Filipo (moeda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Filipo ou estatero de ouro de Macedonia, cuñado en Colofón ca. 323-317 a. de C. Anverso: cabeza laureada de Apolo. Reverso: ΦΙΛΙΠΠΟΥ e biga. Peso: 8,65 g.

Filipo (en grego: φιλίππειος-philippeios-) é a denominación das moedas da Antiga Grecia con valor dun estatero cuñadas en ouro no século IV a. de C. no antigo Reino de Macedonia polo rei Filipo II (395-336 a. de C.) e algúns dos seus sucesores.[1][2][3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

Os filipos, cuñados por vez primeira nalgún momento entre os anos 355 e 347 a. de C., responden a unha tipoloxía fixa, caracterizada pola presenza do busto da deidade grega Apolo nos seus anversos e, nos reversos, unha biga ou carro tirado por dous Cabalos.[5] Nas primeiras tiraxes, Apolo amósase con cabelo longo, e, a partir de aí, mantívose permanentemente con cabelo curto nas posteriores emisións.[6]

Os filipos estaban destinados primordialmente ás grandes adquisicións fóra de Macedonia e, consecuentemente, tiveron un rápido espallamento, primeiro polos Balcáns e a Grecia continental e máis tarde (como se reflicte nos achados) por Italia, Constantinopla, o sur da actual Rusia, Chipre, Siria e Exipto.

Con todo, as maiores cantidades de filipos foron cuñados en tempos do sucesor de Filipo II, Alexandre o Grande, aínda que mantiveron a súa denominación na honra do seu creador.[7][8][9]

Influencia[editar | editar a fonte]

Imitación dun filipo na Europa central, de mediados do século III a. de C., coa tradicional cabeza de Apolo no anverso e unha biga moi esquemática no reverso. Diámetro: 17 mm. Peso: 8,28 g.

Os filipos están consioderadas como as moedas máis famosas das cuñadas baixo a autoridade de Filipo II de Macedonia e a súa influencia mantívose mesmo despois de deixar de estar en circulación, xa que os seus deseños e as súas características metrolóxicas foron moi imitados alén das fronteiras gregas.[10]

Os estateros de ouro dos galos ouro staters, cuxo deseño imitaba moi estreitamente o dos filipos, continuaron a emitirse ata a fin da Guerra das Galias tres séculos máis tarde (58 a 51 a. de C.).[11]

Imitación dun filipo por parte dos celtas parisii, no nordés da Galia, cos deseños tanto do anverso como do reverso moi deturpados. Século II a. de C. Diámetro: 22 mm. Peso: 7,36 g.

En moitos casos, o deseño das moedas mudou conforme se foi adaptando ás culturas alleas á grega. En ocasións, o cabelo de Apolo alongouse e estilizouse, mentres que a carruaxe dos reversos se reducía a un simple cabalo, ocupando o espazo restante con simboloxía celta como a cruz solar, a cabeza dun xabaril ou a representación do deus de Sol, Ogmios.

O espallamento dos filipos chegou a ser tan amplo que, en moitos textos romanos antigos, a palabra philippeioi se usou para se referir xenericamente a calquera moeda de ouro pesada.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Filipo Arquivado 20 de setembro de 2018 en Wayback Machine.". En Digalego. Dicionario de galego.
  2. "Filipo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  3. "Filipo". En Mateu y Llopis, F. (1946).
  4. "Filippino". En Amandry (2001).
  5. Metcalf (2012). Páxinas 176-177.
  6. Seltman (1955). Páxina 201.
  7. Bernstein, P. (2000). Páxinas 42-43.
  8. "Les «Philippes»: des statères d'or de Philippe de Macédonie Arquivado 20 de setembro de 2018 en Wayback Machine.". En www. sacra-moneta.com
  9. Martinelli, C. "Statheres XPYSOI PHILIPPEIOI negli atti di vendita di Amfipoli". En Annali (Istituto Italiano di Numismatica). Nº 55. 2009. Páxinas 77-101. ISSN 0578-9923
  10. Hammond (1998). Páxinas 53-54.
  11. Bernardeau, S. "Statère d’or de Vercingétorix". En www.panoramadelart.com
  12. Psoma (2009). Páxinas 170 e 175-176

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]