Moeda do reino do Ponto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A moeda do reino do Ponto comezou a cuñarse, previsiblemente, durante o período do rei póntico Mitrídates II (ca. 250-220 a. de C.), en plena época helenística, neste reino do norte da Asia Menor. As primeiras destas emisións imitaban as cuñaxes co busto de Alexandre o Grande, en tanto que as máis tardías se caracterizaron polo realismo dos retratos dos monarcas pónticos, cun estilo propio e illado da tradición helenística. Porén, Mitrídates V (ca. 150-120 a. de C. ) e o seu fillo Mitrídates VI (120-63 a. de C.) abandonaron parcialmente as influencias orientais nos retratos das súas moedas.[1][2][3]

As cecas pónticas experimentaron con novos metais e aliaxes para a cuñaxe, que durante o reinado de Mitrídates VI utilizaron o cobre puro e o latón (as primeiras da historia que se coñecen nesta aliaxe).[4][5] Baixo ese reinado floreceron numerosos obradoiros monetarios, como resultado da expansión do imperio, e as súas emisións acadaron unha ampla aceptación en toda a área mediterránea oriental.[1]

Caracterización e evolución das emisións[editar | editar a fonte]

O territorio póntico antes do reinado de Mitrídates VI (120-63 a. de C.), en púrpura escuro; logo das súas primeiras conquistas (púrpura) e tras as primeiras guerras mitridáticas (rosa). O Reino de Armenia (verde) era un aliado póntico.

Antes da creación do reino do Ponto, a rexión tiña cidades autónomas de ascendencia grega, maioritariamente no litoral. Delas, as cidades con ceca eran case exclusivamente colonias gregas.[6]

É probable que as primeiras emisións se teñan producido durante o reinado de Mitrídates II (ca. 250-220 a. de C.). Estas primeiras moedas imitaban as gregas coa imaxe de Alexandre o Grande.[3] Mitrídates III (ca. 220-183 a. de C.) foi o primeiro gobernante en incluír o seu propio retrato nas moedas; del coñécese unha importante cantidade de moeda de prata cara ao final do reinado.[7][8]

Porén, a cuñaxe de moeda póntica anterior ao reinado de Mitrídates VI foi só episódica, o que dificulta o estudo das emisións anteriores a este monarca, aínda que as investigacións fixeron posible establecer a súa cronoloxía.[1][9] Mitrídates VI datou xa a maioría das súas moedas polo ano bizantino e polo mes.[4]

Imaxe de Mitrídates VI no anverso dun tetradracma (ampliado)

Había diferenzas entre as emisións reais e as de índole local. As reais, de ouro e prata, amosaban o retrato do rei e o seu nome nas súas lendas, en tanto que as locais, de bronce, amosaban nos seus reversos o nome da cidade emisora.[9]

Amasia foi, excepcionalmente e durante un curto período de tempo, a única cidade póntica autorizada para a cuñaxe de prata e de ouro, en recompensa polos servizos da cidade en apoio de Mitrídates VI.

Durante o reinado de Farnaces I (184-170 a. de C.) suprimíronse as emisións locais, xa que o monarca privou as cidades da autonomía da que gozaban. Tal privilexio foilles devolto por Mitrídates VI , aínda que debeu manter centro control das emisións, como se desprende da estandarización que se observa na moeda local na súa época.[6]

As emisións reais pónticas amosan nos seus anversos retratos dos reis dunha gran finura e só as moedas indobactrianas se lles asemellan no realismo dos seus trazos. Isto foi posible porque as cecas pónticas contrataron traballadores gregos para tallaren os cuños empregados nas cuñaxes. Con todo, mantiñan trazos orientais herdados da súa ascendencia iraniana.[6][7][8]

Unha tipoloxía moi recorrente nos reversos de moitas destas moedas consiste na figura dun animal pastando, xunto cunha estrela e unha lúa crecente, e frecuentemente con uvas e follas de hedra. Nas primeiras emisións, o animal que pasta é moitas veces un Pegaso, aínda que este se viu progresivamente substituído por un cervo, á medida que o imperio se ía estendendo cara ao oeste, xa que o Pegaso estaba moi estreitamente asociado coa orixe persa do reino.[10][11]

Mitrídates VI incluíu nalgunhas moedas escenas sobre o mito de Perseo para salientar a súa dobre ascendencia grega e persa: Apiano afirmou que Perseo era un antepasado de Alexandre o Grande, en tanto que Heródoto aseguraba e en realidade era persa.[6]

Por toda a área mediterránea oriental e ata as costas do norte do mar Negro aparecen achados de moeda póntica tardía, frecuentemente mesturada con moeda helenística, o que dá conta da súa aceptación en toda esa área.[9]

As cuñaxes en latón[editar | editar a fonte]

Con anterioridade á primeira e á segunda guerra mitridática (88-63 a. de C.) houbo abundantes cuñaxes de metais nobres, pero despois das contendas practicamente desapareceron.[6] Durante as guerras entre a República Romana e o Ponto, Mitrídates VI financiou as súas campañas militares introducindo novas aliaxes na amoedación, destacadamente o latón e outras á base de cobre, moi útiles para as emisións sobrevaluadas.[4][5] Esta tendencia foi posteriormente herdada polos romanos a partir da reforma monetaria de Augusto en 23 d. de C.[11] As cuñaxes de cobre puro poden ter sido destinadas a substituír parcialmente as emisións de prata.

O latón é unha aliaxe escasamente utilizada na Antigüidade. Frixia foi a única rexión onde se utilizou con asiduidade e, precisamente, o uso do latón nas cuñaxes pónticas en tempos de Mitrídates VI ten o seu antecedente no manexo cotián desta aliaxe en Frixia e en Bitinia.[5]

Cecas pónticas[editar | editar a fonte]

Inicialmente houbo obradoiros monetarios pónticos nas cidades de Amisos, Farnacia, Trebisonda e Sinope. No tempo de Mitrídates VI o número de cidades emisoras aumentou drasticamente, entre elas: Amasia, Cabira, Comana, Gaciura ou Talaura.[2] De todas elas, soamente a de Gaciura cuñara moeda con anterioridade.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 De Callataÿ, F. (2009).
  2. 2,0 2,1 "Pontos (Pontus)". En Asia Minor Coins.
  3. 3,0 3,1 Christodoulou, S. (2015). Páxina 8.
  4. 4,0 4,1 4,2 Metcalf, W. E. (2012). Páxinas 187-188.
  5. 5,0 5,1 5,2 Smekalova, T. N. (2009).
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Erciyas, D. B. (2001).
  7. 7,0 7,1 CLL. "(46) Pontos, Mithradates III - AR tetradrachm". The Ottilia Buerger Collection of Ancient and Byzantine Coins. Lawrence University. 1996.
  8. 8,0 8,1 Mørkholm, O. (1991). Páxina 31.
  9. 9,0 9,1 9,2 Erciyas, D. B. (2006). Páxina 7.
  10. KJB. "(47) Pontos, Mithradates VI the Great Eupator - AR tetradrachm". The Ottilia Buerger Collection of Ancient and Byzantine Coins. Lawrence University. 1996.
  11. 11,0 11,1 Christodoulou, S. (2015). Páxina 28.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]