Alexandría de Oxiana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Ai-Khanoum está no extremo oriental da antiga Bactria.

Alexandría de Oxiana ou Alexandría do Oxo foi unha cidade supostamente fundada por Alexandre Magno nas ribeiras do río Oxo (río Amu Daria), na súa confluencia co Kokcha, e ás portas da India. Foi un dos focos do helenismo en Oriente durante case dous séculos ata a súa aniquilación por invasores nómades contra o ano 145 a. C., data probable da morte do monarca grecobactriano Eucrátides I.

Correspóndese coa actual cidade de Ai-Khanoum ou Ay Khanum (literalmente “Dama Lúa” no idioma uzbeco), situada no nordeste de Afganistán na provincia de Kondoz, preto da fronteira de Taxiquistán. A cidade foi escavada por arqueólogos franceses e rusos entre os anos 1964 e 1978. A escavación foi dirixida por Paul Bernard, quen suspendeu os traballos pola Guerra de Afganistán. Durante a contenda o emprazamento arqueolóxico foi parte da fronte bélica, o cal produciu danos, ós cales se sumaron outros, de maior importancia, causados polos saqueos, que deixaron unicamente uns poucos restos do material orixinal.