Óbolo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Para outros usos deste termo, véxase Óbolo (homónimos).
Óbolo ateniense posterior ao ano 449 a. de C.

O óbolo (en grego: ὀϐελός -obelós-; en ático: ὀϐολός -obolós-) foi unha antiga unidade de masa que posteriormente deu lugar a unha moeda da Antiga Grecia, cuñada en prata, divisionaria do dracma.[1][2][3]

Nas idades Media e Moderna, a denominación foi recuperada para diversas moedas europeas de escaso valor, ata quedar no galego actual para designar unha pequena cantidade de diñeiro coa que se contribúe a algún fin.[4][5]

Na Antigüidade[editar | editar a fonte]

Unidade de masa[editar | editar a fonte]

O óbolo foi unha unidade de masa das culturas grega e romana. Na Antiga Grecia correspondíase coa sexta parte dun dracma ou, o que é o mesmo, arredor de 0,72 gramos no sistema actual. Na Antiga Roma, correspondíase coa corenta e oitoava parte da onza romana (0,57 gramos). [6]

Unidade monetaria[editar | editar a fonte]

Óbolo de Tebas. 525-480 a. de C. Peso: 0,90 g.

Aínda que no mundo romano o óbolo se utilizou como moeda de conta, nunca chegou a cuñarse como moeda metálica. Porén, na Grecia antiga, o óbolo foi tamén unha moeda de prata equivalente á sexta parte do dracma, a moeda principal do sistema.

As equivalencias do estatero coas outras moedas do padrón ático é a seguinte:[7]

Neste padrón monetario ateniense, xa que logo, ao óbolo correspondíalle un peso de prata de 0,72 gramos e dividíase, pola súa vez, en oito calcos. Pola contra, segundo o padrón exinético, usado no Peloponeso, o óbolo pesaba 1,04 gramos e subdividíase en 12 calcos. Inicialmente cuñouse en prata e, máis adiante, a partir do período helenístico, en bronce. Segundo Plutarco, os espartanos utilizaron tamén pezas de ferro.[8]

Na seguinte táboa amósanse as moedas emitidas en diferentes épocas do mundo grego antigo como múltiplos e divisores do óbolo:

Múltiplos e divisores do óbolo
Imaxe Denominación Valor Peso
001-Massalia-tetrobol-02.jpg
Tetróbolo[9] 4 óbolos 2,85 g
Metapontum Triobol 868740.jpg
Trióbolo[10] (hemidracma)[11] 3 óbolos 2,15 g
Tarentum AR Diobol 851470.jpg
Dióbolo[12] 2 óbolos 1,43 g
001-athens-Trihemiobol -1.jpg
Trihemióbolo[13] 1,5 óbolos 1,08 g
SNGCop 053.jpg
Óbolo 0,72 g
Thasitischer Tritartemorion 630264 C.jpg
Tritartemorion[14] 3/4 óbolo 0,54 g
Hemiobol Corinth.jpg
Hemióbolo[15] 1/2 óbolo 0,36 g
Triihemitartemorion Cilicia, 4th century BC.jpg
Trihemitartemorion[16] 3/8 óbolo 0,27 g
001-Tetartemorion-3.jpg
Tetartemorion[17] 1/4 óbolo 0,18 g
001-Hemitartemorion-02.jpg
Hemitartemorion[18] 1/8 óbolo (1 calco) 0,09 g
Óbolo de Caronte. Pseudomoeda de ouro, non circulante, destinada exclusivamente a ese fin. Estas pezas carecen de identificación da autoridade emisora, teñen o anverso incuso no reverso e son máis delgadas cás circulantes, e áchanse adoitoen sitios mortuorios. Diámetro: 12 mm. Peso: 0,23 g.

Uso funerario[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Óbolo de Caronte.

Segundo o ritual funerario grego, os mortos eran soterrados cunha moeda dun óbolo (tamén coñecido como danake) na boca, de xeito que, cando a sombra do cadáver chegase a Hades, fose quen de lle pagar ao barqueiro Caronte pola súa pasaxe polo río Aqueronte.

Aínda que é común que nestes casos se utilizasen moedas dun óbolo das emisións regulares, tamén era frecuente utilizar pseudomoedas, ás veces en metais nobres, utilizadas en exclusiva para esta finalidade.[19][20]

Nas idades Media e Moderna[editar | editar a fonte]

Óbolo francés ou maille de Xoana de Constantinopla (1205-1244), cuñado en Valenciennes.

A denominación de óbolo foi recuperada en época medieval para designar diversas moedas de prata, billón ou cobre equivalentes á metade dun diñeiro, en diversos países da Europa Occidental. En ocasións, estes óbolos adquirían denominacións particulares nas súas diferentes áreas de circulación: mealha en Portugal, maille en Francia, miaja ou meaja en Castela, e malla en Mallorca, Cataluña e Valencia.[21]

Durante moito tempo pensouse que este novo óbolo medieval fora introducido no século XI, pero as investigacións recentes amosaron que xa existía en Francia a finais do período merovinxio e no inicio do acarolinxio. Estes óbolos do século VIII teñen a particularidade de seren unifaces e co motivo do anverso gravado en negativo nos reversos, contrariamente á tradición posterior ao século XI, xa con gravado en ambas as faces e cun diámetro inferior ao do diñeiro.[22]

Óbolos cuñados en Galicia[editar | editar a fonte]

Óbolo de Afonso X cuñado na casa da moeda da Coruña

Durante a Idade Media, Afonso X (1252-1284) cuñou na casa da moeda da Coruña moedas de billón tanto dun diñeiro como dun óbolo que amosan un castelo nos seus anversos xunto coa lenda CASTELLE, e un león nos seus reversos rodeado pola lenda LEGIONIS. Como marca da casa da moeda figura baixo o castelo do anverso a tradicional cuncha de vieira.[23]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ὀβολός. En Liddell, H. G.; Scott, R. A Greek-English Lexicon. Oxford. Clarendon Press, 1940.
  2. "Óbolo (2)". En Digalego. Dicionario de galego.
  3. "Óbolo (2)". En Alfaro Asins et al. (2009).
  4. "Glosario de unidades monetarias: Óbolo". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999)
  5. "Óbolo (1)". En Digalego. Dicionario de Galego.
  6. "The Use of Obeliskoi". En Stecchini, L. A History of Measures.
  7. Renfrew; Wagstaff. 1982. An Island Polity. The archeology of exploitation in Melos. Cambridge University Press. 1982. Páxina 49. ISBN 0521237858. "One Attic talent was the equivalent of 60 minae or 6,000 drachmae..."
  8. Plutarco. Vidas paralelas dos homes ilustrados. (Licurgo, IX, 2–4 e Lisandro, XVII, 3–5).
  9. "Tetróbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  10. "Trióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  11. "Hemidracma". En Alfaro Asins et al. (2009).
  12. "Dióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  13. "Trihemióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009)
  14. "Tritetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
  15. "Hemióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  16. "Trihemitetartemorion". En Frey, A. R. (1916).
  17. "Tetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
  18. "Hemitetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
  19. Stevens, Susan T. (1991). "Charon's Obol and Other Coins in Ancient Funerary Practice". Phoenix 45 (3): 215-229
  20. Grinder-Hansen, Keld (1991). "Charon’s Fee in Ancient Greece?". Acta Hyperborea 3.
  21. "Óbolo (1)". En Alfaro Asins et al. (2009).
  22. M. Dhénin e P. Schiesser. "Oboles mérovingiennes". En Revue Numismatique. 2007. Páxinas 283-313 e láminas LXII-LXIII.
  23. "A Real Casa da Moeda da Coruña". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  • Carradice, I.; Price, M. Coinage in the Greek World. Londres, 1988. ISBN 978-0900652820
  • Frey, A. R. A Dictionary of Numismatic Names. Nova York, 1917.
  • Harl, Kenneth W. Roman Economy. 300 B.C. to A.D. 700. Glossary. The Johns Hopkins University Press. Baltimore/Londres, 1996. ISBN 0-8018-5291-9
  • Mateu y Llopis, F. Glosario hispánico de Numismática. Barcelona, 1946.
  • Melville Jones, J. R. A Dictionary of Ancient Greek Coins. Londres, 1986. ISBN 978-0900652813
  • Melville Jones, J. R. A Dictionary of Ancient Roman Coins. Londres, 1990. ISBN 978-1852640262
  • Pita Fernández, Ricardo Luís. Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999. ISBN 84-605-9958-2
  • Smith, William (ed.). A Dictionary of Greek and Roman Antiquities. Ed. John Murray. Londres, 1890.