, característicos do císter, presiden capiteis, altar e pía bautismal. Pero esta sinxeleza ornamental, en ocasións, desaparece, devolvendo ao espazo dos capiteis a súa función orixinal, contar historias. Así pois, xunto aos capiteis vexetais, os mestres de Xunqueira sorpréndennos, tanto con iconografías características do románico (Leóns versus dragóns, bubelas, dragóns e sereas paxaro descritos nos Bestiarios medievais) como con asombrosas e sorprendentes escenas entre as que destaca o curioso capitel, posiblemente único no mundo, das murallas do Xerusalén Celeste/Apocalíptico.

A chegada da Reforma e a adhesión á Orde de Castela, mediados do XVI, propicia a renovación, tanto das infraestruturas, moi arruinadas, como dos interiores, que deben adaptarse a novas sensibilidades externas, Tridentina e internas propias da Orde. As capelas das ábsidas medievais cóbrense con retablos modernos que resaltan as orixes do císter con novos programas iconográficos nos que, xunto coa preeminencia de María, búscase exaltar o monacato occidental. O primeiro dos retablos sitúase na ábsida maior e ten no seu centro a fermosa talla manierista da Asunción-Coroación. Flanqueando a María, no corpo inferior, Adoración de pastores e Epifanía (primeira teofanía de Xesús encarnado); no corpo superior Presentación no templo e Circuncisión (aceptación da Lei mosaica). Coroa a rúa central a imaxe da Salvación coa escena do Calvario. O conxunto completaríase coa Lactatio de San Bernardo. María dá o seu leite nutricio, protector e curador ao Santo, que obtén desta lactación sacra os dons do coñecemento e a elocuencia. Esta talla, hoxe en proceso de restauración, retirouse no século XVIII para ser substituída polo actual Expositor da Custodia, hoxe ocupado pola imaxe de San Salvador neno, procedente da desaparecida igrexa do mesmo nome. O segundo grupo de retablos (S. XVII) sitúase na metade do templo. Á dereita María visitando á súa curmá Santa Isabel, ou a primeira manifestación do fillo de Deus (segundo San Lucas, ao escoitar Isabel o saúdo de María, o neno deu saltos no seu ventre e Isabel sentiu chea do Espírito Santo). Á esquerda a Transfiguración de Cristo que se eleva sobre os Apóstolos en compañía de Moisés e Elias. Finalmente os retablos barrocos (S. XVIII) que vestirán as ábsidas menores buscando a exaltación do monacato occidental nos seus dous actores principais: S. Benito de Nursia (redactor da Regra que se impoñerá, a partir do século XI, nos mosteiros occidentais) e S. Bernardo, reformador e alicerce do Cister.

Actualmente os retablos están desprovistos das súas imaxes orixinais e para reconstruír o programa iconográfico Bernardino debemos dirixirnos ao retablo, tamén barroco, do muro norte. Nel atopamos, no centro, a potente talla de San Benito escoltado, á dereita, por Santa Escolástica, a súa irmá, e á esquerda Santa Humbelina, irmá de San Bernardo.

A mediados do século XVI as estruturas habitacionais do medievo están completamente arruinadas e a comunidade envórcase na construción e adecuación das novas instalacións á época ( Trento) e a Orde de Castela. Refaranse a Sancristía e o Claustro Regular ao mesmo tempo que se engade na cabeceira, o deambulatorio (especie de capela para reliquias), nos pés, o coro alto e en ángulo coa igrexa, hospedaría e portería. Non sabemos quen está á fronte das obras do mosteiro pero pensamos que talvez Simón de Mosteiro realice as trazas que executará algún dos Sierra. O claustro regular, pola súa sinxeleza e elegancia , diferénciase de calquera outro claustro galego, trasladándoos á Toscana do Renacemento. Son as doelas puídas dos arcos, medio punto e carpaneis, as que lle confiren ese aire austero e señorial que o fai único en Ribeira Sacra. Destaca nos antepeitos o curioso sistema solar que en orixe comprendía catro reloxos: dous esféricos mirando ao mediodía e dous verticais, orientados un ao nacente e outro ao poñente (hoxe desaparecido). A natureza dos reloxos era regular os sete rezos que a estrita regra de San Benito esixía aos seus monxes.

A hospedaría e a Portería serán as últimas obras importantes da Idade Moderna e deben iniciarse unha vez unha vez concluído o Claustro Regular, a comezos do século XVII. O claustro da portería ou hospedaría é unha estrutura que se erixe ex novo, pois no período medieval as hospedarías estaban fóra dos muros do mosteiro e os cenobios só contaban co templo e o Claustro Regular. Será na Idade Moderna cando as novas dependencias, destinadas tanto a hóspedes como a avituallamento da comunidade, se incorporen ao novo mosteiro que se comunicará co exterior a través da portería. Neste último espazo, portería, destaca a súa bóveda de casetóns, interesante obra que, polas súas similitudes con Montederramo, parece ser executada polo mesmo equipo que o mosteiro nai. Pecha o mosteiro a porta de entrada onde destaca, sobre o muro norte, o escudo da Congregación de Castela que preside a entrada ao mosteiro.

A comezos de marzo do ano 1800, talvez como consecuencia do terremoto de Lisboa, caen a fachada e o campanario medievais. Entre 1801-1802 levantarase a nova fachada e aínda que o hastial responde os canons clasicistas do Neoclásico, a torre das campás inspirarase nos pasados modelos barrocos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Basalo Álvarez, M. T. (1992). "O Cister das terras centrais de Ourense na desamortizacion de Mendizábal: Montederramo e Xunqueira de Españedo". Congreso Internacional sobre san Bernardo e o Cister en Galicia e Portugal: Actas (17-20 outubro 1991, Ourense-Oseira) I. Zamora: Montecasino. p. 443-452. 
  • Freire Camaniel, J. (1998). El monacato gallego en la Alta Edad Media II. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 968–969. 
  • Gordín Veleiro, A. M.; Peña Pérez, L. A. (2008-2009). "O mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo nos séculos XII-XVI". Boletín Auriense. 38-39: 29–90. 
  • Pereira Ferreiro, S. (1979). "El monasterio de Santa María de Xunqueira de Espadañedo y su colección diplomática". Boletín Auriense 9: 151–230. 
  • Pérez Rodríguez, F. J. (2008). Mosteiros de Galicia na Idade Media (séculos XII-XV). Guía histórica. Ourense: Deputación de Ourense. pp. 226–227. 
  • Sa, Hipólito de (1972). El monacato en Galicia II. A Coruña: Librigal. pp. 105–120. 
  • Singul Lorenzo, F. (2002). El monasterio de Santa María de Xunqueira de Espadañedo. Ourense. 
  • Yáñez Neira, D. (2000). "Xunqueira de Espadañedo". Monasticón cisterciense gallego I. León: Edilesa. p. 245-268. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]