Millepora dichotoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Véxase tamén: Millepora.

Millepora dichotoma
Millepora dichotoma, Mar Rojo.jpg
Millepora dichotoma no mar Vermello
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Cnidaria
Clase: Hydrozoa
Subclase: Hydroidolina
Orde: Anthoathecata
Suborde: Capitata
Familia: Milleporidae
Xénero: Millepora
Especie: M. dichotoma
Nome binomial
Millepora dichotoma
Forsskål, 1775
Sinonimia
Véxase o texto

Millepora dichotoma é unha especie de cnidario hidrozoo da subclase dos hidroidolinos, orde dos antoatecados, suborde dos capitados, unha das quince recoñecidas na familia dos milepóridos.[2]

É unha especie de coral de fogo colonial hermatípico (é dicir, que contribúe á formación de arrecifes de coral), con esqueleto calcario, que se encontra en arrecifes coralinos en augas pouco profundas do mar Vermello, océano Índico e o sur do Pacífico.

Aliméntase de plancto e completa parte das súas necesidades enerxéticas coas microalgas simbiontes que se atopan nos seus tecidos.

É un membro importante da comunidade de arrecifes e está suxeita ás mesmas ameazas que outros corais.

Pode provocar picadas dolorosas aos mergulladores incautos.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1775 polo naturalista e explorador sueco, Peter Forsskål,[2] un dos chamados dezasete apóstolos de Linneo.[3]

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, véxase Millepora.

O epíteto específico, dichotoma termo do latín científico dichotoma, nominativo feminino singular de dichotomos, tirado do grego antigo διχότομος dichótomos, "cortado en dúas partes", de δίχα dícha, "en dúas partes" e τέμνω témnō "cortar",[4] en alusión ás súas ramificacións.

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo seu nome válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]

  • Millepora cancellata Ehrenberg, 1834
  • Millepora clavaria Ehrenberg, 1834
  • Millepora reticularis Milne Edwards, 1860

Características[editar | editar a fonte]

A especie vive en colonias con esqueletos (cenósteos) en forma de estruturas calcarias ramificadas, desenvolvidas xeralmente nun mesmo plano, e cuxas ramas anastomósanse (únense entre si) dándolles aparencia de redes planas verticais. Estas estruturas son máis fráxiles que os esqueletos usuais dos corais duros (orde dos escleractinios). A súa base, normalmente, presenta placas de forma sólida, sen ramificar, e está adherida ao substrato, rochas ou salientes do arrecife. A superficie do cenósteo é suave, e está chea de minúsculos orificios (poros). Os poros son de tres tipos: gastróporos, dactilóporos e ampolas, que están relacionados cos tres tipos de pólipos que posúen estes animais: gastrozoides, encargados da nutrición; gonozoides, que se ocupan da reprodución, e dactilozoides, os defensores da colonia.[5] Os gastróporos teñen, aproximadamente, un diámetro duplo de que os dactilóporos, sendo a media destes últimos de ± 0,13-0,14 mm, fronte a ± 0,26-0,28 mm nos gastróporos. Os dactilopóros están dispostos, en número de 3 a 9, formando círculos ao redor de cada gastróporo, nunha estratexia para gañar eficiencia á hora de dixerir mediante os gastróporos as presas capturadas cos tentáculos dos pólipos dactilozoides.[6] Esta disposición dos poros denomínase ciclosistema dos Millepora, e a súa presenza prolifera máis nas partes en crecemento da colonia, quedando reducida, ou incluso sen poros, nas partes en sombra (crípticas), ou con nódulos ou verrugas.[7]

É frecuente que, a partir dunha colonia, se desenvolvan en paralelo outras colonias de similar forma, pero sen unirse. As colonias son de cor crema, amarelada, alaranxada, verde ou padan, coas puntas das ramas pálidas e arredondadas.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Abundan en arrecifes de coral superficiais, a unha profundidade de menos de 15 m. Xeralmente se encontra en áreas interiores caracterizadas por augas turbias, exhibindo tolerancia é sedimentación. Tamén se encontra con frecuencia en zonas claras mar adentro.[1]

Distribución[editar | editar a fonte]

Distribúese polo océano Índico, desde o mar Vermello até Madagascar, e polo Pacífico até Micronesia e Guam.[1]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Nutrición[editar | editar a fonte]

O cenénquima, ou tecido colonial común, e os pólipos, conteñen microalgas simbióticas mutalistas (ambos os organismos benefícianse da relación) dinoflaxelados do xénero Symbiodinium, coñecidas como zooxantelas. Estas algas, madiante a fotosíntese, subministran aos seus hospedeiros oxíxeno e enerxía (glícidos), que son aproveitados polos pólipos, e aliméntanse dos catabolitos dos corais (especialmente fósforo e nitróxeno).[8] Isto lles subministra entre o 70 e o 95 % das súas necesidades alimenticias. O resto obtéñeno capturando plancto cos tentáculos urticantes dos pólipos e materia orgánica dispersa na auga.,[9]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Millepora dichotoma reprodúcese tanto asexualmente como sexualmente. Na reprodución asexual, fragmentos do coral que se desprenden da colonia durante tormentas, poden chegar a outros lugares adecuados onde establecen novas colonias, que son xeneticamente idénticas é colonia orixinal clons. Por outra parte, na reprodución sexual os poros chamados ampolas, que albergan baixo eles pólipos gonozoides, liberan medusas, que se afastan da colonia. Estes producen gametos que, despois da fecundación, dan lugar a cigotos que se converten en larvas plánulas dentro do gonóforo, e logo se liberan como larvas actínulas que forman parte do zooplancto e son levadas polas corrientes até que encontran un sitio adecuado e, tras a metamorfose, dan lugar a un pólipo que se asenta no substrato e desenvolven novas colonias.[9][10]

Relación cos seres humanos[editar | editar a fonte]

Os cnidocitos de Millepora dichotoma son o suficientemente potentes como para penetraren na pel humana, e poden inxectar un veleno que causa unha dolorosa sensación de ardor, erupcións na pel e bochas, que dan lugar a cicatrices. A especie non ten usos comerciais, aínda que ás veces son recolectadas para venderen para formar parte de acuarios con arrecifes. O seu mantemento en catividade require un alto movemento da auga e unha luz brillante. Pode ser difícil de controlar porque crece rapidamente e se estende sobre outros obxectos do acuario.[9]

Mantemento en acuarios[editar | editar a fonte]

Todos os corais do xénero Millepora son os máis comúns nos acuarios. As especises de Millepora, na natureza, prefiren fortes correntes de auga e alta iluminación. Os acuariófilos que cultivan corais de fogo coñecen que o movemento da auga é o factor limitante no seu crecemento. En canto á iluminación, as especies de Millepora son bastante agradecidas a todas as combinacións e cores de luz que se utilizan en acuarios, sempre e cando a intensidade sexa suficiente. Pero incluso con apropiadas correntes de auga e luz, estes corais deben alimentarse para sobrevivir; os seus finos pólipos son moi urticantes e están ben situados para capturaren o plancto natural ou seus substitutos; por outra parte, unha poboación correcta en canto ao número de peixes o acuario, alimentados de forma adecuada, xerará por si soa a suficiente materia orgánica para que os corais de fogo completen a súa alimentación.[11]

Ameazas[editar | editar a fonte]

A principal ameaza para os corais é o cambio climático global, en particular, as temperaturas extremas que levan ao branqueaxmento e unha maior susceptibilidade ás enfermidades, unha maior gravidade dos eventos de tormentas e á acidificación dos océanos. Ademais do cambio climático global, os corais tamén están ameazados por enfermidades e outras varias ameazas localizadas. Non se sabe a gravidade destas ameazas combinadas para a poboación global de cada especie. As enfermidades dos corais xurdiron como unha grave ameaza para os arrecifes de coral en todo o mundo e é a principal causa da deterioración dos arrecifes.[12]

O número de enfermidades e especies de coral afectadas, así como a distribución das enfermidades, aumentaron drasticamente durante a última década.[13][14][15][16] O aumento dos niveis de enfermidades de coral na Gran Barreira de Coral correlacionáronse co aumento das temperaturas do océano, apoiando a predición de que os niveis de enfermidades aumentarán con temperaturas máis altas na superficie do mar. As intervencións antrópicas combinadas coas ameazas asociadas ao cambio climático global que conduce ao aumento das enfermidade dos coraisl, a frecuencia e a duración do branquexamento e a acidificación do océano sitúan os arrecifes de coral no Indo-Pacífico cun alto risco de colapso.[17]

Entre as ameazas locais aos corais inclúense a pesca, o desenvolvemento humano (industria, asentamentos, turismo e transporte), os cambios na dinámica das especies autóctonas (competidores, depredadores, patóxenos e parasitos), as especies invasoras (competidores, depredadores, patóxenos e parasitos), a pesca con dinamita, a pesca química, a contaminación pola agricultura e a industria, a contaminación doméstica e a sedimentación.[1]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A ameaza máis importante para esta especie é a redución extensa do hábitat dos arrecifes de coral debido a unha combinación das ameazas citadas. Descoñécese as tendencia específica da súa poboación, pero esta redución pode inferirse da perda estimada do hábitat. A especie está moi estendida e é común en toda a súa área de distribución, e aínda que é susceptíbel ao branquexamento, recupérase rapidamente e, polo tanto, é probábel que sexa máis resistente á perda do hábitat e á degradación dos arrecifes debido a un suposto gran tamaño de poboación efectiva. Polo tanto, a perda de hábitat estimada do 21 % dos arrecifes xa destruídos dentro da súa na etapa crítica de degradación.[18]

Tendo en conta todo isto, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o staus da especie como LC (pouco preocupante).[1]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Obura, D. O., Fenner, D., Hoeksema, B. W., DeVantier, L. & Sheppard, C. (2014): Millepora dichotoma na Lista vermella da UICN. Versión 2020-2. Consultada o 4 de setembro de 2020.
  2. 2,0 2,1 2,2 Millepora dichotomaForsskål, 1775 no WoRMS. Consultado o 4 de setembro de 2020.
  3. Blunt, Wilfrid (2001): The Compleat Naturalist: A Life of Linnaeus. [[Princeton, New Jersey|Princeton}}, New Jersey, USA: Princeton University Press. ISBN 978-0-6910-9636-0.
  4. dichotoma (latín). Adxectivo en wordsense.eu Dictionary (en inglés).
  5. Lucas Leclère, Peter Schuchert, Corinne Cruaud, Arnaud Couloux & Michael Manuel (2009): "Molecular Phylogenetics of Thecata (Hydrozoa, Cnidaria) Reveals Long-Term Maintenance of Life History Traits despite High Frequency of Recent Character Changes" Systematic Biology 58 (5): 509–526.
  6. Eric Borneman (2002): "Venomous Corals: The Fire Corals". Reeffkeeping Magazine Online.
  7. Razak, T. B. & Hoeksema B. W. (2003). "The hydrocoral genus Millepora (Hydrozoa: Capitata: Milleporidae) in Indonesia.". Zool. Verh. Leiden 345: 313–336. 
  8. Debelius, Helmut & Hans A. Baensch​ (1998): Marine Atlas. Volume 2. Osnabrück, Baixa Saxonia, Alemaña: Mergus Verlag GmbH. ISBN 978-3-8824-4054-6.
  9. 9,0 9,1 9,2 Eric Borneman. "Venomous Corals: The Fire Corals.". Reeffkeeping Magazine Online. Consultado o 6 de setembro de 2020. 
  10. Ruppert, E. E., R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology. A functional evolutionary approach. 7th Ed. Boston, Massachusetts, USA: Brooks/Cole, Thomson Learning learning, Inc ISBN 978-0-0302-5982-1.
  11. Milleporidae, corales de fuego en Aquanovel, 9 de febreiro de 2013 (en castelán). Consultado o 6 de setembro de 2020.
  12. Ernesto Weil (2006): "Coral, octocoral and sponge diversity in the reefs of the Jaragua National Park, Dominican Republic". Revista de biologia tropical 54 (2):423-443.
  13. Porter, J. W., Dustan, P., Jaap, W. C., Patterson, K. L., Kosmynin, V., Meier, O. W., Patterson, M. E. & Parsons, M. (2001): "Patterns of spread of coral disease in the Florida Keys". Hydrobiologia 460 (1-3): 1-24.
  14. Green, E. P. & Bruckner, A. W. (2000): "The significance of coral disease epizootiology for coral reef conservation". Biological Conservation 96: 347-361.
  15. Sutherland, K. P., Porter, J. W. & Torres, C. (2004): "Disease and immunity in Caribbean and Indo-Pacific zooxanthellate corals". Marine ecology progress series 266: 273-302.
  16. Weil, E. (2004): "Coral reef diseases in the wider Caribbean". En: E. Rosenberg & Y. Loya (eds), Coral Health and Diseases. New York, NY: Springer Verlag. ISBN 978-3-6620-6414-6, pp. 35-68.
  17. Willis, B., Page, C. & Dinsdale, E. (2007): "Coral disease on the Great Barrier Reef". En: E. Rosenber & Y. Loya (eds), Coral Health and Disease. Berlin/Heidelberg, Alemaña: Springer-Verlag. ISBN 978-3-6620-6414-6 pp. 69-104.
  18. Wilkinson 2004.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Borneman, E. H. (2001): Aquarium corals. Selection, Husbandry and Natural History. Neptune City, New Jersey, USA: T.F.H. Publications, ISBN 978-1-8900-8747-0.
  • Ross, M. A. & G. Hodgson (1981): "A quantitative study of hermatypic coral diversity and zonation at Apo Reef, Mindiro, Philippines". Proceedings of the Fourth International Coral Reef Syposium, Manila 2: 281-291.
  • Razak, T. B. & B. W. Hoeksema (2003): The hydrocoral genus Millepora (Hydrozoa: Capitata: Milleporidae) in Indonesia. Leyden: National Museum of Natural History. ISBN 9-0732-3989-3.
  • Veron, J. E. N. (1993): Corals of Australia and the Indo-Pacific. Honolulu, Hawai, USA: University of Hawai'i Press. ISBN 978-0-8248-1504-2.
  • Veron, J .E. N. (2000): Corals of the World. Vol. 3. Townsville, Queensland, Australia: Australian Institute of Marine Sciences.
  • Wilkinson, C. (2004): Status of Coral Reefs of the World. Townsville, Queensland, Australia: Australian Institute of Marine Science.
  • Wood, E. M. (1983): Reef corals of the world: biology and field guide. Neptune City, New Jersey, USA: T.F.H. Publications. ISBN 978-0-8766-6809-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]