Sedimentación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para a sedimentación en xeoloxía, véxase Rocha e Rocha sedimentaria.
Facies fluvial: sedimentos de chaira de inundación (limos e arxilas principalmente) e recheo de paleocauces (lentellas de arenitas e conglomerados que resaltan no relevo actual.
Mioceno de Caracenilla, Cuenca, España.
Ondas asimétricas modernas de area no fondo do río Hunter, Nova Gales do Sur, Australia.

A sedimentación é o proceso polo cal o sedimento en movemento se deposita.

Un tipo común de sedimentación ocorre cando o material sólido, transportado por unha corrente de auga, deposítase no fondo dun río, un encoro, un canal artificial ou nun dispositivo construído especialmente para tal fin (por exemplo, nunha estación depuradora de augas residuais).

Toda corrente de auga, caracterizada polo seu caudal, velocidade e forma da sección, ten unha capacidade de transportar material sólido en suspensión e outras substancias en disolución. O cambio dalgunha destas características da corrente pode facer que o material transportado se deposite ou precipite; ou que o material existente no fondo ou nas marxes do leito sexa erosionado.

Posto que a maior parte dos procesos de sedimentación prodúcense baixo a acción da gravidade, as áreas elevadas da litosfera terrestre tenden a seren suxeitas predominantemente de fenómenos erosivos, mentres que as zonas deprimidas están suxeitas predominantemente á sedimentación. As depresións da litosfera na que se acumulan sedimentos, denomínanse concas sedimentarias.

O proceso de sedimentación[editar | editar a fonte]

O proceso de sedimentación pode ser beneficioso, cando pensamos no tratamento da auga, ou prexudicial, cando pensamos na redución do volume útil dos encoros, ou na redución da capacidade dunha canle de rega ou de drenaxe.

A sedimentación é un proceso que forma parte da potabilización da auga e do tratamento de depuración de augas residuais.

Potabilización da auga

Na potabilización da auga, o proceso de sedimentación está gobernado pola lei de Stokes, que indica que as partículas sedimentan máis facilmente canto maior é o seu diámetro, o seu peso específico comparado co do líquido, e canto menor é la viscosidade do mesmo. Por iso, cando se quere favorecer a sedimentación trátase de aumentar o diámetro das partículas, facendo que se agreguen unhas a outras, proceso denominado coagulación e floculación.

Tratamento das augas residuais

No tratamento das augas residuais, este proceso realízase para retirar a materia sólida fina, orgánica ou non, das augas residuais.

Nas estacións depuradoras a auga pasa por un dispositivo de sedimentación onde se depositan os materiais para a súa posterior eliminación.

O proceso de sedimentación pode reducir de un 20 a un 40 % a demanda biolóxica de oxíxeno,[1] e de un 40 a un 60 % os sólidos en suspensión.

Dispositivos sedimentadores[editar | editar a fonte]

Os dispositivos construídos para que se produza a sedimentación neles son:

  • Desareador: deseñado para que sedimenten e reteñan só partículas maiores dun certo diámetro nominal e, en xeral, de alto peso específico (area);
  • Sedimentadores ou decantadores: normalmente utilizados en plantas de tratamento de auga potábel e augas residuais;
  • Presas filtrantes: destinadas a reter os materiais sólidos nas partes altas das concas hidrográficas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Expresa a cantidade de oxíxeno necesario para a oxidación bioquímica dos compostos orgánicos desagradábeis existentes no líquido residual. Fixando certas condicións de tempo e temperatura, por exemplo en 5 días e a 20 °C.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]